Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 27 de outubro de 2021 Páx. 52716

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2021 pola que se modifica a Resolución do 26 de xullo de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III) (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).

O 5 de agosto de 2021, a Axencia Instituto Enerxético de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 26 de xullo de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III) (códigos de procedemento IN421Q e IN421R) aprobado polo Real decreto 266/2021, do 13 de abril.

No primeiro parágrafo do artigo 3 da Resolución do 26 de xullo denominado «beneficiarios», establecíase o seguinte:

«Serán beneficiarios os suxeitos que se enumeran no artigo 11.1 das bases reguladoras sempre que teñan a súa residencia fiscal ou un establecemento permanente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (para o Programa de incentivos 2 considerarase que se cumpre este requisito se a actuación subvencionada se desenvolve no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia). En concreto, os seguintes: (...) 2º. As persoas físicas maiores de idade, coa excepción dos casos de discapacidade, que poderán ser menores de idade, con residencia fiscal en España e non incluídas no anterior punto. (...)».

Ás 9.00 horas do día 13 de setembro iniciouse o prazo para a presentación de solicitudes, o que deu lugar a numerosas consultas relativas ás bases e á convocatoria, entre as que se repetiron as referentes aos posibles suxeitos beneficiarios das axudas.

Na actualidade existe dispoñibilidade orzamentaria suficiente para atender todas as solicitudes do Programa de incentivos 1. O procedemento de concesión é de concorrencia non competitiva (artigo 19.2 da Lei de subvencións de Galicia), polo que as solicitudes se asignan por orde de entrada, o que non supón ningún prexuízo para terceiros. En consecuencia, de conformidade coas facultades conferidas pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co sinalado no Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar o número 1 do artigo 3 da Resolución do 26 de xullo de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III) (códigos de procedemento IN421Q e IN421R), que queda redactado nos seguintes termos:

«1. Para o Programa de incentivos 1 serán beneficiarios os suxeitos que se enumeran no artigo 11.1 das bases reguladoras sempre que teñan a súa residencia fiscal ou un establecemento permanente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia ou ben adquiran o vehículo nun concesionario ou punto de venda situado en Galicia. Para o Programa de incentivos 2 serán beneficiarios os suxeitos que se enumeran no artigo 11.1 das bases reguladoras cando a actuación subvencionada se desenvolva no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia».

Segundo. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, con efectos a partir do 10 de abril de 2021.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2021

Paula María Uría Traba
Directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia