Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 26 de novembro de 2021 Páx. 57810

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento VI420A).

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é o organismo autónomo encargado da realización das políticas de vivenda e solo na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de alcanzar os obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, da súa creación.

Dentro das funcións e dos obxectivos previstos do Instituto Galego da Vivenda e Solo está a promoción pública de vivendas de protección, así como garantir os dereitos dunha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores da poboación con menos capacidade económica.

Co fin de fomentar a mellora dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, faise necesario incentivar actuacións de reparación, rehabilitación e adaptación, mediante subvencións ás súas comunidades de propietarios/as, coas que poidan acometer as obras necesarias para a súa adecuación aos requisitos de funcionalidade, seguridade, habitabilidade e accesibilidade.

Neste marco, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, de cara a novas convocatorias, considera necesario aprobar unhas novas bases reguladoras para incluír no seu ámbito, ademais dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este organismo cunha antigüidade superior a dez anos que sigan sometidos ao réxime de protección, os edificios de vivendas protexidas promovidos polo citado organismo en que o réxime de protección se extinguise nos tres anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes previsto na correspondente convocatoria de axudas, co obxecto de permitir acceder a estas axudas ás comunidades máis desfavorecidas. Ademais, modifícase o prazo de presentación de documentación das comunidades seleccionadas, coa finalidade axilizar o procedemento de concesión.

A presente resolución estrutúrase en tres capítulos. O capítulo I regula as disposicións xerais que rexen a axuda; no capítulo II, baixo a rúbrica de bases reguladoras da convocatoria, establécense as obrigas, a documentación que se debe presentar, o procedemento para a selección dos participantes, a resolución e o pagamento da axuda. E, por último, a convocatoria de participación para o ano 2022 regúlase no capítulo III.

Esta convocatoria tramítase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos.

En consecuencia co anterior, no exercicio das facultades que teño atribuídas polo Decreto 97/2014, do 24 de xullo,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión das subvencións para a reparación, a rehabilitación e/ou adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) (código de procedemento VI420A).

2. Así mesmo, por medio desta resolución procédese á convocatoria destas subvencións para o exercicio económico de 2022.

Segundo. Normativa aplicable

A tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG) e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (en diante, RLSG). Así mesmo, axustaranse á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPACAP), á Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público (en diante, LRXSP) e á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (en diante, Lofaxga).

Terceiro. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Cuarto. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da convocatoria, norma reguladora, relación de beneficiarios, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que se poderá substituír pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do IGVS.

3. Ademais, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

– Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa representante.

– Número de identificación fiscal (NIF) da entidade representante.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sexto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sétimo. Habilitación

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión desta axuda.

CAPÍTULO II

Bases reguladoras

Oitavo. Ámbito de aplicación desta subvención

O ámbito de aplicación desta subvención está constituído polos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS sometidos a réxime de protección que no momento de presentar a correspondente solicitude teñan máis de dez anos de antigüidade e aqueles nos cales o dito réxime se extinguise nos tres anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes previsto na correspondente convocatoria de axudas.

Noveno. Compatibilidade e incompatibilidade

Estas axudas serán compatibles con calquera outra axuda para o mesmo obxecto que outorgue calquera outra institución pública ou privada. De acordo co artigo 17.3 da LSG, en ningún caso o importe da subvención concedida en virtude desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas concedidas para a mesma finalidade por calquera Administración ou ente público ou privado, supere o custo da actividade subvencionada.

Décimo. Entidades beneficiarias

Poderán ter a condición de beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas que estean incluídos no seu ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

b) Que non incorran en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.

c) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo de criterios de valoración previstos nesta resolución e conforme a disposición orzamentaria existente.

Décimo primeiro. Actuacións subvencionables

1. Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios incluídos no ámbito de aplicación desta resolución que comprendan todas ou algunhas das seguintes actuacións:

a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico ou mellora das instalacións de calefacción.

c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

As actuacións deberán axustarse á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución.

2. Tales actuacións poderán estar iniciadas no momento de solicitar esta subvención, sempre que non comezasen antes do 1 de xaneiro do ano da correspondente convocatoria e non teñan executado máis dun 60 % do custo total das obras.

3. Non serán seleccionadas as solicitudes que teñan custos pagados con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano da correspondente convocatoria nin aquelas que teñan pagamentos efectuados con anterioridade á data da solicitude por un importe superior ao 60 % do custo da obra.

Décimo segundo. Orzamento subvencionable

1. O orzamento subvencionable virá definido polo custo total das actuacións subvencionadas solicitadas, que estará integrado polo custo das obras, o custo dos honorarios facultativos e o custo das licenzas e tributos satisfeitos que fosen precisos por razón das actuacións.

2. En todo caso, establécense como prezos máximos para a redacción do orzamento de execución material os das distintas partidas da Base de datos da construción de Galicia, vixentes no momento da apertura do prazo de presentación de solicitudes. Para as partidas non incluídas na base de datos, determinaranse os prezos por asimilación a outras partidas semellantes da base de datos; subsidiariamente, requirirase a conformidade dos servizos técnicos do IGVS. O acceso á devandita base de datos pódese facer na páxina do IGVS, a través da seguinte ligazón: http://igvs.xunta.gal/web/actuamos/588

Décimo terceiro. Intensidade da subvención

A intensidade da subvención, así como o importe máximo por vivenda, estableceranse en cada convocatoria e consistirá nunha porcentaxe do orzamento subvencionable segundo o informe dos correspondentes servizos técnicos do IGVS.

Décimo cuarto. Criterios de valoración das solicitudes admitidas

Para os efectos da concesión da subvención, as solicitudes presentadas valoraranse de acordo cos criterios que a seguir se sinalan:

I. Tipo de actuacións:

a) Adecuación das condicións de seguridade, ata un máximo de 8 puntos.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade, ata un máximo de 7 puntos.

c) Adecuación das condicións de funcionalidade, ata un máximo de 6 puntos.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade, ata un máximo de 5 puntos.

Nas actuacións a), b) e c), as obras declaradas urxentes, segundo os informes técnicos, incrementarán a súa puntuación en 2 puntos. Se as obras son relativas á actuación d) e no edificio viven persoas discapacitadas, con mobilidade reducida ou maiores de 65 anos, incrementarase a súa puntuación en 2 puntos, sempre que o solicitante acredite tal circunstancia mediante documentos ou certificados oficiais.

II. Antigüidade do edificio, segundo a data da cualificación definitiva:

– Ata 20 anos, 1 punto.

– Máis de 20 anos, 2 puntos.

2. Non se valorarán como actuacións de seguridade estrutural aqueles traballos que, como consecuencia da realización de actuacións de habitabilidade, funcionalidade ou accesibilidade, requiran de obras de adaptación estrutural.

3. No caso de empate, terase en conta o número de vivendas dos edificios, tendo prioridade a actuación que afecte máis número de vivendas; de continuar co empate, a prioridade determinarase por orde da data de presentación da solicitude no rexistro. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución.

Décimo quinto. Inicio do procedemento

O procedemento de concesión iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a publicación da correspondente convocatoria.

Décimo sexto. Órganos competentes

1. A instrución dos procedementos corresponderalles ás xefaturas de área do IGVS da provincia onde se atope o edificio.

2. A resolución sobre a concesión das axudas solicitadas é competencia da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

3. Co obxecto de realizar a selección dos beneficiarios, constituirase unha Comisión de Selección, presidida pola persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS e da que tamén formarán parte, en condición de vogais, as persoas titulares das seguintes unidades:

– Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade, quen realizará as funcións da secretaría.

– Dirección Técnica de Xestión do Patrimonio, Fianzas e Inspección.

– Servizo de Calidade.

– Servizo da Oficina Técnica.

– Xefaturas territoriais ou persoas en quen deleguen.

4. O funcionamento da Comisión de Valoración axustarase ao réxime establecido para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Décimo sétimo. Solicitude e documentación que se debe presentar

1. A solicitude de axuda (anexo I), debidamente cuberta e asinada, deberá presentarse coa seguinte documentación:

a) Certificado expedido polo/a secretario/a da comunidade en que conste que existe acordo das persoas propietarias de solicitar a axuda, de executar as actuacións solicitadas, asi como do nomeamento da persoa autorizada pola comunidade para a tramitación da subvención, no caso de non ser a persoa que exerza a presidencia da comunidade.

b) Memoria descritiva das obras que se pretenden executar, desagregadas por tipo de actuacións. No caso de actuacións de adecuación estrutural, deberase xustificar nesta memoria a necesidade das reparacións solicitadas, así como presentar unha proposta da solución técnica que se pretende executar, asinada por facultativo/a competente.

c) Orzamento estimado das obras, desagregado por cada actuación, así como dos demais gastos que sexan subvencionables e necesarios para as actuacións que se van realizar.

d) Fotografías do edificio e das zonas que se van reparar.

e) Calquera outro documento que a comunidade solicitante considere necesario como complemento da documentación anterior.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos necesarios, requirirase a comunidade solicitante para que no prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fai, se considerará que desiste, logo de resolución ditada para o efecto.

Décimo oitavo. Forma de presentación da solicitude e da documentación complementaria

1. A solicitude deberá presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. De conformidade co artigo 68.4 da LPACAP, se a solicitude se realizase de forma presencial, a comunidade interesada será requirida para que a presente de forma electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo noveno. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes virá establecido na convocatoria correspondente.

Vixésimo. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser presentados de xeito electrónico, accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Vixésimo primeiro. Preavaliación das solicitudes

1. Coa recepción de cada solicitude, a unidade de xestión patrimonial da correspondente área provincial comprobará se o edificio se atopa no ámbito de aplicación desta resolución. Para estes efectos, emitirá un informe, en que constará expresamente se concorre a dita condición e, no caso de cumprimento, deberá indicar a identificación do edificio, así como o número de vivendas e a data da súa cualificación definitiva.

2. Posteriormente, o servizo técnico da área correspondente elaborará un informe para cada unha das solicitudes que estean no ámbito de aplicación desta resolución. No devandito informe definiranse a tipoloxía das actuacións e a súa consideración como subvencionables, a súa viabilidade, o prazo estimado da execución e o orzamento subvencionable. Así mesmo, este informe establecerá unha preavaliación das actuacións subvencionables, obtida en aplicación do baremo establecido no ordinal décimo cuarto desta resolución. No caso de que unha mesma comunidade solicite axudas para diferentes actuacións, estas deberán preavaliarse separadamente.

3. En calquera momento, desde a correspondente área do IGVS, poderase requirir ás comunidades solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que se considere de relevancia para unha mellor avaliación das solicitudes.

Vixésimo segundo. Selección das beneficiarias

1. A Comisión de Selección, á vista dos informes das unidades de xestión patrimonial e dos servizos técnicos, ordenará as solicitudes de maior a menor, en función da súa preavaliación. O secretario da Comisión redactará unha acta en que se indicarán o total das solicitudes presentadas, as solicitudes non admitidas e a causa, así como a lista das solicitudes seleccionadas, segundo as puntuacións obtidas e a dispoñibilidade de crédito orzamentario.

2. As persoas titulares de cada xefatura de área, á vista da acta da Comisión, requirirán ás comunidades beneficiarias seleccionadas para que no prazo dun mes, contado desde a recepción da correspondente notificación, acheguen a seguinte documentación:

a) Licenza ou, no caso de non tela, solicitude dela, xunto co proxecto de execución das obras, redactado por técnico/a competente. No caso que pola natureza ou características das obras non sexa preciso proxecto nin licenza, deberanse presentar a comunicación previa e a memoria técnica presentada ao Concello.

b) Orzamento das obras aprobadas, emitido pola empresa construtora encargada da execución.

De acordo co artigo 29.3 da LSG, cando o importe do gasto subvencionado supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector publico vixente para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar e presentar tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso da obra ou servizo.

c) Declaración responsable da persoa que exerce a presidencia da comunidade, sobre se se solicitou ou non ao IGVS a derrama correspondente para a realización destas obras. En caso afirmativo, deberá achegar a copia do correspondente acordo da comunidade e indicar a data da súa solicitude.

3. De non presentarse a documentación requirida no prazo indicado, considerarase que a comunidade solicitante desiste da súa solicitude, e ditarase a correspondente resolución.

4. Os servizos técnicos do IGVS, unha vez analizada a documentación achegada, emitirán un informe en que indiquen as actuacións subvencionables, o importe real da subvención con base nos orzamentos presentados, o prazo máximo para a finalización das obras e a anualidade correspondente para a xustificación de pagamento da axuda.

Vixésimo terceiro. Propostas de resolución

As persoas titulares das xefaturas de área, á vista dos acordos da Comisión de Selección, proporán as resolucións de concesión, indicando, no caso de que sexa estimatoria, o orzamento subvencionable, o importe da subvención, e o prazo máximo para a finalización das obras e a súa xustificación, que non poderá ser posterior á anualidade final prevista na convocatoria correspondente.

Vixésimo cuarto. Resolucións

1. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolverá de maneira motivada sobre a concesión das subvencións.

2. As resolucións de outorgamento da subvención comprenderán o orzamento subvencionable, o importe da subvención, o prazo máximo para a finalización das obras e a súa xustificación.

3. As actuacións consideradas non susceptibles de ser subvencionadas por falta de crédito quedarán en reserva, por se puideren ser atendidas, ben co crédito que quedase libre, de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas que se poida producir, de conformidade co establecido no artigo 31.2.a) e b) da LSG.

Vixésimo quinto. Prazo de resolución

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses, contados desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se notifique a resolución, a axuda deberá entenderse desestimada.

Vixésimo sexto. Recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria caberá recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, que se poderá interpoñer no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Vixésimo sétimo. Obrigas das comunidades beneficiarias

1. As comunidades beneficiarias deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar as obras e acreditar a súa execución, de conformidade co disposto na resolución de concesión.

b) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes ao longo do proceso de execución, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que deberán achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) Comunicar inmediatamente ao IGVS cantas axudas soliciten e/ou obteñan doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais en relación coas actuacións que solicita.

e) As demais obrigas recollidas no artigo 11 da LSG.

2. As obras executaranse logo da comunicación previa ou licenza municipal, segundo o caso, e deberán suxeitarse estritamente á memoria ou ao proxecto de execución redactado, así como ás instrucións do/da facultativo/a director/a das obras contratado para o efecto, se for procedente.

3. Se no edificio houber vivendas titularidade do IGVS e for preciso atender derramas relacionadas coas actuacións para as que se pediu a subvención, só poderá solicitar ao citado organismo a contía correspondente ao importe non subvencionado delas. De ser o caso que a comunidade xa recibise do IGVS a contía correspondente da derrama da totalidade do importe das actuacións, deberá devolverlle, antes do pagamento, a cantidade correspondente cuberta pola subvención.

Vixésimo oitavo. Inicio das obras

1. Se as obras non estivesen iniciadas no momento de solicitar a subvención, o prazo máximo para inicialas será de tres meses, no caso de comunicación previa, e de seis meses, no caso de precisar licenza municipal. Estes prazos computaranse desde a notificación de resolución de concesión.

2. As comunidades que teñan iniciadas as obras no momento de presentar a solicitude deberán facer constar tal circunstancia no anexo I.

Vixésimo noveno. Prazo de finalización e xustificación das actuacións

1. O prazo máximo para finalizar e xustificar as actuacións será o que se indique na correspondente resolución de concesión.

2. Antes do remate do prazo da finalización, poderanse solicitar prórrogas por un prazo non superior á metade do inicial, sempre que a finalización non supere a data límite de xustificación da convocatoria correspondente.

3. De xeito excepcional e dentro dos límites previstos na lei, as comunidades beneficiarias poderán xustificar e solicitar o pagamento posteriormente á data límite da xustificación da convocatoria por causas xustificadas. Neste caso, a súa resolución favorable sempre estará condicionada á existencia de crédito na anualidade para a cal solicitan o pagamento.

4. A resolución de prórroga asinarase logo de proposta da persoa titular da xefatura de área correspondente.

Trixésimo. Renuncia

A comunidade de propietarios/as beneficiaria poderá renunciar á subvención por calquera medio que permita a súa constancia ao IGVS, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Trixésimo primeiro. Xustificación e pagamento da subvención

1. Unha vez finalizadas as obras e na anualidade indicada na súa resolución de concesión, a comunidade de propietarios/as beneficiaria poderá solicitar o pagamento da subvención mediante a presentación do modelo de solicitude de pagamento (anexo II), debidamente cuberto e asinado, xunto coa seguinte documentación de xustificación das actuacións:

– Certificado final da dirección de obra, se procede.

– Certificado das instalacións tramitado ante o organismo correspondente, cando proceda.

– Fotografías que mostren as obras executadas.

– Factura/s de todos os gastos subvencionables.

– Licenza e xustificación das taxas e tributos satisfeitos.

– Xustificantes de pagamento dos gastos subvencionables, de acordo co artigo 42.2 do RLSG.

No caso que a comunidade de propietarios/as cedese o dereito de cobramento da subvención ao/aos contratista/as para realizar as obras obxecto desta axuda, estará exenta da presentación os xustificantes de pagamento do importe correspondente a estes dereitos cedidos. Considéranse xustificantes de pagamento os certificados ou anotacións en conta das transferencias bancarias realizadas coa identificación do importe, da persoa que a ordena e da persoa receptora.

2. A persoa titular da xefatura de área remitirá a proposta de pagamento ao órgano competente pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, á vista do informe técnico e da documentación achegada. O pagamento efectuarase mediante transferencia bancaria, logo da resolución de pagamento da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Trixésimo segundo. Cesión do dereito de cobramento da subvención ao/aos contratista/s

1. As comunidades de propietarios/as poderán ceder o dereito do cobramento da súa subvención ao/aos contratista/s das obras obxecto desta axuda. Neste caso, deberán presentar, xunto coa solicitude de pagamento e a documentación prevista no ordinal anterior, o anexo III, debidamente cuberto.

2. A cesión do dereito de cobramento non afectará as facultades do IGVS, respecto da comunidade, sobre a revogación, modificación ou revisión da resolución de concesión e, de ser o caso, do reintegro da subvención.

Trixésimo terceiro. Reintegro da subvención e sancións

O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención ou a concorrencia de calquera das causas de reintegro determinadas polo artigo 33 da LSG suporá, ademais das sancións que puidesen corresponder, a obriga de reintegro por parte da comunidade beneficiaria dos recursos achegados, incrementados co xuro legal correspondente desde o seu aboamento, de acordo co procedemento establecido no capítulo I do título II da mesma lei.

CAPÍTULO III

Convocatoria para o exercicio 2022

Trixésimo cuarto. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será desde o día 3 de xaneiro de 2022 ata o día 4 de abril de 2022.

Trixésimo quinto. Aplicación orzamentaria e contía

1. O importe máximo das subvencións reguladas nesta resolución instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación 2022 08 81 451A 781.0 dos orzamentos do IGVS. A contía será de 1.000.000 de euros, repartidos en 150.000 euros na anualidade 2022 e 850.000 euros na anualidade 2023.

2. Excepcionalmente, a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá incrementar o crédito orzamentario destinado a estas axudas, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ao tramitarse esta convocatoria polo procedemento anticipado de gasto, as axudas imputaranse ás aplicacións orzamentarias indicadas, condicionando a súa concesión á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución, de acordo co establecido no artigo 25 do RLSG, en que se establece a tramitación anticipada do expediente de gasto.

Trixésimo sexto. Intensidade da axuda desta convocatoria

A intensidade da axuda desta convocatoria será dun importe correspondente ao 60 % do orzamento subvencionable e ata un máximo de 6.000 euros por vivenda.

Trixésimo sétimo. Prazo máximo para xustificar a subvención

O prazo máximo para xustificar e solicitar o pagamento desta axuda será o 30 de novembro da anualidade correspondente á da resolución de concesión e non pode exceder o 30 de novembro de 2023, sen prexuízo do recollido no ordinal vixésimo noveno.

Trixésimo oitavo. Información ás persoas interesadas

En relación con este procedemento administrativo, poderase obter documentación e información adicional a través dos seguintes medios:

a) Electrónicos, na páxina web da Xunta de Galicia:

https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos ou na páxina web oficial do IGVS: http://igvs.xunta.gal/web/igvs/portada

b) Presenciais, nas áreas provinciais correspondentes e nos servizos centrais do IGVS.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivienda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file