Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Luns, 29 de novembro de 2021 Páx. 58167

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 19 de novembro de 2021 pola que se modifica a Orde do 22 de marzo de 2021 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2021, 2022 e 2023 (código de procedemento BS212A).

Tras a súa aprobación, no Diario Oficial de Galicia, número 61, do 31 de marzo de 2021 publicouse a Orde do 22 de marzo de 2021 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2021, 2022 e 2023 (código de procedemento BS212A).

No artigo 4 referido ás persoas beneficiarias, no seu número 3 parágrafo terceiro, establece que en relación ao resto dos requisitos previstos no seu número 1, concretamente os enumerados nas letras b), c), e), deberán acreditarse no prazo de dous meses desde a recepción da resolución de concesión, ampliable a tres, para os supostos de constitución dunha cooperativa de traballo asociado.

No artigo 11 referido á documentación complementaria, no seu número 2 establece que a documentación prevista nas letras i) a q) do seu número 1 poderá presentarse ben no momento da solicitude co anexo I no prazo de dous meses desde a publicación da resolución de concesión, ampliable a tres no caso de cooperativas de traballo asociado, xunto co anexo II.

No artigo 22 regúlase a xustificación da subvención establecéndose como data límite o 7 de decembro de 2021 e no artigo 23 referido ao pagamento, concretamente no seu número 3 parágrafo quinto, establece, en canto á prima polo desenvolvemento do proxecto, que deberá presentarse unha solicitude de pagamento relativa ás actuacións realizadas e con data límite do 7 de decembro de cada unha das anualidades.

No marco indicado, na tramitación do procedemento administrativo a resolución de concesión das axudas desta orde de convocatoria dilatouse no tempo como consecuencia da tramitación dun incremento do crédito con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, panca VII «Nova Economía dos coidados e políticas de emprego», compoñente 22 «Plan de choque para a economía dos coidados e reforzo das políticas de inclusión. Este incremento de crédito publicouse a través da Orde do 20 de agosto de 2021, no Diario Oficial de Galicia número 165, do 27 de agosto de 2021.

A través do Diario Oficial de Galicia, número 181, do 20 de setembro de 2021, por Resolución do 6 de setembro de 2021 da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, publícase a Resolución do 6 de setembro de 2021 das axudas convocadas pola referida orde do 22 de marzo de 2021.

Tendo en conta a data de publicación da resolución de adxudicación das axudas, no dito proceso de concesión de axudas actúan circunstancias que imposibilitan a acreditación do cumprimento de determinados requisitos, a presentación de determinada documentación complementaria e a xustificación da axuda no prazo establecido.

Polo exposto, faise necesario modificar algún aspecto relativo ao referido prazo de acreditación do cumprimento de determinados requisitos, a presentación de determinada documentación complementaria, así como a xustificación da axuda.

En consecuencia co exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 22 de marzo de 2021 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2021, 2022 e 2023 (código de procedemento BS212A)

A Orde do 22 de marzo de 2021 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2021, 2022 e 2023 (código de procedemento BS212A), queda modificada como segue:

Un. O número 3 do artigo 4. Persoas beneficiarias, queda redactado como segue:

«3. Os requisitos establecidos na letra a) do número 1, a excepción do ordinal 8º, así como o certificado médico acreditativo do estado de saúde deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En canto ao requisito do número 1.a) 8º, o promotor do proxecto deberá comprometerse á súa realización nun prazo máximo de 6 meses desde a entrada en vigor da presente orde, mediante a emisión dunha declaración responsable nos termos previstos no artigo 11.

O resto dos requisitos previstos no número 1 deberán acreditarse con data límite o 30 de decembro de 2021.

Todos os requisitos previstos no número 1 deberán manterse durante o período de permanencia da actividade.

Respecto das cooperativas de traballo asociado, de non estar constituídas no momento de presentación da solicitude, deberán ter iniciados os trámites para a súa constitución con anterioridade á presentación desta. Neste caso, deberán achegar coa solicitude a documentación acreditativa correspondente (estatutos, solicitude de cualificación previa dos mesmos ou solicitude de inscrición no Rexistro de Sociedades Cooperativas).».

Dous. O número 2 do artigo 11. Documentación complementaria, queda redactado como segue:

«2. A documentación prevista nas letras i) a q) do número 1 poderá presentarse ben no momento da solicitude co anexo I, ben con data límite do 30 de decembro de 2021, xunto co anexo II.».

Tres. O número 2 do artigo 22. Xustificación da subvención, queda redactado como segue:

«2. Para xustificar os gastos de investimento, que comprenderá as actuacións realizadas no ano 2021, ou, de ser o caso, no último trimestre do ano 2020 para as solicitudes previstas na Disposición adicional primeira, presentaranse con data límite do 31 de decembro de 2021, xunto coa solicitude de pagamento (anexo IV) unha memoria económica que recolla a seguinte documentación:

a) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos realizados, con indicación do acredor e do documento, importe, data de emisión e data de pagamento. No caso de que existan desviacións respecto ao orzamento achegado serán indicadas e xustificadas polo/a promotor/a da casa do maior, as desviacións producidas.

b) Copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos de investimento realizados xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento. De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados pola entidade bancaria e asinados pola persoa representante da entidade bancaria autorizada para os ditos efectos.

Para os efectos desta orde, os gastos de investimento teñen que cumprir os seguintes requisitos: ser gastos da acción, adecuados aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, ser verificable documentalmente a súa realización e ser realizados e efectivamente pagados dentro do período establecido no artigo 6.2.

c) Se é o caso, unha relación detallada doutras subvencións que financiaran a actividade subvencionada con indicación do importe e procedencia.

d) Os orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, tivese que solicitar o beneficiario. No caso de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa deberá presentarse unha memoria xustificativa de tal elección.».

Catro. O punto primeiro do número 4 do artigo 22. Xustificación da subvención, queda redactado como segue:

«4. A xustificación da axuda concedida a través da prima de desenvolvemento abranguerá na anualidade 2021 ata o 30 de decembro de 2021 e nas anualidades 2022 e 2023 ata o 30 de novembro do ano correspondente, e presentarase con data límite do 31 de decembro de 2021 na dita anualidade e do 7 de decembro nas anualidades 2022 e 2023 do ano correspondente.».

Quinto. O número 3 do artigo 23. Pagamento, queda redactado como segue:

«3. En relación ao pagamento da prima polo desenvolvemento do proxecto, as persoas beneficiarias percibirán na primeira anualidade, con anterioridade á xustificación da axuda, un pagamento de ata o 100 % da cantidade da subvención que lles corresponda pola atención relativa á dita anualidade en concepto de pagamento anticipado que se fará efectivo no momento da notificación da concesión ou do cumprimento de todos os requisitos e condicións previstos nesta orde nos supostos de concesión condicionada.

Nas sucesivas anualidades realizarase, unha vez que se abra contablemente o correspondente exercicio orzamentario, un pagamento anticipado de ata o 75 % da subvención que corresponda por este concepto.

A solicitude da persoa beneficiaria, realizaranse pagamentos á conta da liquidación definitiva cuxo importe total non poderá superar o 90 % da contía anual da subvención concedida, para estes efectos a persoa promotora deberá achegar os anexos IV e VI.

O importe restante librarase despois da xustificación polas persoas beneficiarias do desenvolvemento do proxecto piloto nas condicións exixidas nesta orde.

En todo caso, deberá presentarse unha solicitude de pagamento relativa ás actuacións realizadas e con data límite do 31 de decembro de 2021 na dita anualidade e do 7 de decembro nas anualidades 2022 e 2023 do ano correspondente.».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e non implica a apertura de prazo para presentar novas solicitudes.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social