Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Luns, 29 de novembro de 2021 Páx. 58174

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica o acordo adoptado no seo da Comisión de Seguimento do Plan de continxencia en materia de recursos humanos COVID-19.

Na Mesa Sectorial de Negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, na súa sesión do 25 de novembro de 2020, foi pactado entre a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CC.OO., CSI-F e SATSE o Plan de continxencia en materia de recursos humanos (COVID-19), publicado por Orde do 27 de novembro de 2020 da Consellería de Sanidade (DOG núm. 242, do 1 de decembro).

O plan inclúe un novo nomeamento eventual por emerxencia sanitaria. Este nomeamento, que se realizou en diversas categorías, permitiu durante este ano 2021 atender as necesidades de persoal que se produciron en centros de atención primaria e hospitalaria durante a situación de emerxencia sanitaria: atención directamente vinculada á causa da emerxencia sanitaria.

Porén, e malia que en virtude do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 21 de outubro de 2021 (DOG núm. 203-bis, da mesma data) se estableceu formalmente o remate da declaración de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia pola evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, o certo é que a situación sanitaria actual segue a demandar a continuidade das medidas de contratación emprendidas para reforzar as unidades e dispositivos asistenciais máis vinculados á prevención, protección e seguimento da poboación galega contra o coronavirus (centros de vacinación, circuítos dos servizos de urxencias e UCI, dispositivos de realización de probas e cribado, COVID auto, etc.), así como a cobertura de ausencias de persoal.

No seo da Comisión de Seguimento, na sesión celebrada o 18 de novembro de 2021, á vista da evolución da pandemia e da necesidade de manter reforzada a capacidade do sistema sanitario co obxecto de poder dar unha resposta asistencial adecuada, adoptouse o acordo de prorrogar por 3 meses os nomeamentos de emerxencia sanitaria vixentes, realizados ao amparo do Plan de continxencia COVID-19 nas categorías de enfermeiro/a, enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria, técnico/a superior en prevención de riscos laborais, técnico/a superior nas especialidades de laboratorio de diagnóstico clínico e de imaxe para o diagnóstico, técnico/a auxiliar de enfermaría, grupo auxiliar da función administrativa, persoal de servizos xerais (PSX) e celador/a, o que se publica para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos