Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Venres, 17 de decembro de 2021 Páx. 61876

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 30 de novembro de 2021 pola que se modifica a Orde do 4 de outubro de 2018 sobre selección e nomeamento de persoal interino para cubrir postos de persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

A Lei orgánica do poder xudicial 6/1985, do 1 de xullo, prevé no seu artigo 472.2 que por razóns de urxencia ou necesidade se poderá nomear persoal funcionario interino, que desenvolverá as funcións propias dos corpos de persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza mentres non sexa posible o seu desempeño por persoal funcionario de carreira ou permanezan as razóns que motivaron o seu nomeamento.

O artigo 489 da dita lei orgánica determina que o Ministerio de Xustiza ou, se é o caso, os órganos competentes das comunidades autónomas que recibisen os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza, serán competentes para o nomeamento de persoal interino, de acordo cos criterios obxectivos que se fixen na orde ministerial ou, de ser o caso, na disposición da comunidade autónoma que recibise os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza.

En virtude do establecido no artigo 20.1 do Estatuto de autonomía de Galicia e da transferencia de funcións á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, realizada a través do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, e asumida pola Xunta de Galicia a través do Decreto 438/1995, o persoal funcionario do corpo médico forense e mais dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial depende organicamente da comunidade autónoma. Esta dependencia instruméntase a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, á cal lle corresponden as competencias nesta materia, segundo o Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

De conformidade coa normativa citada, mediante a Orde do 4 de outubro de 2018 (DOG núm. 204, do 25 de outubro) reguláronse a selección e o nomeamento de persoal interino para cubrir postos de persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Con posterioridade, diversas circunstancias, como os cambios normativos producidos en materia de igualdade de oportunidades, particularmente coa publicación do Real decreto lei 6/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes para garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación, fan necesaria a adaptación das previsións recollidas na citada Orde do 4 de outubro de 2018 no relativo a maternidade e paternidade.

Así mesmo, e á vista da xurisprudencia ditada na materia, esta modificación prevé a supresión do artigo 22, que regula o cesamento do persoal interino por falta de capacidade e rendemento.

A modificación, así mesmo, flexibiliza os requisitos específicos exixidos para o acceso ás bolsas de traballo, dado que diversas circunstancias, como o moi relevante número de xubilacións, a creación de novos órganos, ou o incremento dos plans de reforzo motivados pola elevada carga de traballo que soportan os órganos da Administración de xustiza, agravada pola situación derivada da pandemia orixinada pola COVID-19, aconsellan dispor dun maior número de integrantes para dar cobertura ás necesidades actuais de provisión de postos desocupados.

Polo exposto, tras informe do Consello Xeral do Poder Xudicial e logo de negociación coas organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Xustiza, e no exercicio das atribucións conferidas segundo o artigo 38 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 4 de outubro de 2018 sobre selección e nomeamento de persoal interino para cubrir postos de persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia

A Orde do 4 de outubro de 2018, sobre selección e nomeamento de persoal interino para cubrir postos de persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, modificase nos seguintes termos:

Primeiro. O punto 1 do artigo 7 queda redactado do seguinte xeito:

«1. O número de integrantes das respectivas bolsas determinarase na correspondente convocatoria, logo de negociación, tendo en consideración distintas variables, como o número postos totais en cada provincia, o número de persoal funcionario nomeado na data de publicación da convocatoria ou as necesidades previstas durante o tempo de vixencia das bolsas que se convocan».

Segundo. Suprímese a letra i) do punto 1 do artigo 8.

Terceiro. Suprímese o punto 2 do artigo 9.

Cuarto. O artigo 10 queda redactado nos seguintes termos:

«1. Baremación.

O persoal aspirante que reúna as condicións establecidas nos artigos anteriores será seleccionado e ordenado na correspondente bolsa en función da baremación dos seus méritos.

Valoraranse e baremaranse os seguintes méritos:

1º. Probas de acceso:

a) Superación de exercicios das últimas oposicións realizadas para o corpo a que se opta, concepto polo cal se poderá obter unha puntuación máxima de 24 puntos:

– Para o corpo de xestión: 5 puntos por cada exercicio superado da última oposición. Puntuación máxima: 15 puntos.

– Para o corpo de tramitación procesual e administrativa: 5 puntos por cada exercicio superado da última oposición. Puntuación máxima: 15 puntos.

– Para o corpo de auxilio xudicial: 8 puntos por cada exercicio superado da última oposición. Puntuación máxima: 16 puntos.

– Para todos os corpos: 3 puntos por cada exercicio superado na penúltima oposición. Puntuación máxima: 9 puntos.

b) Superación de exercicios doutras oposicións de Xustiza, concepto polo cal se poderá obter unha puntuación máxima de 5 puntos:

– Por calquera exercicio superado nas tres últimas oposicións dos distintos corpos da Administración de xustiza, excepto se xa se valorou conforme o disposto na anterior letra a): 1 punto.

Puntuación máxima desta epígrafe 1ª: 29 puntos.

2º. Tempo de servizos prestados:

0,25 puntos por cada mes completo de servizo como funcionario interino da Administración de xustiza naquel corpo funcionarial onde solicite ser incluído.

0,15 puntos por cada mes completo de servizos como funcionario interino da Administración de xustiza nun corpo funcionarial superior a aquel onde solicite ser incluído.

0,10 puntos por cada mes completo de servizos como funcionario interino da Administración de xustiza nun corpo funcionarial inferior a aquel onde solicite ser incluído.

Puntuación máxima desta epígrafe 2ª: 40 puntos.

3º. Coñecemento da lingua galega:

– Certificado Celga 4 ou equivalente: 6 puntos.

– Curso de linguaxe xurídica de nivel medio: 12 puntos.

– Curso de linguaxe xurídica de nivel superior: 18 puntos.

Puntuación máxima desta epígrafe 3ª: 18 puntos.

Só se valorará o curso de maior nivel dos presentados. Tampouco se lles valorarán os cursos de iniciación e perfeccionamento aos solicitantes que acrediten o curso básico de linguaxe xurídica.

4º. Formación complementaria:

– Cursos de formación, con contido principal de carácter xurídico: 0,010 puntos por hora lectiva, ata un máximo de 2,5 puntos.

– Cursos de formación en informática: 0,010 por hora lectiva, ata un máximo de 1,5 puntos.

Puntuación máxima desta epígrafe 4ª: 4 puntos.

5º. Titulación académica:

a) Pola licenciatura en Dereito ou polo grao en Dereito cun máster con contido de carácter xurídico en Dereito: 6 puntos.

b) Polo grao en Dereito: 5 puntos.

c) Pola licenciatura en Ciencias do Traballo, Ciencias Políticas e da Administración, Criminoloxía ou polo grao en Ciencias do Traballo, Ciencias Xurídicas e das Administracións Públicas, Ciencias Políticas e da Administración, Relacións Laborais e Recursos Humanos ou en Criminoloxía cun máster relacionado cos contidos do correspondente grao: 4 puntos.

d) Polo grao en Ciencias do Traballo, Ciencias Xurídicas e das Administracións Públicas, Ciencias Políticas e da Administración, Relacións Laborais e Recursos Humanos ou en Criminoloxía: 3 puntos.

e) Pola superación dos tres primeiros cursos da licenciatura en Dereito ou pola obtención de 180 créditos de grao en Dereito: 2 puntos.

f) Por outras licenciaturas ou graos cun máster relacionado cos contidos do correspondente grao: 1 punto.

g) Por outras diplomaturas, graos, título universitario oficial de Mestre, Arquitectura Técnica ou Enxeñaría Técnica: 0,5 puntos.

Puntuación máxima desta epígrafe 5ª: 6 puntos.

2. Criterios de valoración dos cursos:

a) Non se valorarán os cursos cunha antigüidade superior aos 5 anos.

b) Os cursos de igual ou similar contido só se computarán unha vez e non se valorarán outros cursos da mesma área de coñecemento coa mesma ou similar denominación ou o mesmo ou similar contido, aínda que se trate de convocatorias diferentes.

c) Non se valorarán os cursos respecto dos cales non conste o número de horas, os de duración igual ou inferior a 10 horas lectivas, nin os derivados de procesos selectivos, diplomas de participación en xornadas, simposios, seminarios e similares.

d) Só se computarán os cursos recibidos e acreditados ata a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes da correspondente convocatoria, homologados ou impartidos polo Ministerio de Xustiza ou consellerías competentes en materia de xustiza, polo ministerio e consellerías competentes en materia de educación, polo Sistema universitario español, polo Instituto Nacional da Administración Pública ou polos órganos competentes en formación das comunidades autónomas, por outros axentes promotores dentro do marco do Acordo de formación para o emprego ou polos servizos públicos de emprego.

3. No suposto de empate, desfarase pola maior puntuación obtida seguindo a orde establecida neste artigo. De continuar o empate, terase en conta a puntuación obtida no primeiro exercicio das últimas oposicións realizadas para o corpo a que se opta, e, na súa falta, ou de persistir o empate, observarase a prioridade alfabética comezando pola letra correspondente á última oferta de emprego para os corpos da Administración de xustiza».

Quinto. Os puntos 3 e 4 do artigo 11 quedan redactados nos seguintes termos:

«3. As solicitudes presentaranse en todo caso telematicamente, no prazo e na forma que se indicarán na resolución da convocatoria».

«4. As persoas solicitantes deberán contar cos mecanismos de identificación e sinatura electrónica admitidos pola Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia (Notifica.gal: https://www.xunta.gal/notifica)».

Sexto. O punto 5 do artigo 14 queda redactado nos seguintes termos:

«5. No caso de que o informe do/da superior funcional sexa desfavorable, a xefatura territorial iniciará o correspondente expediente contraditorio, no cal se poderán solicitar outros informes, e a persoa afectada como aspirante interina poderá presentar as alegacións e propoñer as probas que ao seu dereito conveñan no prazo de cinco días hábiles desde que lle fose notificado o inicio do expediente. Se a xefatura territorial estiver conforme co informe do/da superior funcional, resolverá a non superación de período de prácticas, co conseguinte cesamento no posto e a exclusión definitiva da bolsa».

Sétimo. Os puntos 2 e 3 do artigo 16 quedan redactados nos seguintes termos:

«2. Non procederá a exclusión da bolsa cando a persoa seleccionada demostre e poña en coñecemento da correspondente xefatura territorial as seguintes situacións:

a) Incapacidade temporal xustificada mediante parte de baixa médica ou documento similar, expedido por un facultativo da Seguridade Social que acredite a situación de incapacidade o día en que se produce o chamamento.

b) Maternidade, se a renuncia se produce durante o embarazo e o período de permiso que recoñeza para estes efectos a lexislación vixente.

A persoa proxenitora diferente á nai biolóxica, se a renuncia se produce durante o período de permiso que recoñeza para estes efectos a lexislación vixente.

c) Coidado de fillos menores de tres anos de idade ou dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, enfermidade ou accidente non se poida valer por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída, sempre que se acredite a convivencia cos devanditos fillos ou familiar.

d) Adopción ou acollida, se a renuncia se produce durante o período permiso que recoñeza para estes efectos a lexislación vixente.

e) Casos de violencia sobre a muller, acreditados conforme o establecido no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

f) Actividade profesional, no sector público ou privado. Neste caso, o dereito á suspensión do chamamento só se poderá exercer unha vez.

3. Nos supostos establecidos nas letras c) e f), a persoa interesada deberá ter solicitada electronicamente e autorizada a suspensión de chamamentos con anterioridade a que estes se produzan, para o cal deberá presentar ante a Xefatura Territorial correspondente a documentación acreditativa necesaria. Os efectos da suspensión produciranse desde o día seguinte hábil ao da presentación da correspondente solicitude electrónica ante a Xefatura Territorial, momento en que, de non ter denegada expresamente a súa solicitude, se entenderá autorizada.

As persoas en situación de suspensión temporal previstas nas alíneas a) e f) deberán acreditar cada tres meses que persiste a situación que xustificou a suspensión; de non o faceren, serán expulsadas da bolsa, o que se lles comunicará mediante o sistema de notificación electrónica.

En todos os supostos relacionados no punto 2 deste artigo, cando desapareza a causa da suspensión temporal, a persoa interesada comunicarallo electronicamente á Xefatura Territorial no prazo máximo de cinco días hábiles, para os efectos de solicitar a súa reincorporación ao seu posto na bolsa respectiva. Esta reincorporación producirase de modo efectivo o quinto día hábil seguinte ao da presentación da correspondente solicitude electrónica».

Oitavo. O punto 3 do artigo 21 queda redactado nos seguintes termos:

«3. Naqueles órganos que non estean incluídos nunha relación de postos de traballo, e no caso de que sexan varias as persoas interinas do mesmo corpo que estean a desempeñar postos de traballo, para determinar que persoa debe cesar aplicaranse os seguintes criterios:

a) As persoas que non formen parte das respectivas bolsas de traballo ou de reserva cesarán con preferencia a aquelas integrantes das ditas bolsas.

b) As persoas da bolsa de reserva cesarán con preferencia ás integrantes das bolsas de traballo.

c) Se hai persoas interinas que leven máis de 18 meses no mesmo órgano, cesará aquela que leve máis tempo traballando nel.

d) Se non hai ningunha persoa interina no mesmo órgano que leve máis de 18 meses, cesará quen leve menos tempo nel.

En caso de producirse un empate na aplicación dos criterios anteriores, cesará a persoa que teña peor posición na bolsa definitiva na data de publicación desta.

Os anteriores criterios non se aplicarán no caso de persoal interino que se reincorpore tras un permiso, licenza ou situación administrativa que comporte reserva de posto; neste caso deberá cesar aquel interino que fose nomeado con causa no dito permiso, licenza ou situación administrativa».

Noveno. Suprímese a letra d) do punto 5 do artigo 21.

Décimo. Suprímese o artigo 22.

Décimo primeiro. O punto 3 da disposición adicional primeira queda redactado nos seguintes termos:

«3. A persoa solicitante, que deberá acreditar o cumprimento dos requisitos previstos nesta orde na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes da última convocatoria, será baremada segundo o disposto nela, computándose os méritos na data da última convocatoria das bolsas previstas nela. Segundo a puntuación obtida, incluirase ao final da bolsa que corresponda, sempre que acade a puntuación da última persoa integrante do corpo en que solicite a súa inclusión. Esta inclusión terá lugar no momento en que se produza unha exclusión que o permita, sempre que non se altere o número de integrantes indicado na correspondente convocatoria, nos termos indicados no artigo 7 da presente orde».

Disposición transitoria única

Mentres non entren en vigor unhas novas bolsas, ás persoas que soliciten a inclusión nas vixentes ao abeiro do previsto na disposición adicional primeira da Orde do 4 de outubro de 2018 seranlles de aplicación os requisitos e méritos establecidos na dita orde con anterioridade á presente modificación.

Así mesmo, no caso do persoal seleccionado a través do Servizo Público de Emprego en aplicación do previsto no punto 5 do artigo 6, en canto non entren en vigor unhas novas bolsas, será baremado conforme os méritos establecidos na devandita orde antes da presente modificación.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Turismo