Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 22 de decembro de 2021 Páx. 63272

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 2 de decembro de 2021 de aprobación definitiva da modificación puntual número 4 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Coirós (A Coruña).

O Concello de Coirós solicita a aprobación definitiva da modificación referida, en virtude do artigo 60.16, en relación co 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O planeamento vixente no concello de Coirós é o Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 19.9.2002 (DOG do 7.10.2002 e BOP do 15.10.2002).

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 28.8.2018, para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico o día 16.10.2018. Nel resolveu non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

4. O secretario e a arquitecta municipal emitiron informes de carácter técnico-xurídico con data do 7.11.2019 e con data do 14.2.2020, previos á aprobación inicial.

5. O Pleno do Concello de Coirós aprobou inicialmente a modificación o 12.3.2020. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario Oficial de Galicia do 29.4.2020 e La Voz de Galicia do 4.7.2020), sen se presentaren alegacións.

6. Consta a emisión dos seguintes informes non autonómicos:

a) Deputación Provincial da Coruña: informes favorables do 7.9.2018 e 5.6.2020.

b) Demarcación de estradas do Estado en Galicia (Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana): informe favorable do 4.2.2020.

c) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual: informe favorable do 7.7.2020.

d) Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas: informe do 28.8.2020.

7. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

a) Dirección Xeral de Emerxencias e Interior do 27.4.2020.

b) Augas de Galicia do 7.5.2020.

c) Instituto de Estudos do Territorio sobre Lei de protección da paisaxe do 25.6.2020.

d) Instituto de Estudos do Territorio sobre adaptación ás directrices de paisaxe do 11.11.2021.

8. Non se recibiu, no prazo correspondente, o informe solicitado á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, polo que se entende emitido en senso favorable.

9. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Aranga, Betanzos, Irixoa, Oza-Cesuras e Paderne, e recibíronse respostas dos concellos de Aranga e Paderne.

10. O secretario e a arquitecta municipal emitiron un informe de carácter técnico-xurídico con data do 29.1.2021, previo á aprobación provisional.

11. O Pleno do Concello de Coirós aprobou provisionalmente a modificación o 11.3.2021.

12. A solicitude de aprobación definitiva realizouse mediante oficio do 30.7.2021 que tivo entrada o 2.8.2021. Requirida documentación o 30.8.2021, foi recibida o 8.9.2021.

II. Obxecto e descrición da modificación.

1. O obxectivo principal da modificación puntual consiste en axustar as aliñacións dispostas actualmente para os treitos de estradas provinciais que discorren por solo de núcleo rural, conforme os criterios establecidos de acordo coa Administración titular (Deputación Provincial da Coruña). A finalidade é que a Administración provincial recoñeza como treitos urbanos das estradas da súa titularidade aqueles que discorren polo interior dos núcleos rurais.

2. O ámbito atinxido por estas modificacións corresponde aos seguintes treitos:

a) DP-2701: núcleos rurais de Coirós de Arriba e Coirós de Abaixo.

b) DP-2702: núcleos rurais de Coirós de Arriba, A Espenuca e O Combarro.

c) DP-2703: núcleos rurais de A Lapela, Lesa e Figueiras.

d) DP-0301: núcleos rurais de O Castrillón e Xora.

e) DP-0302: núcleo rural de Boqueixón.

3. Formúlanse outras alteracións no referente á rede viaria establecida no plan xeral:

a) Adaptar á realidade o trazado da estrada DP-0302 disposto na cartografía do PXOM e reaxustar as aliñacións no núcleo rural de Boqueixón, xa que esa estrada non atravesa o núcleo.

b) Eliminar un viario previsto polo PXOM no núcleo rural do Castrillón que non se apoia en ningún camiño preexistente.

c) Recoñecer un camiño existente no núcleo rural de Parada.

d) Recoñecer un camiño público existente no núcleo rural de Coirós de Arriba.

e) Axustar o trazado dun viario existente no núcleo rural de Coirós de Arriba (NR-00) á realidade.

III. Análise e consideracións.

Analizada a documentación achegada, púidose comprobar que se cumpriron as cuestións referidas no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, emitido o 28.8.2018, para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, polo que non se formula ningunha obxección a esta modificación puntual.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1 e 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 4 do Plan xeral de ordenación municipal de Coirós.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O que se lle comunica para o seu coñecemento e efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda