Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Martes, 30 de novembro de 2021 Páx. 58454

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 24 de novembro de 2021 pola que se amplía o primeiro prazo de xustificación da Orde do 6 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, susceptible de ser financiada con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS623C).

O 17 de setembro de 2021 publicouse, no número 180 do Diario Oficial de Galicia, a Orde do 6 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, susceptible de ser financiada con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS623C).

A convocatoria axústase ao disposto no artigo 125.3.e) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e derrógase o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, e o Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006 do Consello, ambos modificados polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018; e a Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

Así mesmo, é de aplicación o Regulamento (UE) núm. 2020/558 do Parlamento e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, no que respecta ás medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao gromo da COVID-19; o Regulamento (UE) núm. 2020/460 do Parlamento e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao gromo da COVID-19 (Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus), e o Regulamento (UE) núm. 2020/2221 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, no que respecta aos recursos adicionais e ás disposicións de execución co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia de COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía (REACT-UE).

O artigo 22 das bases regula os prazos e modalidade de xustificación. No número 2 establécese que as entidades beneficiarias deberán xustificar cada anualidade de xeito independente. O primeiro período comprende as actuacións realizadas desde o 1 de xullo de 2021 ata o 30 de novembro de 2021 e deberá presentarse antes do 5 de decembro de 2021.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros. O artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Tendo en conta que o exceso de volume de solicitudes dificulta a resolución da convocatoria e dada a proximidade do prazo para a xustificación do primeiro período establecido nas bases da convocatoria, o 5 de decembro de 2021, considérase necesario introducir a modificación do artigo 22.2 da Orde do 6 de setembro de 2021, e ampliar o prazo de xustificación do primeiro período, de tal xeito que as entidades beneficiarias poderán presentar a xustificación das actuacións realizadas desde o 1 de xullo de 2021 ata o 30 de novembro de 2021 ata o 15 de decembro de 2021, sen que con iso se causen prexuízos a terceiros.

A presente modificación non altera o réxime recollido nas bases da convocatoria, polo que non determina a necesidade de ampliar o prazo de presentación de solicitudes.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 216, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 6 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a corporacións locais para programas de emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, susceptible de ser financiada con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS623C)

Modifícase o número 2 do artigo 22, que queda redactado como segue:

«2. As entidades beneficiarias deberán xustificar cada anualidade de xeito independente. O primeiro período comprende as actuacións realizadas desde o 1 de xullo de 2021 ata o 30 de novembro de 2021 e deberá presentarse ata o 15 de decembro de 2021. O segundo período comprende as actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2021 e o 30 de novembro de 2022, ambos incluídos, e a xustificación presentarase con data límite do 5 de decembro de 2022. O terceiro período comprende as actuacións realizadas entre o 1 de decembro de 2022 e o 30 de abril de 2023, ambos incluídos, e a xustificación debe presentarse antes do 5 de maio de 2023».

Disposición adicional única. Non apertura do prazo de presentación de solicitudes

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social