Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Xoves, 30 de decembro de 2021 Páx. 65209

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2021 pola que se convoca a renovación das axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 de 2021 para o ano 2022 (código de procedemento VI432B).

No Boletín Oficial del Estado núm. 61, do 10 de marzo de 2018, publicouse o Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021. No citado real decreto establécese, no seu capítulo III, un programa de axuda ao alugamento de vivendas e, no capítulo IX, un programa de axuda á mocidade, en que se prevé unha axuda para o alugamento, que ten por obxecto facilitar o acceso ao desfrute dunha vivenda digna e adecuada á mocidade, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas inquilinas.

O artigo 5 da citada norma atribúelles aos órganos competentes das comunidades autónomas a tramitación e resolución dos procedementos de concesión e pagamento das axudas dos distintos programas do plan, unha vez que se teña recoñecido o dereito das persoas beneficiarias a obtelas, dentro das condicións e límites establecidos no real decreto.

A Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, implantou estes programas de axudas no ano 2018, mediante a Orde do 22 de xuño de 2018 pola que se estableceron as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procedeu á súa convocatoria para o ano 2018.

No Diario Oficial de Galicia núm. 172, do 11 de setembro de 2019, publicouse a Orde do 2 de agosto de 2019 pola que se establecen as novas bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual. A citada norma foi modificada pola Orde do 17 de abril de 2020, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 77, do 22 de abril.

Durante o ano 2020 non se realizou ningunha convocatoria destas axudas. No que respecta ao ano 2021, no Diario Oficial de Galicia núm. 60, do 30 de marzo de 2021, publicouse a Resolución do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 para o ano 2021.

Esta resolución ten por obxecto convocar unha prórroga para que todas as persoas que resultaron beneficiarias das axudas ao alugamento na convocatoria de 2021 poidan solicitar de novo a axuda, con efectos económicos durante a anualidade 2022.

A tramitación desta convocatoria de prórroga axústase á Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos. Así mesmo, a disposición adicional segunda do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 establece que «as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla poderán conceder as axudas recollidas neste real decreto ata o 31 de decembro de 2022 sempre que a concesión se realice con cargo aos fondos transferidos polo Ministerio no exercicio 2021 ou anteriores».

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2022 a renovación dos seguintes programas de axudas ao alugamento de vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021) que foron concedidas na anualidade 2021, que se tramitarán co código de procedemento VI432B:

a) Liña A, axuda ao alugamento de vivenda: a súa finalidade é facilitar o desfrute dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante a concesión de axudas directas ás persoas inquilinas.

b) Liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente: a súa finalidade é facilitar o acceso ao desfrute dunha vivenda digna e adecuada, en réxime de alugamento, a persoas menores de 35 anos con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas inquilinas.

2. A concesión inicial das axudas que se prorrogan mediante esta resolución foi tramitada mediante o procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras das axudas obxecto desta convocatoria están recollidas na Orde do 2 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 172, do 11 de setembro, modificada pola Orde do 17 de abril de 2020 (DOG núm. 77, do 22 de abril).

En todo o non recollido nesta resolución e nas bases reguladoras aplicarase o disposto no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan 2018-2021; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As axudas obxecto desta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.6, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2022, por un importe total de 3.327.000 euros, distribuído nas seguintes liñas:

Liñas de axudas

Aplicación

Proxecto

Importe 2022

Liña A. Axuda ao alugamento de vivenda

08.81.451B.480.6

2018 00008

2.485.000,00 €

Liña B. Axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente

08.81.451B.480.6

2018 00004

842.000,00 €

Total

3.327.000,00 €

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A concesión das axudas realízase con fondos estatais remanentes das anualidades 2021 e anteriores ao abeiro do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

Cuarto. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas ao alugamento de vivenda as persoas físicas maiores de idade que na data da presentación da solicitude de renovación da axuda cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter obtido a condición de persoa beneficiaria da axuda na convocatoria de 2021 das axudas ao alugamento ao abeiro da Resolución do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 para o ano 2021 (DOG núm. 60, do 30 de marzo) e non ter perdido o dereito á subvención.

b) Ter a nacionalidade española ou residir legalmente en España, no caso das persoas estranxeiras.

c) Ser titulares, en condición de persoa inquilina, dun contrato de alugamento de vivenda cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, e cuxos efectos económicos sexan anteriores ao último día de prazo de presentación de solicitudes.

d) Que a vivenda arrendada constitúa a súa residencia habitual e permanente, así como da súa unidade de convivencia durante todo o período polo que se conceda a axuda. Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude.

e) Que a renda mensual da vivenda alugada non supere os importes establecidos no artigo 10 das bases reguladoras.

f) Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,7 veces o IPREM. Para o cómputo destes ingresos non serán de aplicación os coeficientes multiplicadores previstos no artigo 12.4 das bases reguladoras.

g) Que os ingresos das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM). Este límite será de catro veces o IPREM se a unidade de convivencia é unha familia numerosa de categoría xeral ou ten persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O límite será de cinco veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con algún dos seguintes tipos de discapacidade:

– Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

– Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

2. Non poderá concederse a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atope nalgunha das situacións que a continuación se indican:

a) Ser propietario ou usufrutuario dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito as persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou dalgún membro da súa unidade de convivencia.

b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora da vivenda.

c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.

d) Ser inquilina dunha vivenda xestionada polo IGVS ou por calquera Administración pública.

e) Ter sido beneficiaria das axudas de calquera das dúas liñas deste programa ao abeiro de convocatorias anteriores realizadas con financiamento do Plan 2018-2021. Exceptúanse deste suposto as persoas que xa non forman parte da unidade de convivencia da persoa beneficiaria da axuda.

f) Non atoparse ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Estar incurso nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e/ou no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como ser obxecto dunha resolución de revogación ou reintegro dunha axuda deste plan de vivenda ou doutro anterior, por causa imputable a algunha das persoas integrantes da unidade de convivencia.

Quinto. Datos fiscais e valor do IPREM para a concesión das axudas

Os datos fiscais que se avaliarán nesta convocatoria para a prórroga das axudas corresponderán ao exercicio económico 2020. Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do IPREM dese mesmo ano.

Sexto. Duración das axudas e retroactividade das axudas

As axudas de ambas as dúas liñas concederanse por un prazo máximo dun ano, desde o 1 de xaneiro de 2022 ata o 31 de decembro de 2022.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 1 de marzo de 2022 e rematará o 31 de marzo de 2022.

Oitavo. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do formulario, debidamente cuberto, que se incorpora como anexo I a esta resolución. Deberá dirixirse á área provincial correspondente do IGVS.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal) e na páxina web do IGVS (http://igvs.xunta.gal/web/igvs/portada). Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No modelo de solicitude constan como de obrigada formalización varios campos, os cales deben estar cubertos no momento da súa presentación. Aquelas solicitudes que sexan presentadas sen cubrir os citados campos obrigatorios non serán admitidas a trámite.

5. No modelo de solicitude, a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia para a mesma finalidade.

c) Declaración responsable de que a persoa solicitante continúa a ser titular dun contrato de alugamento de vivenda cunha duración mínima dun ano, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, situado nun concello de Galicia, e que a vivenda obxecto do contrato constitúe o seu domicilio habitual e permanente, cumprindo os demais requisitos establecidos nas bases reguladoras.

d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia é propietaria ou usufrutuaria dunha vivenda situada no territorio nacional, agás os supostos exceptuados no artigo 7.3.a) das bases reguladoras.

e) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

f) Declaración que a persoa solicitante non ten débedas pendentes coa persoa arrendadora por non pagamento das rendas nin por non pagamento das subministracións.

g) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

h) Declaración responsable de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

i) Declaración responsable de que nin á persoa solicitante nin a ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia se lle revogou ou foi obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda deste plan de vivenda ou doutro anterior por causa que lle sexa imputable.

Noveno. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II, de declaración responsable das persoas integrantes da unidade de convivencia da persoa solicitante e comprobación dos datos necesarios para a tramitación do procedemento, no caso de que a unidade de convivencia estea integrada por máis dunha persoa.

No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberá cubrir un modelo de anexo II por cada unha delas.

b) Declaración da persoa arrendadora da vivenda de que a persoa inquilina non ten ningunha reclamación pendente por falta de pagamento das rendas e/ou das subministracións.

c) De ser o caso, declaración formalizada polas/os asinantes do contrato de alugamento de que este se prorrogará nas mesmas condicións.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Décimo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identificación de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Datos de residencia con data de última variación no padrón da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

e) Certificados acreditativos de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), coa Seguridade Social e coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

f) Datos catastrais da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

g) Certificación catastral de titularidade correspondente á persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

h) Certificado das prestacións outorgadas polo INSS na anualidade 2020, percibidas pola persoa solicitante e polas persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

i) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia (Risga) na anualidade 2020, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas por parte da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

k) Consulta de concesións de subvencións e axudas percibidas pola persoa solicitante e polas persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

l) Certificado da renda (IRPF) correspondente á persoa solicitante e ás persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

m) Nivel de renda (IRPF) correspondente á persoa solicitante e ás persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Permiso de residencia legal de persoas estranxeiras.

b) Certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia.

c) Importes de prestación de desemprego percibidos na anualidade 2020.

d) Título de familia numerosa autonómico.

e) Certificado acreditativo da discapacidade, para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia nas cales concorra a dita circunstancia e fagan constar na solicitude que lle é de aplicación.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo primeiro. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo segundo. Criterios obxectivos de outorgamento da axuda

No momento de renovación da axuda, a persoa beneficiaria deberá cumprir os requisitos comúns previstos no artigo 7 da Orde do 2 de agosto de 2019 pola que se establecen as novas bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021. A contía da axuda renovada será a mesma que a que se viña percibindo, sen prexuízo do seu reaxuste, para o caso de cambio de domicilio, conforme o artigo 27 das bases reguladoras, sen que en ningún caso se poida recibir máis subvención da que se viña percibindo.

Décimo terceiro. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A tramitación do procedemento de concesión destas axudas é competencia das áreas provinciais do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Décimo cuarto. Resolución e recursos

1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da axuda ao alugamento. A resolución de concesión indicará a contía da axuda, a súa duración e os seus efectos económicos, así como a súa forma de xustificación. A persoa beneficiaria deberá achegar no prazo de dez días, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, os recibos bancarios xustificativos do pagamento das mensualidades da renda de alugamento anteriores á data da resolución e posteriores ao 1 de xaneiro de 2022.

2. O prazo para resolver e notificar a concesión das axudas será de cinco meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o citado prazo sen que se dite e notifique a resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo quinto. Xustificación e pagamento da subvención

1. A xustificación dos pagamentos das rendas mensuais desta convocatoria realizarase do seguinte xeito:

– A xustificación do pagamento da renda das mensualidades anteriores á data de notificación da resolución de concesión e que estean dentro do prazo de retroactividade previsto nesta convocatoria deberase realizar dentro dos dez primeiros días, contados desde o día seguinte ao da notificación da citada resolución.

– As xustificacións dos pagamentos mensuais posteriores á notificación da resolución de concesión deberanse realizar dentro dos dez primeiros días naturais do correspondente mes. Nun e noutro caso, a remisión da citada xustificación realizarase empregando o modelo normalizado que para a presentación de documentación xustificativa está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, coa achega do extracto ou o certificado bancario acreditativo do pagamento. Non obstante, tamén se admitirán, para os efectos sinalados, os extractos ou certificados bancarios realizados por empresas mediadoras ou inmobiliarias a favor da persoa arrendadora, onde quede acreditado o importe do ingreso e o seu concepto, así como os extractos ou certificados bancarios realizados pola persoa inquilina a empresas mediadoras ou inmobiliarias, sempre que se achegue un documento da persoa arrendadora que autorice a recepción nesa conta bancaria dos pagamentos mensuais ou figure no propio contrato de alugamento como forma de pagamento da renda. En ningún caso se admitirán como xustificación os recibos de pagamentos realizados en metálico.

2. A falta de xustificación do pagamento da renda ou, de ser o caso, a falta de pagamento da renda dentro do prazo sinalado no parágrafo anterior determinará a perda do dereito á subvención da correspondente mensualidade, sen que iso exima a persoa inquilina da súa responsabilidade de pagamento da renda.

3. O pagamento da subvención realizarase unha vez xustificado o correspondente pagamento da renda mensual, mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa beneficiaria sinalada, para estes efectos, na concesión inicial da axuda.

Décimo sexto. Compatibilidade e incompatibilidade

1. Estas axudas serán compatibles cos supostos excepcionais en que a comunidade autónoma, os municipios, outras entidades públicas, organizacións non gobernamentais ou asociacións acheguen unha axuda para esa mesma finalidade a persoas beneficiarias en situacións de especial vulnerabilidade. Así mesmo, estas axudas serán compatibles coa percepción de prestacións non contributivas da Seguridade Social.

En ningún caso o importe da subvención concedida en virtude desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas concedidas para a mesma finalidade por calquera Administración ou ente público ou privado, supere o custo da actividade subvencionada.

2. De conformidade co artigo 13 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, estas axudas serán incompatibles con percepcións da renda básica de emancipación, coas subvencións procedentes do Programa do bono de alugueiro social, con calquera outra axuda para o pagamento do alugamento prevista no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, e coas que, para esa mesma finalidade, poida conceder a Comunidade Autónoma de Galicia ou calquera outra Administración ou entidade pública. Tampouco poderán ser beneficiarias destas liñas de axudas as persoas inquilinas de vivendas de promoción pública xestionadas polo IGVS ou por calquera Administración pública.

3. As persoas beneficiarias das axudas previstas nesta resolución non as poderán continuar percibindo no caso de que se lles conceda a axuda para a adquisición de vivenda habitual e permanente localizada nun concello de menos de 5.000 habitantes, prevista no artigo 56 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, ou algunha outra axuda para a adquisición de vivenda convocada por calquera Administración pública. Neste caso, declararase a perda automática do dereito á axuda ao alugamento desde a data de notificación da resolución de concesión da citada axuda de adquisición .

Décimo sétimo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo oitavo. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo noveno. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file