Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 20 de decembro de 2021 Páx. 62617

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 2 de decembro de 2021 pola que se fai público o acordo de inicio de procedemento para a declaración de abandono da embarcación Makai Helsinborg, varada no porto de Celeiro-Viveiro (Lugo).

De conformidade co disposto nos artigos 44, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por resultar descoñecido o enderezo do posible propietario do barco, segundo os únicos datos de que se dispón facilitados polo Servizo Marítimo Provincial de Lugo da Garda Civil, Vasilii Toumanyan, con documento de identidade francés, faise público mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado o acordo de inicio de procedemento para a declaración de abandono do barco de nome Makai Helsinborg, con bandeira sueca e matrícula 825003.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

A embarcación en cuestión foi remolcada ata o porto de Celeiro pola embarcación de Salvamento Marítimo Salvamar Shaula o pasado 10 de xullo de 2021, tras ser rescatado sen tripulación a bordo dunha zona rochosa da costa da Mariña Lucense, e pola súa situación crítica de seguridade, segundo informou a Capitanía Marítima de Burela, varado o 20 de xullo de 2021.

Desde a dita data atópase varado no porto de Celeiro sen actividade e en estado de abandono e sen que ningunha persoa física ou xurídica manifestara interese por el.

O presente acordo emítese con base no establecido no artigo 128 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

O órgano competente para a resolución deste procedemento é a presidenta de Portos de Galicia, en virtude das competencias conferidas polo artigo 12.3, alíneas a) e l), da Lei 6/2017, de portos de Galicia.

A instrución do procedemento recae en Jesús Javier Fernández Barro, xefe da División Xurídica de Portos de Galicia, e o seu réxime de recusación é o consignado no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Outórgase ao interesado antes identificado, así como a calquera outra persoa física ou xurídica que acredite dereitos e/ou intereses sobre a embarcación, un prazo máximo de 10 días para formular alegacións.

Advírtese que, de acordo coa normativa máis arriba citada, chegado o termo de declarar o barco abandonado, este pasará a ser propiedade de Portos de Galicia, o que non impedirá que todos os custos de tramitación ou que xeren as actuacións que se vaian realizar sobre o buque sexan pola conta do anterior propietario.

Cara ao seu exame, o expediente encóntrase nas dependencias dos servizos centrais de Portos de Galicia, en Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021

Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia