Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 19 de xaneiro de 2022 Páx. 2740

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

EXTRACTO da Resolución do 20 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, xestionadas por este instituto, e se establece a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento MT402A), tramitado como expediente anticipado de gasto.

BDNS (Identif.): 605689.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/es/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar ao recoñecemento da axuda:

As persoas físicas titulares dun inmoble ou ben sobre o que pretendan realizar algunha/s das actuacións subvencionables.

A persoa solicitante deberá ser propietaria do terreo, inmoble ou ben en que se pretende realizar as actuacións e deberá acreditar a súa plena dispoñibilidade, como mínimo durante o período en que se manteñen as obrigas que asume o beneficiario.

Segundo. Obxecto

Subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións de corrección de impactos paisaxísticos, de conformidade cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia; concretamente, as relacionadas no artigo segundo da resolución. Os gastos subvencionables son os indicados no seu punto cuarto.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras son as contidas na Resolución do 20 de decembro de 2021, que abrangue tanto as bases reguladoras como a convocatoria para 2022.

Cuarto. Contía

Destínase crédito por importe total dun millón (1.000.000 €), financiado con fondos propios da Comunidade Autónoma.

A contía máxima será do 70 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 3.000,00 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de un (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Sexto. Outros datos

Sen prexuízo dos demais requisitos establecidos na resolución, só caberá presentar unha solicitude por persoa solicitante. Cada solicitude poderá conter varias actuacións.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que irá acompañado dos documentos que se especifican no punto oitavo da resolución.

Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considérase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e conste neste a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación exixida na resolución de convocatoria. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas. O esgotamento do crédito comportará a inadmisión de todas aquelas solicitudes que se instrúan con posterioridade do mesmo xeito que se inadmitirán todos aqueles expedientes que non teñan entrada na sede electrónica de Galicia.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta ao que se establece na resolución de convocatoria.

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos sinalada no punto vixésimo da resolución será o 30 de setembro de 2022.

Una vez recibida a documentación xustificativa, os órganos competentes do Instituto de Estudos do Territorio, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto de Estudos do Territorio