Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 14 de xaneiro de 2022 Páx. 1580

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 4 de xaneiro de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se aproba a renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Ulla para o ano 2022 (código de procedemento MT806B).

Antecedentes.

Primeiro. A finais do ano 2011 as confrarías de pescadores Santiago Apostol do Carril e Virxe do Carme de Rianxo presentaron os anexos I e II do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 129, do 6 de xullo), e un plan de aproveitamento específico para a pesca da anguía na bacía do río Ulla para o ano 2012.

Segundo. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, ditou a Resolución do 20 de febreiro de 2012 pola que se aprobou o Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Ulla para o ano 2012 (DOG núm. 45, do 5 de marzo).

Terceiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra aproba anualmente a renovación deste plan.

Cuarto. O día 20.10.2021 a confraría de pescadores Santiago Apostol do Carril e a confraría Virxe do Carmen de Rianxo presentaron as solicitudes de renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Ulla para o ano 2022 e xuntaron á solicitude a relación de embarcacións que solicitan participar no plan. A Confraría do Carril propuxo unha listaxe de 11 embarcacións e 24 tripulantes e a Confraría de Rianxo 7 embarcacións e 14 tripulantes, que fan un total de 18 embarcacións e 38 tripulantes.

Quinto. Á vista da solicitude comunicouse ás confrarías que eliminasen un dos tripulantes de xeito que non se superase o esforzo pesqueiro da tempada anterior.

Sexto. O día 21.12.2021 a Confraría de Rianxo enviou unha nova listaxe de embarcacións e tripulantes para incluír no plan, de xeito que se reduciu a solicitude a 18 embarcacións e 37 tripulantes.

Sétimo. Durante a tramitación do expediente de renovación solicitouse informe á Consellería do Mar, quen, a través do Servizo de Planificación da Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico, informou de xeito favorable con consideracións que se teñen en conta neste plan. Solicitouse tamén informe á Área de Espazos Naturais Protexidos do Servizo de Patrimonio Natural por quedar a zona de actividade parcialmente dentro do sistema fluvial Ulla-Deza, informe que foi favorable, e ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, do cal non se tivo resposta, polo que se considera que non existe inconveniente para aprobar este plan.

Oitavo. O día 4.1.2022 o Servizo de Patrimonio Natural emitiu informe favorable á renovación deste plan.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A normativa de aplicación para a resolución deste procedemento vén determinada polo Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, así como pola Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia (DOG núm. 9, do 15 de xaneiro), e polo Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (DOG núm. 106, do 4 de xuño).

Segundo. O artigo 9 do Decreto 130/2011 dispón que se poderán renovar os plans de aproveitamento específico da anguía por períodos dun ano, sempre que se cumpran as condicións e informes previstos nos puntos dous e tres do dito artigo.

Terceiro. O Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda atribúen a esta consellería, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos piscícolas.

Resolución.

Visto o exposto nos antecedentes e nos fundamentos de dereito, acórdase aprobar a renovación do Plan específico da anguía na desembocadura do río Ulla para o ano 2022, que figura como anexo a esta resolución.

Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo de 1 mes desde a súa publicación, segundo o recollido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Pontevedra, 4 de xaneiro de 2022

José Manuel González González
Xefe territorial de Pontevedra

ANEXO

Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura

do río Ulla para o ano 2022

1. Relación de embarcacións e tripulantes autorizados no plan.

a) Autorízase para participaren neste plan as 18 embarcacións e os 37 tripulantes que se relacionan no anexo A, de xeito que non se aumenta o esforzo pesqueiro do plan do ano anterior.

b) O número máximo de tripulantes por embarcación será de tres (3).

A listaxe de embarcacións e tripulantes aprobada por esta resolución non se poderá modificar salvo por causas sobrevidas e suficientemente xustificadas.

2. Período de pesca.

Desde o día seguinte á data de publicación no DOG desta resolución, e non antes do 1 de febreiro do ano 2022, ata o 31 de outubro do mesmo ano. Este período será aplicable ás tres zonas de pesca A, B e C do punto 6.a) deste plan.

O número previsto de días de actividade está entre 20 e 23 días ao mes, cun máximo de 197 días por tempada.

3. Horario.

a) Con carácter xeral, os labores de pesca estarán comprendidos entre as 12.00 horas do luns e as 12.00 horas do sábado.

b) As nasas deberán ser levantadas e revisadas diariamente e deberán baleirarse o máis rápido posible para evitar a morte das capturas accidentais.

c) Queda prohibido ter máis dunha cacea sen baleirar na cuberta da embarcación.

4. Arte.

a) A arte de pesca é a nasa-voitirón.

b) O tamaño da malla non será inferior a 14 mm, medida en diagonal e mollada.

c) As artes de pesca de cada cacea deberán estar unidas por unha corda e irán balizadas segundo a normativa vixente. Levarán en cada extremo unha boia de tamaño mínimo de 20 cm. Nas de dimensións menores indicarase o folio da embarcación que opera con ela.

d) As caceas deberán situarse en dirección paralela á corrente e non poderán cruzarse nin na canle nin no esteiro.

e) Programarase a tendedura das artes, de xeito que sempre quede libre un largo do río suficiente para o normal movemento das especies piscícolas migradoras.

5. Número de aparellos ou artes de pesca por tripulante e xornada de pesca.

O número de artes de pesca que se empregarán en cada unha das zonas descritas no número 6 deste anexo non poderá ser superior a dez (10) nasas-voitirón por tripulante, cun máximo de 80 por embarcación e por xornada de pesca. Non se poderá acumular o número asignado dunha zona para outra.

De conformidade co anterior, e con base no establecido no Plan de xestión da anguía en Galicia, ningunha embarcación poderá empregar máis de 80 nasas-voitirón ao día independentemente da zona de pesca (marítima ou fluvial).

6. Zonas de pesca e vedado.

a) As zonas de pesca autorizadas reflíctense no plano que se xunta a este plan como anexo C.

(1) Zona A (ou alta): tramo do río Ulla comprendido entre a ponte de Catoira como límite superior e a liña recta imaxinaria que une Punta Palleiro con Punta Grandoiro, como límite inferior.

(2) Zona B (ou media): tramo do río Ulla comprendido entre a liña recta imaxinaria que une Punta Palleiro con Punta Grandoiro como límite superior e, como límite inferior, a liña imaxinaria que une Praia Longa con Punta Seveira.

(3) Zona C (ou baixa): tramo do río Ulla comprendido entre a liña imaxinaria que une Praia Longa con Punta Seveira, como límite superior e, como límite inferior, a liña imaxinaria que une Punta Seveira con Punta Rebordexo e a súa continuación, bordeando a illa de Cortegada, ata o faro do dique do Carril, excluída a illa de Cortegada, como límite inferior.

b) Vedado: a zona denominada Cebal permanecerá vedada desde o 14 de xullo ata o 14 de setembro, ambos incluídos, para todo tipo de capturas con nasa-voitirón. Os límites xeográficos desta zona con veda temporal reflíctense no plano de zonificación que se xunta a este plan como anexo C e son os seguintes:

a. Liña imaxinaria que une o lugar de Bamio (San Xens ou rampla do cemiterio) con Punta Corveiro na illa de Cortegada.

b. Liña de costa da illa de Cortegada que une Punta Corveiro con Punta do Vao.

c. Liña imaxinaria que une Punta do Vao coa zona superior dos viveiros do Carril.

7. Especie e tamaño mínimo.

a) Só se autoriza a captura de anguía na fase do seu ciclo vital denominada «anguía amarela» e que alcance a dimensión mínima establecida de 20 cm.

b) Evitarase a captura de anguías na fase denominada «anguía prateada» e todas as que se capturen deberán ser devoltas inmediatamente á auga.

c) Devolverase ao río calquera outra especie que entre nas nasas.

As nasas deberán baleirarse o mais rápido posible para evitar a morte das capturas accidentais.

8. Cotas de captura por tempada.

Mantense a cota total autorizada na última tempada, fixada nun máximo de 5.176 quilos para o total das embarcacións.

9. Rexistro das capturas e remisión de datos.

a) Con periodicidade mensual as confrarías deberán remitir os datos de extracción por especie e por día traballado, utilizando como modelo o que se xunta como anexo B, ao Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, xunto cos xustificantes de venda en lonxa.

b) Deberá indicarse no anexo B a procedencia das anguías capturadas, desagregando as capturas realizadas na zona marítima (M) dentro do Plan de pesca de anguía da Consellería do Mar, das capturas obtidas na zona fluvial (F), reguladas polo Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Ulla, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

A falta de inclusión de datos dalgunha das embarcacións no período estipulado terá como consecuencia a súa baixa do plan.

10. Mostraxes.

Durante o período de vixencia do plan, o persoal das consellerías competentes en materia de pesca marítima e/ou fluvial, poderá realizar, en calquera das embarcacións autorizadas, mostraxes para o control, seguimento e avaliación do plan. Os armadores deben colaborar de xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva no plan.

11. Extracción e comercialización das capturas e o seu control.

a) A comercialización farase exclusivamente na lonxa e é obrigatorio entregar nela a totalidade das súas capturas.

b) Mensualmente os participantes do plan teñen a obrigación de remitir ao Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra os xustificantes de venda en lonxa xunto cos datos de capturas sinalados no número 9 deste plan.

Esta resolución queda condicionada ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca, en particular o regulado na Orde do 31 de marzo de 2014 pola que se regula a comercialización en orixe de especies eurihalinas de interese comercial (DOG núm. 69, do 9 de abril).

12. Documentación acreditativa.

Antes de iniciar a actividade pesqueira, dentro do período autorizado no plan, cada unha das confrarías deberá entregar a documentación orixinal (ou copia cotexada) correspondente a cada unha das embarcacións autorizadas.

13. Infraccións e sancións,

O incumprimento das condicións establecidas neste plan poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia (DOG núm. 9, do 15 de xaneiro).

14. Renovación do plan.

Dentro dos tres meses anteriores á finalización do plan de aproveitamento, poderá solicitarse a súa renovación polo período dun ano, empregando o modelo do procedemento «Plans de aproveitamento para a pesca profesional da anguía nas augas continentais» (código do procedemento MT806B).

Xunto á solicitude de renovación presentarán a listaxe das embarcacións e os tripulantes por embarcación. O máximo de tripulantes por embarcación será de tres (3).

A renovación procederá sempre que non se aumente o esforzo pesqueiro, que non se modifiquen as zonas de pesca e que os informes técnicos que solicite o Servizo de Patrimonio Natural non aconsellen as modificacións do plan vixente.

O expediente de renovación requirirá do informe da Consellería do Mar para as zonas de desembocadura e, de ser o caso, dos informes dos departamentos da Xunta con competencias en materia de espazos naturais protexidos.

O incumprimento dalgunha das condicións establecidas na resolución de autorización ou a falta de actividade non xustificada dará lugar á perda da autorización da embarcación, así como á imposibilidade de participar na seguinte renovación do plan.

Anexo A

Relación de embarcacións e tripulantes autorizados para participaren

no Plan de aproveitamento específico da anguía no río Ulla para o ano 2022

– Confraría de Pescadores Santiago Apostol do Carril.

Núm.

Embarcación

Matrícula

Participantes no plan

1

Ángeles

VILL-3ª-10.128

José Manuel Pesado Romay

Juan Gabino Campos Taibo

Tatiana Pesado Batalla

2

Auxiliar Pesado

VILL-3ª-8.707

Roberto Barreiro Pesado

Gerardo Barreiro Pesado

3

Camba

VILL-3ª-9.952

Ricargo Jueguen Martínez

Elena Lago Pérez

4

Eu

VILL-3ª-10.223

Ramón Barreiro Blanco

Juan Francisco García Cameán

5

Gima

VILL-3ª-4.092

José Barreiro Blanco

Carmelo Campos Taibo

Mª Luz Rodríguez Potel

6

María del Carmen

VILL-3ª-2.652

Alfonso Barreiro Ferreirós

7

Porto

VILL-3ª-10.131

Rafael Ozores Grande

Begoña Barreiro Ferreirós

8

Tami Uno

VILL-3ª-3-2-08

José Ángel Pesado Taibo

Alejandro Pesado Taibo

9

Tilocha primera

VILL-3ª-3-21

Antonio Pesado Romay

Marcos Pesado Portas

Iván Pesado Portas

10

Vicenta

VILL-3ª-10.156

Miguel Barreiro Blanco

Miguel Ángel Campos Taibo

11

Xurxo

VILL-3ª-8-91

José Manuel Diz Álvarez

María Begoña Gerpe Jamardo

Total: 11 embarcacións-24 tripulantes.

– Confraría de Pescadores Virxe do Carmen de Rianxo.

Núm.

Embarcación

Matrícula

Participantes no plan

1

O Quinso

VILL-3-21-8

Serafín Rubio Collazo

Manuel Gómez Gómez

2

Curota

VILL-3-4-02

Eloy Vidal Galbán

Mª Vanesa Pérez Abuín

3

Espada

VILL-3-9473

Jorge Rubio Collazo

Paula Comojo Moares

4

Paraná

VILL-3-12-96

José Luis Silva Conde

Obdulia Conde Rañó

5

Peruco

VILL-3-9-98

Xacobo Vicente Patiño

Juan Vicente Patiño

6

Somos Dos

VILL-3-9651

José Ramón Fungueiriño Castro

7

Xoana

VILL-3-13-92

Juan Diego Tembra Domínguez

Cristina Ces Ordóñez

Total: 7 embarcacións-13 tripulantes.

ANEXO B

Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura

do río Ulla 2022

Declaración diaria de capturas por embarcación

Nome da embarcación.....................................................

Mes.....................

Nº CFPO............................ Matrícula e folio...............................

Día

Número tripulantes

Número de nasas empregadas

Zona de extracción (1)

kg

(1) Indicarase a procedencia das capturas:

– M, para as capturadas na zona marítima.

– F, para as capturadas na zona fluvial.

Asinado:

O armador da embarcación

ANEXO C

Plano de zonificación

missing image file

Zona A

(alta)

Ponte de Catoira

Río Ulla-Anguía Nasa-Voitirón 2022

Liña Punta Palleiro-Punta Grandoiro

Zona B

(media)

Vedado do Cebal

Rampla do cemiterio de Bamio

– Punta Corveiro-liña de costa

– Punta do Vao-zona superior dos viveiros do Carril

Liña Punta Seveira-Praia Longa

Zona C

(baixa)

Liña Punta Seveira-Punta Rebordexo e bordeando a illa de Cortegada, que queda excluída, ata o faro do dique do Carril

IGN25-Cuadrícula 1 km