Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Mércores, 10 de novembro de 2021 Páx. 55405

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 2 de novembro de 2021 pola que se modifica a Orde do 20 de xullo de 2021 pola que se determinan as bases reguladores para a concesión de prazas e bolsas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería para o curso académico 2021/22 (códigos de procedemento BS303B, BS303C e BS303D).

Mediante a Orde do 20 de xullo de 2021 pola que se determinan as bases reguladoras para a concesión de prazas e bolsas nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso académico 2021/22 (DOG núm. 144, do 29 de xullo), aprobouse a convocatoria para a adxudicación de prazas e bolsas a través dos seguintes procedementos:

a) BS303B: prazas en residencias xuvenís para estudantes.

b) BS303C: prazas en residencias xuvenís para persoas estudantes colaboradoras bolseiras.

c) BS303D: prazas en residencias xuvenís para persoas traballadoras.

Unha vez resolta a adxudicación de prazas e bolsas de acordo co previsto na devandita orde, e esgotadas as correspondentes listas de espera, resulta que existen as seguintes prazas vacantes por procedemento e residencia, concretamente para persoas estudantes non bolseiras e para persoas traballadoras:

Concello

Residencia

Nº prazas

BS303B

(persoas estudantes non bolseiras)

Nº prazas

BS303D

(persoas traballadoras)

Total

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

3

7

10

Ourense

Florentino López Cuevillas

7

5

12

Por todo o anterior, e co obxectivo de favorecer o acceso ao emprego, ao ensino universitario, aos estudos superiores ou aos ciclos formativos das persoas mozas con escasos recursos, a Consellería de Política Social considera razoable flexibilizar o inicio do período de estadía nas residencias xuvenís establecido na Orde do 20 de xullo de 2021 e abrir un novo prazo de solicitudes para cubrir as prazas actualmente vacantes para persoas estudantes non bolseiras e para persoas traballadoras, que permita optimizar o uso destas instalacións para a mocidade.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Modificación da Orde do 20 de xullo de 2021 pola que se determinan as bases reguladoras para a concesión de prazas e bolsas nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso académico 2021/22 (códigos de procedemento BS303B, BS303C e BS303D)

O artigo 3 da Orde do 20 de xullo de 2021 pola que se determinan as bases reguladoras para a concesión de prazas e bolsas nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso académico 2021/22 queda redactado como segue:

«Artigo 3. Período de estadía

1. O período máximo de estadía na residencia xuvenil de todas as persoas residentes será de 11 meses, exceptuados, se é o caso, os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa.

2. As persoas residentes que teñan a condición de estudantes, colaboradoras bolseiras ou non, finalizarán a súa estadía na residencia xuvenil coincidindo co remate do curso académico no cal estivesen matriculadas, respectando sempre o período máximo antes indicado.

3. En calquera caso, as persoas residentes deberán iniciar a súa estadía na residencia xuvenil como prazo máximo o 31 de outubro do ano desta convocatoria, agás no suposto de cobertura posterior de prazas vacantes a través da lista de espera, de acordo co resultado dos criterios de valoración establecidos no artigo 11 ou, no caso do esgotamento da dita lista, a través da apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes con novas resolucións de adxudicación».

Artigo 2. Apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes para a cobertura das prazas vacantes nos procedementos BS303B e BS303D

1. Ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes, de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para os procedementos e número de prazas que figuran a continuación:

Concello

Residencia

Nº prazas

BS303B

(persoas estudantes non bolseiras)

Nº prazas

BS303D

(persoas traballadoras)

Total

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

3

7

10

Ourense

Florentino López Cuevillas

7

5

12

No caso de que coas solicitudes presentadas no devandito prazo non se cubran todas as prazas reservadas para persoas traballadoras (BS303D), as prazas restantes poderán ofertarse a persoas solicitantes estudantes non bolseiras (BS303B).

2. As solicitudes presentadas segundo o establecido no número anterior someteranse ao disposto na Orde do 20 de xullo de 2021 pola que se determinan as bases reguladoras para a concesión de prazas e bolsas nas residencia xuvenís dependentes da Consellería de Política Social para o curso académico 2021/22 (códigos BS303B, BS303C e BS303D).

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social