Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Luns, 25 de outubro de 2021 Páx. 52050

IV. Oposicións e concursos

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Pleno do 6 de outubro de 2021 polo que se aproban as bases comúns para a convocatoria de concursos específicos de méritos.

O Pleno do Consello de Contas, na súa reunión do día 6 de outubro de 2021, adoptou o acordo polo que se aproban as bases comúns para a convocatoria de concursos específicos de méritos no Consello de Contas de Galicia.

Para o seu coñecemento xeral e entrada en vigor, dito acordo prevé a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Dando cumprimento á dita previsión e ao abeiro das competencias que me corresponden conforme o artigo 10 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas,

RESOLVO:

Dispoñer a publicación do Acordo do 6 de outubro de 2021 polo que se aproban as bases comúns para a convocatoria de concursos específicos de méritos no Consello de Contas de Galicia, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2021

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 6 de outubro de 2021
polo que se aproban as bases comúns para a convocatoria de concursos específicos de méritos no Consello de Contas de Galicia

A modernización da xestión de persoas nas organizacións públicas constitúe un dos retos clave para avanzar no novo marco de relacións que impón a Administración pública electrónica. Isto é especialmente relevante en relación co Consello de Contas de Galicia na súa condición de órgano de fiscalización externa das contas e da xestión económico-financeira e contable da Comunidade Autónoma de Galicia e a consideración do capital humano como o principal activo deste, baixo a premisa de garantir en todo momento que a persoa adecuada ocupe o posto de traballo idóneo, no momento preciso.

Neste contexto abórdase a necesidade de establecer unha regulación con vocación de permanencia das bases xerais para a convocatoria de concursos específicos de méritos no Consello de Contas de Galicia, no marco dunha estratexia de xestión das persoas a medio e longo prazo, que teña en conta a progresiva transformación da auditoría en auditoría dixital, a xestión electrónica das fiscalizacións, a implementación de sistemas de prevención e integridade e, entre outros aspectos, a auditoría dos sistemas de información.

O artigo 17.5 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia, modificada pola Lei 8/2015, do 7 de agosto (en diante, LCC) e o artigo 73.1 do Regulamento de réxime interior aprobado o 23 de febreiro de 2017 (en diante, RRI) establecen que os postos de traballo reservados a persoal funcionario de carreira proveranse ordinariamente polo procedemento de concurso específico entre funcionarios que presten servizos no Consello ou noutras administracións ou organismos públicos.

Este proxecto normativo cumpre cos requisitos legais establecidos no artigo 91 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, normativa que constitúe o fundamento da habilitación legal para o desenvolvemento do concurso especifico de méritos no Consello de Contas de Galicia.

En relación á estrutura e contido, o proxecto normativo estrutúrase a través de trece bases comúns para a convocatoria de concursos específicos de méritos. Na base primeira regúlanse os requisitos para participar. Nas bases segunda, terceira e cuarta regúlanse as fases do concurso e baremo de valoración de méritos, capacidades, coñecementos e aptitudes. Nas bases quinta, sexta e sétima regúlanse a Comisión de Valoración, solicitudes de participación e a acreditación dos requisitos e méritos. Nas bases octava, novena e décima regúlanse a listaxe de admitidos e excluídos, o procedemento de valoración e adscrición e a resolución do concurso específico. Por último, nas bases décimo primeira, décimo segunda e décimo terceira regúlanse a adxudicación de destinos, a toma de posesión e a valoración dos postos obtidos por concurso.

Así mesmo, o texto das bases comúns para a convocatoria de concursos específicos de méritos no Consello de Contas de Galicia foi obxecto de negociación colectiva, de conformidade co artigo 37 da Lei do estatuto básico do empregado público aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro (TREBEP) e concordante co artigo 153.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

De conformidade co artigo 17.1 da LCC e co artigo 71.2 do RRI, aplícanse aos concursos específicos para a provisión de postos de traballo do Consello as disposición da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (en diante, LEPG) e normativa de desenvolvemento. En virtude do anterior, e tendo en conta o disposto no artigo 5.2.p) do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia, o Pleno do Consello de Contas de Galicia, na súa reunión do 6 de outubro acordou:

Artigo único. Obxecto

Aprobar as bases comúns para a convocatoria de concursos específicos no Consello de Contas de Galicia que figuran como anexo a esta resolución.

Contra esta resolución poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes desde a súa publicación, ou ben recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a súa publicación, ante o órgano xudicial competente, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

ANEXO

Bases comúns para a convocatoria de concursos específicos de méritos no Consello de Contas de Galicia

Primeira. Requisitos para participar

1. Poderán participar nas convocatorias para a provisión daqueles postos para os que a relación de postos de traballo do Consello de Contas de Galicia estableza o sistema de provisión de concurso específico, os/as funcionarios/as de carreira de corpos de Administración xeral ou de Administración especial cunha antigüidade mínima de tres anos para o seu desempeño e que se relacionarán nas sucesivas convocatorias de concursos específicos, excepto os suspensos en firme durante o tempo de duración desta.

2. Para participar nos concursos específicos deberán cumprirse os requisitos previstos no artigo 91.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Aos/ás funcionarios/as que accedesen ao corpo ou escala por promoción interna ou en virtude dun procedemento de integración e permanecesen no posto de traballo que desempeñaban, computaráselles o tempo de servizos prestados neste posto no corpo de procedencia para os efectos do disposto neste punto.

Segunda. Fases do concurso e baremo de valoración de méritos, capacidades, coñecementos e aptitudes

1. O concurso específico consistirá na valoración dos méritos e das capacidades, os coñecementos ou as aptitudes determinadas nas correspondentes convocatorias e relacionadas cos postos de traballo que se vaian prover.

2. O concurso específico constará de dúas fases, na primeira valoraranse os méritos xerais e específicos e na segunda as capacidades, coñecementos e aptitudes para o desempeño dos postos que se vaian prover.

3. Atribúese expresamente a competencia para a convocatoria dos sucesivos concursos específicos, de conformidade coas bases comúns, á Comisión de Goberno do Consello de Contas de Galicia, conforme o disposto no artigo 12 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia.

Terceira. Primeira fase do concurso específico

1. A primeira fase de valoración dos méritos xerais e específicos suporá o sesenta por cento da puntuación máxima alcanzable. A puntuación máxima da primeira fase será de 18 puntos. Para que a Comisión de Valoración poda considerar calquera solicitude na segunda fase, a puntuación mínima que deberá acadar o/a concursante na primeira será de 10 puntos.

Todos os méritos computaranse ata a data de finalización do prazo de presentación de instancias. Non se tomarán en consideración, nin serán valorados os méritos que non queden debidamente acreditados en todos os seus puntos no momento de finalización do prazo de presentación de instancias previsto na correspondente convocatoria.

2. A valoración dos méritos para a adxudicación dos postos de traballo efectuarase conforme o seguinte baremo:

a) Grao persoal recoñecido. A puntuación máxima será de 3 puntos.

O grao persoal recoñecido valorarase en razón directa da proximidade do nivel do posto solicitado:

1º. Nivel 30.

– Pola posesión dun grao persoal de igual nivel ao do posto que se solicita: 3 puntos.

– Pola posesión dun grao persoal inferior nun nivel ao do posto que se solicita: 2 puntos.

– Pola posesión dun grao persoal inferior en dous ou máis niveis ao do posto que se solicita: 1 punto.

2º. Nivel 28 ou inferiores.

– Pola posesión dun grao persoal superior en dous ou máis niveis ao do posto que se solicita: 3 puntos.

– Pola posesión dun grao persoal superior nun nivel ao do posto que se solicita: 2,5 puntos.

– Pola posesión dun grao persoal de igual nivel ao do posto que se solicita: 2 puntos.

– Pola posesión dun grao persoal inferior nun nivel ao do posto que se solicita: 1,5 puntos.

– Pola posesión dun grao persoal inferior en dous ou máis niveis ao do posto que se solicita: 1 punto.

No caso de que na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes se teña consolidado un grao persoal cuxo recoñecemento se atope en tramitación, o/a interesado/a deberá achegar certificación expresa que permita a súa valoración.

No suposto en que os/as funcionarios/as non teñan recoñecido ningún grao persoal computarase, para os efectos de puntuación nesta epígrafe, o nivel mínimo correspondente ao intervalo de niveis do subgrupo no que estea clasificado o corpo ou escala desde o que concurse o/a funcionario/a.

b) Traballo desenvolvido. A puntuación máxima será de 2 puntos.

Computarase o traballo desenvolvido nos postos de traballo anteriormente desempeñados. A valoración efectuarase consonte os seguintes criterios:

1º. Nivel 30.

– Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido en postos desempeñados de igual nivel que o solicitado: 0,20 puntos.

– Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido en postos desempeñados inferiores nun nivel que o solicitado: 0,15 puntos.

– Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido en postos desempeñados inferiores en dous ou máis niveis que o solicitado: 0,10 puntos.

2º. Nivel 28 ou inferiores.

– Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o nivel do posto solicitado sexa inferior ao do posto desempeñado en dous ou máis niveis: 0,20 puntos.

– Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o nivel do posto solicitado sexa inferior ao do posto desempeñado nun nivel: 0,15 puntos.

– Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, cando o posto desempeñado e o solicitado teñan igual nivel: 0,12 puntos.

– Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o nivel do posto solicitado sexa superior ao desempeñado nun nivel: 0,10 puntos.

– Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o nivel do posto solicitado sexa superior ao desempeñado en dous ou máis niveis: 0,08 puntos.

Os servizos prestados ao dispor do órgano competente ou adscrito provisionalmente a un posto de traballo nos casos previstos pola alínea primeira do artigo 97 da LEPG computaráselle o período de tempo nesta situación, de ser o caso, como se desempeñase un posto inferior en dous niveis ao do grao persoal consolidado, desde o día seguinte ao do cesamento do posto que ocupase con carácter definitivo.

O tempo de servizos prestado na situación de servizos especiais será valorado conforme o disposto no artigo 168.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

c) Cursos de formación e perfeccionamento. A puntuación máxima será de 2,40 puntos.

Valorarase a asistencia aos cursos recibidos ou impartidos no Instituto Nacional de Administración Pública, Escola Galega de Administración Pública, Instituto de Estudios Fiscales, escolas oficiais de formación de funcionarios das comunidades autónomas, universidades, Tribunal de Cuentas, órganos de control externo, entes privados cos que o Consello de Contas de Galicia asinase convenios de formación; así como os cursos recibidos ou impartidos no marco dos acordos de formación continua nas administracións públicas.

Só se valoraran os cursos que traten sobre as seguintes materias: fiscalización, contabilidade publica e privada, contratación, xestión económica contable, subvencións, xestión de persoal, procedemento administrativo e réxime xurídico das administracións públicas, transparencia, prevención da corrupción, avaliación de políticas públicas, xestión e control de fondos europeos, ferramentas informáticas de auditoría e seguridade da información e protección de datos de carácter persoal, ferramentas, sistemas e procesos informáticos de xestión de software e infraestruturas informáticas e prevención de riscos laborais.

Os cursos valoraranse conforme os seguinte criterios:

1º. Por cada curso de duración igual ou superior a 12 horas lectivas e ata 40 horas lectivas: 0,25 puntos.

2º. Por cada curso de duración superior a 40 horas lectivas e igual ou inferior a 75 horas lectivas: 0,50 puntos.

3º. Por cada curso de duración superior a 75 horas lectivas e igual ou inferior a 100 horas lectivas: 0,75 puntos.

4º. Por cada curso de duración superior a 100 horas lectivas: 1 punto.

Nos supostos de impartición de cursos como relator as puntuacións serán as resultantes de multiplicar as puntuacións por asistencia por 1,5.

Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares; as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica, os cursos de doutoramento; os módulos ou partes integrantes dun curso que non se certifiquen de xeito independente; os cursos preparatorios ou integrantes de procesos selectivos.

Se o candidato posúe varios cursos de contido idéntico e repetitivo, excepto os que sexan de continuación e especialización uns doutros, só se valorará o de maior duración e no suposto de ter esta, só se valorará un deles. Tampouco se poderá acumular a puntuación como asistente e ponente dun mesmo curso. Nese caso, outorgarase a puntuación correspondente ao curso impartido.

d) Antigüidade (servizos prestados nas administracións públicas). A puntuación máxima será de 2 puntos.

Por cada ano de servizos ou fracción superior a 6 meses como funcionario/a: 0,08 puntos.

Para estes efectos, computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.

e) Grao de coñecemento do idioma galego. A puntuación máxima será de 2 puntos:

1.º Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5: 1 punto.

2.º Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 2 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior.

f) Experiencia profesional específica. A puntuación máxima será de 6 puntos.

A experiencia profesional específica en virtude da súa vinculación aos postos de traballo obxecto da convocatoria valorarase a partir, se é o caso, do cumprimento dos requisitos específicos previstos na relación de postos de traballo, de conformidade coas funcións específicas previstas na convocatoria, e conforme os seguintes criterios:

1º. Postos de fiscalización e auditoría.

– Por cada ano ou fracción superior a 6 meses da experiencia desenvolvendo funcións en postos de auditoría do control externo do sector público do mesmo ou superior nivel do posto ao que se aspira: 0,5 puntos.

– Por cada ano ou fracción superior a 6 meses da experiencia desenvolvendo funcións en postos de auditoría do control externo do sector público ata dous niveis inferiores ao nivel do posto ao que se aspira: 0,4 puntos.

– Por cada ano ou fracción superior a 6 meses da experiencia desenvolvendo funcións en postos de auditoría do control externo, inferiores a dous niveis ao posto ao que se aspira: 0,3 puntos.

– Por cada ano ou fracción superior a 6 meses da experiencia desenvolvendo funcións en postos de auditoría de control interno do sector público do mesmo ou superior nivel do posto ao que se aspira: 0,2 puntos.

– Por cada ano ou fracción superior a 6 meses da experiencia desenvolvendo funcións en postos de auditoría de control interno do sector público de inferior nivel ao posto ao que se aspira: 0,1 puntos.

– Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de experiencia desenvolvendo funcións en postos con funcións de control económico-financeiro do sector público do mesmo ou superior nivel do posto ao que se aspira: 0,1 puntos.

– Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de experiencia desenvolvendo funcións en postos vinculados á xestión económico-financeiro do sector público de inferior nivel do posto ao que se aspira: 0,05 puntos.

2º. Postos adscritos á Secretaría Xeral.

– Por cada ano ou fracción superior a 6 meses da experiencia desenvolvendo cometidos e funcións análogas aos postos de traballo obxecto da convocatoria do mesmo ou superior nivel do posto ao que se aspira: 0,5 puntos.

– Por cada ano ou fracción superior a 6 meses da experiencia desenvolvendo cometidos e funcións análogas aos postos de traballo obxecto da convocatoria de inferior nivel ao do posto ao que se aspira: 0,4 puntos.

3º. Polo desempeño de postos de traballo na mesma área funcional á aquela a que se encontre adscrito o posto outorgarase unha puntuación adicional de 1 punto. Entenderase por área funcional os distintos ámbitos de fiscalización ou a Secretaría Xeral.

g) Medidas de conciliación da vida laboral e familiar e de igualdade de xénero.

– Outorgaranse aos concursantes que estean gozando ou gozasen, nos cinco anos anteriores ao remate do prazo de presentación de solicitudes, dunha excedencia por coidado de familiares 0,01 puntos por mes na situación de excedencia. A puntuación total neste punto non poderá superar os 0,60 puntos.

Cuarta. Segunda fase do concurso específico

1. A segunda fase do concurso específico que consistirá na valoración de capacidades, aptitudes e coñecementos, terá unha puntuación máxima de 12 puntos.

2. O obxecto da presente fase consistirá na valoración da memoria que se deberá presentar xunto coa solicitude de participación no proceso de provisión. Para tal efecto a documentación presentarase nun sobre branco, tamaño 36×26 cm, pechado e sen ningún tipo de identificación. Dentro deste sobre incluirase, ademais da memoria (sobre 1) e a traxectoria profesional do candidato ou candidata (sobre 2), un terceiro sobre (sobre 3) tamén sen identificación, dentro do cal o aspirante inserirá un documento no que constará os seus datos persoais (nome, apelidos e número de documento nacional de identidade). Estes sobres serán entregados na Secretaría Xeral do Consello, onde serán codificados cun número aleatorio, o cal constará de 10 díxitos.

3. A memoria contará cunha extensión máxima entre 15 e 30 páxinas por unha soa cara e a dobre espazo, letra Arial 11, en función do nivel do posto convocado e das previsións contidas nas bases específicas, na que se evidencie o coñecemento do posto ao que concursa, cunha análise das súas tarefas e os requisitos, condicións e medios necesarios para desempeñalo, e, se é o caso e de conformidade coas bases específicas, unha proposta organizativa do traballo a desenvolver e perspectivas estratéxicas en relación co Plan estratéxico do Consello de Contas vixente; con base na descrición de funcións que figuran na correspondente convocatoria.

4. A exposición curricular sen identificación persoal cunha extensión máxima de 5 páxinas por unha soa cara e a dobre espazo, letra Arial 11, sobre os aspectos máis relevantes da súa traxectoria profesional que teñan relación co contido do posto. O sobre 2 abrirase pola Comisión de Valoración despois de publicadas as puntuacións da fase de méritos e da memoria contida no sobre 1 e antes da exposición pública. O contido do sobre 2 non será obxecto de valoración independente.

5. A valoración da memoria e da traxectoria profesional farase en dúas fases:

a) Lectura da memoria (sobre 1) por parte da Comisión de Valoración. A valoración farase sen coñecer o nome dos aspirantes.

b) Exposición pública da memoria e dos aspectos máis relevantes da súa traxectoria profesional que estean relacionados co contido do posto. O tempo máximo de intervención para a exposición por cada candidato será de 10 minutos. Con posterioridade terá que atender as preguntas, as aclaracións, os comentarios e as suxestión que puidesen formularlle os membros da Comisión.

6. A memoria (sobre 1) cualificarase cun máximo de 6 puntos atendendo ao acertado do seu contido, pertinencia (adecuación ao Plan estratéxico do Consello de Contas publicado no portal web institucional), coherencia e grao de consistencia das formulacións en relación coas funcións que se van desenvolver, claridade expositiva, corrección sintáctica, estruturación e presentación visual.

A puntuación final obterase coa media aritmética das outorgadas por cada un dos membros da Comisión de Valoración, desbotando a máxima e mínima conseguidas ou, de ser o caso, unha das que aparezan repetidas como tales. As puntuacións outorgadas, así como a valoración final, deberán reflectirse na acta que se estenderá para este efecto.

7. A exposición pública da memoria e da traxectoria profesional cualificarase cun máximo de 6 puntos.

Na exposición pública valorarase a coherencia e claridade na exposición, a profundidade do coñecemento das actividades realizadas e a capacidade profesional xeral mostrada polo interesado na súa traxectoria atendendo a súa participación e actuacións que revelen especial iniciativa, capacidade de resolución de problemas, capacidade de traballo e organización noutras habilidades profesionais.

A puntuación obterase coa media aritmética das outorgadas por cada un dos membros da Comisión de Valoración, desbotando a máxima e mínima conseguidas ou, de ser o caso, unha das que aparezan repetidas como tales. As puntuacións outorgadas, así como a valoración final, deberán reflectirse na acta que se estenderá para este efecto.

Quinta. Comisión de Valoración do concurso específico

1. A Comisión de Valoración do concurso específico é órgano colexiado encargado de valorar os méritos, as capacidades, as aptitudes ou os coñecementos alegados polas persoas interesadas e de efectuar a proposta de adxudicación dos postos de traballo ofertados. En atención á especialidade dos postos ofertados nas respectivas convocatorias de concursos respectivos poderán existir comisións de valoración específicas.

2. A Comisión de Valoración adecuarase ao criterio de paridade entre homes e mulleres, a súa composición responderá aos principios de profesionalidade e especialización, serán nomeadas pola Comisión de Goberno do Consello de Contas e terán a seguinte composición:

– Un/unha presidente/a titular e suplente.

– Tres vogais titulares e tres suplentes.

– Un secretario/a titular e outro/a suplente, con voz e voto, por proposta da Secretaría Xeral do Consello de Contas de Galicia.

As persoas integrantes da Comisión deberán estar desempeñando un posto de traballo reservado a persoal funcionario de nivel xerárquico igual ou superior ao do posto convocado. A Comisión de Valoración poderá solicitar a designación de expertos que en calidade de asesores, actuarán con voz pero sen voto.

3. O seu funcionamento axustarase aos principios de imparcialidade e obxectividade e rexerase polo disposto na sección terceira do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

4. A Comisión de Valoración poderá solicitar ás persoas interesadas as aclaracións ou, no seu caso, a documentación adicional que se considere necesaria para a comprobación dos méritos alegados.

5. A Comisión de Valoración propoñerá o candidato que tivese obtido maior puntuación. As propostas que realice a Comisión de Valoración terán o carácter de vinculantes para o órgano encargado da resolución da convocatoria do concurso.

6. A Comisión asimilarase para os efectos de percepción de asistencias á categoría primeira das previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

7. Os acordos da Comisión adoptaranse por maioría dos seus membros.

Sexta. Solicitudes de participación

1. As solicitudes axustaranse ao modelo que figura como anexo II e presentaranse por medios electrónicos a través da sede electrónica do Consello de Contas (http://www.consellodecontas.es), así como a cumprimentación da xustificación dos méritos e requisitos.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación da respectiva convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. Na instancia faranse constar, por orde de preferencia, as vacantes incluídas no anexo I para as que reúnan os requisitos exixidos para o seu desempeño.

3. Os/as funcionarios/as con algunha discapacidade poderán pedir na súa solicitude a adaptación do posto ou postos de traballo solicitados. Á solicitude deberase xuntar un informe expedido polo órgano competente na materia, que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuído o posto ou os postos solicitados (artigo 10 do Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro).

4. No suposto de estar interesados/as nos postos que se anuncian na respectiva convocatoria de concurso específico dous/dúas funcionarios/as, poderán condicionar a súa petición por razóns de convivencia familiar ao feito de que ambos/as os/as dous/dúas obteñan destino neste concurso, entendéndose en caso contrario anuladas as peticións efectuadas por ambos/as os/as dous/dúas. Os/as concursantes que se acollan a esta petición condicional deberán facelo constar na súa solicitude e xuntar unha fotocopia da petición do/da outro/a.

5. A solicitude deberá acompañarse da seguinte documentación prevista na convocatoria específica:

a) Anexo I. Certificado de grao, traballo desenvolvido, antigüidade e subgrupos.

b) Anexo II. Certificado de funcións para os efectos de comprobación da experiencia.

c) Documentación acreditativa dos cursos impartidos ou recibidos.

d) Documentación acreditativa do coñecemento da lingua galega.

e) Memoria (sobre 1), exposición sobre a traxectoria profesional (sobre 2) e identificación persoal (sobre 3) nos termos indicados na base cuarta.

6. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, só será posible a presentación daquela documentación que os/as interesados/as acrediten ter solicitado pero, figurando en poder da Administración non puidese ter sido expedida en prazo.

7. As solicitudes vincularán os/as solicitantes, unha vez finalizado o prazo de presentación destas sen que poidan ser obxecto de modificación. Aceptaranse renuncias á participación ata a sinatura da resolución de adxudicación. A renuncia do adxudicatario dun posto suporá a adxudicación ao seguinte de maior puntuación.

8. Todo o proceso correspondente aos concursos específicos poderá consultarse a través do portal web institucional do Consello de Contas (http://www.consellodecontas.es).

9. Sen prexuízo do que se dispón no punto primeiro, a documentación requirida que non fose posible entregar de modo electrónico deberá presentarse no Rexistro Xeral do Consello de Contas de Galicia, ou nos demais lugares previstos no artigo 16, relativo a rexistros, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas dirixido á Secretaría Xeral do Consello de Contas de Galicia.

Sétima. Acreditación de requisitos e méritos

1. Os datos relativos ás circunstancias persoais e administrativas dos concursantes, así como os concernentes aos méritos que se acheguen, terán que acreditarse debidamente, de conformidade co que se estableza na respectiva convocatoria, e terán que ser os que correspondan á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En particular:

a) O grao persoal recoñecido, o traballo desenvolvido, a antigüidade e o subgrupo no que se clasifica o corpo ou escala acreditaranse mediante certificación expedida polo órgano competente da Administración de procedencia do/da funcionario/a concursante segundo o modelo establecido no anexo III ou outro que conteña a totalidade dos datos incluídos naquel.

b) A realización dos cursos cuxa valoración se pretenda acreditar documentalmente mediante copias electrónicas auténticas firmadas electronicamente ou documentos electrónicos con código de verificación electrónico do diploma ou certificación de impartición ou asistencia, sen prexuízo do disposto no número 9 da base sexta.

c) Para a acreditación do coñecemento da lingua galega, só terán validez os cursos, estudos ou titulación segundo o establecido na Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 16 de xullo de 2007 (DOG do 30 de xullo) e Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 13 de xuño de 2011 (DOG do 24 de xuño).

d) A experiencia acreditarase mediante a presentación do «Certificado de tarefas» que se inclúe como anexo V da convocatoria que será expedido de xeito veraz e rigoroso polo xefe da Unidade Administrativa en que prestase servizos o solicitante en cada período.

2. Calquera dato omitido inicialmente polo/a interesado/a non poderá ser invocado por este/a para os efectos de futuras reclamacións, nin considerar por tal motivo lesionados os seus intereses e/ou dereitos.

3. A Comisión de Valoración poderá solicitar as aclaracións ou a documentación adicional que considere necesarias para a comprobación dos méritos alegados.

Oitava. Listaxe de admitidos e excluídos

1. Expirados os prazos de presentación de solicitudes de participación, a Comisión de Valoración verificará que os solicitantes reúnen os requisitos e condicións exixidos para participar no concurso e elaborará proposta de listaxe de admitidos/as e excluídos/as que se publicará, con expresión da causa de exclusión, nos taboleiros de anuncios do Consello de Contas e na súa sede electrónica.

2. Os/as excluídos/as disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivase a exclusión. A reclamación presentarase no Rexistro do Consello de Contas de Galicia (rúa Domingo Fontán, nº 7, Santiago de Compostela) directamente ou nalgunha das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A estimación ou desestimación das ditas peticións de emendas entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a listaxe definitiva.

3. Unha vez transcorrido o dito prazo e a vista da proposta realizada pola Comisión de Valoración, a Comisión de Goberno ditará resolución definitiva que se publicará nos taboleiros de anuncios do Consello de Contas, na sede electrónica e no Diario Oficial de Galicia, na cal se declararán aprobadas as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as con indicación do lugar en que estarán á disposición dos/das interesados/as. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o Pleno do Consello no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo establecen os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Contra a resolución do recurso de alzada, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido nos artigos 10.1.c) e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Novena. Procedemento de valoración e adscrición

1. No proceso de valoración poderá recadarse formalmente das persoas interesadas as aclaracións ou, se é o caso, a documentación adicional que se considere necesaria para a comprobación dos méritos alegados.

2. Rematado o proceso de valoración de méritos xerais e específicos dos candidatos, a Comisión de Valoración elaborará unha proposta provisional coa puntuación obtida por cada candidato, que será publicado no taboleiro de anuncios e na sede electrónica do Consello de Contas. Contra a dita resolución os concursantes poderán formular as oportunas reclamacións no prazo de 10 días hábiles que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación. As reclamacións dirixiranse á Comisión de Valoración e poderán presentarse no Rexistro Xeral do Consello de Contas ou en calquera das formas establecidas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Examinadas e resoltas pola Comisión as reclamacións, se as houbese, elevarase unha proposta definitiva de valoración dos méritos xerais e específicos.

Á exposición pública serán citados os aspirante que superen a fase de valoración de méritos. A relación de aspirantes citados publicarase nos taboleiros de anuncios e na sede electrónica do Consello de Contas con polo menos tres días hábiles de antelación. A non presentación da memoria ou a falta de comparecencia ao acto de exposición e defensa determinará a exclusión do concursante.

3. Rematada a segunda fase de valoración de capacidades, aptitudes e coñecementos a Comisión de Valoración elaborará unha proposta provisional coa puntuación obtida por cada candidato, que será publicado no taboleiro de anuncios e na sede electrónica do Consello de Contas. Contra a dita resolución os concursantes poderán formular as oportunas reclamacións no prazo de 10 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación. As reclamacións dirixiranse a Comisión de Valoración e poderán presentarse no Rexistro Xeral do Consello de Contas ou en calquera das formas establecidas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Examinadas e resoltas pola Comisión as reclamacións, se as houbese, elevarase unha proposta definitiva de valoración da segunda fase do concurso específico.

Décima. Resolución do concurso específico

1. A orde de prioridade para a adxudicación dos postos de traballo determinarase pola puntuación obtida polos concursantes sumados os resultados finais das dúas fases sempre que se superasen as puntuacións mínimas exixidas.

2. En caso de empate nas puntuacións acudirase para dirimilo á total na segunda fase, e de continuar o empate, as puntuacións obtidas na primeira fase dos méritos seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes da base III. De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido. En último lugar o empate dirimirase por sorteo entre os implicados.

3. Os postos convocados non poderán declararse desertos cando existan concursantes que obtivesen as puntuacións mínimas exixidas.

4. A resolución do concurso farase pública nos taboleiros de anuncios, na sede electrónica e no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra a resolución definitiva, que non esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o Pleno do Consello no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo establecen os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Contra a resolución do recurso de alzada, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido nos artigos 10.1.c) e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo primeira. Adxudicación de destinos

1. Os destinos adxudicados serán irrenunciables, salvo que con anterioridade á finalización do prazo posesorio se obteña outro destino mediante convocatoria pública, ben polo procedemento de libre designación ou por concurso, casos en que poderán optar entre os postos adxudicados, estando obrigados a comunicar por escrito a opción realizada ao Consello de Contas no prazo de tres días.

2. Os traslados que deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios; en consecuencia, non xerarán dereito á indemnización.

Décimo segunda. Toma de posesión

1. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles. O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes á publicación da resolución do concurso no Diario Oficial de Galicia. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita data.

2. Para todos os efectos, o prazo de toma de posesión considerarase como de servizo activo, polo que os efectos económicos comezarán no novo destino desde a data de cesamento no de procedencia.

Décimo terceira. Valoración dos postos de traballo obtidos por concurso específico

Os postos de traballo obtidos polo procedemento de concurso específico, de conformidade co previsto no artigo 91.7 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, serán obxecto dunha valoración cada cinco anos, nos termos que se establezan no correspondente acordo do Consello de Contas, co fin de determinar a continuidade ou remoción da persoa titular do posto nos termos previstos polo artigo 94 do dito texto legal.