Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Luns, 22 de novembro de 2021 Páx. 57138

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 10 de novembro de 2021 pola que se convoca a xornada Operacións de fin de exercicio nas entidades locais. Elaboración das contas anuais.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar a xornada Operacións de fin de exercicio nas entidades locais. Elaboración das contas anuais, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

A presente xornada ten por obxecto analizar, desde unha perspectiva práctica, as operacións de contabilidade pública que realizan as entidades locais na fin do exercicio orzamentario, tanto desde un punto de vista económico como orzamentario e patrimonial.

Segunda. Contidos

– Operacións previas á regularización e ao peche.

• Reclasificación das operacións.

• Reclasificacións non formalizadas.

• Axustes de periodificación.

• Correccións valorativas.

• Axustes de activos e pasivos financeiros.

• Valoración de existencias.

• Operacións de exercicio derivadas dos procedementos especiais.

– Operacións de fin de exercicio.

• Regularización do orzamento de ingresos.

• Regularización da contabilidade da xestión de recursos por conta doutros entes públicos.

• Cálculo dos resultados económico-patrimoniais.

• Regularización dos gastos e ingresos imputados ao patrimonio.

– Operacións de peche.

• Peche do orzamento de gastos.

• Peche do orzamento de ingresos.

• Peche da contabilidade económico-patrimonial.

• Cambios de criterios contables, erros e estimacións contables.

• Feitos posteriores ao peche.

Terceira. Persoas destinatarias

Persoal empregado público da Administración local con habilitación de carácter nacional que pertenza á subescala de intervención-tesouraría e secretaría-intervención. Persoal técnico das entidades locais que realice funcións relacionadas co contido da xornada.

Cuarta. Desenvolvemento

Data: mércores 1 de decembro de 2021

Horario: das 10.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 18.00 horas.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid 2-4, Santiago de Compostela.

Duración: 6 horas lectivas.

Quinta. Número de prazas

Oitenta (80).

Sexta. Inscrición

1. A inscrición nestas actividades formativas só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nestas actividades, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e cos criterios de selección establecidos nas bases terceira e oitava respectivamente.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar no nome do curso a xornada Operacións de fin de exercicio nas entidades locais. Elaboración das contas anuais.

5. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 24 de novembro de 2021.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41, ou por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal

Sétima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal coa indicación expresa a este respecto, no cal deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenzan, a súa situación administrativa e o tipo de persoal.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

Oitava. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas dispoñible.

Novena. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas for superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou están excluídas de acordo co disposto no ordinal segundo, punto 6º da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Serán obrigatorias a asistencia á sesión da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización destas actividades.

Décimo primeira. Certificado de asistencia oficial

Ao final desta actividade emitiráselles un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia for igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, neste caso empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública