Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Xoves, 30 de decembro de 2021 Páx. 65231

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se convoca a renovación das axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 de 2021 para o ano 2022 (código de procedemento VI432B).

BDNS (Identif.): 603066.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas ao alugamento de vivenda as persoas físicas maiores de idade que na data da presentación da solicitude de renovación da axuda cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter obtido a condición de persoa beneficiaria da axuda na convocatoria de 2021 das axudas ao alugamento ao abeiro da Resolución do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 para o ano 2021 (DOG núm. 60, do 30 de marzo) e non ter perdido o dereito á subvención.

b) Ter a nacionalidade española ou residir legalmente en España, no caso das persoas estranxeiras.

c) Ser titulares, en condición de persoa inquilina, dun contrato de alugamento de vivenda cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, e cuxos efectos económicos sexan anteriores ao último día de prazo de presentación de solicitudes.

d) Que a vivenda arrendada constitúa a súa residencia habitual e permanente, así como da súa unidade de convivencia durante todo o período polo cal se conceda a axuda. Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude.

e) Que a renda mensual da vivenda alugada non supere os importes establecidos no artigo 10 das bases reguladoras.

f) Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,7 veces o IPREM. Para o cómputo destes ingresos non serán de aplicación os coeficientes multiplicadores previstos no artigo 12.4 das bases reguladoras.

g) Que os ingresos das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM). Este límite será de catro veces o IPREM se a unidade de convivencia é unha familia numerosa de categoría xeral ou ten persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a seguir. O límite será de cinco veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con algún dos seguintes tipos de discapacidade:

– Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

– Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

2. Non poderá concederse a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atope nalgunha das situacións que a continuación se indican:

a) Ser propietario ou usufrutuario dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito as persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou dalgún membro da súa unidade de convivencia.

b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora da vivenda.

c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.

d) Ser inquilina dunha vivenda xestionada polo IGVS ou por calquera Administración pública.

e) Ter sido beneficiaria das axudas de calquera das dúas liñas deste programa ao abeiro de convocatorias anteriores realizadas con financiamento do Plan 2018-2021. Exceptúanse deste suposto as persoas que xa non forman parte da unidade de convivencia da persoa beneficiaria da axuda.

f) Non atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Estar incurso nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e/ou no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como ser obxecto dunha resolución de revogación ou reintegro dunha axuda deste plan de vivenda ou doutro anterior, por causa imputable a algunha das persoas integrantes da unidade de convivencia.

Segundo. Obxecto

Convocar para o ano 2022 a renovación dos seguintes programas de axudas ao alugamento de vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021) que foron concedidas na anualidade 2021, que se tramitarán co código de procedemento VI432B:

a) Liña A, axuda ao alugamento de vivenda: a súa finalidade é facilitar o desfrute dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante a concesión de axudas directas ás persoas inquilinas.

b) Liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente: a súa finalidade é facilitar o acceso ao desfrute dunha vivenda digna e adecuada, en réxime de alugamento, a persoas menores de 35 anos con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas inquilinas.

A concesión inicial das axudas que se prorrogan mediante esta resolución foi tramitada mediante o procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das axudas obxecto desta convocatoria están recollidas na Orde do 2 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 172, do 11 de setembro, modificada pola Orde do 17 de abril de 2020 (DOG núm. 77, do 22 de abril).

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As axudas obxecto desta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.6, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2022, por un importe total de 3.327.000 euros distribuído nas seguintes liñas:

Liñas de axudas

Aplicación

Proxecto

Importe 2022

Liña A. Axuda ao alugamento de vivenda

08.81.451B.480.6

2018 00008

2.485.000,00 €

Liña B. Axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente

08.81.451B.480.6

2018 00004

842.000,00 €

Total

3.327.000,00 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 1 de marzo de 2022 e rematará o 31 de marzo de 2022.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo