Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 19 de xaneiro de 2022 Páx. 2743

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, xestionadas por este instituto, e se establece a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2022 (código de procedemento MT402B), tramitado como expediente anticipado de gasto.

I

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establece o artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia nos parágrafos 3 e 30, ten competencia exclusiva, respectivamente, en materia de ordenación do territorio e do litoral, así como de normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución española.

Segundo o Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, co previsto no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e co establecido no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma, ao que lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, e conservación da natureza, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia, nos termos sinalados na Constitución española.

A persoa titular da consellería é a autoridade superior da Consellería e a presidenta do Instituto de Estudos do Territorio, e con tal carácter, está investida das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

II

A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, ten por obxecto o recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe de Galicia, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a comunidade galega, de conformidade co Convenio europeo da paisaxe, aprobado en Florencia o 20 de outubro de 2000 por proposta do Consello de Europa, que entrou en vigor o 1 de marzo de 2004, e foi ratificado polo Estado español mediante Instrumento do 28 de xaneiro de 2008.

O artigo 5 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que os poderes públicos de Galicia velarán para que, no ámbito das súas competencias, se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe; e o artigo 6 ao tratar os fins das actuacións das administracións públicas en materia de paisaxe, dispón que estas deben atender, como mínimo, entre os seus fins, á protección da paisaxe, entendida como todas aquelas accións que teñan como fin a preservación e conservación dos elementos máis significativos e característicos dunha paisaxe.

Pola súa banda, o artigo 9 do Decreto 96/2020, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que os instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe teñen, entre outras funcións, fixar as condicións para a preservación e recuperación de valores paisaxísticos, así como definir as actuacións precisas para a preservación, mellora ou recuperación dos valores paisaxísticos.

III

De conformidade co establecido no artigo 10 do Decreto 244/2011, do 29 de decembro, ao Instituto de Estudos do Territorio, correspóndelle o exercicio das competencias relativas a promoción, deseño, execución e seguimento de programas ou accións e actividades formativas de concienciación para a sustentabilidade dirixidas ao conxunto da sociedade de Galicia e nas súas institucións, públicas e privadas, en especial, mediante a educación e formación nas materias de urbanismo, ordenación do territorio e paisaxe; o apoio e o asesoramento á Xunta de Galicia en materia de paisaxe, e de colaboración e coordinación con outras administracións e sectores da sociedade; a posta en marcha de instrumentos para a protección, xestión e ordenación das paisaxes, tales como os catálogos da paisaxe de Galicia, as directrices de paisaxe, os estudos de impacto e integración paisaxística, os plans de acción da paisaxe, incluída a elaboración dos informes deles derivados, así como calquera outro que se entendese como necesario para o cumprimento dos puntos anteriores; así como avaliar o estado de conservación das paisaxes de Galicia, analizar as súas transformacións e previsible evolución e realizar estudos e propostas en materia de paisaxe.

Igualmente, correspóndelle formar, sensibilizar e concienciar á sociedade galega na necesidade de protexer e xestionar debidamente as nosas paisaxes: promover a colaboración e a cooperación en materia de paisaxe, así como calquera outra que teña relación co seu obxecto e fins.

A paisaxe é un elemento que coadxuva a mellorar a nosa calidade de vida e benestar, xa que a contorna preceptiva das persoas inflúe notablemente na súa vida cotiá, por este motivo é importante acadar e protexer a rica e extensa diversidade paisaxística, de Galicia.

IV

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, establece a obrigatoriedade de que os concellos presten determinados servizos públicos. Así mesmo, a devandita lei dispón que as funcións de coordinación e axuda da Comunidade Autónoma de Galicia se dirixirán preferentemente a acadar o obxectivo da prestación homoxénea dos ditos servizos.

Pola súa banda, a Comunidade Autónoma de Galicia busca garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio e que a cidadanía galega teña unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia, mediante o potenciamento e apoio á prestación de servizos por parte dos nosos concellos, que é a Administración máis próxima ás persoas administradas, converténdoas en motores do desenvolvemento económico rexional.

Esta resolución permitirá articular unha colaboración cos concellos para desenvolver actuacións tendentes a mellorar a contorna paisaxística, ben sexa nos núcleos de poboación ou en zonas rurais ou naturais.

V

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda busca mellorar e protexer a riqueza paisaxística de Galicia, para o que conta con instrumentos cos que asegurar a súa axeitada protección, xestión e ordenación.

Dentro destes instrumentos destacan o Catálogo das paisaxes de Galicia e as directrices de paisaxe, polo que a determinación das actuacións subvencionables a través da presente resolución, se referirá a determinados impactos paisaxísticos que deron lugar a identificación de ámbitos de especial atención paisaxística (AEAP) por parte do Catálogo das paisaxes de Galicia.

Promóvese, deste xeito, unha cultura de dignificación do territorio galego no que a cooperación interinstitucional resulta estratéxica, fomentando o coidado da riqueza paisaxística en ámbitos especialmente sensibles e desenvolvendo así obxectivos previstos, tanto naquel como na Estratexia galega da paisaxe: a súa posta en valor e a concienciación e sensibilización da sociedade, poñendo especial fincapé na Administración pública (recoñecemento por toda a poboación da relevancia do seu papel e da importancia da responsabilidade compartida na mellora e conservación da esencia de Galicia neste eido).

VI

O artigo 1, 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións poderanse iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, mesmo cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta que corresponda ao exercicio orzamentario no cal se vaia materializar a contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

En consecuencia, con cargo aos créditos do Instituto de Estudos do Territorio asignados para esta finalidade, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei, tras os informes da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e autorizado polo Consello da Xunta de Galicia a establecer pagamentos anticipados, e todo de conformidade coa competencia conferida polo artigo 10 dos estatutos do Instituto de Estudos do Territorio, aprobados polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro,

RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública para o ano 2022 para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia (código de procedemento MT402B).

O seu principal obxectivo é colaborar e corresponsabilizar aos concellos galegos en relación coa mellora da contorna paisaxística, a través de intervencións dirixidas a corrixir alteracións ou impactos relacionados con certos equipamentos e bens de titularidade municipal que supoñen un deterioración do carácter ou a calidade da paisaxe.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a corrección de impactos paisaxísticos presentes tanto en edificios de titularidade municipal, coma en certos equipamentos de titularidade municipal, ou ben os producidos por eles debido ao seu aspecto exterior, todo isto en congruencia cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia e os obxectivos e criterios que expresan as directrices de paisaxe de Galicia (código de procedemento MT402B) a través de dúas liñas de axuda.

2. As liñas de axuda refírense a edificios ou dependencias destinadas á prestación dos servizos municipais, entendendo como tales aqueles relacionados co exercicio de calquera das competencias referidas no artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local ou cos servizos incluídos no artigo 26.1 da mesma lei, así como a equipamentos de titularidade municipal.

As dúas liñas de axuda son as seguintes:

Liña I: equipamentos municipais de tipo sanitario-asistencial, educativo, cultural ou administrativo-institucional, de acordo coa clasificación que establece a epígrafe 3 do anexo I do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (Decreto 143/2016, do 22 de setembro).

Poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:

a) Renovación do acabamento exterior das fachadas (paramentos cegos, carpinterías ou cerrallarías) que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia da inexistencia dun adecuado acabado final, o deficiente estado de conservación ou a tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento.

Considerarase como deficiente estado de conservación aquel no que se atopen os elementos de fachada como consecuencia de patoloxías construtivas tales como desconchados, humidades ou manchas permanentes, quedando excluídas de forma expresa as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza. Considéranse incluídos os casos de fachadas de cachotería ou cantería que precisen a realización ou renovación dos morteiros de rexuntado.

Os materiais e as cores que se empreguen deberán adaptarse aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.

Considerarase que a tonalidade ou a intensidade da cor produce un impacto paisaxístico cando non se sitúan dentro da mesma gama cromática e próximas ás recollidas nas correspondentes cartas da Guía de cor e materiais de Galicia.

Queda expresamente excluída a substitución de carpinterías e cerrallarías exteriores, así como o picado de recebos existentes en fachadas de cachotería para deixar vista a pedra, sen prexuízo de que poidan ser obxecto de actuacións de renovación do seu acabamento exterior.

b) Remate ou renovación do acabado exterior de cubertas que, ben por estar rematadas con pranchas de fibrocemento ou solucións construtivas non axeitadas para quedaren á vista, ben por atoparse nun deficiente estado de conservación, constitúen un impacto paisaxístico.

Considéranse incluídas as unidades de obra relativas a elementos ou intervencións inherentes e imprescindibles para o soporte (non estrutural), remate ou renovación das cubertas. Queda excluída de forma expresa a renovación de elementos estruturais, así como as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.

Para o novo acabado exterior das cubertas empregarase preferentemente tella cerámica ou lousa (en función do material tradicional da comarca), se ben poden empregarse outros materiais e solucións acordes coa edificación e que ofrezan un adecuado resultado estético. Para tal fin aplicaranse os criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.

Liña II:

A) Fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos: as actuacións que se van subvencionar son, en todo caso, de índole menor xa que non se cambiará o seu uso nin se aumentará o volume dos elementos estruturais que os compoñen. Establécense as seguintes indicacións para definir as actuacións subvencionables:

Fontes:

– Acondicionar, rehabilitar ou substituír parcial ou totalmente (de ser o caso), aqueles elementos tradicionais que forman parte das fontes polo seu estado de deterioro o por xerar un impacto na paisaxe do seu redor.

– Traballos de corrección de xeometrías, substitución ou reforma das estruturas de soporte o das cubertas (de ser o caso), respectando a arquitectura tradicional coa intención de conseguir unha integración paisaxística coas máximas garantías.

Indícanse a seguir, algunhas das operacións básicas habituais que son necesarias emprender, sen prexuízo das que se poidan considerar necesarias ou axeitadas dependendo dos elementos que se van restaurar:

• Limpeza con auga a baixa presión e manual.

• Picado e descarnado de xuntas en mal estado.

• Emprego de morteiros tradicionais a base de cal.

• Repaso de xuntas en cores acordes ao elemento tradicional ou recomendados en restauracións similares.

• Selado daquelas xuntas que precisan a estanquidade de depósitos e canles.

• Os elementos de fixación ou ancoraxes serán non oxidables, como poden ser aceiro inoxidable ou o bronce, mesmo corpos de carbono, co obxecto de evitar as roturas por expansión do elemento metálico oxidado.

• A ancoraxe das pezas de aceiro ou bronce á pedra farase mediante chumbo fundido. No caso de tratarse de pezas metálicas exteriores ornamentais deterioradas polo óxido, aplicaranse inhibidores de óxido, protexéndoas posteriormente.

• Novas cubertas (de ser o caso).

• Substitución ou reparacións de elementos concretos (caños, cornixas, empedrados, laxas, etc.).

• Mellora das contornas, limpezas e eliminación de biomasas que ocupan as fontes na súa propia situación (non se contemplan os seus accesos).

Lavadoiros públicos:

– Acondicionar, rehabilitar ou substituír parcial ou totalmente (de ser o caso), aqueles elementos tradicionais que forman parte dos lavadoiros públicos polo seu estado de deterioración ou por xerar un impacto na paisaxe do seu redor.

– Traballos de corrección de xeometrías, substitución ou reforma das estruturas de soporte o das cubertas (de ser o caso), respectando a arquitectura tradicional coa intención de conseguir unha integración paisaxística coas máximas garantías.

Indícanse a seguir, algunhas das operacións básicas habituais que son necesarias emprender, sen prexuízo das que se poidan considerar necesarias ou axeitadas dependendo dos elementos que se van restaurar:

• Limpeza con auga a baixa presión e manual.

• Picado e descarnado de xuntas en mal estado.

• Emprego de morteiros tradicionais a base de cal.

• Repaso de xuntas en cores acordes ao elemento tradicional ou recomendados en restauracións similares.

• Selado daquelas xuntas que precisan a estanqueidade dos depósitos e canles de chegada e saída.

• Os materiais pétreos non se hidrofugarán nin se consolidarán con produtos sintéticos de ningunha clase.

• Os elementos de fixación ou ancoraxes serán non oxidables, como poden ser aceiro inoxidable ou o bronce, mesmo corpos de carbono, co obxecto de evitar as roturas por expansión do elemento metálico oxidado.

• A ancoraxe das pezas de aceiro ou bronce á pedra farase mediante chumbo fundido. No caso de tratarse de pezas metálicas exteriores ornamentais deterioradas polo óxido, aplicaranse inhibidores de óxido, protexéndoas posteriormente.

• Novas cubertas (de ser o caso).

• Substitución ou reparacións de elementos concretos (caños, cornixas, empedrados, laxas, etc.).

• Mellora das contornas, limpezas e eliminación de biomasas que ocupan os lavadoiros na súa propia situación (non se contemplan os seus accesos).

Palcos ou quioscos de música:

– Acondicionar, rehabilitar ou substituír parcial ou totalmente (de ser o caso), aqueles elementos tradicionais que forman parte dos palcos ou quioscos de música polo seu estado de deterioro o por xerar un impacto na paisaxe do seu redor.

– Traballos de corrección de xeometrías, substitución de solos, piares, vigas e cubertas que estean en mal estado o con fallos estruturais que poñan en risco aos usuarios.

– Pódense considerar o cambio ou eliminación daqueles elementos ornamentais que non sexan axeitados ou que incidan nun impacto na paisaxe.

Indícanse a seguir, algunhas das operacións básicas habituais que son necesarias emprender, sen prexuízo das que se poidan considerar necesarias ou axeitadas dependendo dos elementos que se van restaurar:

• Picado e descarnado de xuntas en mal estado.

• Repaso de xuntas en cores acordes ao elemento tradicional ou recomendados en restauracións similares.

• Selado daquelas xuntas en pedra, metal, madeira ou similar, que comprometan a seguridade dos elementos de soporte.

• Os materiais pétreos non se hidrofugarán nin se consolidarán con produtos sintéticos de ningunha clase.

Hórreos públicos:

– Acondicionar, rehabilitar ou substituír parcial ou totalmente (de ser o caso), aqueles elementos tradicionais que forman parte dos hórreos, polo seu estado de deterioración o por xerar un impacto na paisaxe do seu redor e que se indican a seguir.

– Só se poderá actuar nos elementos seguintes dos hórreos públicos:

– Portas, cubertas, balagustos ou doelas que estean en mal estado o con fallos estruturais ou roturas.

Pódense considerar o cambio ou eliminación daqueles elementos ornamentais que non sexan axeitados ou que incidan nun impacto na paisaxe.

Indícanse a seguir, algunhas das operacións básicas habituais que son necesarias emprender, sen prexuízo das que se poidan considerar necesarias ou axeitadas dependendo dos elementos que se van restaurar:

• Aproveitarase toda a madeira posible empregando as técnicas e métodos tradicionais; excepcionalmente poderanse substituír elementos irrecuperables polo seu estado. No caso de substitución, deberá ser co mesmo tipo de madeira que nas pezas orixinais.

• Protexerase a madeira cun produto insecticida e funxicida. A pintura e a súa cor será como a existente na zona e no seu caso a recomendada na guía de cores e materiais de Galicia. As súas características permitirán a transpiración da madeira polo que se empregará pintura de poro aberto (lasures). Non se empregarán nin vernices nin pinturas plásticas, aportándose proba mediante ficha técnica da pintura e a súa porosidade.

• As pezas de tella ou de lousa recuperaranse na medida do posible, e a súa renovación farase co xeito tradicional empregado neste tipo de construción, con corte irregular e métodos artesanais e as mesmas medidas.

• Non se disporán pranchas de fibrocemento baixo as tellas, debéndose dispor estas sobre o entaboado de madeira e, de ser necesario, disporase algún tipo de protección sobre este, xa sexa cunha imprimación ou mediante a colocación dunha lámina transpirable.

• No caso de que o hórreo presente restos ou bloques de cerámica ou formigón na parte que corresponde as doelas ou balagustos poderán acceder ás axudas, xustificando tal circunstancia.

B) Outras construcións ou instalacións de titularidade municipal destinadas a outros equipamentos de servizos públicos, de acordo coa clasificación que establece a epígrafe 3 do anexo I do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (Decreto 143/2016, do 22 de setembro).

Poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:

a) Revestimento exterior de muros de cerramento de terreos realizados con bloques de formigón sen revestir.

O revestimento poderá realizarse con pintura (con ou sen enfuscado previo) ou con morteiros indicados para quedar vistos; en calquera caso aplicaranse tonalidades brancas ou grises/pardas moi claras. Tamén poderá empregarse pedra, acorde coas características da zona. En todos os casos tomaranse como referencia os criterios da Guía de cor e materiais de Galicia e da Guía de caracterización e integración paisaxística de valados.

Tamén poderá ser obxecto de subvención a redución da altura dos citados muros, mediante a supresión de fiadas de bloques ou de elementos prefabricados de formigón como celosías ou balaústres, e o posterior remate do muro.

Así mesmo, poderá ser obxecto de axuda o pintado das portas, portais ou cerrallarías exteriores integradas nos cerramentos de parcelas, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor do acabamento. As cores que se empreguen deberán adaptarse aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.

b) Acondicionamento exterior de fachadas, cubertas ou outros elementos constitutivos da construción ou instalación que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia da inexistencia dun adecuado acabado final, o deficiente estado de conservación ou a tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento.

Considerarase como deficiente estado de conservación aquel no que se atopen os citados elementos como consecuencia de patoloxías construtivas tales como desconchados, humidades ou manchas permanentes, quedando excluídas de forma expresa as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza. Considéranse incluídos os casos de fachadas de cachotería ou cantería que precisen a realización ou renovación dos morteiros de rexuntado.

Poderán empregarse as técnicas e materiais de acabado exterior que resulten apropiadas en función do tipo de elemento construtivo sobre o que se interveña, seguindo os criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.

Considerarase que a tonalidade ou a intensidade da cor produce un impacto paisaxístico cando non se sitúan dentro da mesma gama cromática e próximas ás recollidas nas correspondentes cartas da Guía de cor e materiais de Galicia.

3. Todas as actuacións deberán aplicar os criterios e recomendacións da Guía de cor e materiais de Galicia das doce grandes áreas paisaxísticas de Galicia, así como no caso dos valados, a Guía de caracterización e integración paisaxística de valados (publicadas na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda) ademais de axustarse ás condicións que veñan impostas pola normativa municipal e sectorial aplicable.

Terceiro. Beneficiarios e requisitos das solicitudes

1. Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 20.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en data 1 de xaneiro de 2020, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter cumprido coa obriga anual de remisión ao Consello de Contas, das contas do concello. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

2. As solicitudes presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Cada concello poderá presentar unha única solicitude, que poderá referirse a unha ou ás dúas liñas de axudas.

O orzamento total da solicitude é o resultado da suma dos orzamentos parciais das liñas solicitadas que o integran, incluído o imposto sobre o valor engadido.

b) O concello debe ter a plena dispoñibilidade sobre os terreos ou predios en que se pretende realizar as actuacións.

Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II.

c) De seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coas autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais que resulten preceptivas, tanto das entidades locais como por parte doutros organismos ou administracións públicas. Para estes efectos, o cumprimento do dito requisito, acreditarase na fase de xustificación.

d) Que existe acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras ou actuacións concretas que se pretenden executar ao abeiro desta resolución con base no proxecto ou memoria valorada presentado, e se aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

3. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste punto na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes constituirá causa de inadmisión da solicitude, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.

Cuarto. Gastos subvencionables

1. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución.

2. Ao abeiro do regulado nestas bases, serán gastos subvencionables os seguintes:

a) A execución de obras e a adquisición de equipamentos que sexan imputables ao capítulo VI do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais.

b) Os custos directamente relacionados cos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de arquitectura e enxeñaría. O importe total destes custos xerais non poderá superar o máximo do 10 % do investimento subvencionable.

c) Os proxectos serán completos e de fase única, susceptibles da súa posta en servizo inmediata como consecuencia directa da execución do proxecto subvencionado. En ningún caso se admitirán fases de proxectos.

3. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta resolución ou na normativa xeral de subvencións, en ningún caso serán subvencionables:

a) A adquisición de terreos.

b) Os gastos correntes en bens e servizos necesarios para o exercicio das actividades das entidades locais.

c) Os investimentos de carácter inmaterial non incluídos no número 2 deste punto.

d) A adquisición de elementos decorativos ou ornamentais.

4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais.

5. En ningún caso serán subvencionables os gastos realizados con anterioridade á data de publicación no DOG da presente resolución.

Quinto. Subcontratación

1. Os concellos poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto que constitúe o obxecto da subvención. Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación da contratación das obras será realizada polas entidades beneficiarias conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, especificamente a que rexe as contratacións das entidades locais, e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos se poidan derivar.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, as entidades beneficiarias deberán acreditar, xunto coa documentación xustificativa da subvención, a publicación do anuncio da licitación do contrato por calquera dos medios establecidos no artigo 347 da devandita lei.

Tamén deberán achegar a resolución de adxudicación da obra na cal se xustifique que a elección entre as ofertas presentadas se realizou con base en criterios de adxudicación fundados na mellor relación calidade-prezo ou, nos supostos permitidos pola lei, nun único criterio de adxudicación relacionado cos custos.

Sexto. Financiamento e contía da subvención. Compatibilidade

1. As subvencións obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 600.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.541E.760.00, código de proxecto 2021 00002 dos orzamentos do Instituto de Estudos do Territorio para o ano 2022, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán recibir a subvención oportuna.

Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

2. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e existe crédito suficiente previsto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

Ao abeiro desta normativa, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. As subvencións reguladas nestas bases serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais ou de organismos internacionais, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actuación subvencionada.

4. O importe da subvención será:

Liña I: 70 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 20.000,00 € por concello.

Liña II: 70 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de 20.000,00 € por concello.

Sétimo. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes poderanse presentar desde as 12.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ata o día 28 de febreiro de 2022.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considerarase data de presentación válida aquela na que o expediente sexa presentado completo e conste no mesmo a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación exixida na presente resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas. O esgotamento do crédito comportará a inadmisión de todas aquelas solicitudes que se instrúan con posterioridade do mesmo xeito que se inadmitirán todos aqueles expedientes que non teñan entrada na sede electrónica de Galicia.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta ao que se establece nesta resolución.

6. A presentación da solicitude leva consigo a aceptación por parte de quen as formule, dos termos desta convocatoria.

7. Do mesmo xeito, a presentación da solicitude implica a sinatura da declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante do concello solicitante, incluída no anexo I desta resolución, na cal se fai constar:

7.1. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

7.2. Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia e consonte co disposto no artigo 11.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

7.3. Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se achegan son certos.

7.4. Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

7.5. Que cumprirá a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

7.6. Que se compromete a cumprir as obrigas e os requisitos que se sinalan nas bases reguladoras.

7.7. Que as actuacións para as cales se solicita subvención teñen a consideración de gastos subvencionables e non estaban iniciadas con anterioridade á publicación da convocatoria destas axudas.

7.8. Que no caso de que sexa preceptivo, se compromete, de non contar con elas, a solicitar as autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais tanto municipais como doutros organismos ou administracións públicas que resulten preceptivas para a execución da actuación prevista.

7.9. Que os materiais e acabamentos propostos son conformes coas indicacións que se recollen nas guías ás que se fai referencia no punto 2.

Oitavo. Documentación complementaria

1. Os concellos interesados deberán achegar co anexo I de solicitude, debidamente cuberto, a seguinte documentación:

a) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo II, na cal se faga constar:

1º. O acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras concretas que se pretenden executar ao abeiro desta resolución e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela, ao cal fai referencia o punto 3.2.c) desta resolución.

No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na resolución, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

2º. Que se cumpriu coa obriga e remisión das contas do concello ao Consello de Contas de Galicia, á cal fai referencia o punto 3.1.b) desta resolución.

3º. A plena dispoñibilidade do concello sobre os terreos e predios en que se van desenvolver as actuacións. Deberá quedar acreditado que o concello, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, xa ten a dispoñibilidade sobre eles, nos termos establecidos no segundo parágrafo do punto 3.2.b) desta resolución.

4º. Dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III do estado de ingresos) do orzamento liquidado da entidade, do ano que corresponda, para o cálculo do esforzo fiscal do concello.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as cales se solicita a subvención, asinada electronicamente pola persoa representante da entidade local.

c) Tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se tivera realizado con anterioridade á solicitude da subvención, no caso de que sexa de aplicación o previsto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o importe do gasto subvencionable supere a contía de 40.000,00 euros, prevista para o contrato menor.

d) Ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, nas solicitudes de subvención para obras, deberá achegarse un documento co nivel de proxecto ou memoria valorada da obra que se vai realizar, asinado electronicamente polo técnico ou pola técnica que o redacte, co seguinte contido mínimo:

1º. Memoria explicativa.

2º. Orzamento das partidas con indicación das unidades e prezos de cada unha. En ningún caso se admitirán orzamentos a tanto global (partidas alzadas ou similares).

3º. Referencia catastral e planos de situación/coordenadas que permita xeolocalizar con exactitude os edificios, bens e equipamentos obxecto das axudas.

4º. Planos a escala e detalle suficientes para describir as actuacións.

5º. Reportaxe fotográfica do ben e da súa contorna onde se aprecia o estado actual que presenta.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial (gravado nun soporte físico tipo CD, DVD ou dispositivo extraíble) dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Noveno. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa representante.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo primeiro. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo segundo. Órganos competentes

O Instituto de Estudos do Territorio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá á persoa que exerza a dirección do organismo ditar a resolución de concesión.

Décimo terceiro. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor do procedemento será a persoa titular do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa do Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade será substituído pola persoa que ostente a Xefatura do Servizo Xurídico-Administrativo.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Unha vez recibidas as solicitudes, revisadas estas e a súa documentación e feitas as emendas necesarias, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan a documentación preceptiva serán trasladados ao Departamento Técnico de Estudos para a súa valoración con suxeición aos criterios establecidos nestas bases reguladoras.

Unha vez que o Departamento Técnico de Estudos determine a adecuación das solicitudes presentadas ao obxecto da convocatoria, a persoa titular do Departamento de Xestión Xurídica-Administrativa elevará a proposta á persoa titular da Dirección do Instituto de Estudos do Territorio, quen resolverá.

4. De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o órgano competente para a tramitación do procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito a todas aquelas persoas beneficiarias que cumpran cos requisitos.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e arquivo das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Décimo cuarto. Resolución

1. O órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva, que elevará á persoa que exerza a dirección do Instituto de Estudos do Territorio para a súa resolución. A dita proposta conterá o número de expediente, a identidade e NIF do concello, a data de presentación da solicitude, a actuación subvencionable e a contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.

2. A persoa que exerza a dirección do Instituto de Estudos do Territorio, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a entidade solicitante á que se lle concede a subvención e a actuación subvencionada, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.

3. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva xa que polo seu obxecto non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre as entidades solicitantes.

4. A resolución notificarase a todas as entidades interesadas segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Asemade, de conformidade co artigo 23.5 da mesma lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima aos interesados para entenderen desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres (3) meses desde que remate o prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este, a solicitude de concesión de axuda poderase entender desestimada por silencio administrativo.

6. Unha vez esgotado o crédito destinado ás subvencións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a dita circunstancia.

Décimo quinto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou medio electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sexto. Réxime de recursos

Contra a resolución ditada pola persoa titular da dirección do Instituto de Estudos do Territorio poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da presidencia. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Se o acto non for expreso, a entidade solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

Décimo sétimo. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables, non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas e en ningún caso poderá implicar o incremento na contía da axuda concedida.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a persoa solicitante da modificación deberá presentar: memoria xustificativa da modificación, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa que exerza a dirección do Instituto de Estudos do Territorio logo da instrución do correspondente expediente.

Décimo oitavo. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, a entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez días hábiles para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Neste caso a persoa que exerza a dirección do Instituto de Estudos do Territorio ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Décimo noveno. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias das axudas adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

1. Cumprir o obxectivo, executar as obras previstas no documento presentado, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o órgano concedente, nos prazos e na forma establecidas nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención.

3. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme ás prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa das entidades locais e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas. Serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

5. Comunicar ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios.

7. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e prestar colaboración e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

8. Proceder ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, seguindo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención. Sen prexuízo doutros supostos, considerarase incumprimento das condicións establecidas para a concesión a xustificación de conceptos e elementos que representen menos do 60 % do orzamento dalgunha das actuacións subvencionables. Exceptúanse as reducións no custo final do proxecto respecto do orzamento que derivan de baixas de licitación a favor da proposición economicamente máis vantaxosa.

b) Incumprimento da obriga de xustificar a efectividade dos pagamentos derivados da execución do proxecto subvencionado, nos termos establecidos no punto 19 desta resolución.

c) En todo caso será reintegrado o financiamento público polo importe pagado da subvención que supere o custo final xustificado do proxecto subvencionado.

d) Incumprimento da normativa vixente en materia de contratación do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das entidades locais.

e) Incumprimento da obriga de destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, durante un período mínimo de cinco anos. O incumprimento da obriga de destino referida producirase, en todo caso, co alleamento ou gravame dos bens e quedarán estes afectos ao pagamento do reintegro, calquera que for o seu posuidor.

f) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita Lei de subvencións de Galicia ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

Vixésimo. Xustificación

1. A data límite para a xustificación da subvención será o 30 de setembro de 2022.

2. A documentación xustificativa que deberán achegar as entidades beneficiarias das subvencións é a seguinte:

a) Facturas e, no caso de obras, certificación con relación valorada e tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local.

b) Declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante da entidade beneficiaria segundo o modelo do anexo IV desta resolución, na que, solicita que se proceda ao pagamento da subvención concedida polo importe que proceda; e na que se faga constar:

– O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

– Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

c) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello beneficiario segundo o modelo do anexo V desta resolución na cal se faga constar:

– O acordo de aprobación polo órgano competente do concello beneficiario das facturas e, no caso de obras, das correspondentes certificacións de obra, no cal conste que se cumpriu a finalidade para a cal foi concedida a subvención.

– Que, segundo informe da intervención municipal, se tomou razón na contabilidade, en fase de recoñecemento da obriga, dos gastos correspondentes á execución do proxecto subvencionado.

– Que, segundo informe da persoa secretaria do concello, na tramitación e contratación das obras e/ou equipamentos se cumpriu a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe os contratos do sector público.

d) En cumprimento das obrigas de publicidade establecidas na resolución deberán achegar, ademais:

– Fotografías do lugar ou lugares onde se efectuasen as actuacións, tomadas antes, durante e con posterioridade á súa realización. A presentación das fotografías farase de xeito que permita identificar os lugares e o momento da execución a que correspondan.

e) Nos supostos en que sexa exixible, consonte o punto 5 destas bases reguladoras, a entidade beneficiaria deberá presentar:

– Documento acreditativo da publicación do anuncio da licitación do contrato por calquera dos medios establecidos no artigo 347 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

– Copia da resolución de adxudicación da obra ou equipamento onde quede acreditado que a elección entre as ofertas se realizou con base en criterios de adxudicación fundados na mellor relación calidade-prezo ou, nos supostos permitidos pola lei, nun único criterio de adxudicación relacionado cos custos.

3. O Instituto de Estudos do Territorio poderá solicitar calquera outra documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Vixésimo primeiro. Pagamentos

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes do Instituto de Estudos do Territorio, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. De conformidade co artigo 3.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades ás entidades locais galegas, e para os efectos do establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerarase gasto realizado cando fose contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

3. Sen prexuízo do anterior, o concello beneficiario está obrigado a acreditar documentalmente, mediante xustificante de transferencia bancaria, a efectividade dos pagamentos dos gastos correspondentes á actuación subvencionada no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria do aboamento da subvención concedida.

Para o cómputo do prazo dos sesenta días naturais, o concello presentará un certificado da intervención municipal en que se faga constar a data de ingreso na conta bancaria do concello do aboamento da subvención.

4. O xustificante da transferencia bancaria estará debidamente identificado e selado pola entidade bancaria, agás que o pagamento se realice mediante banca electrónica.

Neste caso, o xustificante da transferencia bancaria deberá presentarse asinado electronicamente pola persoa representante da entidade beneficiaria das subvencións.

5. O Instituto de Estudos do Territorio poderá solicitar calquera outra documentación necesaria para a correcta verificación da efectividade dos pagamentos realizados.

Vixésimo segundo. Incumprimento, perda do dereito ao cobro, reintegros e sancións

1. Ademais das causas indicadas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de acordo co establecido no artigo 14.1.n) dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas e, concretamente:

a) Non presentar a documentación xustificativa en tempo e/ou en forma ou a súa presentación insuficiente ou incompleta con respecto aos termos exixidos polos puntos 19 e 20 desta resolución.

b) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención. Sen prexuízo doutros supostos aplicables, considerarase incumprimento das condicións establecidas para a concesión as seguintes:

b1) Non executar o proxecto completo que fundamentou a resolución de concesión. Para estes efectos, considerarase execución incompleta a xustificación de conceptos e elementos que representen menos do 60 % do orzamento dalgunha das actuacións subvencionables.

Exceptúanse as reducións no custo final do proxecto respecto do orzamento que derivan de baixas de licitación a favor da proposición economicamente máis vantaxosa.

b2) Incumprimento da normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas na tramitación e contratación das obras e/ou equipamentos que constitúen o obxecto da subvención.

b3) Calquera outra causa que poña de manifesto que a entidade non reunía os requisitos para ser beneficiaria destas subvencións ou a alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro. Esta devolución efectuarase mediante ingreso, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Vixésimo terceiro. Cantidades dispoñibles

As cantidades que resultaren sobrantes por causa de renuncia ou falta de presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos beneficiarios poderán dedicarse a subvencionar os concellos que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta resolución.

Vixésimo cuarto. Control

1. O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Vixésimo quinto. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Igualmente, publicarase na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, e de conformidade cos artigos 18.3 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

4. Así mesmo, a solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude, así como na Base de datos nacional de subvencións.

Vixésimo sexto. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Instituto de Estudos do Territorio no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo sétimo. Normativa reguladora

En todo o non previsto nesta resolución rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, así como supletoriamente as disposicións da Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vixésimo oitavo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto de Estudos do Territorio

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file