Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Luns, 18 de outubro de 2021 Páx. 50775

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a inclusión nas listas únicas para a cobertura, con carácter transitorio, de prazas reservadas a persoal funcionario en determinados corpos, escalas ou especialidades de persoas integrantes de listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes, ao abeiro do establecido no artigo 5.2 da Orde do 20 de xullo de 2021.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, incorpora a disposición transitoria segunda, que contén unha habilitación para elaborar unha lista única como resultado da funcionarización. Esta disposición foi obxecto de desenvolvemento en virtude da Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 20 de xullo de 2021 (DOG do 30 de xullo).

De conformidade co artigo 5.2 da Orde do 20 de xullo de 2021, as persoas integrantes das listas de contratación temporal de persoal laboral de categorías profesionais funcionarizadas interesadas en incluírse en listas en xestión de persoal funcionario dun corpo, escala ou especialidade declarados equivalentes, de conformidade coas equivalencias establecidas no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, modificado pola Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 10 de marzo de 2021, deberán presentar solicitude para a súa inclusión nelas, e resultarán admitidos sempre que cumpran os requisitos legais para o acceso ao corpo, escala ou especialidade correspondente. Nestas solicitudes de inclusión unicamente poderán modificarse os ámbitos territoriais e os datos persoais e, se é o caso, incluiranse as titulacións para determinadas categorías profesionais laborais cando así se estableza expresamente nas resolucións de convocatoria.

Na disposición transitoria segunda da Orde do 20 de xullo de 2021 disponse que a unificación e elaboración das listas únicas comezará coas correspondentes aos corpos, escalas e especialidades afectadas polos procesos de funcionarización convocados polas resolucións da Dirección Xeral da Función Pública do 7 de febreiro de 2020.

En consecuencia, tendo en conta o establecido no artigo 5.2 da Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 20 de xullo de 2021, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto

Abrir o prazo de presentación de solicitudes para a inclusión nas listas únicas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de determinados corpos, escalas ou especialidades, que se relacionan no anexo I desta resolución, de persoas integrantes das listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes, de conformidade coas equivalencias establecidas no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, modificado pola Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 10 de marzo de 2021, nas condicións establecidas na Orde da devandita consellería do 20 de xullo de 2021.

Segundo. Ámbito territorial

O ámbito territorial será central, autonómico, provincial ou conxunto de municipios, segundo os ámbitos en que estea clasificada a lista para a cobertura de postos de persoal funcionario en que se solicita a inclusión.

Terceiro. Requisitos que deberán posuír as persoas solicitantes

Para seren admitidas/os nas listas, os/as aspirantes deberán posuír, na data de presentación da solicitude, os seguintes requisitos:

3.1. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

3.2. Figurar admitido/a nalgunha lista das categorías profesionais laborais equivalentes ao corpo, escala ou especialidade de persoal funcionario en que se solicita a inclusión en listas, de conformidade coas equivalencias establecidas no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, modificado pola Orde do 10 de marzo de 2021, que se recollen no anexo II desta resolución.

Non poderán solicitar a inclusión nas listas únicas, ao abeiro desta convocatoria, as persoas que figuren penalizadas o 15 de xullo de 2014 ou con anterioridade a esta data, en todas as listas en que figuren inscritas das categorías profesionais laborais equivalentes ao corpo, escala ou especialidade de persoal funcionario en que instan a inclusión.

3.3. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado no cal, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán ser admitidos, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito.

Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

3.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

3.5. Habilitación: non ter sido separado/a nin despedido/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

Cuarto. Solicitudes

4.1. As persoas interesadas en formar parte das listas únicas deberán presentar instancia, que se presentará, preferentemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado contido no anexo I da Orde do 20 de xullo de 2021 (DOG do 30 de xullo) (código de procedemento AP522U), accesible, así mesmo, na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4.2. As instancias dirixiranse á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública.

4.3. O prazo para a presentación de instancias comezará o día 19 de outubro e finalizará o 18 de novembro de 2021.

Quinto. Documentación

5.1. O procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión en listas únicas de vinculación temporal en xestión regularase polo establecido na Orde do 20 de xullo de 2021 (DOG do 30 de xullo).

5.2. Non será necesario achegar documentación complementaria, excepto as persoas integrantes das listas de contratación temporal de persoal laboral de categorías profesionais funcionarizadas interesadas en incluírse en listas en xestión de persoal funcionario dun corpo, escala ou especialidade declarados equivalentes, que non teñan nacionalidade española, que deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I da Orde do 20 de xullo de 2021) (código de procedemento AP522U) a seguinte documentación:

– Pasaporte e/ou documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, reguladora do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

Sexto. Elaboración das listas únicas e publicación

1. O anuncio de exposición das listas de vinculación temporal únicas provisionais e definitivas para o desenvolvemento transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario, elaboradas ao abeiro desta resolución, publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Nestas listas de vinculación temporal figurarán as persoas admitidas con indicación da puntuación resultante da aplicación do baremo, conforme o establecido no artigo 6 e na disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021 (DOG do 30 de xullo), e as excluídas, con expresión da causa de exclusión.

O contido destas listas poderá consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación> e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galicia.

2. A Comisión Permanente prevista no artigo 4 do Decreto 37/2006 será a encargada de elevar á persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública as listas provisionais e definitivas de persoas admitidas e excluídas para a súa publicación.

Sétimo. Recursos

Contra esta resolución, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2021

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I

Corpos e escalas de persoal funcionario

Grupo

Corpo/

Escala

Denominación

A1

205G

Escala de sistemas e tecnoloxías da información

A1

2060

Corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

A1

2062

Escala de enxeñeiros. Especialidade de enxeñaría de camiños, canles e portos

A1

2064

Escala de enxeñeiros. Especialidade de enxeñaría industrial

A2

2051

Corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

A2

205H

Escala de xestión de sistemas de informática

A2

2077

Escala de enxeñeiros técnicos. Especialidade de enxeñaría técnica agrícola

C1

2053

Corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

C1

205I

Escala técnica auxiliar de informática

C2

2059

Corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

2055

Agrupación profesional do persoal funcionario subalterno da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

ANEXO II

Listas de persoal laboral de categorías profesionais equivalentes ás dos corpos e escalas de persoal funcionario en que se pode presentar solicitude de inclusión en listas (anexo do Decreto 165/2019, modificado pola Orde do 10 de marzo de 2021)

Lista de persoal laboral

Lista de corpos e escalas de persoal funcionario equivalentes en que se pode presentar solicitude de inclusión en listas

Titulado/a superior (grupo I, categoría 004)

Titulado/a superior sociólogo/a (grupo I, categoría 014)

Titulado/a superior especialista. Titulado/a superior farmacéutico/a (grupo I, categoría 019)

Documentalista (grupo I, categoría 23)

Coordinador de actividades externas (grupo I, categoría 027)

Xefe/a departamento persoal e xestión económico-administrativa do IGAEM (grupo I, categoría 029)

Relacións públicas do IGAEM (grupo I, categoría 030)

Titulado superior de formación ocupacional (grupo I, categoría 031)

Corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A1, corpo/escala 2060)

Licenciado/a informático/a (antigo/a técnico/a de sistemas e analista titulado/a superior) (grupo I, categoría 018)

Escala de sistemas e tecnoloxías da información (subgrupo A1, corpo/escala 205G)

Titulado/a superior (grupo I, categoría 004)

Escala de enxeñeiros, especialidade de enxeñaría de camiños, canles e portos (subgrupo A1, corpo/escala 2062) ou especialidade de enxeñaría industrial (subgrupo A1, corpo/escala 2064) para persoas que posúan a titulación establecida na disposición adicional novena da Lei 2/2015, do 29 de abril (disposición adicional segunda da Orde do 20 de xullo de 2021)

Director/a-administrador/a. Director/a de centro social. Director/a casa da xuventude. Subdirector/a residencia xuvenil. Preceptor/a residencia. Director/a centro. Xefe/a do servizo administrativo do IGAEM. Secretario/a de residencia. Director/a de cociña de irmandade. Director/a de clínica deportiva (grupo II, categoría 001)

Titulados/as grao medio (grupo II, categoría 007)

Monitor/a ocupacional (grupo II, categoría 021)

Titulado/a medio/a formación ocupacional (grupo II, categoría 037)

Corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo A2, corpo/escala 2051)

Técnico/a superior diplomado/a en informática (antigo analista de aplicacións (titulado medio) e antigo analista programador/a (titulado/a medio) (grupo II, categoría 027)

Escala de xestión de sistemas de informática (subgrupo A2, corpo/escala 205H)

Titulados/as grao medio (grupo II, categoría 007)

Escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica agrícola (subgrupo A2, corpo/escala 2077) para persoas que posúan a titulación establecida na disposición adicional novena da Lei 2/2015, do 29 de abril (disposición adicional segunda da Orde do 20 de xullo de 2021)

Encargado/a administrativo/a. Xefe/a de negociado. Xefe/a administración. Xefe/a 2ª administración. Administrador/a. Secretario/a-administrador/a residencia xuvenil. Administrador/a de produción de centros. Secretario/a de dirección do IGAEM. Axudante/a de dirección e difusión da música. Axudante/a de dirección e difusión do CDG (grupo III, categoría 002)

Gobernante/a. Gobernante/a servizos domésticos. Encargado/a lavadoiro. roupeiro, ferro de pasar (grupo III, categoría 004)

Intendente. Encargado/a de establecemento. Encargado/a de almacén (grupo III, categoría 005)

Encargado/a supervisor/a de telefónica (grupo III, categoría 033)

Axudante/a de produción (grupo III, categoría 040)

Subgobernante/a (grupo III, categoría 078)

Corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo C1, corpo/escala 2053)

Programador/a (grupo III, categoría 030)

Técnico/a especialista en informática (antigo/a operador/a de ordenadores) (grupo III, categoría 091)

Escala técnica auxiliar de informática (subgrupo C1, corpo/escala 205I)

Auxiliar gravación. Oficial/a 2ª linotipista. Auxiliar administrativo/a. Oficial 2ª administrativo/a. Técnico/a auxiliar en informática. Operador/a máquina elemental Auxiliar (grupo IV, categoría 001)

Almaceneiro/a. Despenseiro/a (grupo IV, categoría 017)

Oficial 2ª en reprografía (grupo IV, categoría 022)

Auxiliar produción-dirección (grupo IV, categoría 028)

Auxiliar formación ocupacional (grupo IV, categoría 030)

Corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (subgrupo C2, corpo/escala 2059)

Axudante/a traballos ou oficios. Axudante/a albanel. Peón/oa especializado/a. Fontaneiro/a. Axudante/a. Hortelá/n. Axudante/a traballos. Encargado/a xardín (grupo V, categoría 002)

Ordenanza. Celador/a. Vixilante oficinas. Vixilante nocturno/a. Vixilante. Subalterno/a. Porteiro/a. Recepcionista. Telefonista. Sereno/a. Garda. Garda xuramentado (grupo V, categoría 003-01)

Vixilante arquivos, bibliotecas e museos (grupo V, categoría 010E)

Peón/oa. Laborante. Varredor/a. Mozo/a servizos. Mozo/a laboratorio. Mozo/a. Pastor/a. Xardineiro/a. Mozo/a transportes. Peón/oa xardineiro/a/ EFU. Mozo/a mantemento. Mozo/a subalterno (grupo V, categoría 012)

Agrupación profesional do persoal funcionario subalterno da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (corpo/escala 2055)