Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Martes, 5 de outubro de 2021 Páx. 48616

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 2021 pola que se dá publicidade da addenda á Resolución do 7 de decembro de 2020 pola que se encargou a Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., S.P. a realización de tarefas de apoio na xestión de diversas convocatorias de axudas.

De conformidade co previsto no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e no artigo 8 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á addenda coas seguintes características:

• Addenda á Resolución do 7 de decembro de 2020 pola cal se encargou á empresa pública Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., S.P., como medio propio personificado, tarefas de apoio na xestión de diversas axudas xestionadas pola Axencia Galega de Innovación.

• Motivo da sinatura da addenda: existencia de novas convocatorias incluídas no mapa de axudas 2021 da Axencia Galega de Innovación.

• Natureza e alcance da xestión: a encarga ten natureza de encarga a medio propio, de acordo co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Entre as actuacións encargadas ao abeiro da Resolución do 7 de decembro de 2020 e as agora previstas na addenda existe identidade de natureza e de contido en canto ás características das actividades que se van desempeñar, as tarefas son da mesma tipoloxía e a metodoloxía de traballo non difire da anterior.

Non existe nin solapamento nin duplicidade coas tarefas anteriormente encargadas e a natureza das tarefas encargadas é única e exclusivamente auxiliar e de execución material e non implica exercicio ningún de potestades públicas.

As ditas tarefas incorpóranse mediante a addenda ao clausulado da Resolución do 7 de decembro de 2020 e ao seu anexo I.

• Financiamento: o orzamento de execución é de 125.568,96 € (non aplica IVE), con cargo á aplicación orzamentaria 06.A2.561A.640.0 dos orzamentos da Axencia Galega de Innovación para o ano 2021.

Para todos os efectos, entenderase que o orzamento aprobado pola Axencia Galega de Innovación en canto Administración pública poder adxudicador comprende todos os gastos directos e indirectos que a empresa deba realizar para a normal execución dos traballos encargados.

• Declaración de vixencia: as cuestións non previstas expresamente na addenda suxeitaranse ás previsións contidas na Resolución do 7 de decembro de 2020 e aos seus anexos.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2021

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación