Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Xoves, 30 de decembro de 2021 Páx. 65201

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2021 de concesión directa da axuda complementaria á do Programa de bono de alugueiro social durante o ano 2022.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) ten implantado desde o ano 2015 o Programa de bono de alugueiro social no marco do Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Desde a súa implantación realizáronse sucesivas convocatorias deste programa nos anos 2016, 2017, 2018, 2019, 2020 e 2021.

Este programa ten por obxecto subvencionar a renda mensual do alugueiro para unidades de convivencia con recursos económicos limitados. O importe máximo desta axuda, con carácter xeral, non excede o 50 % da renda máxima correspondente á zona territorial onde estea situada a vivenda obxecto do contrato de alugamento.

Segundo. No Boletín Oficial del Estado número 91, do 1 de abril de 2020, publicouse o Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19. O artigo 11.1 indica que «...mediante Orde do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana se substituirá o Programa de axuda ás persoas en situación de desafiuzamento ou lanzamento da súa vivenda habitual previsto no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021, polo novo Programa de axuda ás vítimas de violencia de xénero, persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, persoas sen fogar e outras persoas especialmente vulnerables».

No Boletín Oficial del Estado número 101, do 11 de abril de 2020, publicouse a Orde TMA/336/2020, do 9 de abril, pola que se incorpora, se substitúe e se modifican os correspondentes programas de axudas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, en cumprimento do disposto nos artigos 10, 11 e 12 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19.

No artigo 3 desta orde ministerial establécese a supresión do Programa de axuda ás persoas en situación de desafiuzamento ou lanzamento da súa vivenda habitual e a súa substitución polo Programa de axuda ás vítimas de violencia de xénero, persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, persoas sen fogar e outras persoas especialmente vulnerables.

No punto 1 do artigo 4 da orde ministerial sinálase que «o obxecto deste programa é facilitar unha solución habitacional inmediata ás persoas vítimas de violencia de xénero, ás persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, ás persoas sen fogar e a outras persoas especialmente vulnerables».

No punto 6 do artigo 4 establécese que «as comunidades autónomas poderán conceder estas axudas de forma inmediata, mediante adxudicación directa, ás persoas beneficiarias coa soa acreditación da condición de vítima de violencia de xénero, do desafiuzamento ou lanzamento, inminente ou xa realizado, da vivenda habitual, da condición de persoa sen fogar ou da condición de persoa especialmente vulnerable».

Terceiro. O 10 de decembro de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado número 322, o Real decreto 1084/2020, do 9 de decembro, polo que se se modifica o Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021, e a Orde TMA/378/2020, do 30 de abril, pola que se definen os criterios e requisitos dos arrendatarios de vivenda habitual que poden acceder ás axudas transitorias de financiamento establecidas no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19.

Mediante este real decreto modificouse, entre outros preceptos, a disposición adicional segunda do Real decreto 106/2018, que na súa nova redacción establece que «as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla poderán conceder as axudas recollidas neste real decreto ata o 31 de decembro de 2022, sempre que a concesión se realice con cargo aos fondos transferidos polo Ministerio no exercicio 2021 ou anteriores».

Cuarto. O programa específico de axudas do bono de alugueiro social que, como se indicou no punto primeiro, está implantado desde hai anos na Comunidade Autónoma de Galicia, responde á mesma finalidade que o novo programa do Plan estatal de vivenda. A situación económica dos colectivos beneficiarios deste programa de axudas resultou especialmente afectada como consecuencia da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 e, en consecuencia, no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) do 22 de maio de 2020 publicouse a Resolución do 19 de maio de 2020, de concesión directa da axuda complementaria á dos programas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero. Mediante o outorgamento desta subvención complementaria ás das axudas ordinarias dos programas autonómicos sinalados conseguiuse subvencionar a totalidade da renda mensual do contrato de alugamento que teñen que pagar as persoas beneficiarias desde abril de 2020.

Quinto. O 23 de febreiro de 2021 publicouse no DOG a Resolución do 19 de febreiro de 2021 de concesión directa da axuda complementaria á do Programa de bono de alugueiro social.

Sexto. A previsible evolución da economía a raíz desta pandemia e a vulnerabilidade destas unidades de convivencia aconsellan manter esta medida excepcional ao longo do ano 2022, que inicialmente se aplicará a través desta resolución ás persoas beneficiarias do Programa do bono de alugueiro social.

Sétimo. A tramitación desta resolución axústase á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos. Con este fin, ao se financiar esta medida con remanentes de fondos finalistas do Estado que proveñen do Plan 2018-2021, estes incorporaranse no orzamento para a Comunidade Autónoma de Galicia de 2022, ao abeiro da disposición adicional segunda do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A competencia para ditar esta resolución correspóndelle á persoa titular da Presidencia do IGVS, de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS.

Segunda. A concesión destas axudas realizarase de forma directa, de conformidade co establecido nos artigos 22.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 19.4.c), e 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en relación co artigo 40 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ao concorreren razóns de interese público, social, económico e humanitario. Estas circunstancias quedan acreditadas polo informe dos servizos sociais dos concellos, que necesariamente debe incorporase ao procedemento de concesión das axudas do programa do bono de alugueiro social e onde se valoran as circunstancias persoais, sociais e económicas que aconsellan a concesión desta axuda por tratarse de colectivos vulnerables.

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar a concesión directa das subvencións complementarias á do programa do bono de alugueiro social.

2. Estas axudas son complementarias ás subvencións concedidas ás persoas beneficiarias do programa de bono de alugueiro social e teñen a finalidade de subvencionar, conxuntamente con estas, o importe mensual da renda do alugueiro da vivenda, satisfacendo deste xeito unha solución habitacional a colectivos especialmente vulnerables.

Segundo. Normativa de aplicación

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu Regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no seu Regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Orde do 18 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social e no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. Estas axudas complementarias faranse efectivas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 na aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.6, polo importe de 459.000 euros.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas axudas complementarias queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

Cuarto. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán beneficiarias destas axudas complementarias todas as persoas que na data publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia teñan unha resolución de concesión inicial ou, de ser o caso, de prórroga do Programa de bono de alugueiro social, así como aquelas outras que resulten beneficiarias do citado programa en virtude da convocatoria correspondente á anualidade 2022.

2. Será requisito necesario para ser persoa beneficiaria destas axudas que no expediente de concesión conste o correspondente contrato de alugamento da vivenda achegado pola persoa interesada.

3. Non poderán ser beneficiarias desta axuda as persoas a quen lles fose declarada a perda do dereito ou revogación da subvención concedida no marco do anterior programa ou nas que concorra algunha das situacións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Tampouco poderán ser beneficiarias destas subvencións complementarias aquelas persoas beneficiarias do programa do bono de alugueiro social cando a renda do seu contrato de alugamento sexa satisfeita integramente coa axuda do citado programa.

Quinto. Contía da axuda e duración

1. A contía da axuda será polo importe da renda mensual do contrato de alugamento da persoa beneficiaria non subvencionado no marco do programa do bono de alugueiro social. No caso de que tivesen recoñecida esta axuda no anos 2020 e/ou 2021, o importe mensual da axuda complementaria para o ano 2022 será a mesma que viñesen percibindo nos anos 2020 e/ou 2021.

2. En ningún caso o importe desta axuda complementaria, conxuntamente coa axuda do programa do bono de alugueiro social, poderá superar o límite máximo da renda do contrato de alugamento que figure no respectivo expediente, nin a axuda complementaria poderá exceder o importe máximo de axuda mensual previsto no artigo 6 da Orde do 18 de decembro de 2018.

3. A axuda concederase desde o mes da data da resolución de concesión da axuda ata o 31 de maio de 2022, sempre que no expediente conste o contrato de alugamento achegado pola persoa beneficiaria. No suposto de que o contrato de alugamento se achegue con posterioridade á data da resolución de concesión, a axuda recoñecerase desde o mes da data de presentación do contrato, salvo que este tivese efectos económicos posteriores, caso en que se concederá a axuda desde ese mes ata o 31 de maio de 2022.

Sexto. Procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión destas axudas iníciase de oficio mediante esta resolución.

2. A tramitación deste procedemento realizaraa a Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, sen que sexa necesario que as persoas interesadas teñan que presentar ningunha solicitude.

3. Os datos necesarios para tramitar o procedemento son os que figuran no expediente do Programa do bono de alugueiro social.

4. A resolución de concesión específica da axuda complementaria será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

5. Contra a resolución poderase interpor recurso de alzada, ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Sétimo. Xustificación da subvención

A subvención xustificarase mediante a presentación, dentro dos dez primeiros días naturais de cada mes, dunha declaración responsable en que a persoa beneficiaria indique que continúa residindo na vivenda alugada, a cal deberá ir dirixida á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda. Esta declaración responsable poderá presentarse por vía electrónica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada ou en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Oitavo. Pagamento da subvención

O pagamento da subvención complementaria será mensual e realizarase mediante transferencia bancaria na conta da persoa arrendadora que conste no expediente do bono de alugueiro social.

Noveno. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas nesta resolución e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas beneficiarias:

a) Presentar, dentro do prazo sinalado no ordinal sétimo, as declaracións responsables de que continúa residindo na vivenda alugada.

b) Facilitar toda a información que requiran a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

c) Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

d) Comunicarlle á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda alugada calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

Décimo. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.

b) A perda e reintegro da subvención do Programa do bono de alugueiro social.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento, máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, de ser o caso, para facer efectiva a devolución será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Décimo primeiro. Incompatibilidade

Esta subvención é incompatible con outras axudas establecidas para a mesma finalidade que se poidan conter en programas estatais ou autonómicos en materia de vivenda, salvo coas propias axudas do programa do bono de alugueiro social.

Décimo segundo. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo terceiro. Efectos

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo