Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 29 de outubro de 2021 Páx. 53156

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 27 de outubro de 2021 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas para estadías de fin de semana a familias de especial consideración dentro do programa Montaña en familia na estación de montaña de Manzaneda para o ano 2021 (código de procedemento BS423F).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, e inclúe entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece, no seu artigo 6, como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade. Así mesmo, a dita norma, no artigo 9, sinala que merecen unha protección especial, entre outros, os grupos de familias numerosas, monoparentais, familias acolledoras e familias vítimas de violencia de xénero.

O Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúe á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

A Xunta de Galicia considera conveniente incentivar o turismo de montaña para familias de especial consideración como unha medida de apoio social e de fomento das actividades de lecer dirixida a aquelas familias que, por teren unhas condicións determinadas, gozan dunha especial consideración e requiren un tratamento específico por parte dos poderes públicos.

Con este fin, desenvólvese o programa Montaña en familia, que se leva a cabo na estación de montaña de Manzaneda, como programa específico dirixido a estas familias de cara a mellorar a súa calidade de vida e ofrecer alternativas de lecer saudables.

Este programa consiste nunha oferta especial destinada a familias que queiran gozar dunha fin de semana diferente en contacto coa natureza, buscando incentivar o desenvolvemento do turismo de montaña á vez que fomenta o turismo familiar. Desenvólvese na única estación de montaña de Galicia, que conta cunhas instalacións exclusivas nas cales se xuntan servizos de aloxamento e restauración e espazos naturais e deportivos específicos para o desenvolvemento do extenso programa de actividades dirixidas a nenos/as e adultos que a converten nun lugar idóneo para a práctica de deportes e actividades para toda a familia.

En consecuencia, no uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de prazas para estadías de fin de semana a familias de especial consideración dentro do programa Montaña en familia na estación de montaña de Manzaneda para o ano 2021 (código de procedemento BS423F).

Artigo 2. Familias beneficiarias do programa

1. Poderán ser beneficiarias do programa Montaña en familia, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, as seguintes familias de especial consideración residentes na Comunidade Autónoma de Galicia:

a) As familias numerosas.

b) As familias monoparentais.

c) As familias acolledoras.

d) As familias vítimas de violencia de xénero.

2. Para os efectos desta orde, enténdese por unidade familiar a composta por todos os membros que figuran no título de familia numerosa, no certificado de familia monoparental, así como, se é o caso, a formada polas persoas acolledoras e vítimas de violencia de xénero e todos/as os/as fillos/as a cargo.

Terán a consideración de fillos ou fillas tamén as persoas en situación de adopción ou acollemento familiar.

Ningunha persoa pode ser beneficiaria de máis dunha estadía de fin de semana con cargo a esta convocatoria.

Artigo 3. Requisitos das familias beneficiarias

Serán beneficiarias do programa Montaña en familia aquelas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que a persoa solicitante forme parte dunha unidade familiar das indicadas no artigo 2 desta orde.

b) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Prazas convocadas

1. Convócanse para este ano 600 prazas para participar en estadías de fin de semana dentro do programa Montaña en familia durante as fins de semana do mes de novembro e as dúas primeiras do mes de decembro.

Enténdese por praza, para os efectos desta convocatoria, a que ocupa individualmente cada un dos membros da unidade familiar seleccionada.

2. As estadías comprenden desde o venres pola noite ata o domingo ao mediodía.

3. Cada familia seleccionada só poderá desfrutar dunha estadía na estación de montaña.

Artigo 5. Servizos e prestacións ofertados

A estadía inclúe os seguintes servizos e prestacións:

a) Aloxamento en apartamentos desde 4 prazas con supletoria, ata 7 prazas.

b) Servizo de comedor en réxime de pensión completa desde a noite do venres ata o xantar do domingo, incluída merenda do sábado para os/as menores.

c) Programa de actividades da estación dirixidas aos/ás menores e/ou adultos como xogos de habilidades, tiro con arco, multiaventura, tirolina, piscina, spa e vivacs.

Artigo 6. Prezo das prazas

1. O prezo total da praza pola estadía de fin de semana é de 116 euros por persoa beneficiaria. No caso dos menores de 12 anos este importe é de 86,50 € por beneficiario. Os menores de 2 anos non pagan.

O dito importe é un prezo pechado para todos os servizos incluídos na estadía de fin de semana, sen que proceda efectuar dedución ningunha se por calquera causa imputable á beneficiaria do programa non goza da totalidade dos servizos.

2. A Consellería de Política Social contribuirá ao financiamento do prezo da estadía coa achega de 50 euros por praza, polo que o importe que pagarán as persoas beneficiarias será de 66 euros no caso de maiores de 12 anos e de 36,50 euros no caso de menores de 12 anos.

Artigo 7. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. Cada unidade familiar poderá presentar, a través dunha persoa que a represente, unha solicitude para a adxudicación de prazas para estadías de fin de semana preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será 10 días hábiles. Este prazo comezará a computarse desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas solicitantes que representen a unidade familiar deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II sobre comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, de ser o caso.

b) Certificado de convivencia ou de empadroamento conxunto de todos os membros da unidade familiar. Estes xustificantes deberán ter unha antigüidade máxima de 6 meses.

c) Copia do título de familia numerosa, só no caso de non ser expedido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Copia do certificado de familia monoparental, só no caso de non ser expedido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Copia da resolución administrativa de acollemento, só no caso de non ser expedida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Documentación acreditativa da condición de vítima de violencia de xénero por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante a consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habillitados para o efecto. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma establecida no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a esta consulta:

a) Documento nacional de identidade ou número de identificación de estranxeiros da persoa solicitante e da persoa que a represente, se é o caso, así como dos demais membros da unidade familiar.

b) Título de familia numerosa expedido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Certificado de familia monoparental expedido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Resolución administrativa de acollemento, só no caso de non ser expedida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Declaración do imposto da renda das persoas físicas do ano 2020, da persoa solicitante e, se é o caso, dos demais membros da unidade familiar.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado do anexo I, ou no anexo II, se é o caso, e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Requirimento de emenda

Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación sinalada, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 21 da dita lei.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Publicación e notificación dos actos

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Non obstante, e tendo en conta que a publicación destes actos pode lesionar dereitos e intereses lexítimos das persoas solicitantes, publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería (http://politicasocial.xunta.es) unha breve indicación do contido do acto, así como do lugar onde os interesados poderán comparecer, no prazo que se estableza, para o coñecemento do contido íntegro do mencionado acto e constancia do coñecemento, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 39/2015. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Así mesmo, de forma complementaria poderase efectuar a notificación de todos os actos administrativos de acordo co reflectido nos números seguintes.

2. As notificacións complementarias de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

4. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento correspóndelle á subdirección xeral competente en materia de política familiar, infancia e adolescencia.

2. Unha vez completos os expedientes, o órgano instrutor remitiraos á Comisión de Valoración prevista no artigo seguinte, que procederá á súa avaliación seguindo os criterios establecidos no artigo 15.

3. Examinado o informe da Comisión de Valoración, o instrutor formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver o procedemento, na cal se proporá a adxudicación de prazas segundo a orde de puntuación ata esgotar o número de prazas ofertadas.

4. As prazas que queden vacantes por renuncias posteriores á súa adxudicación ofertaranse ás persoas solicitantes que non obtiveron praza, seguindo para estes efectos a orde de adxudicación que corresponda na lista de agarda con base na puntuación obtida, de conformidade co disposto no artigo 15.

Artigo 14. Comisión de Valoración

1. Para o exame e avaliación das solicitudes constituirase, na dirección xeral competente en materia de familia, infancia e dinamización demográfica, unha Comisión de Valoración coa seguinte composición:

a) Un/unha presidente/a, cargo que será exercido pola persoa titular da subdirección xeral competente en materia de familia, infancia e adolescencia.

b) Tres vogais, que serán empregados/as públicos designados/as pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de familia, infancia e dinamización demográfica, por proposta da persoa que exerza a presidencia da comisión.

2. Un/unha secretario/a con voz pero sen voto, que será un/unha dos/das vogais da comisión.

3. No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a Comisión de Valoración, será substituída por outra persoa nomeada pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de familia.

4. Correspóndelle á comisión emitir informe no cal se concrete o resultado da valoración efectuada e a súa posterior elevación ao órgano instrutor para que, segundo este, formule proposta de resolución.

5. A comisión, como órgano colexiado, rexerase pola Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 15. Criterios de valoración das solicitudes

1. As solicitudes presentadas avaliaranse conforme os seguintes criterios:

a) Renda per cápita da unidade familiar inferior a 6.000 euros anuais: 5 puntos.

b) Renda per cápita da unidade familiar igual ou superior a 6.000 e inferior a 9.000 euros anuais: 4 puntos.

c) Renda per cápita da unidade familiar igual ou superior a 9.000 e inferior a 12.000 euros anuais: 3 puntos.

d) Renda per cápita da unidade familiar igual ou superior a 12.000 e inferior a 15.000 euros anuais: 2 puntos.

e) Renda per cápita da unidade familiar igual ou superior a 15.000 euros anuais: 1 punto.

2. Ás familias numerosas de categoría especial outorgaráselles un punto adicional.

3. No suposto de empate, prevalecerá a unidade familiar coa renda per cápita máis baixa e, de seguir en situación de empate, predominará a unidade familiar que teña maior número de fillos/as.

4. A proposta de resolución non crea dereito ningún a favor da beneficiaria proposta fronte á Administración mentres non se lle notifique a resolución de concesión.

Artigo 16. Resolución

1. A resolución do procedemento correspóndelle á persoa titular da dirección xeral competente en materia de familia, infancia e dinamización demográfica por delegación da titular da Consellería de Política Social, que deberá resolver no prazo máximo de 5 días desde a elevación da correspondente proposta.

2. A resolución considerarase ditada polo órgano delegante.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous meses contados desde o día seguinte á data da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas por silencio administrativo, de conformidade co establecido no artigo 25.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. No caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interporse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Todo isto sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

Artigo 18. Confirmación da estadía e adxudicación definitiva

Unha vez notificada a adxudicación da estadía, para poder facer uso dela, as familias beneficiarias teñen a obriga de confirmar por escrito, no prazo de 5 días hábiles, a súa aceptación, acompañada do xustificante de depósito da cantidade de 30 euros por estadía que, en concepto de reserva, se deba realizar na estación de montaña.

No suposto de que non se cumpran as condicións establecidas no parágrafo anterior, quedaría sen efecto a resolución de adxudicación definitiva e entenderase que se renuncia a ela, perderase a condición de persoa beneficiaria e incorporaranse as súas prazas á lista de vacantes, de acordo co establecido no artigo 19 desta orde.

Artigo 19. Lista de agarda

As persoas solicitantes que, cumprindo cos requisitos do artigo 3, non obtivesen praza quedarán incluídas na lista de agarda que se xunta coa resolución e cuxa publicación terá lugar de acordo co establecido no artigo 12 desta orde. En caso de que se produzan renuncias nas prazas adxudicadas, estas serán ofertadas por orde de puntuación segundo se vaian producindo.

Artigo 20. Pagamento das estadías

As familias beneficiarias da estadía de fin de semana aboarán directamente o importe da estadía na estación de montaña de acordo coas instrucións que ao respecto lles indique o establecemento. Para iso aboarán, ao inicio da estadía, o importe resultante da diferenza entre a cantidade fixada como prezo para cada praza desa estadía e a cantidade xa aboada en concepto de reserva, de acordo co establecido no artigo 18 desta orde.

Artigo 21. Perda da condición de familia beneficiaria do programa e devolución dos importes

1. Ademais das circunstancias establecidas no artigo 18, tamén perderá a condición de familia beneficiaria do programa aquela que non aboe a estadía ao comezo do desfrute da fin de semana.

2. A consignación e achega de datos ou documento falseados ou inexactos para a obtención das estadías reguladas pola presente orde implicará a cancelación da estadía concedida, no suposto de que aínda non gozase desta, ou a obriga, por parte da familia beneficiaria, de aboar o prezo real da estadía, sen prexuízo das accións que procedan en aplicación da normativa vixente, se xa gozase da quenda.

3. Se, unha vez obtida a estadía e aboado o importe correspondente á reserva, a familia beneficiaria non pode asistir á actividade, só terá dereito á devolución do dito importe nos casos e polas causas seguintes:

a) Cando por causas non imputables á persoa interesada non se preste o servizo ou a Administración anule a actividade.

b) Cando se produza un ingreso hospitalario ou outra causa médica que afecte a persoa solicitante ou o resto dos membros da unidade familiar beneficiarios da estadía e lles impida incorporarse á estación de montaña. Esta causa deberá acreditarse con informes médicos e/ou do hospital en que estea ingresada.

c) Por falecemento ou enfermidade grave dun familiar. Esta causa debe estar acreditada con informes médicos e/ou do hospital onde está ingresado o familiar, ou co certificado de defunción, se é o caso.

Para facer efectiva esta devolución, as familias beneficiarias presentarán unha solicitude neste sentido dirixida á estación de montaña no prazo máximo de 10 días hábiles seguintes á causa que motivou a non asistencia á actividade.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Apróbase a delegación da competencia para resolver a adxudicación de prazas para estadías no programa de Montaña en familia na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file