Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Venres, 12 de novembro de 2021 Páx. 55817

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 4 de novembro de 2021 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420A).

O 13 de xaneiro publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420A).

Esta convocatoria de axudas está dirixida ás entidades privadas de iniciativa social, por unha banda para materializar a contribución da Administración galega ao sostemento dos centros de educación infantil 0-3 anos existentes e a fomentar a mellora da súa calidade e, por outra, a compensarlles aos ditos centros o custo que supón a bonificación do 100 % das cantidades correspondentes á atención educativa e tamén do custo da matrícula do segundo fillo ou filla e sucesivos/as da unidade familiar.

Dentro do marco do compromiso económico da Orde do 30 de decembro de 2020, a presente modificación ten por obxecto incrementar a contía dos módulos establecidos no número 2 do artigo 4 referido ao tipo de axudas e contías nun 7,5 % para promover que as entidades beneficiarias destas axudas poidan continuar mantendo a viabilidade das escolas infantís e manter o servizo nunhas condicións óptimas que permitan compensar a diminución da contribución das familias ao sostemento dos gastos do centro e o incremento experimentado polos prezos das subministracións e outros gastos correntes que repercuten nos custos das prazas. Así mesmo, coa presente modificación ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes que permite promover a concorrencia a entidades que non acudiron á primeira convocatoria ao considerar que esta modificación posibilita a viabilidade do mantemento dos seus servizos.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420A)

O número 2 do artigo 4 da Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420A), queda modificado como segue:

«2. A liña 1, referida ás axudas para gastos de mantemento, ten como finalidade compensar os gastos que se produzan e/ou se aboen desde o 1 de xaneiro de 2021 ao 31 de agosto de 2022 nos seguintes conceptos:

a) Gastos de persoal, sempre que os seus importes non excedan os salarios e complementos establecidos para cada categoría profesional no último convenio colectivo de ámbito estatal de centros de asistencia e educación infantil.

b) Gastos de alimentación.

c) Outros gastos xerais de mantemento do centro.

A contía da axuda para gastos de mantemento establecerase en función do número de unidades da escola infantil 0-3 autorizadas que estean en funcionamento na data en que remata o prazo de presentación de solicitudes e da prestación do servizo de comedor, segundo os seguintes módulos para os efectos do previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e máis nos artigos 44 e 52 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro:

Centros con servizo de comedor

Centros sen servizo de comedor

De 1 a 3 unidades

De 4 a 6 unidades

Con 7 ou máis unidades

Contía total por unidade en funcionamento

23.147 €

22.100 €

21.040 €

18.686 €

De non estaren en funcionamento todas as unidades o ano completo, aplicarase unha redución proporcional ao tempo durante o cal non se prestou o servizo.

As contías previstas para os centros con servizo de comedor incrementaranse un 2,25 % no suposto de que se acredite o uso cotián de alimentos de proximidade, producidos ou elaborados na contorna local na prestación do dito servizo, entendendo que cumpren esta condición os que proceden de cadeas de distribución curtas e de mercados locais.

Para os efectos desta orde, enténdese por servizo de comedor o prestado ben por persoal do propio centro, ben por persoal alleo a el contratado con tal fin (servizo de catering), e que inclúe os alimentos. Este servizo comprenderá en todo caso o xantar e opcionalmente o almorzo e merenda e/ou cea».

Disposición adicional primeira. Apertura do prazo de presentación de solicitudes

Ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes, que será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O prazo concluirá o mesmo día en que se produciu a notificación, publicación ou silencio administrativo no mes ou ano de vencemento. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

As solicitudes presentadas segundo o establecido no parágrafo anterior tramitaranse de acordo coas bases establecidas na Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420A).

As entidades que presentaran solicitude ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 2020 non terán que presentar unha nova solicitude para percibiren a axuda que lle corresponda de acordo cos módulos recollidos no artigo 4.2.c).

Disposición adicional segunda. Aplicación dos módulos

A modificación da contía dos módulos será de aplicación desde setembro de 2021 tendo en conta o número de unidades existentes ao abeiro do disposto no artigo 4.2.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social