Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 12 de xaneiro de 2022 Páx. 1020

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 17 de decembro de 2021 de aprobación definitiva da modificación puntual número 3 do Plan xeral de ordenación municipal de Valga (Pontevedra).

O Concello de Valga remite documentación relativa a esta modificación puntual de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e os artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Analizada a documentación achegada, redactada polos arquitectos Álvaro Fernández Carballada e Beatriz Aneiros Filgueira, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Valga conta cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 15 de outubro de 2010 (DOG do 28 de outubro e BOP do 4 de novembro).

2. Mediante a Resolución do 26 de outubro de 2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formula o informe ambiental estratéxico da modificación puntual e decide non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (DOG do 27 de novembro, expediente 2018AAE2245).

3. Constan informes municipais: técnico, do 20 de novembro de 2018; da Secretaría, do 21 de novembro de 2018; e da Intervención, do 22 de novembro de 2018.

4. A modificación puntual número 3 apróbase inicialmente o 30 de novembro de 2018, e someteuse a información pública durante dous meses, mediante publicación no DOG do 28 de decembro de 2018 e no xornal Faro de Vigo do 5 de xaneiro de 2019.

5. Desde o concello foron solicitados informes: á Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar (constan informes do 11 de novembro de 2019 e 18 de novembro de 2020); Dirección Xeral de Estradas (informe do 30 de xullo de 2019); Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Dirección Xeral de Planificación e Avaliación da Rede Ferroviaria (informes do 10 de xuño de 2021 e 30 de agosto de 2021); Subdelegación do Goberno (sen resposta) e Ministerio de Economía e Empresa, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (informes do 5 de febreiro de 2019 e 10 de outubro de 2019).

6. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG foron solicitados informes sectoriais: á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio en Urbanismo en materia de costas (consta informe do 1 de marzo de 2019), así como sobre a súa adaptación ao Plan de ordenación do litoral (informe do 15 de decembro de 2021); Instituto de Estudos do Territorio (informes do 14 de maio de 2019 e 5 de novembro de 2021); Axencia Galega de Infraestruturas (informe do 22 de abril de 2019) e Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (informe do 25 de marzo de 2019).

7. Non contestaron ao requirimento de informe: a Deputación de Pontevedra; Augas de Galicia; o Servizo de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria; a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal; a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Estrada, Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, Dodro e Pontecesures, que non responderon á solicitude de informe.

8. Constan informes municipais: técnico, do 27 de novembro de 2020; e de Secretaría do 10 de marzo de 2021.

9. O Pleno da corporación aprobou provisionalmente a modificación puntual o 23 de marzo de 2021.

10. Desde o concello de Valga achégase o documento aprobado provisionalmente, segundo o establecido no artigo 60.13 da LSG, e dáse resposta aos requirimentos realizados.

II. Obxecto e descrición da modificación.

1. O obxecto da modificación puntual é mellorar a funcionalidade da normativa do PXOM e evitar problemas de interpretación, actualizando a regulación de usos, parcelacións, cómputo da edificabilidade e condicións de edificación, e corrixir erros existentes. En concreto:

– Modificación das ordenanzas do uso residencial, así como das condicións xerais do uso residencial para resolver discrepancias no cálculo da edificabilidade.

– Discrepancias nas necesidades de prazas de aparcamento entre o PXOM e a normativa urbanística en vigor.

– Corrección dun erro no cómputo da altura máxima da edificación nas vivendas colectivas, xa que a fórmula definida non coincide coas alturas máximas resultantes establecidas.

– Mellorar a regulación da edificación-ordenanzas en solo urbano e no solo de núcleo rural, simplificando o seu uso e interpretación.

– Aclarar as condicións de regulación dos equipamentos e espazos libres.

– Mellorar a regulación das parcelacións, simplificando o seu uso e interpretación.

– As condicións de compatibilidade entre o uso residencial e o terciario.

– Adaptar a regulación do solo rústico e urbanizable á actual lexislación en vigor.

2. Os informes emitidos durante a tramitación da modificación puntual pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a Axencia Galega de Infraestruturas, a Deputación de Pontevedra e a Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar fixeron preciso tamén modificar:

– A Ordenanza 11, co fin de incluír as cautelas do artigo 39 da Lei de patrimonio cultural de Galicia, así como actualizar a lexislación de afección sobre o Camiño de Santiago.

– A regulación contida no PXOM en relación coas estradas de titularidade autonómica e provincial.

– O artigo 1.1.10 en relación coa aplicación da normativa en materia de costas.

III. Análise e consideracións.

1. As razóns de interese público en que se xustifica a modificación puntual, segundo o establecido no artigo 83.1 da LSG e 201.1 do RLSG, baséanse na conveniencia de adaptar a normativa do PXOM á lexislación urbanística e sectorial vixente para unha maior seguridade xurídica na súa aplicación, evitando problemas na súa interpretación.

2. O documento non responde ás cuestións sinaladas no informe desta Dirección Xeral de Urbanismo no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, ao manter, no réxime de fóra de ordenación no solo rústico, a regulación do réxime urbanístico das edificacións que non se axustan ás condicións fixadas pola Lei do solo, cuestión que debe suprimirse.

3. En relación cos informes sectoriais emitidos na súa tramitación, son favorables ou deuse cumprimento a eles.

4. Con respecto á adaptación ao Plan de ordenación do litoral, as modificacións do cómputo da edificabilidade e dos aspectos normativos relativos aos distintos usos teñen a súa aplicación en ámbitos de solo urbano ou de núcleo rural, que quedan fóra do ámbito de aplicación do POL, en virtude do disposto no artigo 3 da súa normativa.

As modificacións introducidas na regulación do solo urbanizable, así como as referentes ás condicións da edificación dos equipamentos e espazos libres, carecen de transcendencia desde o punto de vista da ordenación territorial do litoral.

No que respecta ao solo rústico, a posibilidade de ampliar edificacións non tradicionais no ámbito do POL, sen prexuízo do que se determine sobre a súa adecuación á lexislación urbanística, debe condicionarse a que, cando non resulten conformes coa regulación da área do POL en que se insiran, se trate de edificacións e usos legalmente implantados antes da súa entrada en vigor (23 de febreiro de 2011), segundo o artigo 95 da súa normativa.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, visto o que antecede e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 3 do Plan xeral de ordenación municipal de Valga, condicionada á supresión do terceiro parágrafo da regulación do réxime de fóra de ordenación no solo rústico.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíqueselle esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda