Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Luns, 29 de novembro de 2021 Páx. 58172

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica o acordo adoptado no seo da Comisión de Seguimento do nomeamento estatutario eventual de continuidade.

Na Mesa Sectorial de Negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, na súa sesión do 15 de xaneiro de 2019, a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CESM-OMEGA, UGT, CSIF e SATSE asinaron un acordo sobre a formalización de nomeamentos de persoal estatutario eventual na modalidade de nomeamentos de continuidade, que foi publicado por Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 24 de xaneiro de 2019 (DOG núm. 22, do 31 de xaneiro).

O punto décimo das bases do nomeamento estatutario eventual de continuidade prevé a creación dunha comisión paritaria de seguimento do acordo integrada por representantes da Administración sanitaria e das organizacións sindicais asinantes.

A Comisión de Seguimento do Acordo, na súa reunión de 30 de outubro de 2020, acordou que durante a pandemia se poderían realizar nomeamentos de continuidade por emerxencia sanitaria na categoría de enfermeira/o para cubrir áreas funcionais vinculadas coa emerxencia sanitaria, nomeamentos que teñen prevista unha duración de 12 meses.

Porén, e malia que en virtude do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 21 de outubro de 2021 (DOG núm. 203-bis, da mesma data) se estableceu formalmente o remate da declaración de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia pola evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, o certo é que a situación sanitaria actual segue a demandar a continuidade das medidas de contratación emprendidas para reforzar as unidades e dispositivos asistenciais máis vinculados á prevención, protección e seguimento da poboación galega contra o coronavirus (centros de vacinación, circuítos dos servizos de urxencias e UCI, dispositivos de realización de probas e cribado, COVID auto, etc.), así como a cobertura de ausencias de persoal.

Á vista da situación descrita no seo da Comisión de Seguimento, na sesión celebrada o 18 de novembro de 2021, tendo en conta o incremento de actividade que se produciu nas institucións sanitarias provocado pola crise sanitaria, así como a flutuación da actividade en función do número de urxencias, ingresos, atención a pacientes críticos, a realización de cribados e as campañas de vacinación vinculadas á pandemia, adoptouse o acordo de prorrogar por 6 meses os nomeamentos de continuidade realizados na categoría de enfermeira/o que derivan do Acordo da Comisión de Seguimento do nomeamento de continuidade do 30 de outubro de 2020, o que permitirá atender tanto actividades vinculadas á pandemia, necesidades de reforzo provocada pola COVID-19, así como a cobertura das ausencias de persoal, o que se publica para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos