Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Luns, 22 de novembro de 2021 Páx. 57116

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Pangea Galicia para el Encuentro de las Culturas.

Tras ser examinado o expediente de declaración de interese galego e de inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Pangea Galicia para el Encuentro de las Culturas, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. O 13 de xullo de 2021, M. Montserrat Estévez David, en representación da Fundación, presentou unha solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Pangea Galicia para el Encuentro de las Culturas constituírona Ana María Silva González, Ana Isabel Naya Díez, Roberto Rodríguez Blanco, Juan Ignacio Espinosa Antón e María Rosa de Celis Fernández, mediante escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 28 de xuño de 2021, ante o notario Miguel Lucas Sánchez, co número de protocolo 2.533. Esta escritura foi emendada por outra outorgada na mesma localidade o 28 de setembro de 2021, ante o notario Julio Manuel Díaz Losada, co número 2.590 do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto «o desenvolvemento de fins culturais, concretamente fomentando o diálogo multicultural entre os visitantes que realizan o Camiño de Santiago como base da inclusión da diversidade, a non discriminación, a non violencia e a irmandade entre os seres humanos».

4. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á personalidade dos fundadores e fundadoras; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O Padroado inicial da Fundación está formado por Ana María Silva González, como presidenta; Ana Isabel Naya Díez, como vicepresidenta; Roberto Rodríguez Blanco, como secretario; Juan Ignacio Espinosa Antón, como tesoureiro, e María Rosa de Celis Fernández, como vogal.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Pangea Galicia para el Encuentro de las Culturas, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo do 27 de outubro de 2021 (Diario Oficial de Galicia núm. 215, do 9 de novembro), clasificouse de interese cultural a Fundación Pangea Galicia para el Encuentro de las Culturas, e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación e Universidade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Pangea Galicia para el Encuentro de las Culturas, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que lle correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Pangea Galicia para el Encuentro de las Culturas.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2021

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Universidade