O 14 de abril de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 69 a Resolución de Portos de Galicia do 29 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a entidades e empresas privadas de carácter náutico-deportivo para a mellora dos portos deportivos e das zonas portuarias de uso náutico-deportivo de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento PE209O).
O artigo 22 da bases, en relación co prazo para a xustificación da aplicación dos gastos subvencionados, establece que a data límite para executar o proxecto é de tres (3) meses desde a resolución e para presentar o rendemento de conta xustificativa coa documentación da realización dos investimentos será o 30 de outubro de 2021.
O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.
O artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.
Tendo en conta que a resolución expresa desta convocatoria está na actualidade pendente debido a exixencia técnica advertida na avaliación de solicitudes e documentación presentada, aínda tendo suplementado medios de asistencia técnica, e visto que o prazo de xustificación dos gastos subvencionados e presentación de conta xustificativa arriba sinalado rematará o 30 de outubro de 2021, resulta difícil que os potenciais beneficiarios das axudas poidan presentar tal conta.
En consecuencia, procede levar a cabo a modificación da resolución, no sentido de ampliar o prazo de xustificación sinalado no artigo 22 das bases da convocatoria ata o 10 de decembro de 2021, quedando sen variacións os restantes artigos.
Polas razóns expostas,
RESOLVO:
Modificar a data límite de xustificación establecida no artigo 22 das bases da convocatoria da Resolución de Portos de Galicia do 29 de marzo de 2021 (código de procedemento PE209O), ampliando o prazo ata o 10 de decembro de 2021.
En consecuencia, o artigo 22 das bases da convocatoria quedaría redactado do seguinte xeito:
«Artigo 22. Prazo para a xustificación da aplicación dos gastos subvencionados
A data límite para executar o proxecto é de tres (3) meses desde a resolución e para presentar o rendemento de conta xustificativa coa documentación da realización dos investimentos será o 10 de decembro de 2021».
Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a Presidencia de Portos de Galicia, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, ou recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da a súa publicación.
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2021
Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia