Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Xoves, 30 de decembro de 2021 Páx. 64885

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 28 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción e consolidación do emprego autónomo no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR341D).

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, a Consellería de Emprego e Igualdade, ten entre as súas funcións apoiar as persoas e as empresas na creación de emprego estable e de calidade e procurar que ese emprego se manteña e recoñece a necesidade de prestar unha especial atención. Co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7ª da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

No título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo (BOE do 12 de xullo), dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e prestarase especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas ou non suficientemente representadas, entre as cales as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

Por outra banda, hai que ter en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo, a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar o emprendemento e apoiar a persoa emprendedora como axente dinamizador da economía na comunidade autónoma.

De acordo co disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia ; e no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego e, en concreto, a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das axudas e subvencións do programa de promoción do emprego autónomo.

O programa de promoción do emprego autónomo será financiado polo mecanismo de recuperación e resiliencia (MMR), establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, que se conforma como o elemento central do marco financeiro plurianual (MFP) para 2021-2027 que se pon en marcha co instrumento europeo de recuperación («Next Generation EU»). A instrumentación da execución dos recursos financeiros do fondo europeo de recuperación realizarase a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado polo Consello de Ministros do 27 de abril de 2021, e avaliado favorablemente pola Comisión Europea o 16 de xuño de 2021. Os proxectos que constitúen o dito plan abordan a realización de reformas estruturais para os próximos anos que permitirán un cambio de modelo produtivo para a recuperación da economía tras a pandemia causada pola COVID-19 e, ademais, unha transformación cara a unha estruturas máis resiliente que permita que este novo modelo saiba enfrontar con éxito outras posibles crises ou desafíos no futuro.

As recomendacións da UE en materia de emprego diríxense a que os Estados membros deben descentralizar a xestión das políticas de emprego, de formas que estas se acheguen e adecúen ás necesidades concretas de cada territorio e á realidade do mercado de traballo local co fin de acadar unha estratexia común de acción. Por isto, o Plan está deseñado en torno a catro grandes eixes transversais para avanzar a unha economía verde, dixital, con igualdade de xénero, cohesionada e inclusiva.

Ademais de corrixir desequilibrios estruturais, a economía española e a galega, en particular, deben facer fronte a importantes retos cara ao futuro próximo. O cambio climático, a transición enerxética, a transformación dixital das empresas e da Administración, xunto co envellecemento poboacional, a igualdade efectiva entre homes e mulleres e entre xeracións e a vertebración territorial para intentar superar a fenda urbano-rural son os grandes desafíos do século XXI. Asi o Plan de recuperación, transformación e resiliencia ten como obxectivo acelerar a transición ecolóxica como elemento clave na fase de reconstrución e prevé adicar un 40,29 % dos recursos do Plan, superando así o obxectivo establecido no Regulamento do mecanismo de recuperación e resiliencia. Así mesmo, tempo, a situación derivada da COVID-19 supuxo unha aceleración do proceso de dixitalización, o que puxo de manifesto as fortalezas e as carencias, e así o Plan busca impulsar a dixitalización, especialmente nas pequenas e medianas empresas. As accións do Plan cumprindo as exixencias regulamentarias en materia do principio de «non causar un prexuízo significativo» oriéntanse a maximizar as sinerxías da dobre transición verde e dixital cun conxunto de proxectos que utilizan as ferramentas dixitais para avanzar en eficiencia enerxética, algoritmos verdes, redes intelixentes, uso eficiente da auga e do solo, etc. Así, o Plan define un dobre obxectivo transversal: que a dixitalización contribúa de forma importante a pechar as brechas sociais, territoriais e de xénero e que apoie a transición ecolóxica.

No marco do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia inclúese o Compoñente 23 «Novas políticas públicas para un mercado de traballo dinámico, resiliente e inclusivo», encadrado na área política VIII «Nova economía dos coidados e políticas de emprego». Un dos obxectivos deste compoñente é reformar e impulsar as políticas activas de emprego, mellorando a cohesión do Sistema nacional de emprego, cun enfoque centrado nas persoas e nas empresas, orientándoas cara a resultados avaliables, coherentes coa innovación, a sustentabilidade e as transformacións produtivas, apoiadas na mellora das capacidades e na transformación dixital dos servizos públicos de emprego.

A presente orde cumpre cos principios de boa regulación, de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, e eficiencia previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

Será de aplicación a esta convocatoria a Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia en todas as medidas que axuden a axilizar e flexibilizar a súa tramitación.

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, polo que queda a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2021; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo regulado no Regulamento (UE) 2020/2094, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un instrumento de recuperación da UE para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19, no Regulamento (UE) 2021/241, do 12 de febreiro, polo que se establece o mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR), no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) de España (aprobado o 16.6.2021 por Decisión do Consello de Europa), no Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do PRTR, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do PRTR, e pola Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que vaian proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do PRTR.

En canto ao procedemento de concesión, establécese un procedemento que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Xeral, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do Programa de promoción do emprego autónomo (TR341D) e proceder á súa convocatoria para o ano 2022.

2. A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.

3. Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2021 ata o 30 de setembro de 2022, ambos inclusive.

Artigo 2. Marco normativo

1. As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde, nos regulamentos UE 1407/2013, 1408/2013 e 714/2014 da Comisión Europea, relativo ás axudas de minimis e no Regulamento (UE) 2021/241, do 12 de febreiro, polo que se establece o mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR).

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamento

1. As axudas previstas nesta orde para o exercicio económico de 2022 teñen un orzamento de 12.500.000 euros que se financiaran do seguinte xeito:

a) Da aplicación orzamentaria 11.04.322C 472.0, código de proxecto 2022 0089, cun crédito de 12.000.000 de euros.

b) Da aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.6, código de proxecto 2017 00021, cun crédito de 500.000 euros.

Estes créditos orzamentarios están recollidos no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2021; 12 millóns de euros se encadran no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e a súa concesión queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito para o ano 2022 adecuado e suficiente no momento da resolución. Os restantes 500.000 euros fináncianse con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta convocatoria, dado o seu carácter de tramitación anticipada, queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente para este programa. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. As axudas deben estar tramitadas no exercicio corrente xa que a convocatoria non é plurianual.

3. O Programa de promoción de emprego autónomo fai unha distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas e será directamente proporcional á porcentaxe do paro rexistrado en cada provincia a 31 de decembro de 2020, segundo os datos de paro rexistrados do Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coa seguinte porcentaxe: A Coruña, 40 %; Lugo, 10 %; Ourense, 11 % e Pontevedra 39 %. Se o orzamento asignado a cada provincia non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación en cada ámbito provincial. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto no artigo 8 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou más solicitudes presentadas que correspondan ao mesmo ámbito provincial, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

4. Para este programa no suposto de que o crédito asignado a unha provincia sexa superior ao número de solicitudes presentadas de xeito que exista remanente orzamentario, procederase a realizar unha repartición proporcional deste entre as provincias restantes en función do número de solicitudes presentadas en cada ámbito provincial.

5. Poderá ampliarse a contía máxima deste crédito para esta convocatoria que se tramitará como modificación dela, segundo previsto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30 do seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de maneira que o incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 5. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as seguintes condicións:

a) Estar inscrito como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.

b) Ter iniciada a actividade segundo definición do artigo 6.3 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.

c) Desenvolver fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

d) Ter o domicilio fiscal en Galicia.

e) Non ter percibido subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo nos tres anos anteriores á data do inicio da nova actividade. Este prazo computarase desde a data de notificación da resolución de concesión da anterior subvención.

f) Non ter desenvolvido como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará cando a actividade desenvolvida fose realizada por persoas autónomas colaboradoras.

2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.

3. Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

4. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non acharse ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

Tampouco poderá en ningún caso obter a condición de entidades beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude se poida practicar a inscrición no correspondente rexistro.

5. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

6. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 4 e 5 anteriores para obter a condición de persoa beneficiaria realizarase mediante declaración responsable, a excepción do recollido no punto 4.e), que se xustificará de conformidade co disposto no artigo 14.1.

7. As administración laborais competentes nos seus respectivos ámbitos de xestión garantirán o pleno cumprimento do principio de «non causar dano significativo» (principio «do not significant harm-DNSH») e a etiquetaxe verde e dixital, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado polo Consello de Ministros o 27 de abril de 2021 e no Regulamento (UE) número 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o mecanismo de recuperación e resiliencia, en todas as fases do deseño e execución dos proxectos.

Artigo 6. Definicións

Para os efectos de esta orde considérase:

1. Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego e da vida laboral realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

2. Persoa desempregada de longa duración, aquela que na data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social estea sen traballo e acredite un período de inscrición como desempregada no Servizo Público de Emprego de, polo menos, 360 días durante os 540 días anteriores á alta no RETA ou mutualidade do colexio profesional correspondente;

3. Data de inicio da actividade laboral: para os efectos deste programa entenderase como data de inicio da actividade laboral a de alta como persoa autónoma no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional; esta data será a que figura recollida no documento de alta do Ministerio de Traballo e Economía Social, así como nos informes de vida laboral.

4. Persoa con discapacidade: aquela que teña recoñecido pola Administración competente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

A comprobación da condición de persoa con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas; no caso de oposición da persoa interesada ou que a discapacidade fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia deberá presentar a documentación acreditativa da discapacidade.

5. Comunidade de bens, sociedade civil ou outras entidades xurídicas sen personalidade xurídica de nova creación, aquelas que inicien a actividade empresarial desde o 1 de outubro de 2021, segundo a data en que se dea de alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, a data de alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria.

6. Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra, Vigo.

7. Para os efectos deste programa, terán a consideración de persoas en situación ou risco de exclusión social as persoas perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou membros da súa unidade de convivencia ou as persoas que teñan o certificado emitido polos servizos sociais acreditativo da dita situación social, tras a verificación da ausencia ou déficit grave de recursos económicos e a situación de desemprego, así como a concorrencia dalgún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

8. Persoa emigrante retornada: de acordo co establecido nos artigos 53 e 54 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, terán a condición de galego retornado as persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, retornen á Comunidade Autónoma galega. Para os efectos previstos nesa lei, asimílanse a persoas galegas retornadas os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e a descendencia de primeiro grao das persoas galegas e nacidas en Galicia con residencia no estranxeiro que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os requisitos, con carácter xeral, para adquirir a condición de persoa galega retornada son os seguintes:

a) Ser persoa galega e nacida en Galicia.

b) Acreditar ou ter relación filial, conxugal ou análoga á conxugal.

c) Estar en posesión da nacionalidade española e estar vinculado a un concello galego no padrón de residentes no exterior antes do retorno.

d) Estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para adquirir esta condición de emigrante retornado non deben transcorrer máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta orde.

9 Persoa trans: toda aquela persoa que se indentifique cun xénero diferente ao que lle foi asignado ao nacer.

10. Ocupacións con subrepresentación feminina na contratación: tomando como referencia as persoas contratadas por xénero no período 2016-2020 nos grupos ocupacionais segundo a nova clasificación nacional de ocupacións (CNO-11) publicada no Real decreto 1591/2010, do 26 de novembro, teñense en conta os grupos ocupacionais que no ano 2020 reflicten valores de contratación inferiores ao 40 % de representación feminina e segundo o cal se elabora unha lista de ocupacións con subrepresentación feminina por ocupacións.

Artigo 7. Subvencións baixo as condicións do réxime de minimis

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño), e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro). Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector de transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicio fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecida no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Artigo 8. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse no modelo de solicitude que figuran como anexo I xunto coa documentación e no prazo establecido nesta orde.

As solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención de ser persoa beneficiaria dela.

5. Ao ser válida unha única solicitude por persoa ou entidade no caso de que algunha persoa presentara unha nova solicitude entenderase que desiste da anterior, salvo que xa estivese resolta.

6. As administracións laborais competentes nos seus respectivos ámbitos de xestión garantirán o pleno cumprimento de «non causar dano significativo» (principio «do not significant harm-DNSH») e a etiquetaxe verde e dixital, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado polo Consello de Ministros, do 27 de abril de 2021 e no Regulamento (UE) número 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro do 2021, polo que se establece o mecanismo de recuperación e resiliencia, en todas as fases de deseño e execución de proxectos.

As solicitudes deberán acompañarse dunha declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», no sentido establecido no punto 6) do artigo 2 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o mecanismo de recuperación e resiliencia, a dita declaración responsable do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio «do not significant harm-DNSH») realizarase atendendo o modelo que se recolle no seguinte enderezo electrónico do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico https://www.miteco.gob.es/es/ministerio/recuperacion-transformacion-resiliencia/transicion-verde/cuestionariodnshmitecov20_tcm30-529213.pdf, seguindo as directrices recollidas na Comunicación da Comisión Europea (2021/ C 58/01), «Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo», en virtude do Regulamento relativo ao mecanismo de recuperación e resiliencia.

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo contarase a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2022. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, cumprindo polo tanto o prazo mínimo dun mes establecido no artigo 29 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Emenda das solicitudes

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo máximo e improrrogable de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Contía da subvención

Co obxecto de axudar ás persoas desempregadas ao inicio e ao mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlles ingresos durante o inicio da súa actividade laboral, establécese para todas aquelas persoas que teñan a condición de beneficiarias de acordo co establecido no artigo 5, segundo a súa situación no momento de inicio da actividade laboral, unha subvención segundo o método de custos simplificados asociado á operación coas seguintes contías:

a) 2.000 € para persoas desempregadas en xeral.

b) 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:

– Persoas menores de 30 anos.

– Persoas desempregadas de longa duración.

– Persoas desempregadas con discapacidade.

– Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.

A contía base correspondente incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:

a) Se a persoa incorporada é unha muller.

b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.

c) Persoas maiores de 45 anos.

d) Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada.

e) Persoas trans.

f) Profesións e oficios nos que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións que se reflicte na lista que figura no anexo III.

Estes seis incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicárense todos os incrementos, sería de 10.000 euros.

Aplicarase a subvención polo colectivo e os incrementos indicados pola persoa solicitante, en caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude. Se non queda acreditada a pertenza a ningún colectivo, entenderase que solicita pola contía base mínima.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037).

b) De ser o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.

c) Documentación acreditativa do colectivo polo cal se opta (para os casos de exclusión social, discapacidade ou dependencia recoñecida fóra de Galicia).

d) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa solicitante e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de solicitar o incremento de persoa emigrante retornada.

e) Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

f) No caso de que as persoas polas que se solicita a subvención teñan a condición de trans, documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.

g) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna. Quedan excepcionadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.

h) Contrato ou documento de creación da comunidade de bens, sociedade civil ou entidades sen personalidade xurídica onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias ou comuneiros, se é o caso.

i) Declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis. Ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións. Tal como se recolle no anexo I da orde.

j) Declaración responsable de que posúe a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda (anexo I).

k) Declaración responsable do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio «do not significant harm-DNSH»), conforme se indica no artigo 8.6 desta orde.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente polo persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán acadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade representante, de ser o caso.

c) Vida laboral dos últimos 5 anos no réxime especial de traballadores autónomos.

d) Alta no imposto de actividades económicas.

e) Informe de períodos de inscrición no Servizo Público de Emprego.

f) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

g) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

i) Certificado de domicilio fiscal.

j) Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade ou dependencia recoñecida pola Xunta de Galicia.

b) Consulta de datos de residencia con data de última variación padroal.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O fin último deste programa é a promoción do emprego autónomo a través do outorgamento dunha contía fixa que contribúa a que as persoas autónomas fagan fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral, polo que para facilitar o financiamento dos proxectos de autoemprego subvencionados ao abeiro desta orde se establece un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas senón que a concesión das axudas se realizará pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme o previsto no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos de emprego e da formación profesional ocupacional, e o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano instrutor dos expedientes serán os servizos de emprego e economía social das xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade competentes por razón do territorio, que instruirán os procedementos de acordo cos criterios establecidos para o dito programa.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta nin impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear a manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia. De ser o caso, a Administración poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

6. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentara a documentación completa requirida nestas bases reguladoras

9. Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa persoa debedora por resolución de reintegro.

Artigo 16. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, corresponderalles ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade, no respectivo ámbito provincial onde a persoa solicitante teña o seu domicilio fiscal; no caso de solicitudes con domicilio fiscal fora de Galicia a competencia será da xefatura territorial onde se tivera presentado a solicitude.

Artigo 17. Resolución da concesión

1. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, contía da subvención e obrigas que correspondan á persoa beneficiaria.

2. A resolución de concesión emitirase atendendo as manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita polo persoa que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007 de subvencións de Galicia. O cumprimento dos requisitos exixidos serán obxecto de comprobación con posterioridade á resolución da concesión.

3. Tendo en conta que os requisitos para ser persoa beneficiaria desta axuda deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa beneficiaria se recollen na presente orde no artigo 20, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, ao terse aceptada coa presentación da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver e notificar é de 3 meses, que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

6. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Resolución e recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, á xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade competente por razón do territorio.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Forma de pagamento e xustificación

1. O cumprimento dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión; en función desa declaración responsable resolverase a concesión da axuda e procederase ao seu pagamento, no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude.

2. No prazo máximo de 3 meses desde a recepción da axuda, a persoa beneficiaria deberá xustificar, electronicamente a aplicación desta axuda aos gastos subvencionables, segundo o modelo previsto no anexo II, sen prexuízo do establecido no artigo 30 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias

Sen prexuízo das obrigas establecidas con carácter específico para cada programa de axuda, son obrigas das persoas e entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

d) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.

e) Manter a alta no RETA ou mutualidade durante un tempo mínimo de dezaoito meses se se concede a subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente.

f) As persoas físicas beneficiarias de calquera axuda deste programa deberán manter durante o período dun ano a forma xurídica elixida pola que se lles concederon as subvencións.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control durante un período de 3 anos, de conformidade co artigo 22.2.f) do Regulamento (UE) 2021/241.

h) A obriga de facilitar toda a información que lle sexa requerida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

i) A percepción de fondos do Plan de recuperación e resiliencia está condicionada a que os perceptores finais se comprometan por escrito a conceder os dereitos e os accesos necesarios para garantir que a Comisión, a Oficina Europea de Loita Contra o Fraude (OLAF), o Tribunal de Contas Europeo, a Fiscalía Europea e as autoridades nacionais competentes exerzan as súas competencias.

j) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade.

De acordo con esta obriga, a empresa subvencionada deberá anunciar que está sendo subvencionada pola Consellería de Emprego e Igualdade e fará mención á orixe do financiamento, da Unión Europea-Next Generation EU. Para isto, incorporarán un cartel informativo dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible durante o período mínimo dun ano desde o pagamento da subvención. O dito cartel estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e no portal de emprego http://emprego.ceei.xunta.gal/

i) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Seguimento e control

1. As xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade e a Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, a persoa beneficiaria deberá cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

2. A persoa solicitante das axudas e subvencións previstas nesta orde, no suposto de teren a condición de beneficiaria e para os efectos das actuacións de control das obrigas asumidas, autoriza a Consellería de Emprego e Igualdade para que a Tesouraría Xeral da Seguridade Social poida facilitar a información sobre a situación de alta no sistema da Seguridade Social.

3. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 23. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 24. Incompatibilidades e concorrencia

A subvención establecida neste programa será incompatible coas establecidas nos distintos programas de promoción do emprego autónomo que subvencionen a alta como persoa traballadora autónoma, nos programas de fomento de cooperativas e do emprego en cooperativas e sociedades laborais, iniciativas de emprego, iniciativas de emprego de base tecnolóxica e integración laboral das persoas con discapacidade, convocados pola Consellería de Emprego e Igualdade.

Así mesmo, serán incompatibles coas axudas comprendidas no programa Emega para o fomento do emprendemento feminino convocadas pola Consellería de Emprego e Igualdade así como con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento do emprego.

Será compatible coas axudas que a Secretaría Xeral da Emigración convoque no 2022 para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónomo galega das persoas emigrantes retornadas e dos seus descendentes, así como co Programa do bono nova oportunidade que se convoque no ano 2022.

Artigo 25. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida no suposto de non estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. Procederá o reintegro total da axuda concedida ao abeiro do artigo 5 desta orde no suposto de non cumprir a obriga establecida no artigo 20.e), de mantemento da alta no RETA ou mutualidade durante un período de dezaoito meses.

4. Procederá o reintegro total das axudas concedidas ao abeiro desta orde no suposto de non cumprir co prazo indicado no artigo 20, alínea f), de non manter a forma xurídica durante un período mínimo dun ano.

5. Procederá o reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 20, alínea b), de comunicar a obtención doutras axudas incompatibles.

6. Procederá o reintegro do 10 % da axuda no caso do incumprimento de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles.

7. Procederá o reintegro parcial da axuda concedida ao non cumprir a obriga establecida no artigo 20.e) de manter a alta no RETA ou mutualidade durante dezaoito meses, pero se aproxime de xeito significativo a ela, entendendo como tal a súa alta polo menos doce meses. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dezaoito meses.

8. Procederá o reintegro do exceso percibido máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 20, alínea b), de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles.

10. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles.

11. A obriga de reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da referida Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no titulo I da citada Lei. O incumprimento desta obriga determinará, se é o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

3. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación cos proxectos financiados con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, como é o caso, poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, a través da canle habilitada na web https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade nas xefas e xefes territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para a tramitación e resolución dos expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional segunda. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións, aclaracións ou interpretacións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2021

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file