Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 15 de outubro de 2021 Páx. 50712

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vigo

ANUNCIO do 7 de outubro de 2021, da Xerencia Municipal de Urbanismo, de aprobación inicial do documento de revisión do Plan xeral de ordenación municipal de Vigo (expediente 15313/411).

Unha vez aprobado inicialmente, na sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Vigo do día 26 de agosto de 2021, o Plan xeral de ordenación municipal de Vigo (PXOM) co seu estudo ambiental estratéxico e completado co resumo executivo, ábrese un trámite de información pública por un prazo de tres meses, consonte a epígrafe dispositiva segunda do dito acordo, mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión da provincia.

A documentación sometida á información pública abranguerá todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluídos o resumo executivo, o estudo ambiental estratéxico e o resumo non técnico do estudo ambiental estratéxico.

O devandito acordo determina, por aplicación dos artigos 47.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e 86.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu Regulamento (RLSG) e, con efectos desde a publicación oficial do acordo, a suspensión automática do procedemento de outorgamento de licenzas naqueles ámbitos en que as novas determinacións supuxesen a modificación da ordenación urbanística vixente, co alcance previsto no resumo executivo, de acordo co punto 4 do artigo 86 do RLSG. A dita suspensión, que terá unha duración máxima de dous anos, non afectará os supostos previstos no artigo 86.3 do RLSG e extinguirase, en todo caso, coa aprobación definitiva do planeamento (artigo 47.2 da LSG).

De conformidade co resumo executivo aprobado, a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas de parcelación de terreos e edificación afecta o conxunto do territorio do termo municipal ordenado polo PXOM aprobado inicialmente, agás naqueles ámbitos onde simultaneamente se cumpran as condicións do Plan xeral de ordenación urbana vixente e as da revisión do Plan xeral de ordenación municipal aprobado inicialmente, nos seguintes termos:

– En solo rústico poderán outorgarse licenzas sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do planeamento vixente e as do plan aprobado inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira 2.d) da LSG.

– No solo de núcleo rural poderán outorgarse licenzas sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do planeamento vixente e as da revisión do plan aprobadas inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira 2.c) da LSG.

– No solo urbanizable poderán outorgarse licenzas sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do planeamento vixente e as da revisión do plan aprobadas inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira 2.b) da LSG.

– No solo urbano poderán outorgarse licenzas sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do planeamento vixente e as do plan aprobado inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira 2.a), da LSG.

Igualmente, poderán outorgarse licenzas nos seguintes ámbitos:

– Nos ámbitos de ordenación que a revisión do Plan xeral incorpora como planeamento subsistente conforme as disposicións transitoria segunda, terceira e cuarta da súa normativa urbanística, en tanto que acaden a súa consideración de solo urbano; e na disposicións derradeiras terceira, cuarta, quinta e sétima da mesma normativa urbanística, sempre que se cumpran as determinacións establecidas no seu planeamento coas modificacións e outras determinacións que, de ser o caso, estableza a revisión do plan.

– No ámbito do instrumento de ordenación provisional, aprobado con data do 24.7.2019 ao abeiro da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, conforme a súa regulación, excepto no caso de que resultasen incompatibles coas determinacións da revisión do plan aprobadas inicialmente por estaren afectadas por vías, zonas verdes, espazos libres, dotacións e equipamentos públicos ou en terreos afectados a sistemas xerais.

A suspensión de licenzas terá unha duración máxima de dous anos contados desde a devandita aprobación inicial, e en calquera caso extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento.

A documentación íntegra aprobada inicialmente poderá consultarse na seguinte ligazón: https://hoxe.vigo.org/movemonos/urb_revpexom.php?lang=gal#/ e, de luns a venres, en horario das 9.00 ás 14.00 horas, no local sito na planta baixa do Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo (entrada pola praza porticada da rúa Juan Ramón Jiménez), onde se habilita un rexistro auxiliar para a presentación das alegacións, sen prexuízo de que poidan presentarse na sede electrónica do Concello de Vigo ou a través de calquera dos medios ou rexistros previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O prazo de información pública comezará a contar desde a derradeira das publicacións preceptivas e rematará pasados tres meses. Durante este prazo poderán presentarse as alegacións que se consideren oportunas.

Vigo, 7 de outubro de 2021

O alcalde
P.D. (Resolución 11.7.2019)
María José Caride Estévez
Vicepresidenta da Xerencia Municipal de Urbanismo