O 5 de agosto de 2021, a axencia Instituto Enerxético de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 26 de xullo de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa Moves III) (códigos de procedemento IN421Q e IN421R), aprobado por Real decreto 266/2021, do 13 de abril.
O 30 de setembro de 2021 publícase no Boletín Oficial del Estado a Orde HFP 1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e a Orde HFP 1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información para proporcionar polas entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (BOE núm. 234).
O sistema ten como finalidade primordial a busca da uniformidade e a definición das reformas e investimentos, fitos e obxectivos que integran o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, regulando aspectos como a loita contra a fraude, a corrupción e a identificación dos beneficiarios últimos das axudas, así como dos contratistas e subcontratistas.
Neste sentido, a Orde HFP 1030/2021, do 29 de setembro, establece no seu artigo 8 a obriga das entidades decisorias e executoras de incluír nas súas respectivas convocatorias de axudas unha serie de requisitos en relación coa identificación dos beneficiarios destas. O dito artigo dispón que: «Coa finalidade de dar axeitado cumprimento ao mandato establecido na letra d) do punto 2 do artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o mecanismo de recuperación e resiliencia, configúrase o seguinte procedemento de incorporación de información específica: (...).
d) Aceptación de cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea que é de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (modelo anexo IV.B).
e) Declaración responsable relativa ao compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR e que puideren afectar o ámbito obxectivo de xestión. (Modelo IV.C) (...)».
Ademais, menciónase na orde a obriga de cubrir unha declaración de ausencia de intereses (DACI) polos beneficiarios que, dentro dos requisitos de concesión da axuda, leven a cabo actividades que presenten un conflito de intereses potencial que poida afectar os intereses financeiros da UE (anexo III.C.1.b).ii e d).i.B).
O punto 3.b) do artigo 9 da Orde 1030/2021, do 29 de setembro, sinala tamén que: «(...) Do mesmo xeito, todas as convocatorias, licitacións, convenios e resto de instrumentos xurídicos, que se desenvolvan neste ámbito, deberán conter tanto no seu encabezamento como no seu corpo de desenvolvemento a seguinte referencia “Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU”».
Por outra parte, o artigo 10 da Orde 1031/2021, do 29 de setembro, establece para as entidades executoras do PRTR a obriga de achegar a información sobre a identificación do preceptor dos fondos e, entre outros datos, a data de nacemento, se é o caso.
En consecuencia, para dar cumprimento ao establecido nas ditas ordes e de conformidade coas facultades conferidas pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co sinalado no Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da axencia Instituto Enerxético de Galicia,
RESOLVO:
Primeiro. Modificar o título da Resolución do 26 de xullo de 2021, da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (Inega), pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa Moves III), así como o seu primeiro parágrafo, que pasa a ter a seguinte redacción:
«RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2021, da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (Inega), pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos á mobilidade eléctrica (programa Moves III), no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).
As axudas obxecto desta convocatoria teñen o seu encaixamento no Programa de incentivos á mobilidade eléctrica (programa Moves III) aprobado polo Real decreto 266/2021, do 13 de abril, co obxecto de establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas a actuacións de apoio á mobilidade eléctrica, para contribuír á descarbonización do sector do transporte e a reactivar a actividade económica do país, no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU e polo Plan nacional integrado de enerxía e clima 2021-2030».
Segundo. Modificar o artigo 8 da Resolución do 26 de xullo de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa Moves III) (códigos de procedemento IN421Q e IN421R), que queda redactado nos seguintes termos:
«1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
(...)
l) Declaración de compromiso, de cesión, tratamento de datos e de ausencia de conflito de interese en relación coa execución e actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-anexo IX».
Terceiro. Engadir un novo anexo IX á Resolución do 26 de xullo de 2021, que figura como anexo á presente resolución, que comprenderá cada unha das declaracións nomeadas, así como a data de nacemento do solicitante ou beneficiario.
Cuarto. Esta orde será tamén aplicable ás solicitudes de axudas que xa estivesen presentadas á súa entrada en vigor.
Para estes casos, no suposto de que se conceda a axuda, os beneficiarios deberán presentar a devandita declaración na fase de xustificación da axuda xunto co resto de documentación exixida no artigo 20 da convocatoria.
Quinto. Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021
Paula María Uría Traba
Directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia