Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Martes, 30 de novembro de 2021 Páx. 58439

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, modificado pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2021

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral
do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 9/2021,
do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade coas negociacións previas celebradas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 31, 39 e 40 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, adoptou o seguinte acordo:

I. Ambas as partes consideran, en relación co artigo 31 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, que debe interpretarse de conformidade co artigo 13 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, quedando garantido o cumprimento dos prazos básicos dos plans e programas.

II. Respecto ao artigo 39, ambas as partes acordan que o informe a que se refire o artigo 39.3.b) debe entenderse como o informe previsto na disposición adicional sétima da Lei 21/2013, do 9 de decembro. No caso de que un proxecto poida afectar de forma apreciable os espazos protexidos Rede Natura 2000 competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, o proxecto deberá someterse a unha avaliación de impacto ambiental simplificada. Esta avaliación de impacto ambiental simplificada será preceptiva nos termos previstos na Lei 21/2013, do 9 de decembro.

III. Por último, en canto ao artigo 40, ambas as partes consideran que as medidas preventivas, correctoras ou compensatorias específicas para a execución do proxecto contidas neste precepto é unha das mencións que se poden chegar a tratar no informe específico que o órgano competente en materia de Rede Natura emitirá no procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada e que se poderán exixir como medidas adicionais de protección.

IV. En razón do acordo alcanzado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas en relación coa devandita lei e concluída a controversia exposta.

V. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserilo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Isabel Rodríguez García
Ministra de Política Territorial

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo