Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 12 de xaneiro de 2022 Páx. 1025

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 30 de decembro de 2021 pola que se aproban as especificacións de produto da Base topográfica urbana de Galicia (BTUG) e as especificacións de produto da Base topográfica de Galicia (BTG) como normas técnicas de produción de cartografía de Galicia.

I

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establece o artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia nos parágrafos 3 e 30, ten competencia exclusiva, respectivamente, en materia de ordenación do territorio e do litoral, así como de normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución española.

Segundo o Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o estipulado no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o establecido no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, esta consellería é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, conservación do patrimonio natural, paisaxe e vivenda, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española.

A persoa titular da consellería é a autoridade superior da consellería respectiva e, con tal carácter, está investida das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

II

O Decreto 14/2017, do 26 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, recolle que tanto a cartografía oficial realizada pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e polas entidades instrumentais do sector público autonómico, ou baixo a súa dirección e control, como a restante produción de cartografía e información xeográfica por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e polas entidades instrumentais do sector público autonómico, deberá suxeitarse ás normas técnicas de produción de cartografía de Galicia, sen prexuízo da necesaria observancia das restantes normas aplicables, e que esas normas técnicas de produción de cartografía de Galicia deberán ser aprobadas por orde da persoa titular da consellería competente na materia de ordenación do territorio.

III

O Instituto de Estudos do Territorio é un organismo autónomo adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio. Os seus estatutos foron aprobados polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro, modificados polo Decreto 14/2017, do 26 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia e, entre as súas funcións, recollidas no artigo 10.d), figura a «recompilación e o tratamento da información do territorio galego, así como a produción cartográfica para as diferentes consellerías e organismos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente en materia agraria e de desenvolvemento rural (...)».

Ademais, segundo indica o artigo 12 do Decreto 172/2012, do 1 de agosto, polo que se regula a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía, o soporte técnico para o desenvolvemento das funcións da Comisión será prestado polo Instituto de Estudos do Territorio, organismo a que está adscrita.

IV

A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía, órgano de coordinación técnica dos departamentos, organismos e entes da Administración autonómica galega nas súas actuacións en materia de sistemas de información xeográfica e cartográfica, creada polo Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro, e regulada polo Decreto 172/2012, do 1 de agosto, modificado polo Decreto 14/2017, do 26 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, no exercicio das súas funcións, aprobou propoñer os modelos de datos da Base topográfica de Galicia (BTG) e as especificacións de produto da Base topográfica urbana de Galicia (BTUG), así como a modificación posterior e puntual do modelo de datos da BTUG, como normas técnicas de produción de cartografía de Galicia.

Preténdese, por tanto, a aprobación dun documento de especificacións do produto de datos, entendido como aquel que contén unha descrición detallada dos datos a que se refire, xunto con información adicional que permite a calquera usuario creala, provela e utilizala; como normas técnicas de produción de cartografía, é dicir, aquelas que establecen as condicións a que debe axustarse a produción de datos espaciais e a elaboración de cartografía a grandes escalas co fin de garantir a necesaria harmonización entre as bases topográficas producidas polas distintas administracións.

A orde consta de tres artigos referidos ao obxecto e ámbito de aplicación, definicións e carácter das normas técnicas de produción de cartografía de Galicia; unha disposición adicional única relativa á aprobación das actualizacións das normas técnicas de produción de cartografía de Galicia e unha disposición derradeira única relativa á súa entrada en vigor.

Consta tamén dun anexo no cal se recollen as especificacións:

ANEXO

Especificacións de produto da Base topográfica de Galicia (BTG) v1.1

Especificacións de produto da Base topográfica urbana de Galicia (BTUG) v1.02

En virtude do exposto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto aprobar as especificacións de produto da Base topográfica urbana de Galicia (BTUG) e as especificacións de produto da Base topográfica de Galicia (BTG), cuxo contido figura como anexo á presente orde que, unha vez aprobadas, se publicarán na páxina web http://mapas.xunta.gal, como normas técnicas de produción de cartografía de Galicia, conforme o disposto no artigo 17 do Decreto 14/2017, do 26 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia.

Artigo 2. Definicións

1. Un documento de especificación do produto de datos é aquel que contén unha descrición detallada dos datos a que se refire, xunto con información adicional que permite a calquera usuario creala, provela e utilizala, de conformidade co previsto na norma ISO 19131, Data Product Specification.

Segundo esta norma, un documento de especificacións debe conter unhas seccións obrigatorias e outras opcionais. Así, se un organismo desexa crear un conxunto de normas para todos os seus ámbitos de actuación, primeiro debe fixar as seccións e elementos, entre os opcionais, que vai considerar na redacción de todos os seus documentos, de maneira que sexan homoxéneos. Desta forma créase un persoal ou modelo para todas as especificacións do seu proxecto.

Os elementos fixados como obrigatorios son:

a) Xeneralidades.

b) Alcance da especificación.

c) Identificación do produto de datos.

d) Contido e estrutura dos datos.

e) Sistemas de referencia utilizados e permitidos.

f) Calidade de datos.

g) Metadatos.

Para completar o documento, pódense engadir outras seccións que detallan outros contidos, aínda que estes non son imprescindibles:

a) Procesos de captura de datos.

b) Mantemento de datos.

c) Representación gráfica.

d) Información adicional.

2. Son normas técnicas de produción de cartografía aquelas normas que establecen as condicións a que debe axustarse a produción de datos espaciais e a elaboración de cartografía a grandes escalas co fin de garantir a necesaria harmonización entre as bases topográficas producidas polas distintas administracións.

Artigo 3. Carácter das normas técnicas de produción de cartografía de Galicia

1. De acordo co artigo 17 do Decreto 14/2017, do 26 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, a cartografía oficial que realicen a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico, ou baixo a súa dirección e control, deberá suxeitarse ás normas técnicas de produción de cartografía de Galicia aprobadas no artigo anterior, sen prexuízo da necesaria observancia das restantes normas aplicables.

2. Tamén debe axustarse ás normas técnicas de produción de cartografía de Galicia aprobadas a restante produción de cartografía e información xeográfica por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e polas entidades instrumentais do sector público autonómico.

Disposición adicional única. Aprobación das actualizacións das normas técnicas de produción de cartografía de Galicia

1. As normas técnicas de produción de cartografía de Galicia aprobadas nesta orde serán obxecto dunha actualización permanente na páxina web http://mapas.xunta.gal por parte do Instituto de Estudos do Territorio no referente ás adaptacións necesarias dos modelos de datos que non supoñan unha alteración substancial do seu contido, sen prexuízo de informar anualmente a Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica da totalidade das actualizacións realizadas

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior serán obxecto dunha nova aprobación, cunha periodicidade máxima de cinco anos, todas as actualizacións das normas técnicas de produción de cartografía de Galicia, conforme o previsto no artigo 17 do Decreto 14/2017, do 26 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO

Especificacións de produto da Base topográfica de Galicia (BTG) v1.1

Especificacións de produto da Base topográfica urbana de Galicia (BTUG) v1.02

http://descargas.xunta.es/bd3ef15b-25ea-49bf-bb93-b93bc1ffa91f1640787737075