Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Venres, 5 de novembro de 2021 Páx. 54259

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 29 de outubro de 2021 pola que se acorda incrementar o importe máximo, así como unha nova distribución entre os concellos afectados, da oferta pública de adquisición, mediante compra, de inmobles situados nos núcleos históricos dos concellos da Coruña, Ribadavia e Tui, para a construción de edificios de vivendas ou para a súa rehabilitación ou renovación.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 26 de marzo de 2021 (DOG núm. 65, do 8 de abril), o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) acordou realizar unha oferta pública de adquisición, mediante compra, de inmobles situados nos núcleos históricos dos concellos da Coruña, Ribadavia e Tui, para a construción de edificios de vivendas ou para a súa rehabilitación ou renovación. Esta actuación enmárcase no desenvolvemento do programa Rexurbe, implantado en 2017 nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, co que a Xunta de Galicia traballa na recuperación de núcleos históricos de diferentes vilas e cidades galegas.

Segundo. O acordo segundo II B) (importe da oferta) da citada Resolución do 26 de marzo de 2021, establece o seguinte:

O importe máximo da oferta será de 1.500.000 euros, con cargo á aplicación 08.81.451A.618.1, proxecto 2017 0007, do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021. Non obstante, a citada contía poderá ser ampliada en virtude das dispoñibilidades orzamentarias do IGVS, mediante a resolución da persoa titular da súa dirección xeral, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

O citado importe será distribuído do seguinte xeito:

– Para o Concello da Coruña: 1.000.000 de euros.

– Para o Concello de Ribadavia: 250.000 euros.

– Para o Concello de Tui: 250.000 euros.

No caso de que, por falta de ofertas, non se esgotase o crédito previsto para un determinado concello e, ao mesmo tempo, o crédito inicial previsto para os demais resultase insuficiente para adquirir inmobles propostos neles, a persoa titular do IGVS, sobre a base dos informes recadados ao respecto, poderá acordar a disposición de todo ou de parte daquel para adquirir os citados inmobles.

Terceiro. A boa resposta obtida na presente convocatoria e co obxectivo de poder dar cobertura a todas as ofertas susceptibles de seren aceptadas, unha vez realizadas as taxacións correspondentes por unha sociedade inscrita no Rexistro do Banco de España e os informes elaborados pola Oficina Técnica do IGVS, fan conveniente recorrer ás facultades transcritas no antecedente anterior, relativas á ampliación do importe máximo da oferta, así como a unha nova redistribución entre os concellos afectados, nos seguintes termos, acordes coas dispoñibilidades orzamentarias do IGVS:

Incrementar o importe máximo da oferta en 712.000 €, ata acadar un total de 2.212.000 euros, ademais de efectuar unha nova distribución do seguinte xeito:

– Para o Concello da Coruña: 1.780.000 euros.

– Para o Concello de Ribadavia: 79.000 euros.

– Para o Concello de Tui: 353.000 euros.

Consideracións legais:

Primeira. O acordo segundo II B) da Resolución do 26 de marzo de 2021 pola que se acorda realizar unha oferta pública de adquisición, mediante compra, de inmobles situados nos núcleos históricos dos concellos da Coruña, Ribadavia e Tui, para a construción de edificios de vivendas ou para a súa rehabilitación ou renovación.

Segunda. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS é o órgano competente para asinar a presente resolución, en virtude das competencias conferidas polo artigo 12.2.k) do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do citado organismo (DOG núm. 147, do 5 de agosto).

De conformidade con todo o indicado e en vista da acta da xuntanza do 27 de outubro de 2021, da Comisión de Valoración, constituída ao abeiro da citada Resolución do 26 de marzo de 2021,

ACORDO:

Primeiro. Incrementar o importe máximo da oferta pública de adquisición, mediante compra, de inmobles situados nos núcleos históricos dos concellos da Coruña, Ribadavia e Tui, en 712.000 €, con cargo á aplicación 08.81.451A.618.1, proxecto 2017 00007, do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Segundo. Realizar unha nova distribución do importe máximo da oferta pública entre os diferentes concellos afectados:

– Para o Concello da Coruña: 1.780.000 euros.

– Para o Concello de Ribadavia: 79.000 euros.

– Para o Concello de Tui: 353.000 euros.

A publicación desta resolución non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo