Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 11 de outubro de 2021 Páx. 49537

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2021 pola que se amplían os prazos máximos de execución dos proxectos e de presentación da solicitude de cobramento establecidos na Resolución do 17 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao desenvolvemento de maquinaria e bens de equipamento (programa Maquinaria 4.0) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG406M).

Mediante Resolución do 17 de xaneiro de 2020 publicouse o Acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras das axudas ao desenvolvemento de maquinaria e bens de equipamento (programa Maquinaria 4.0) e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG núm. 26, do 7 de febreiro).

No segundo parágrafo do punto quinto do resolvo establécese que o prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 31 de outubro de 2021.

No terceiro parágrafo do punto quinto do resolvo establécese que os beneficiarios das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 15 de novembro de 2020 para a anualidade 2020, e como máis tarde o 15 de novembro de 2021 para a anualidade 2021.

A actual escaseza de microchips, así como a súa dificultade de subministración, derivada dos efectos da crise ocasionada pola COVID-19, xerou importantes atrasos nos proxectos aprobados, que impedirían a súa execución no prazo establecido.

Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas e co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Artigo primeiro. Ampliar ata o 30 de xuño de 2022 o prazo máximo de execución dos proxectos, previsto no segundo parágrafo do punto quinto do resolvo da Resolución do 17 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao desenvolvemento de maquinaria e bens de equipamento (programa Maquinaria 4.0) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo segundo. Establecer no 30 de xuño de 2022 o prazo máximo para a presentación da solicitude de cobramento para a anualidade 2022, modificando o previsto no terceiro parágrafo do punto quinto do resolvo da devandita Resolución do 17 de xaneiro de 2020.

Artigo terceiro. Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica