Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Martes, 23 de novembro de 2021 Páx. 57287

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 12 de novembro de 2021 pola que se modifica a Orde do 22 de decembro de 2020, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MR553C).

Con data do 13 de xaneiro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 7 a Orde do 22 de decembro de 2020, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2021.

O obxecto da orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e convocalas para o ano 2021.

En relación coa pandemia da COVID-19 en humanos provocada polo virus SARS-CoV-2, os estudos realizados ata a data indican que diversas especies de animais poden resultar infectadas por ese virus, e que resultan especialmente sensibles os animais pertencentes á familia dos mustélidos (furóns e visóns, principalmente). Un caso particular é o da cría en granxas do visón americano (Neovison vison) para o seu uso na industria peleteira.

Ao longo do ano 2020 comunicouse dentro da UE a detección de infeccións polo virus SARS-CoV-2 en visóns americanos de granxas localizadas en varios países europeos, entre eles España, e determinouse que é posible a transmisión de persoa a visón e viceversa. A este respecto, a Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) estableceu os niveis de risco de transmisión segundo a evidencia obtida ata a data: alto para a transmisión de humano a animal, moderado para a transmisión de animal a humano e moi alto para a transmisión entre animais.

Na data do 20 de xaneiro de 2021, a Organización Mundial da Saúde (OMS), a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) e a Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE), publicaron unha avaliación tripartita de riscos conxunta sobre as novas ameazas na interface entre os seres humanos, os animais e os ecosistemas, na cal se abordou o SARS-CoV-2 nos animais de peletaría. Este documento recomenda que a realización de probas a animais para a detección do SARS-CoV-2 se basee na avaliación dos riscos e que só se considere na resposta máis ampla á COVID-19 no marco do concepto «Unha soa saúde», coa incorporación dun sistema de vixilancia e alerta anticipada baseado en definicións de casos en traballadores das granxas e animais, segundo corresponda.

O 18 de febreiro de 2021, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), coa contribución do Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECDC) publicou un informe científico sobre a vixilancia da infección por SARS- CoV-2 nos mustélidos. Este informe indica que, unha vez introducido, o SARS-CoV-2 se propaga de maneira moi eficiente nas granxas de visóns, por contacto directo e indirecto. Así mesmo, establece que é probable que a orixe da introdución da infección por SARS-CoV-2 nas granxas sexan persoas infectadas. Dada a extensión da infección entre a poboación humana, o informe da EFSA recomenda que todas as granxas de visóns que aínda non estean infectadas se consideren en risco de infección, e conclúe que para posibilitar a detección temperá da infección nas granxas é importante vixiar os traballadores en contacto cos animais.

A infección polo virus SARS-CoV-2 en granxas de visón americano está considerada como unha enfermidade emerxente pola OIE e a Unión Europea (UE) e, por tanto, é unha enfermidade de declaración obrigatoria, amparada pola normativa europea e a estatal española. Neste marco temos o Regulamento (UE) nº 2016/429 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo de 2016, relativo ás enfermidades transmisibles dos animais e polo que se modifican ou derrogan algúns actos en materia de sanidade animal («Lexislación sobre sanidade animal»), que recolle no seu artigo 6 as «enfermidades emerxentes». A Decisión de execución (UE) nº 2021/788 da Comisión, do 12 de maio de 2021, pola que se establecen normas para a vixilancia e a notificación das infeccións por SARS-CoV-2 en determinadas especies animais, recolle os procedementos harmonizados detallados para a vixilancia desta patoloxía e a notificación oficial por parte dos Estados membros, dos brotes de infección por SARS-CoV-2 en animais en catividade e silvestres de todas as especies da familia dos mustélidos (entre elas os visóns) e os cans mapaches. Así mesmo, esta Decisión establece que os Estados membros deben asignar os recursos necesarios para levar a cabo un sistema de vixilancia e presentar á Comisión Europea informes periódicos sobre a presenza da infección polo virus SARS-CoV-2 en animais en catividade ou silvestres da familia dos mustélidos e nos cans mapaches. A Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, recolle no seu artigo 1 como finalidades da lei, entre outras, a prevención da introdución no territorio nacional e no resto da Unión Europea, de enfermidades dos animais, evitando, así mesmo, a propagación das xa existentes. O Real decreto 526/2014, do 20 de xuño, polo que se establece a listaxe das enfermidades dos animais de declaración obrigatoria e se regula a súa notificación, establece nos seus artigos 3 e 4 que as autoridades competentes das comunidades autónomas realizarán a declaración oficial das enfermidades emerxentes e levarán a cabo a súa comunicación ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).

O MAPA estableceu en 2020 o Programa nacional de prevención, vixilancia e control do SARS-CoV-2 en granxas de visón americano en España, elaborado en colaboración co Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) do Ministerio de Sanidade, e coa participación das CCAA con granxas de visón americano activas nos seus respectivos territorios. Este programa atópase en vigor desde o 15.9.2020 en todo o Estado, foi actualizado en xaneiro de 2021, e continua vixente na data actual e aplicándose na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, xunto coa Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, estableceron a finais de 2020, pola súa vez, un programa de Prevención da infección polo virus SARS-CoV-2 nas granxas de visóns na Comunidade Autónoma de Galicia. As súas directrices, ata o día de hoxe, estanse a levar a cabo en Galicia axustándose á situación epidemiolóxica existente en cada momento na Comunidade Autónoma.

Por outra banda, o anexo IV da Decisión de execución (UE) nº 2021/788 da Comisión, do 12 de maio de 2021, pola que se establecen normas para a vixilancia e a notificación das infeccións por SARS-CoV-2 en determinadas especies animais, dentro da información que deben conter os informes que presentan os Estados membros para levar a cabo a notificación dos brotes de infección polo SARS-CoV-2 nos animais sensibles, recolle como unha das posibles medidas de control o sacrificio sanitario dos animais.

O artigo 20.1 da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, establece que, tanto en fase de sospeita como unha vez confirmado o diagnóstico da enfermidade, a autoridade competente de que se trate poderá establecer o sacrificio obrigatorio dos animais sospeitosos, enfermos, que corran o risco de seren afectados, ou respecto dos cales así sexa preciso como resultado de enquisas epidemiolóxicas, como medida para preservar da enfermidade e cando se trate dunha enfermidade de alta difusión e de difícil control, ou cando así se coide necesario.

O artigo 21.1 da citada Lei 8/2003, do 24 de abril, establece que o sacrificio obrigatorio dos animais e, se for o caso, a destrución dos medios de produción que se consideren contaminados dará lugar á correspondente indemnización pola autoridade competente, en función dos baremos aprobados oficialmente e na forma e condicións establecidos regulamentariamente, a condición de que o propietario dos animais ou medios de produción cumpran a normativa de sanidade animal aplicable en cada caso.

Ata a data de hoxe, neste marco, non existe normativa publicada pola Unión Europea nin polo MAPA que recolla as contías das indemnizacións para os casos de sacrificios obrigatorios de animais ordenados pola autoridade competente nas explotacións de visón americano. A Orde do 22 de decembro de 2020, da Consellería do Medio Rural, tampouco recolle os baremos de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou a morte de visóns no contexto da prevención, vixilancia e control fronte á introdución e circulación do SARS-CoV-2 nas granxas de visón americano en Galicia. En consecuencia, cómpre modificar a dita Orde do 22 de decembro de 2020 para estes casos en que, por cuestións sanitarias ou de saúde pública, a autoridade competente considere imprescindible decretar o sacrificio obrigatorio dos animais da especie Neovison vison en consecuencia da infección do SARS-CoV-2, co fin de fixar a contía dos baremos de indemnización.

Neste contexto, é preciso modificar o anexo II da Orde do 22 de decembro de 2020, para engadir os novos baremos de indemnizacións para os visóns americanos reprodutores (machos e femias) e as súas crías, mortos ou sacrificados por orde da autoridade competente, no marco da prevención, vixilancia e control fronte á introdución e circulación do SARS-CoV-2 nas granxas de visón americano en Galicia.

En virtude do exposto, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

ACORDO:

Artigo único Modificación da Orde do 22 de decembro de 2020, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MR553C)

Modifícase o anexo II da Orde do 22 de decembro de 2020, que queda redactado como segue:

ANEXO II

Baremos de indemnización polo sacrificio obrigatorio de animais de especies distintas da bovina, ovina e cabrúa

1. Especie porcina, cando proceda indemnizar:

• Sementais e reprodutoras: 240 euros a unidade.

• Leitóns desde o nacemento ata 2 meses de idade (≤ 2 meses): 20 euros a unidade.

• Leitóns maiores de 2 meses e ata 4 meses de idade (> 2- ≤ 4 meses): 60 euros a unidade.

• Porcino de ceba maior de 4 meses de idade: 150 euros a unidade.

2. Avicultura:

Polos de engorda da especie Gallus gallus

Semanas de vida

Euros/ave

1

0,14

2

0,32

3

0,54

4

0,84

5

1,16

6

1,49

7 e máis

1,80

Pavos de engorda da especie Meleagris gallopavo

Semanas de vida

Euros/ave

Machos

Femias

2

0,28

4

1,12

6

2,18

1,88

8

3,25

2,64

10

5,12

3,91

12

6,98

5,17

14

8,94

6,58

16

10,90

7,99

18 e máis

12,34

8,76

3. Visón americano, cando proceda indemnizar:

• Macho reprodutor: 70,71 euros a unidade.

• Femia reprodutora: 39,50 euros a unidade.

• Cría: 22,28 euros a unidade.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2021

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural