Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 7 de xaneiro de 2022 Páx. 528

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se prorrogan as medidas para a erradicación do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. ou nematodo da madeira do piñeiro.

O nematodo da madeira do piñeiro (NMP), Bursaphelenchus xylophilus, é considerada unha das pragas de coníferas máis perigosas a nivel mundial. Este organismo nocivo presenta unha enorme capacidade de dispersión, ben a través do material vexetal, ben a través da circulación de mercadorías mediante embalaxes de madeira, ben pola transmisión a través do voo natural do seu insecto vector (Monochamus galloprovincialis).

Antecedentes:

Primeiro. Durante o ano 2010 foi detectada por primeira vez a presenza deste organismo na Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto no concello das Neves (Pontevedra). Como consecuencia deste feito estableceuse un área demarcada e unha serie de medidas para aplicar dentro dela para lograr o seu control e erradicación.

No ano 2016 foi detectado un novo positivo no concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra), próximo á localización daquel do ano 2010, polo que non foi necesario modificar a área demarcada xa establecida inicialmente nas Neves.

No ano 2018 foron detectadas cinco mostras con presenza do nematodo, polo que foi establecida unha nova zona demarcada a través da Resolución da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias do 28 de decembro de 2018.

Segundo. Desde a data da primeira presenza, desenvólvese en toda a zona demarcada un plan de actuacións encamiñadas á erradicación do nematodo e á vixilancia para detectar a posible aparición de novos focos, tanto na propia zona demarcada como no resto da Comunidade Autónoma.

Terceiro. Segundo o artigo 3 do Real decreto 739/2021, de 24 de agosto, o nematodo da madeira do piñeiro ten status legal de praga de corentena da Unión, polo que non se poderá introducir, trasladar, manter, multiplicar nin liberar no territorio da UE. Este real decreto atribúe ás comunidades autónomas, nos seus respectivos ámbitos territoriais, a aplicación das medidas de protección contra as pragas dos vexetais.

Cuarto. O artigo 115 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que a consellería competente en materia de montes poderá declarar a existencia dunha praga ou enfermidade forestal, así como ditar as medidas e os tratamentos fitosanitarios obrigatorios para o control e a loita contra a praga e delimitar a zona afectada.

O artigo 117.1 da mesma lei establece que as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, titulares ou xestoras de montes terán a obriga de:

a) Vixiar e manter en bo estado fitosanitario as masas forestais da súa titularidade ou xestión.

b) Extraer aquelas plantas ou produtos forestais que, pola súa sintomatoloxía, poidan constituír un risco de praga ou enfermidade.

c) Comunicar ao órgano que corresponda da consellería competente en materia de montes toda aparición atípica de organismos nocivos ou de síntomas de enfermidade nas súas masas forestais.

d) Eliminar ou extraer do monte, cando tecnicamente sexa posible, os restos dos tratamentos silvícolas ou dos aproveitamentos forestais que supoñan un risco pola posible aparición de pragas ou enfermidades forestais.

e) Executar ou facilitar a realización das medidas fitosanitarias que a consellería competente en materia de montes determine como consecuencia da declaración de existencia oficial dunha praga ou enfermidade forestal.

Quinto. O artigo 1 da Decisión de execución da Comisión 2012/535/UE, do 26 de setembro de 2012, relativa ás medidas de emerxencia para evitar a propagación na Unión de Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. define a tempada de voo do vector como o período comprendido entre o 1 de abril e o 31 de outubro, salvo no caso de que exista unha xustificación técnico-científica para unha duración diferente, tendo en conta unha marxe de seguridade de catro semanas adicionais ao principio e ao final da tempada de voo prevista.

Así mesmo, o punto 1 do artigo 5 establece que os Estados membros adoptarán medidas, segundo o establecido no anexo I, para erradicar o NMP presente nas zonas demarcadas do seu territorio.

Sexto. O Plan nacional de continxencia de Bursaphelenchus xylophilus de 2020 establece as medidas que se deben realizar fóra da tempada de voo do vector, é dicir entre o 1 de novembro e o 31 de marzo.

Sétimo. O artigo 14 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal (BOE núm. 279, do 21 de novembro), habilita a Comunidade Autónoma de Galicia para adoptar algunha das medidas fitosanitarias establecidas no artigo 18 da dita lei, o que implica a facultade de desinsectar, desinfectar, inmobilizar, destruír, transformar ou someter a calquera outra medida profiláctica os vexetais e os seus produtos, así como o material con eles relacionado, que sexa ou poida ser vehículo de pragas.

A adopción destas medidas implica a entrada nos predios e parcelas dos particulares afectados polo organismo de corentena para a erradicación de todas as especies sensibles, sen prexuízo de que os titulares dos aproveitamentos procedan á execución das medidas previstas nesta resolución, de conformidade no artigo 19 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.

Oitavo. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias é o órgano competente para ditar a presente resolución consonte o artigo 17.b) do Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

Noveno. Esta resolución é obxecto de publicación, de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dada a concorrencia tanto dun interese público na materia como dunha pluralidade de interesados.

En virtude dos feitos indicados e da lexislación en vigor,

RESOLVO:

1. Dentro da zona demarcada establecida pola Resolución do 28 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, continúan vixentes as medidas de erradicación conforme o artigo 6 da Decisión de execución 2012/535/UE, destinadas a lograr a erradicación de Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al.

2. A corta, movemento e procesado da madeira procedente da zona demarcada deberá cumprir co establecido no anexo I, puntos 7 e 8, e no anexo III da Decisión 2012/535/UE da Comisión, do 26 de setembro de 2012, coas súas posteriores modificacións, relativa ás medidas de emerxencia para evitar a propagación na Unión de Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al., e no Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, polo que se declara de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. e se ordenan as medidas para evitar a propagación.

Polo tanto, os propietarios ou administracións implicadas terán a obriga de eliminar todas as árbores sintomáticas, decaídas ou afectadas por incendios forestais ou tormentas na zona demarcada de NMP. O prazo para executar estes labores será:

– De forma inmediata, se as árbores con decaemento aparecen dentro da tempada de voo do insecto vector, é dicir entre o 1 de abril e o 31 de outubro.

– Ata o día 1 de abril do ano seguinte, se as árbores sintomáticas, decaídas ou afectadas aparecen fóra dese período de voo.

De non producirse a eliminación no dito prazo, a Administración poderá proceder á súa execución de forma subsidiaria mediante medios propios ou mediante contratos con empresas do sector e poderá repercutir os gastos sobre os seus titulares.

En particular, as plantas sensibles identificadas como sintomáticas, decaídas ou afectadas por incendios forestais ou tormentas na zona demarcada, deberán cortarse e destruírse in situ ou separarse, e a súa madeira e casca deberán tratarse ou transformarse, como se establece a seguir:

– Tratamento térmico nunha instalación de tratamento autorizada, co fin de alcanzar unha temperatura mínima de 56 ºC durante polo menos 30 minutos por toda a madeira (especialmente no centro desta) e a casca, garantindo que están libres de NMP e de vectores vivos; en caso dun tratamento térmico de compostaxe, a compostaxe levarase a cabo conforme unha especificación do tratamento que aprobe o Comité Permanente de Vexetais, Animais, Alimentos e Pensos da UE.

– Ser utilizadas nunha instalación de transformación como combustible ou para outros efectos destrutivos que garantan que quedan libres de NMP e de vectores vivos.

En tempada de voo do vector, as medidas deberán ser as mesmas que fóra da dita tempada, pero neste caso deberán ser realizadas de forma inmediata.

3. Na zona demarcada procederase ao cumprimento, respecto dos requisitos para a circulación de vexetais e produtos vexetais orixinados na zona demarcada, das medidas expresamente establecidas no artigo 10, no anexo I, punto 10, e no anexo III da Decisión 2012/535/UE.

4. Na zona demarcada, no que atinxe ás industrias da madeira, cumprirase co establecido no anexo III, sección 1, puntos 2 e 3, da Decisión 2012/535/UE. Ademais, toda a madeira, produtos de madeira, embalaxes e outros produtos producidos con material sensible deberán levar pasaporte fitosanitario ou o correspondente selo identificativo de ter sido sometidos a tratamento térmico.

5. Mantéñense en vigor as medidas fitosanitarias establecidas na Resolución do 6 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade ao inicio da execución de medidas fitosanitarias para a erradicación do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. na zona demarcada das Neves e na franxa tampón de 20 quilómetros coa fronteira con Portugal.

6. O incumprimento na adopción destas medidas de erradicación poderá ser sancionado consonte a Lei 43/2002, de sanidade vexetal.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2021

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias