Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 14 de xaneiro de 2022 Páx. 1591

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se desenvolve a Resolución do 26 de novembro de 2021, pola que se convocan as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2022 (Diario Oficial de Galicia número 235, do 9 de decembro de 2021), e se nomea o tribunal para as convocatorias do ano 2022.

Mediante a Resolución do 26 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, convocáronse as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2022, en desenvolvemento do Real decreto 284/2021, do 20 de abril, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos/das condutores/as de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada e polo que se modifica o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, aprobado polo Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro.

Con posterioridade, ditouse a Resolución do 1 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se establecen as bases e as regras de desenvolvemento das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia en desenvolvemento do Real decreto 284/2021, do 20 de abril (DOG núm. 237, do 13 de decembro).

O devandito real decreto regula no anexo V os exames de cualificación inicial. Na sección 2ª, desenvolve a «designación de tribunais» sinalando que «No caso de non determinarse na propia convocatoria, o órgano convocante deberá, con posterioridade a esta, designar o tribunal ou tribunais das probas (…) e proceder, así mesmo, á súa publicación no correspondente boletín oficial, polo menos, con 10 días de antelación á celebración do primeiro exercicio».

Con obxecto de dar o debido cumprimento ao disposto na sección 2ª do anexo V, do Real decreto 284/2021, do 20 de abril,

DISPOÑO:

Primeiro. Tribunal

1. O Tribunal das probas estará formado por cinco membros: o/a presidente, tres vogais e o/a secretario/a, que actuará con voz e voto. Corresponde á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o nomeamento deste tribunal entre persoal desta dirección xeral.

Para os efectos de cualificación, e de conformidade co Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG nº 122, do 25 de xuño), cualificarase o tribunal como de categoría primeira.

2. A composición do tribunal para as vindeiras convocatorias ordinarias do ano 2022 será a seguinte:

Presidente: Antón García Río.

Presidente suplente: Juan Alberto Vidal Herrador.

Vogais:

María del Carmen Arnoso Calvo.

Eduardo Suárez Campo.

Juan Alberto Vidal Herrador.

Secretaria: Marta Figueiras García.

Secretaria suplente: Ana María Gómez Iglesias.

3. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nos preceptos básicos da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Os/as membros suplentes do tribunal participarán, xunto coas persoas titulares, cando sexa preciso para o bo desenvolvemento das probas.

4. No desenvolvemento do procedemento deberán quedar debidamente acreditadas as decisións adoptadas, mediante constancia documental, coa sinatura da secretaria e o visto e prace do presidente.

5. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes, utilizando a aplicación informática habilitada para a súa corrección.

Segundo. Desenvolvemento das probas

1. A data e hora de realización dos exercicios serán acordados polo tribunal, dentro do calendario publicado na Resolución do 26 de novembro de 2021, e publicaranse na web da Dirección Xeral de Mobilidade cunha antelación mínima de dez días hábiles á celebración do primeiro exercicio, de conformidade co disposto na sección 2ª do anexo V do Real decreto 284/2021, do 20 de abril. O lugar de realización será na cidade de Santiago de Compostela. Sen prexuízo do anterior, a distribución definitiva horaria e espacial das persoas aspirantes poderá ser modificada por decisión do presidente e da secretaria do tribunal ata o momento da realización do exame por razóns organizativas.

2. Na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade e na resolución definitiva de persoas admitidas e excluídas publicaranse as instrucións que deben cumprir as persoas aspirantes en relación coa crise sanitaria da COVID-19.

3. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e quen non compareza perderá o dereito a realizar a proba.

4. As persoas aspirantes deberán presentarse á realización das probas provistas de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal; a súa omisión dará lugar á súa inadmisión á realización das probas. Poderán presentarse ás probas convocadas pola Comunidade Autónoma galega con independencia do seu lugar de residencia habitual e do lugar en que realizasen o curso preceptivo, ao abeiro do artigo 18 do Real decreto 284/2021, do 20 de abril.

5. O tempo para a realización do exame será de 2 horas.

6. As respostas correctas valoraranse con 1 punto e as erroneamente contestadas penalizaranse con 0,5 puntos negativos. As preguntas non contestadas ou que conteñan máis dunha resposta non puntuarán positiva nin negativamente.

7. Para aprobar será necesario obter unha puntuación non inferior á metade do total de puntos posibles.

8. Unha vez rematado o exame, publicarase a relación de respostas consideradas correctas, o antes posible, na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade.

Durante o día seguinte á publicación da relación de respostas correctas, as persoas aspirantes poderán facer chegar as impugnacións que consideren oportunas sobre as preguntas formuladas e remitilas á secretaria do tribunal a través do seguinte enderezo electrónico formacion.transportes@xunta.gal. Pasado o prazo indicado, non se admitirán novas impugnacións de respostas nin se tomarán en consideración as ditas alegacións respecto da revisión de exames.

Á vista das impugnacións presentadas, o tribunal elaborará a relación definitiva de respostas correctas e procederá acto seguido a corrixir os exercicios de acordo con ela.

A relación definitiva de respostas correctas, así como a provisional de aptos/as e non aptos/as, serán publicadas na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade. A partir de entón abrirase un prazo de dous días hábiles para que as persoas interesadas fagan chegar á secretaria do tribunal as peticións de revisión, para a súa toma en consideración. As solicitudes de revisión deberán presentarse directamente ante a secretaria do tribunal, dentro do referido prazo de dous días, mediante a remisión ao enderezo electrónico formacion.transportes@xunta.gal

Revisados os exercicios, o tribunal procederá a adoptar o acordo definitivo sobre as persoas aspirantes aprobadas.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade