Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Xoves, 18 de novembro de 2021 Páx. 56616

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 29 de outubro de 2021 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Cambre (A Coruña) na unidade de execución 8B.

O Concello de Cambre solicita a aprobación definitiva da modificación das normas subsidiarias municipais arriba referida en virtude do artigo 60.16 en relación co artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en adiante, LSG), que corresponde co artigo 144.16 do seu regulamento aprobado por Decreto 143/2016 (en diante, RLSG).

Analizada a documentación achegada polo concello; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Cambre dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento de ámbito municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 27.7.1994 (o texto refundido por Acordo do 26.9.1994), xa que logo anterior á Lei 1/1997, do solo de Galicia.

2. O concello aprobou un estudo de detalle da unidade de execución UE-8 o 9.12.1997 (Boletín Oficial da provincia da Coruña do 10.1.1998).

3. O arquitecto municipal emitiu 18.2.2019 un informe sobre o documento de inicio da modificación, favorable á súa tramitación.

4. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu informe o 16.5.2019 para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

5. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico o 29.5.2019 (DOG do 13 de xuño), que resolve non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria e establece determinacións para favorecer a integración ambiental. No marco dos procesos de consultas previas, contestaron, ademais da DXOTU:

• Axencia Galega de Infraestruturas, informe do 5.4.2019, con diversas observacións.

• Instituto de Estudos do Territorio, informe do 14.5.2019, que realiza varias recomendacións.

• Dirección Xeral de Mobilidade e o Servizo de Montes da Coruña, sen observacións.

6. Os servizos municipais e as empresas subministradoras informaron sobre a suficiencia de infraestruturas e dos servizos de electricidade, abastecemento de auga, saneamento, iluminación pública, telecomunicacións e gas.

7. O arquitecto municipal emitiu informe o 13.2.2020.

8. O xefe da Área de Urbanismo e Réxime Interior emitiu informe o 14.2.2020.

9. O Pleno do Concello aprobou inicialmente a modificación en sesión do 27.2.2020. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario Oficial de Galicia e La Opinión do 25.6.2020) sen se presentar ningunha alegación segundo certificación municipal do 28.9.2020.

10. Consta a emisión dos seguintes informes preceptivos:

• Dirección Xeral de Aviación Civil (Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana), do 12.6.2020, favorable.

• Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) do 5.7.2020.

• Subdelegación do Goberno na Coruña do 21.10.2020.

• Dirección Xeral da Costa e o Mar (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) en referencia ao artigo 117.1 da Lei 22/1988, de costas, do 18.11.2020. O informe correspondente ao artigo 117.2 desta lei, solicitado polo concello con data do 7.5.2021, non resulta preceptivo por canto o ámbito se atopa en área de influencia.

Non se recibiu o informe solicitado polo concello con data do 9.6.2020 ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo en materia de telecomunicacións, entendéndose emitido en senso favorable conforme o artigo 35 de Lei de telecomunicacións.

• Axencia Galega de Infraestruturas do 6.4.2020.

• Augas de Galicia do 27.7.2020.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 19.8.2020, favorable.

• Instituto de Estudos do Territorio do 2.10.2020, sen obxeccións.

• Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, con data do 28.10.2021, en referencia ao artigo 117.2 da Lei 22/1988, de costas, sinalando que no seu ámbito non resultan de aplicación as prescricións desa lei.

• Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, con data do 28.10.2021, en referencia á compatibilidade co Plan de ordenación do litoral.

Non se recibiu o informe solicitado á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, polo que se entende emitido en sentido favorable, conforme o previsto no artigo 60.7 da LSG.

11. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Abegondo, Bergondo, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada, respondendo os concellos de Abegondo, Bergondo e Oleiros.

12. O arquitecto municipal emitiu informe previo á aprobación provisional o 11.12.2020.

13. O xefe da Área de Urbanismo e Réxime Interior emitiu informe xurídico previo á aprobación provisional o 15.12.2020, con conformidade da secretaria municipal.

14. A modificación foi aprobada polo Concello en pleno con data do 29.12.2020.

15. A solicitude de aprobación definitiva realizouse mediante oficio do 9.3.2021 que tivo entrada no Rexistro Xeral da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda o 22.3.2021. Requirida documentación o 13.4.2021, foi recibida esta, en parte o 23.7.2021 e en parte o 4.8.2021.

II. Obxecto e descrición da modificación.

1. O ámbito da modificación encóntrase no núcleo urbano do Temple. Inclúe, por unha banda, a unidade de execución UE.8b e terreos contiguos ao oeste e norte desta, e por outra, os terreos nos que se encontra o posto da Garda Civil e outros lindeiros a este, dedicados en parte a vía e a espazo libre público.

2. O obxecto da modificación é dar viabilidade ao desenvolvemento da unidade de execución UE-8b (co traslado da actividade industrial existente e o remate da trama urbana); finalizar o proceso de obtención dos terreos de equipamento, viario e espazo libre público que foron ocupados anticipadamente, tras a sinatura dun convenio urbanístico no ano 2000; e mellorar a continuidade e a funcionalidade do espazo público.

3. A modificación introduce unha ordenanza específica de solo urbano de aplicación exclusiva no seu ámbito, referida á altura máxima e existencia de pasos inferiores; cualifica a parcela do posto da Garda Civil como equipamento dotacional de uso público (actualmente con ordenanza residencial denso); modifica o ámbito da UE-8b, ao excluír a parcela situada no extremo sur, que pasa a cualificarse como solo urbano consolidado; e altera a edificabilidade da UE-8b para axustala ao convenio urbanístico citado.

4. A parcela exterior ao ámbito da UE-8b e situada ao norte desta, así como a parcela excluída no extremo sur, sométense a esta nova ordenanza específica, co que as súas alturas pasan de B+3 a B+4.

5. O ámbito da modificación, coa excepción das parcelas sitas ao norte (rúa Costa da Tapia) e ao sur (rúa Estanque), que son pezas que reúnen as condicións de solo urbano consolidado, trátase como solo urbano non consolidado (artigo 17.b) da LSG). Neste ámbito prodúcese un incremento do aproveitamento urbanístico do 57 % con respecto á ordenación anterior e realízanse obras de reurbanización para a execución dun espazo libre e dunha vía.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación da modificación puntual, en relación coas observacións formuladas no Informe de Consultas da DXOTU do 16.5.2019 e as modificacións operadas durante a súa posterior tramitación, púidose comprobar o cumprimento da normativa urbanística de aplicación. Porén, cómpre formular as seguintes consideracións:

1. Obsérvanse erros materiais que cómpre corrixir: a referencia á redacción dun plan especial, cando o ámbito contén a ordenación detallada; a estimación no punto 5.1 da memoria da non previsión de cesións de solo, cando se prevén cesións de solo para as zonas verdes e os equipamentos dos sistemas xerais e locais regulamentarios exixidos como resultado do incremento do aproveitamento lucrativo; e as variacións existentes entre a edificabilidade prevista no punto 4.6 da memoria e os restantes cadros.

2. O alzado á rúa Estanque incumpre a altura máxima permitida.

3. Preverase a reserva de vivenda sometida a algún réxime de protección exixida no artigo 42.9 da LSG.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cambre (A Coruña) no ámbito da UE-8b, condicionada ao cumprimento das observacións sinaladas no punto III anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a Normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda