Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 31 de xaneiro de 2022 Páx. 6036

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239K, MR239G, MR239O, MR240D, MR241C e MR241D).

I

No marco do Regulamento (UE) nº 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen normas aplicables aos pagamentos directos aos agricultores en virtude dos réximes de axuda incluídos no marco da política agrícola común e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 637/2008 e (CE) nº 73/2009, do Consello, publicáronse o Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e o control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural, e o Real decreto 1076/2014, do 19 de decembro, sobre asignación de dereitos de réxime de pagamento básico da política agrícola común, que establecen a normativa básica aplicable a partir do ano 2015.

II

O Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 352/1978, (CE) nº 165/1994, (CE) nº 2799/1998, (CE) nº 814/2000, (CE) nº 1290/2005 e (CE) nº 485/2008 do Consello, no seu título V regula o Sistema integrado de xestión e control indicando que se aplicará tanto aos réximes de pagamentos directos regulados polo Regulamento (UE) nº 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, como a determinadas axudas ao desenvolvemento rural concedidas con base no Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello. Polo tanto, as normas que se establezan en relación co dito sistema integrado afectarán tanto os pagamentos directos como as axudas de desenvolvemento rural que se deban controlar con base nel.

Por iso, débese establecer un sistema que permita a identificación única das persoas produtoras que presenten solicitudes para os diferentes réximes de axuda, así como a identificación das parcelas agrícolas utilizando as técnicas do Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas (en diante, Sixpac). Para iso, o Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, establece, no seu título VI, a solicitude única anual de axudas como medio para que a persoa beneficiaria poida presentar a súa solicitude para todos os réximes de pagamentos directos que considere, así como para as axudas ao desenvolvemento rural establecidas no ámbito do Sistema integrado de xestión e control.

III

En España, o Sistema de identificación de parcelas agrícolas é o Sixpac. O Real decreto 1077/2014, do 19 de decembro, polo que se regula o Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas, establece as normas de aplicación en España do Sixpac e a súa utilización como instrumento de xestión no marco do Sistema integrado de xestión e control e resto de réximes de axuda relacionados coa superficie da política agrícola común (PAC).

IV

O Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, establece, entre outras, as normas da condicionalidade.

O Regulamento (UE) nº 1310/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, que establece disposicións transitorias relativas á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), modifica o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que incumbe aos recursos e á súa distribución no exercicio de 2014, e modifica o Regulamento (CE) nº 73/2009 do Consello, e os regulamentos (UE) nº 1307/2013, (UE) nº 1306/2013 e (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta á súa aplicación no exercicio de 2014, establece que a partir do 1 de xaneiro de 2015 deben aplicarse as disposicións sobre a condicionalidade establecidas no Regulamento (UE) nº 1306/2013, do 17 de decembro.

O Real decreto 1078/2014, do 19 de decembro, polo que se establecen as normas da condicionalidade que deben cumprir as persoas beneficiarias que reciban pagamentos directos, determinadas primas anuais de desenvolvemento rural, ou pagamentos en virtude de determinados programas de apoio ao sector vitivinícola, determina as normas da condicionalidade que deberán cumprir as persoas beneficiarias de axudas suxeitas a esta.

Respecto do anterior, en uso da facultade que outorga o artigo 3 do Real decreto 1378/2018, polo que se modifican os reais decretos 1075/2014, 1076/2014 e 1078/2014, todos eles do 19 de decembro, ditados para a aplicación en España da política agrícola común, establécense excepcións aplicables na Comunidade Autónoma de Galicia para a utilización de xurros e esterco no ámbito dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

V

Segundo os últimos datos publicados da enquisa gandeira elaborada pola Subdirección Xeral de Estatística do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o censo de gando ovino da Comunidade Autónoma de Galicia respecto ao censo nacional é inferior ao 2 %. Polo tanto, de acordo coa posibilidade establecida no artigo 71.3 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, na Comunidade Autónoma de Galicia poderán ser persoas beneficiarias da axuda asociada para as explotacións de gando ovino os titulares de explotacións cun censo de femias elixibles igual ou superior a 10.

VI

O Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 foi aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado por última vez mediante a Decisión de execución da Comisión C (2021) 4527 final, do 17 de xuño de 2021. De acordo co exposto anteriormente, a solicitude única que se regula nesta orde abrangue, ademais dos pagamentos directos, as solicitudes de pagamento das axudas de desenvolvemento rural establecidas no ámbito do Sistema integrado de xestión e control. En Galicia, esas axudas son: prima anual de mantemento asociada ás axudas de primeira forestación de terras non agrícolas (compromisos vixentes do período 2014-2020 na submedida 8.1), prima anual das axudas para o establecemento de sistemas agroforestais (compromisos vixentes do período 2014-2020 na submedida 8.2), as axudas de agroambiente e clima (submedida 10.1) e as da agricultura ecolóxica (submedidas 11.1 e 11.2) e os pagamentos a zonas con limitacións naturais (submedidas 13.1 e 13.2).

VII

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece, no seu artigo 10, relativo aos requisitos para obter a condición de beneficiario, no punto 2.e), que non poderán obter a dita condición, agás que pola natureza da subvención se exceptúe pola súa normativa reguladora, entre outros, os que non estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou teñan pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos en que regulamentariamente se determinen.

Por outra banda, de acordo co previsto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia; a Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, establece no artigo 51 a posibilidade de que as persoas beneficiarias de axudas que se concedan con carácter compensatorio ou indemnizatorio poidan substituír por unha declaración responsable da persoa solicitante a obriga de presentar a certificación acreditativa do cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Mediante o Decreto 228/2020, do 23 de decembro, regúlanse as condicións de prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Mediante este decreto prodúcese a prórroga xeral da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais para a Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, a partir do 1 de xaneiro de 2021 e ata a entrada en vigor do novo orzamento de acordo co que nel se establece.

Os pagamentos directos á agricultura e á gandaría previstos no título II tiveron e teñen o carácter de pagamentos compensatorios. Os pagamentos directos derivan da reforma da PAC do ano 1992, en relación coas organizacións comúns de mercado de produtos agrícolas que, co obxectivo de aproximar os prezos comunitarios aos do mercado mundial e compensar as perdas de ingresos causadas pola redución dos prezos institucionais, estableceu un pagamento compensatorio para as persoas agricultoras en cada sector. Así, no caso dos cultivos herbáceos, estableceuse mediante o Regulamento (CEE) nº 1765/1992 do Consello, do 30 de xuño, polo que se establece un réxime de apoio aos produtores de determinados cultivos herbáceos, e no da carne de vacún, mediante o Regulamento (CEE) nº 2066/1992 do Consello, do 30 de xuño, que modifica o Regulamento (CEE) nº 805/1968 do Consello, do 27 de xuño, polo que establece a organización común de mercados no sector da carne de bovino.

Coa reforma da PAC de 2013 suprimiuse o réxime de pagamento único, introducido no ano 2006 que, a partir de 2015, foi substituído polo réxime do pagamento básico, tamén disociado da produción e baseado en criterios históricos de axudas compensatorias. O réxime de pagamento básico leva asociada a axuda denominada do pagamento verde que, dotado co 30 % do orzamento para pagamentos directos, está vinculado ao cumprimento por parte das persoas agricultoras de prácticas agrícolas sustentables, beneficiosas para a calidade dos solos, a biodiversidade e o ambiente en xeral. Outras axudas tamén disociadas da produción son as do réxime para os agricultores mozos, suplementario do pagamento básico, e as do réxime simplificado para os pequenos agricultores. Ao igual que na reforma anterior, mantense unha pequena porcentaxe de axudas asociadas. Os pagamentos directos seguirán estando suxeitos á condicionalidade.

Cabe sinalar que, conforme o artigo 40 do Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, en que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, sobre o Sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade, realizaranse controis mediante monitorización de todas as parcelas declaradas en Galicia. Esta monitorización terá en conta os datos dos satélites Sentinel durante un período ao longo da campaña que permita extraer conclusións sobre a admisibilidade das superficies. Os datos complementaranse coa información procedente doutras actividades de seguimento adecuadas, incluíndo inspeccións físicas sobre o terreo.

En definitiva, os pagamentos directos permiten estabilizar a renda das persoas agricultoras e compensalas pola prestación de servizos públicos de valor incalculable: protección do ambiente, benestar dos animais, alimentos seguros e de calidade, etc. Estes servizos públicos son aínda máis importantes se se ten en conta que as normas europeas están entre as máis estritas do mundo. Isto encarece a produción de alimentos en Europa con respecto á doutros países que impoñen normas menos rigorosas. Sen os pagamentos directos, as persoas agricultoras europeas non poderían competir cos outros países e, pola súa vez, atender as exixencias específicas dos consumidores de Europa.

Doutra banda, os pagamentos a zonas con limitacións naturais e as axudas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica previstas no título III teñen o carácter de pagamentos compensatorios, ben pola zona en que exercen a actividade as persoas agricultoras ou ben polos custos adicionais e as perdas de ingresos derivados dos compromisos asumidos por elas en relación co sistema de produción agrícola ou gandeiro adoptado para a mellora do ambiente e do ámbito natural.

Polo tanto, os pagamentos directos á agricultura e á gandaría, os pagamentos a zonas con limitacións naturais, as axudas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica reguladas por esta orde deben considerarse incluídas no artigo 51.d) da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, e as persoas beneficiarias non terán a obriga de achegar os xustificantes de estaren ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou de non teren pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, que será substituída pola declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Ademais, os expedientes do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) en que se exerza función de intermediación na xestión do Feaga serán xestionados como operacións extra orzamentarias consonte o sinalado no artigo 46.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime orzamentario e financeiro de Galicia.

O día 28.12.2020 publicouse no Diario Oficial de la Unión Europea o Regulamento (UE) 2020/2220 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se establecen determinadas disposicións transitorias para a axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) nos anos 2021 e 2022, e polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1305/2013, (UE) nº 1306/2013 e (UE) nº 1307/2013 no que respecta aos seus recursos e á súa aplicación nos anos 2021 e 2022, e o Regulamento (UE) nº 1308/2013 no que respecta aos recursos e á distribución da dita axuda nos anos 2021 e 2022. Este regulamento prevé a aplicación continuada das normas do marco da PAC actual e os pagamentos ininterrompidos ás persoas agricultoras e outras persoas beneficiarias, ofrecendo así a necesaria previsibilidade e estabilidade durante o período transitorio.

O Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece o Instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI) para apoiar a recuperación tras a crise da COVID19, posibilita o financiamento de medidas de desenvolvemento rural. Mediante a Decisión de execución da Comisión C(2021) 4527 final, do 17 de xuño de 2021, é posible abrir novas convocatorias no ano 2022 a novos solicitantes na submedida 10.1 Agroambiente e clima e na medida 11 Agricultura ecolóxica financiadas ao 100 % polo fondo EURI.

VIII

Por último, nesta orde consolídase a aposta que xa se fixo na anterior orde reguladora da aplicación dos pagamentos directos polo desenvolvemento da Administración electrónica como vía de modernización e simplificación dos procedementos administrativos. Esta aposta fundaméntase na experiencia adquirida desde o ano 2015 na xestión dos procedementos e axudas regulados nela, que permite constatar que a práctica totalidade das persoas, incluídas as persoas físicas non obrigadas a isto, empregaron medios electrónicos para os seus trámites. Este feito, ademais de poñer de manifesto a capacidade económica, técnica e profesional das persoas interesadas, demostra tamén a súa facilidade para o acceso sinxelo e rápido aos medios electrónicos necesarios, para o cal dispoñen, distribuídas pola xeografía da Comunidade Autónoma, de numerosas unidades e servizos de apoio especializados, tanto da Administración agraria, como son as oficinas agrarias comarcais cuxa participación se recolle na disposición adicional terceira desta orde, como das entidades colaboradoras reguladas no capítulo II do título I, así como doutras entidades ligadas ao sector, como son as entidades asociativas, as organizacións profesionais agrarias e outras sectoriais que na maioría dos casos contan con gabinetes técnicos especializados.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

TÍTULO PRELIMINAR

Disposicións xerais

CAPÍTULO I

Obxecto e definicións

Artigo 1. Obxecto e ámbito

1. Esta orde ten por obxecto regular e convocar na Comunidade Autónoma de Galicia, no ano 2022, os pagamentos directos á agricultura e á gandaría, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

2. Así mesmo, ten por obxecto aplicar na Comunidade Autónoma de Galicia o Sistema integrado de xestión e control de determinados réximes de axudas comunitarios, incluída a solicitude única de axudas, de acordo co previsto no Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 352/1978, (CE) nº 165/1994, (CE) nº 2799/1998, (CE) nº 814/2000, (CE) nº 1290/2005 e (CE) nº 485/2008 do Consello.

3. Os procedementos administrativos que se regulan nesta orde son os seguintes:

a) MR250A. Pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (solicitude única).

b) MR239K. Solicitude de modificación do Sistema de información xeográfica de parcelas (Sixpac).

c) MR239G. Comunicación de cesión das axudas con cesión da explotación.

d) MR239O. Recoñecemento como entidade colaboradora.

e) MR240D. Solicitude de modificación da solicitude única.

f) MR241C. Solicitude de asignación de dereitos de pagamento básico da reserva nacional.

g) MR241D. Comunicación de cesión de dereitos do réxime de pagamento básico.

4.Poderán ser destinatarias destes procedementos tanto as persoas físicas como as xurídicas, agás no procedemento MR239O, no cal só poderán ser as persoas xurídicas.

Artigo 2. Liñas de axuda

1. As liñas de axuda están integradas polos pagamentos directos á agricultura e á gandaría; en concreto, os seguintes réximes de axuda comunitarios establecidos no Regulamento (UE) nº 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e no Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural:

a) Un pagamento básico aos agricultores («pagamento básico»).

b) Un pagamento para os agricultores que apliquen prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o ambiente («pagamento verde»).

c) Un pagamento suplementario para os agricultores mozos que comecen a súa actividade agrícola.

d) Un réxime de axuda asociada:

1ª. Axuda asociada aos cultivos proteicos.

2ª. Axuda asociada aos legumes de calidade.

3ª. Axuda asociada para as explotacións que manteñan vacas nutrices.

4ª. Axuda asociada para as explotacións de vacún de ceba.

5ª. Axuda asociada para as explotacións de vacún de leite.

6ª. Axuda asociada para as explotacións de ovino.

7ª. Axuda asociada para as explotacións de cabrún.

8ª. Axudas asociadas para as persoas gandeiras de vacún de leite, vacún de ceba e de ovino e cabrún que mantiveron dereitos especiais en 2014 e non dispoñen de hectáreas admisibles para a activación de dereitos de pagamento básico.

9ª. Tamén se poderá solicitar calquera outra axuda asociada regulada no título IV do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro.

e) Un réxime simplificado para os pequenos agricultores.

Todas as axudas citadas anteriormente son financiadas integramente polo Feaga.

2. Tamén se inclúen as solicitudes da axuda e/ou do pagamento das medidas de desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control que, na Comunidade Autónoma de Galicia, son:

a) Prima anual de mantemento correspondente ás superficies forestadas coas axudas para a creación de superficies forestais, submedida 8.1 do PDR de Galicia 2014-2020. Persoas beneficiarias con compromisos vixentes: solicitude de pagamento.

b) Prima anual de mantemento vinculada aos expedientes aprobados e pagados das axudas para a creación de sistemas agroforestais, submedida 8.2 do PDR de Galicia 2014-2020. Persoas beneficiarias con compromisos vixentes: solicitude de pagamento.

c) Solicitudes de axuda e pagamento da submedida 10.1 Agroambiente e clima e das submedidas 11.1 e 11.2 Agricultura ecolóxica do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (nova convocatoria).

d) Pagamento a zonas con limitacións naturais das submedidas 13.1 e 13.2 do PDR de Galicia 2014-2020: solicitude da axuda e de pagamento.

3. Para as axudas incluídas no punto 2, os fondos Feader e EURI participarán no seu financiamento segundo o indicado na disposición adicional primeira.

Artigo 3. Definicións

1. Ademais das definicións establecidas na normativa comunitaria e estatal de aplicación e, en concreto, no Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, no Real decreto 1076/2014, do 19 de decembro, no Real decreto 1077/2014, do 19 de decembro, e no Real decreto 1078/2014, do 19 de decembro, será de aplicación á presente orde o seguinte:

a) Razas bovinas de aptitude eminentemente leiteira: consideraranse como tales as seguintes: Angler Rotvieh (Ageln)-Rød dansk mælkerace (RMD)-German Red-Lithuanian Red, Ayreshire, Armoricaine, Bretonne Pie-noire, Frisona, Groninger Blaarkop, Guernsey, Jersey. Malkeborthorn, Reggiana, Valdostana nera, Itäsuomenkarja, Länsisuomenkarja, Pohjoissuomenkaja.

Tamén terán esa condición as razas Fleckvieh, Montebeliard e Parda e o conxunto mestizo dunha explotación bovina inscrita no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) cunha clasificación zootécnica de «reprodución para a produción de leite».

Para os efectos das axudas de desenvolvemento rural reguladas nesta orde, tamén serán aplicables as seguintes definicións:

a) Agricultor a título principal: a persoa agricultora profesional que obteña, polo menos, o 50 % da súa renda da actividade agraria exercida na súa explotación e cuxo tempo de traballo dedicado a actividades non relacionadas coa explotación sexa inferior á metade do seu tempo de traballo total.

b) Agricultor profesional: a persoa física que, sendo titular dunha explotación agraria, obteña polo menos o 50 % da súa renda total de actividades agrarias ou outras actividades complementarias, coa condición de que a parte de renda procedente directamente da actividade agraria non sexa inferior ao 25 % da súa renda total e o volume de emprego agrario dedicado a actividades agrarias ou complementarias sexa igual ou superior á metade dunha unidade de traballo.

c) Explotacións agrarias prioritarias: as explotacións agrarias familiares e as asociativas que estean cualificadas como prioritarias, conforme a Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias.

d) Carga gandeira: a relación entre o número de unidades de gando maior (UGM) de bovino, ovino, cabrún e equino e as hectáreas de superficie forraxeira da explotación, incluídas as de aproveitamento comunal ás cales teña dereito. As UGM calcularanse como unha media a partir dos censos gandeiros das especies antes indicadas, presentes na explotación en seis datas do ano de solicitude. No caso de existir un control sobre o terreo, farase unha contaxe de animais para verificar a súa coherencia cos censos empregados para o cálculo do valor medio. Os resultados da contaxe feita no control sobre o terreo serán tidos en conta como censo gandeiro da explotación na data do control para o efecto de calcular a media de UGM da explotación.

e) Unidade de gando maior (UGM): a conversión das diferentes categorías de animais segundo o indicado no anexo II do Regulamento (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, é dicir:

1ª. Touros, vacas e outros animais da especie bovina de máis de dous anos e équidos de máis de seis meses 1,0 UGM.

2ª. Animais da especie bovina de seis meses a dous anos 0,6 UGM.

3ª. Animais da especie bovina de menos de seis meses 0,4 UGM.

4ª. Ovinos e cabrúns 0,15 UGM.

5ª. Porca de cría > 50 kg 0,5 UGM.

6ª. Outros porcos 0,3 UGM.

7ª. Galiñas poñedoras 0,014 UGM.

8ª. Outras aves de curral 0,03 UGM.

f) Superficie forraxeira: a superficie agraria útil da explotación dedicada a pastos ou a cultivos destinados á produción de forraxe para a alimentación animal, incluídas as superficies utilizadas en común e as que estean dedicadas a un cultivo mixto, dispoñible para a cría de bovinos, ovinos, cabrúns ou equinos.

g) Superficie agraria útil: a superficie dedicada a terras de cultivo, pastos permanentes ou cultivos permanentes.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. A tramitación dos procedementos regulados nesta orde require a incorporación de datos en poder das administracións públicas, consellos reguladores, marcas de calidade, organismos de control, entidades asociativas ou entidades de asesoramento. De conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase consultar información das persoas solicitantes.

2. En virtude do anterior, para os procedementos MR250A (Solicitude única), MR239K (Alegacións e solicitudes de modificación do Sixpac), MR241C (Solicitude de asignación de dereitos de pagamento básico da reserva nacional), MR241D (Comunicación de cesións de dereitos do réxime de pagamento básico) consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos:

– Os datos de identidade das persoas físicas solicitante, cesionaria e/ou representante, así como das persoas físicas socias da entidade solicitante e/ou cesionaria, se for o caso.

– Os datos acreditativos de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– A acreditación da alta na Seguridade Social a unha data concreta.

– Os datos acreditativos de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.

– Os datos acreditativos de estar ao día nas obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia da persoa solicitante e/ou da persoa cesionaria.

– Para as axudas recollidas nos títulos II e III desta orde, os datos de renda (IRPF) do último exercicio fiscal vencido, agás para as axudas a zonas con limitacións naturais da medida 13 do PDR de Galicia, recollidas no capítulo III do título III, para as que a comprobación se realizará para os dous últimos exercicios fiscais vencidos.

– A validación do NIF da entidade solicitante e/ou da entidade cesionaria, se for o caso.

– A vida laboral dos últimos 12 meses, da persoa solicitante e/ou da persoa cesionaria, se for o caso.

– A procedencia dos rendementos do traballo da persoa declarante, cónxuxe ou de ambas, no caso de que na declaración do IRPF presentada figuren estas (persoas físicas solicitantes e/ou cesionarias).

– A declaración informativa anual de entidades en réxime de atribución de rendas do último exercicio fiscal vencido, no caso de seren persoas xurídicas con forma de S.C. ou C.B.

– A declaración do imposto de actividades económicas (IAE), de ser o caso.

– O nivel de renda, de ser o caso.

– O Sistema integral de rastrexabilidade animal (Sitran).

– Certificación oficial de rendemento leiteiro, no caso da axuda asociada para as explotacións que manteñan vacas nutrices.

– Do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) relativos aos custos laborais realmente pagados no ano anterior, incluídos os impostos e cotizacións sociais no caso de que o importe da axuda polo réxime de pagamento básico que va a percibir o agricultor exceda os 150.000 euros.

– Título ou documento oficial acreditativo da capacitación agraria, no caso da axuda a agricultores mozos.

– Inscrición no Rexistro de Explotacións Prioritarias.

– Inscricións ou cumprimentos legais, como toda a información que conste no expediente de inscrición ás entidades, consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas (IXP), do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), Agroseguro ou asociacións.

– Acreditativos da realización de vendas directas e/ou entregas de leite de vaca a compradores durante, polo menos, 6 meses ao ano.

– Acreditativos do número de socios pertencentes á sociedade cooperativa agraria/SAT que solicita a axuda.

– Acreditativos de entregas de leite de ovino/cabrún.

– Acreditativo do asesoramento recibido, realizado por unha entidade inscrita no Rexistro de entidades con servizos de asesoramento ou xestión de Galicia (Resaxega).

– De pertenza á Asociación Xestora do Libro Xenealóxico Oficial da Raza ou da asociación oficialmente recoñecida que teña como obxectivo a mellora e conservación da raza pola que se solicita a axuda.

3. Para a tramitación do procedemento MR239G (Cesión de axudas PAC/DR con cesión de toda a explotación agraria) consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– NIF da persoa cedente

– NIF da persoa representante da persoa cedente

– NIF da persoa cesionaria.

– NIF da persoa representante da persoa/entidade cesionaria.

Datos do IRPF) correspondente á última campaña vencida no caso de que a persoa cesionaria sexa persoa física

– Declaración informativa anual de entidades en réxime de atribución de rendas do último exercicio fiscal vencido no caso de que a persoa cesionaria sexa persoa xurídica S.C. ou C.B.

4. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

5. As persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e omitir a presentación dos documentos ou informacións citados nos números 1 a 3 anteriores sempre que fagan constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

6. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante, cesionaria ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

7. Ademais, a presentación da solicitude do pagamento das primas anuais das letras a) e b) do número 2 do artigo 2 pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá opoñerse á dita solicitude, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente. Entenderase oposición expresa á consulta cando na solicitude única non estea marcado o recadro de dar autorización para a consulta de datos de estar ao día coa AEAT e coa TXSS.

8. Coa presentación da solicitude do pagamento das primas a) b), c) e d) do número 2 do artigo 2 presentarase declaración responsable de se se perciben ou non outras axudas públicas ou privadas para a mesma finalidade conforme o modelo da web do Fogga (https://fogga.xunta.gal/gl/politica_agraria_comun/pac_2015_2020/pac_2022). Así mesmo, teranse en conta as incompatibilidades de axudas establecidas no PDR de Galicia para o período 2014-2020.

9. pagamento da axuda correspondente ás primas anuais das letras a) e b) do número 2 do artigo 2 poderá ser obxecto de cesión, que se deberá comunicar empregando o modelo de formulario que consta como anexo VI nos procedementos MR670C e/ou MR674B e que está accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia para os ditos procedementos, achegando con el a documentación indicada nel, así como a documentación complementaria indicada na letra b) da epígrafe G do anexo I.

10. Así mesmo, no marco do indicado no artigo 5 seguinte, coa presentación das solicitudes as persoas interesadas autorizan para que os datos recollidos nestas sexan incluídos noutros ficheiros informatizados para o seu tratamento coa finalidade de que sexan empregados pola Xunta de Galicia e/ou polo Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) no ámbito das súas competencias.

11. Nas liñas de axuda indicadas no artigo 2.1. e 2.2., letras c) e d), as persoas solicitantes deberán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esa declaración responsable producirá efectos para a obtención da condición de persoa beneficiaria e para a realización dos pagamentos das axudas.

Calquera variación no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou de non ter débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, posterior á data de presentación da solicitude, deberá ser notificada pola persoa solicitante ao Fondo Galego de Garantía Agraria no prazo máximo de dez días desde a data desa variación, empregando o modelo xenérico PR004A, que está accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A inexactitude, erro, falsidade ou renovación por cambio das circunstancias na declaración responsable poderá dar lugar á tramitación dun procedemento de reintegro, perda de dereito e/ou procedemento sancionador e á exixencia das demais responsabilidades que poidan derivar da normativa vixente en materia de subvencións e de loita contra a fraude en materia de axudas públicas e subvencións.

Artigo 5. Obriga de emprego de medios electrónicos e consulta e xestión de solicitudes

Conforme o previsto nos números 2 e 3 do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 10.1 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia:

1. Para os procedementos MR250A, MR240D e MR241C establécese a obriga de que as solicitudes e comunicacións iniciais reguladas nesta orde sexan presentadas exclusivamente por medios electrónicos mediante a aplicación informática SGA (https://sgapac.xunta.es).

2. Para os procedementos MR239K e MR241D establécese a obriga de que as solicitudes e comunicacións iniciais reguladas nesta orde sexan presentadas mediante a aplicación informática SGA (https://sgapac.xunta.es). Excepcionalmente, as persoas físicas que sexan traballadoras non autónomas poderán presentar as súas solicitudes destes procedementos mediante rexistro presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Para os procedementos MR239O e MR239G as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)

4. En virtude do establecido no número 6 do artigo 66 da Lei 39/2015, na presentación de solicitudes dos procedementos regulados nesta orde serán de uso obrigatorio os modelos establecidos en cada caso.

5. En virtude do anterior, e conforme o establecido no número 4 do artigo 68 da Lei 39/2015, cando as solicitudes ou comunicacións dos procedementos regulados nesta orde sexan realizadas presencialmente, o Fogga requirirá a persoa interesada para que emende a solicitude ou comunicación dentro do prazo de presentación establecido para o correspondente procedemento, empregando os medios e procedementos electrónicos establecidos. A data de presentación será aquela en que se realiza a emenda.

6. Así mesmo, para tramitar calquera dos procedementos relacionados cos dereitos do pagamento básico, MR250A de solicitude única, MR241C de solicitude de dereitos de pagamento básico da reserva nacional e/ou MR241D de cesión de dereitos de pagamento básico, e para evitar a retirada dos dereitos de acordo co artigo 16.4 do Real decreto 1075/2014, a persoa solicitante deberá coñecer o estado deles mediante consulta pública na páxina web do Fondo Español de Garantía Agraria (www.fega.es).

7. Agás no caso do procedemento MR239G de cesión de axudas, para o que se regulan no artigo 29.2, os trámites posteriores ao de solicitude ou comunicación correspondentes aos restantes procedementos regulados na presente orde poden ser realizados a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, que permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. Para a consulta e a xestión das solicitudes, as persoas interesadas poderán utilizar as seguintes ferramentas electrónicas:

– Aplicación para o móbil Sga@pp, que permite a consulta de solicitudes da PAC e alegacións ao Sixpac.

– Aplicación para o móbil SGAFoto, para realizar fotografías xeorreferenciadas.

– Aplicación para o móbil InfoPac, con información sobre dereitos, preguntas de usuarios, normativa, noticias…

– Portal de axudas PAC na web do Fogga, que permite achegar información e realizar alegacións na solicitude da PAC:

https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/portal_de_axudas_pac

CAPÍTULO II

Agricultor activo e actividade agraria

Artigo 6. Ámbito

Os pagamentos directos indicados no título II e as axudas de desenvolvemento rural recollidas no capítulo III e na sección 3ª do capítulo IV do título III desta orde só se concederán a aquelas persoas solicitantes que cumpran os requisitos de agricultor activo e actividade agraria. O requisito da actividade agraria tamén será exixible ás persoas solicitantes das axudas de agroambiente e clima recollidas na sección 2ª do capítulo IV do título III.

Artigo 7. Aplicación e verificación

1. A aplicación e verificación da figura de agricultor activo e da actividade agraria sobre as superficies da explotación realizarase segundo o establecido, respectivamente, nos capítulos I e II do título II do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro.

2. En canto á actividade agraria, naqueles recintos en que se declare unha actividade de mantemento de entre as recollidas no anexo IV do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, a dita actividade realizarase anualmente e deberá conservar, se é o caso, á disposición do Fogga toda a documentación xustificativa dos gastos e pagamentos efectuados na realización destas. Ningunha superficie forestal (uso FO no Sixpac) será admisible para pagamentos de axudas directas.

3. No caso dos pastos de uso en común en recintos ficticios, non se admitirán as actividades de mantemento recollidas no anexo IV do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro. Só está permitida a actividade de pastoreo con animais da propia explotación do solicitante.

O solicitante declarará de forma expresa e veraz na súa solicitude que os cultivos e aproveitamentos, así como as actividades de mantemento declaradas, constitúen un fiel reflexo da súa actividade agraria. Se con motivo dun control administrativo, sobre o terreo ou por monitoraxe, se comproba que non se realizaron os cultivos ou aproveitamentos ou as actividades de mantemento, con declaración falsa, inexacta ou neglixente e que, ademais, esa falta de concordancia condicionou o cumprimento dos requisitos ao redor da actividade agraria sobre as superficies, poderase considerar que se trata dun caso de creación de condicións artificiais para obter o beneficio das axudas e estarán suxeitas ao réxime de penalizacións correspondente.

TÍTULO I

Sistema integrado de xestión e control (SIXC)

Artigo 8. Ámbito de aplicación do SIXC

O SIXC aplicarase aos réximes de axuda enumerados no anexo I do Regulamento (UE) nº 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e á axuda concedida de acordo co artigo 21.1.a) e 21.1.b), os artigos 28 a 31, 33, 34 e 40 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e, cando cumpra, o artigo 35.1.b) e 35.1.c) do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

Con todo, non se aplicará ás medidas recollidas no artigo 28, punto 9, do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, nin ás medidas previstas no artigo 21.1.a) e 21.1.b) do dito regulamento no que respecta aos custos de implantación.

O sistema integrado tamén se aplicará, na medida necesaria, ao control da condicionalidade.

CAPÍTULO I

Solicitude única

Artigo 9. Solicitude única (procedemento MR250A)

1. As persoas que desexen obter algún dos pagamentos directos ou das axudas de desenvolvemento rural citadas no artigo 2 deberán presentar unha solicitude única.

2. Para aquelas persoas beneficiarias que estean incluídas no réxime simplificado para os pequenos agricultores, a solicitude única consistirá unicamente na presentación dunha confirmación do seu acordo de seguir pertencendo ao dito réxime para cobrar a anualidade correspondente xunto coa información mínima para cada parcela que se establece no anexo VII do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro. Estas persoas, durante o prazo de presentación da solicitude única que se establece no artigo seguinte, poderán presentar a renuncia ao seu mantemento neste réxime.

3. Para os efectos dos controis da condicionalidade, tamén deberán presentar unha solicitude única as persoas beneficiarias que recibisen pagamentos das axudas a plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia nos anos 2019, 2020 e/ou 2021. Estas persoas presentarán unha solicitude única en que declaren todas as parcelas da súa explotación aínda que non soliciten ningún dos pagamentos directos ou axudas de desenvolvemento rural indicados no artigo 2 desta orde.

4. Por último, de acordo co especificado no artigo 4 do Real decreto 9/2015, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as condicións de aplicación da normativa comunitaria en materia de hixiene na produción primaria agrícola, as persoas agricultoras non incluídas nos puntos anteriores, con excepción dos que dediquen todas as súas producións ao consumo doméstico privado e daqueles cuxa explotación agrícola estea constituída unicamente por superficies de viñedo, deberán presentar, no prazo establecido no artigo 13, as parcelas que forman parte da explotación empregando o procedemento administrativo MR408B Inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

Artigo 10. Lugar e prazo de presentación da solicitude única

1. A solicitude única presentarase na Comunidade Autónoma de Galicia dirixida á persoa titular da Dirección do Fogga, cando a explotación estea situada completamente neste territorio ou se, estando situada en máis dunha comunidade autónoma, se encontra na Comunidade Autónoma de Galicia a maior parte da superficie agraria dela ou o maior número de animais, no caso de non dispoñer de superficie.

2. A presentación da solicitude única realizarase, conforme o indicado no número 1 do artigo 5, unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido nos artigos 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e 10.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia. As persoas solicitantes poderán optar por:

a) Realizar persoalmente a súa solicitude, para o cal precisan dispoñer dun certificado dixital con vixencia.

b) Realizar a solicitude a través das entidades colaboradoras asinantes dun convenio para tal efecto co Fogga.

3. O prazo de presentación da solicitude única, para o ano 2022, iniciarase o 1 de febreiro e finalizará o día 30 de abril, ambos incluídos, agás o previsto no punto seguinte.

4. Non obstante o disposto no parágrafo anterior, admitiranse solicitudes de axudas ata os 25 días naturais seguintes ao da data de finalización do prazo establecido; nese caso e fóra dos casos de forza maior e circunstancias excepcionais, os importes reduciranse nun 1 % por cada día hábil en que se exceda a dita data. A redución mencionada neste parágrafo tamén será aplicable respecto da presentación de contratos ou declaracións e outros documentos ou xustificantes que sexan elementos constitutivos da admisibilidade da axuda de que se trate, segundo o previsto na normativa comunitaria. No ano en que se asignen dereitos de pagamento básico, esa redución será dun 3 % por cada día hábil en que se exceda a dita data para ese réxime de axudas. Se o atraso é superior a 25 días naturais, a solicitude considerarase inadmisible.

Artigo 11. Contido da solicitude única

1. O contido da solicitude única será o que se indica no artigo 92 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación adicional que se indica no punto V do anexo VII do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro.

b) De ser o caso, a documentación que para esta solicitude se indica nas partes A e B do anexo I desta orde.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Na solicitude única declararanse todas as parcelas agrícolas que conforman a superficie agraria da explotación e que estean á disposición do seu titular. En cada parcela agrícola declararase o cultivo ou aproveitamento presente durante a maior parte do período principal de cultivo indicado no artigo 33.

No caso das terras de cultivo, se procede, poderase declarar máis dun produto por campaña e parcela indicando sempre como cultivo, para efectos da diversificación, o que cumpra o indicado no parágrafo anterior, que será o que se utilice para a medida de diversificación establecida no artigo 20 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro.

Tendo en conta a excepción indicada no punto 3 do artigo 8, no caso de declarar que o recinto é obxecto dun labor de mantemento anual, indicarase un dos recollidos na lista establecida no anexo IV do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro.

Nas medidas de axuda por superficie dos programas de desenvolvemento rural tamén se deberá incluír a superficie non agrícola pola cal se solicita axuda.

6. As parcelas agrícolas da explotación identificaranse mediante as referencias alfanuméricas do Sixpac en vigor ao inicio de campaña, agás no caso dos pastos permanentes utilizados en común, cuxa declaración se fará segundo o indicado no artigo seguinte. Con todo, de forma excepcional e para o ano natural 2022, nas áreas indicadas no documento da web do Fogga (https://fogga.xunta.gal/gl/politica_agraria_comun/pac_2015_2020/pac_2022), utilizaranse obrigatoriamente as referencias oficiais identificativas de concentración parcelaria.

De acordo co punto 4 do artigo 92 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, os solicitantes deberán delimitar graficamente e en formato dixital as parcelas agrícolas da explotación.

7. Calquera propietario de parcelas poderá comunicar ao Fogga aquelas que non poden ser solicitadas por non estaren arrendadas. Para iso, deberán acreditar a súa titularidade e indicar as súas referencias no Sixpac. Con base niso, e de acordo co indicado no parágrafo 11 da epígrafe I do anexo VII do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, os solicitantes non terán que indicar na súa solicitude o NIF do arrendador ou cedente parceiro.

Artigo 12. Declaración de pastos permanentes utilizados en común en recintos ficticios

1. As superficies de pastos permanentes utilizados en común por varias persoas agricultoras declararanse con base nunhas referencias identificativas das parcelas agrícolas distintas das establecidas no Sixpac, que o Fogga poñerá en coñecemento das entidades xestoras dos pastos antes de que finalice o período de presentación da solicitude única, para os efectos de que poidan ser utilizadas polas persoas agricultoras na declaración de superficies. A persoa agricultora declarará a superficie neta que lle fose asignada pola entidade xestora do pasto, é dicir, a superficie admisible unha vez aplicado o coeficiente de admisibilidade dos pastos que corresponda.

2. Conforme o indicado no anexo XIV do Real decreto 1075/2014, as autoridades xestoras dos pastos de uso en común coas persoas agricultoras que declaren aproveitamento nesas superficies deberán presentar unha declaración gráfica en que delimiten as superficies correspondentes aos pastos declarados en común dentro dos recintos reais que compoñen a superficie total do comunal.

Artigo 13. Modificación da solicitude única (procedemento MR240D)

1. Unha vez finalizado o prazo para a presentación da solicitude única, as persoas solicitantes poderán presentar solicitudes de modificación ata o 31 de maio.

2. Mediante estas solicitudes as persoas agricultoras poderán modificar a súa solicitude única para eliminar, modificar ou engadir réximes de pagamentos directos ou medidas de desenvolvemento rural, así como tamén para suprimir, modificar ou engadir parcelas individuais ou dereitos de pagamento individuais sempre que se cumpran os requisitos establecidos para o réxime de axuda de que se trate. Cando estas modificacións repercutan nalgún xustificante ou contrato que debe presentarse, tamén estará permitido modificalo.

3. As solicitudes de modificación deberán presentarse conforme o indicado no número 1 do artigo 5.

4. A documentación complementaria presentarase segundo o indicado nos puntos 3 e 4 do artigo 11.

5. Sen prexuízo do disposto no punto 1 deste artigo, os solicitantes que declaren parcelas agrarias estarán suxeitos a controis mediante monitorización e, unha vez finalizado o prazo para a presentación da solicitude única, poderán presentar solicitudes de modificación das parcelas agrarias da súa solicitude única ata o 15 de setembro.

Estas solicitudes de modificación deberán presentarse consonte o disposto no punto 3 deste artigo e a documentación complementaria que, de ser o caso, presenten, deberana presentar conforme o indicado no punto 4 deste artigo.

6. Nos expedientes con liñas suxeitas a control por monitorización, clasificaranse as parcelas en tres cores distintas, segundo cal sexa a súa situación, co seguinte significado:

a) Cor verde: coincidencia entre o declarado pola persoa solicitante na súa solicitude e o identificado polo sistema de monitorización.

b) Cor amarela: dúbida da coincidencia entre o declarado pola persoa solicitante na súa solicitude e o identificado polo sistema de monitorización.

c) Cor vermella: falta de coincidencia entre o declarado pola persoa solicitante na súa solicitude e o identificado polo sistema de monitorización.

7. Nos supostos de expedientes con liñas suxeitas a control por monitorización, xa sinalados no punto anterior, o Fogga realizará comunicacións específicas (comunicación activa) das parcelas que están clasificadas coas cores amarela e vermella.

A non contestación a estas comunicacións específicas no prazo de 10 días hábiles poderá comportar a aplicación das penalizacións establecidas no artigo 102 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural.

8. Os informes de control de expedientes suxeitos a control mediante monitorización notificaranse conforme o indicado no artigo 27. As persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días a partir do día seguinte ao da notificación dos informes de control para formular as alegacións ou presentar os documentos ou xustificacións que xulguen pertinentes, consonte o que dispón o artigo 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento de administrativo común das administracións públicas.

CAPÍTULO II

Entidades colaboradoras

Artigo 14. Entidades colaboradoras

Logo de solicitude, poderán acceder á condición de entidade colaboradora recoñecida polo Fondo Galego de Garantía Agraria na captura das axudas da PAC que conforman a solicitude única, así como doutras solicitudes relacionadas con ela que tamén se regulan nesta orde (solicitudes de modificación do Sixpac, solicitudes de dereitos de pagamento básico da reserva nacional, solicitudes de cesión de dereitos, etc.):

1. As entidades de crédito (bancos ou caixas de aforro) que teñan sucursais abertas ao público na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As organizacións profesionais agrarias con implantación na Comunidade Autónoma.

3. As entidades de asesoramento inscritas no Rexistro de Entidades con Servizos de Asesoramento ou Xestión de Galicia (Resaxega) con data do 31 de xaneiro de 2022.

Artigo 15. Requisitos das entidades colaboradoras

1. As entidades solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Dispoñer de persoal cualificado e suficiente para prestar o asesoramento no ámbito da solicitude única de axudas da PAC e doutras solicitudes relacionadas con ela, desde o inicio do prazo de presentación ata o final do prazo de modificación da solicitude única ante posibles cambios tras os controis preliminares e os controis por monitorización.

b) Dispoñer de medios para o tratamento informático das solicitudes a través do programa de captura facilitado polo Fondo Galego de Garantía Agraria.

c) Dispoñer de certificado dixital de usuario da entidade con sinatura electrónica avanzada para a realización do rexistro electrónico das solicitudes presentadas a través da dita entidade.

d) Cumprir o disposto no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os citados requisitos acreditaranse mediante declaración responsable.

Artigo 16. Solicitude, prazo de presentación e resolución do recoñecemento como entidade colaboradora (procedemento MR239O)

1. As entidades interesadas en adquirir a condición de colaboradoras deberán dirixir a súa solicitude, segundo o modelo do anexo IV, á persoa titular da Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria.

2. Esta solicitude presentarase, conforme o indicado no número 3 do artigo 5, obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (procedemento MR239O).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo para a presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde ata o día 28 de febreiro, incluído.

4. Neste procedemento os trámites administrativos posteriores ao de presentación das solicitudes deberán ser realizados a través da carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

5. A persoa titular da Dirección do Fogga será a competente para resolver as solicitudes.

6. O prazo máximo para ditar as resolucións das solicitudes previstas neste artigo será de 3 meses contados desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro electrónico da Xunta. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite e notifique a correspondente resolución, a persoa interesada poderá entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

7. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

9. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

10. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

11. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

12. As resolucións das solicitudes recollidas neste artigo non poñen fin á vía administrativa e, de conformidade co artigo 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderán ser impugnadas en alzada ante a persoa titular da Presidencia do Fogga, no prazo dun mes.

Artigo 17. Convenio de entidade colaboradora

1. Á vista da solicitude presentada, e logo de comprobar o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 15, a persoa titular da Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria e a persoa representante da entidade colaboradora formalizarán o convenio de entidade colaboradora.

2. O convenio de entidade colaboradora terá o contido previsto no artigo 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e quedará automaticamente revogado cando se produzan cambios normativos que afecten substancialmente as disposicións vixentes no momento da súa sinatura.

Artigo 18. Habilitación para a presentación das solicitudes en representación de terceiros

1. A formalización do convenio comportará a habilitación para a presentación na Comunidade Autónoma de Galicia da solicitude única de axudas da PAC e doutras solicitudes relacionadas con ela que tamén se regulan nesta orde, en representación de terceiros por medios telemáticos.

2. As entidades colaboradoras deberán ter a representación necesaria nos termos establecidos no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O Fondo Galego de Garantía Agraria poderá requirir en calquera momento ás entidades habilitadas a acreditación da representación que desempeñen. A falta de representación suficiente das persoas en cuxo nome se presentase a documentación dará lugar á exixencia das responsabilidades pertinentes.

4. A habilitación só confire á entidade autorizada a representación para intervir na presentación da solicitude da campaña en curso a través da aplicación informática do Fondo Galego de Garantía Agraria.

5. De acordo co anterior, o solicitante será o único responsable do contido das súas solicitudes: axudas solicitadas, parcelas, cultivos e aproveitamentos declarados, etc.

6. Na páxina web do Fogga publicarase a relación das entidades colaboradoras recoñecidas, que estará accesible no seguinte enderezo da internet:

https://fogga.xunta.gal/gl/politica_agraria_comun/pac_2015_2020/pac_2022

CAPÍTULO III

Alegacións ao Sixpac

Artigo 19. Alegacións e solicitudes de modificación do Sixpac (procedemento MR239K)

1. Conforme se establece no artigo 11.6, e coa excepción nel indicada, o Sixpac é a base de datos de referencia para a declaración de parcelas agrícolas na solicitude única. Como tal, é unha base viva sometida a constantes e periódicas actualizacións de oficio procedentes de distintas fontes (Catastro, alegacións anteriores das propias persoas agricultoras, resultados dos controis sobre o terreo, renovación de ortofoto e imaxes de satélite, etc). É responsabilidade das persoas interesadas comprobar que a información contida no Sixpac referida aos recintos que compoñen as súas parcelas agrícolas é correcta; en concreto, deberán comprobar que a delimitación gráfica e o uso asignado aos seus recintos son correctos. Así mesmo, deberán asegurarse de que os seus recintos non conteñen elementos non elixibles, en particular, camiños e edificacións.

2. No caso de que a información recollida no Sixpac non coincida coa realidade da súa explotación, as persoas interesadas deberán presentar as alegacións ou solicitudes de modificación que correspondan sobre o uso, a delimitación ou outra información do recinto existente no Sixpac. No caso de incoherencias co indicado na solicitude única, será a información desta a que prevaleza para esa campaña.

3. No caso de que unha mesma persoa agricultora presente varias alegacións sobre un mesmo recinto, para o estudo delas só se considerará a última presentada.

4. Con carácter xeral, non se admitirán alegacións que comporten a partición dun recinto por unha superficie menor de 100 m².

5. No que se refire ás alegacións e solicitudes de modificación relativas ao coeficiente de admisibilidade dos pastos (CAP) en Galicia, as persoas interesadas poderán propoñer modificacións ao CAP global, sen distinguir os factores que o compoñen (solo, pendente ou vexetación). As persoas interesadas poderán diferenciar sectores dun mesmo recinto nos cales estimen un grao de admisibilidade substancialmente diferente, pero só se admitirán as solicitudes para incrementar o CAP global cando o incremento proposto sexa superior ao 20 % ou, se é inferior, o CAP final sexa 100 e, ademais, o novo valor proposto na alegación sexa algún dos seguintes: 25, 35, 45, 55, 65, 75, 85 ou 100; no caso de propoñer un valor distinto, axustarase de oficio á baixa, sendo aplicables as reducións e sancións correspondentes por sobredeclaración de superficies. Considerando que as superficies marxinais sen unha actividade agrícola non son superficies admisibles, non se considerarán pastos arbustivos ou con arboredo os límites dos recintos (particularmente os de terras de cultivo, pasteiros ou cultivos permanentes) nin tampouco recintos ou partes de recintos inferiores a 0,30 ha, agás que estean unidos a outras superficies de pasto da explotación con actividade de pastoreo e que, en conxunto, superen ese límite.

6. Os cambios que afecten o uso forestal constatados polo Fogga serán comunicados á unidade competente de acordo cos artigos 60 a 62 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Artigo 20. Lugar e prazo de presentación solicitudes de modificación do Sixpac

1. As solicitudes de modificación ao Sixpac dos recintos situados na Comunidade Autónoma de Galicia dirixiranse á persoa titular da dirección do Fogga.

2. O prazo de presentación, para que as resolucións teñan efecto sobre as superficies validadas coa solicitude única do ano 2022 iniciarase na data de comezo do prazo para a presentación da solicitude única e rematará co fin do prazo de modificación da solicitude única.

3. Non obstante, aquelas persoas solicitantes que non presentasen unha solicitude única no ano 2022 disporán dun período adicional ata o 31 de outubro incluído.

4. A presentación destas alegacións e solicitudes de modificación realizarase conforme o indicado no número 2 do artigo 5.

5. Estas solicitudes irán acompañadas da documentación complementaria que en función do tipo de alegación se indica na parte C do anexo I.

6. A documentación complementaria deberá presentarse segundo o indicado nos puntos 3 e 4 do artigo 11.

Artigo 21. Resolución de alegacións e solicitudes de modificación

1. A resolución das alegacións e solicitudes de modificación ao Sixpac corresponde á persoa titular da Dirección do Fogga, quen ditará a resolución correspondente que será notificada ás persoas interesadas mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia consonte o indicado no artigo 45 da Lei 39/2015.

2. As persoas interesadas poderán consultar as resolucións das súas alegacións e solicitudes de modificación do Sixpac accedendo ao Portal de axudas PAC na web do Fogga (https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/portal_de_axudas_pac).

3. O prazo para resolver as alegacións ou solicitudes de modificación é de seis meses desde a súa presentación. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, poderán entenderse desestimadas.

4. Contra a resolución da persoa titular da Dirección do Fogga caberá interpor recurso de alzada, ante a persoa titular da Presidencia do citado organismo, no prazo dun mes contado desde a notificación da resolución que se impugna.

CAPÍTULO IV

Da condicionalidade

Artigo 22. Obxecto e ámbito de aplicación

Este capítulo ten por obxecto definir na Comunidade Autónoma de Galicia as boas condicións agrarias e ambientais da terra e os requisitos legais de xestión que se deberán cumprir de acordo coa condicionalidade, de conformidade co Real decreto 1078/2014, do 19 de decembro, polo que se establecen as normas da condicionalidade que deben cumprir as persoas beneficiarias que reciben pagamentos directos, determinadas primas anuais de desenvolvemento rural ou pagamentos en virtude de determinados programas de apoio ao sector vitivinícola.

Artigo 23. Obriga de cumprir os requisitos da condicionalidade

1. As persoas beneficiarias dos pagamentos e axudas indicados nos números 1 e 2 do artigo 2, agás as que unicamente reciban a prima anual de mantemento asociada ás axudas de primeira forestación de terras non agrícolas, así como as persoas beneficiarias que recibisen pagamentos das axudas a plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia nos anos 2019, 2020 e/ou 2021, deberán observar os requisitos legais de xestión (RLX) e as boas condicións agrarias e ambientais (BCAA). No anexo II indícanse as obrigas concretas de condicionalidade que se deberán cumprir para cada campaña de acordo co establecido nas circulares de coordinación do Fondo Español de Garantía Agraria.

2. Consonte o disposto no artigo 92 do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, as persoas agricultoras que participan no réxime a favor dos pequenos agricultores quedarán exentas da condicionalidade e, en particular, do seu sistema de control e, se é o caso, da aplicación de penalizacións.

3. En relación coa BCAA 7 e, concretamente, no referido ao mantemento das particularidades topográficas ou elementos da paisaxe, non será posible efectuar unha alteración dos ditos elementos agás daqueles que se indican expresamente na descrición desta BCAA, sempre e cando a súa alteración veña motivada por razón da viabilidade económica da explotación. Para que a dita alteración non dea lugar a un incumprimento da condicionalidade, será necesario comunicala como moi tarde na data de remate do prazo de modificación da solicitude única mediante unha solicitude de modificación do Sixpac (tipo 11) acompañada dunha memoria descritiva dos motivos razoados que levan á modificación ou eliminación do elemento en relación coa viabilidade económica da explotación, así como das preceptivas autorizacións no ámbito correspondente (forestal, ambiental, hidráulico, etc.) cando sexan necesarias. As solicitudes que non estean debidamente razoadas serán denegadas e, se é o caso, darán lugar a un incumprimento da condicionalidade.

CAPÍTULO V

Resolución das axudas no marco do SIXC

Artigo 24. Resolución de solicitudes de pagamentos directos á agricultura e á gandaría

1. Unha vez realizados os controis administrativos e sobre o terreo, e logo de comunicados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación os coeficientes previstos, se é o caso, a Subdirección Xeral de Xestión da PAC, na súa condición de órgano instrutor do procedemento, establecerá, para cada unha das solicitudes presentadas no seu ámbito, as superficies, o número de animais con dereito a recibir as axudas e os importes que lles corresponden.

2. A persoa titular da Dirección do Fogga será a competente para resolver estas solicitudes.

3. A dita resolución non pon fin á vía administrativa e, de conformidade co disposto no artigo 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderá ser impugnada en alzada, ante a persoa titular da Presidencia do Fondo Galego de Garantía Agraria, no prazo dun mes.

4. As persoas interesadas poderán consultar as resolucións das súas solicitudes de axudas de pagamentos directos á agricultura e á gandaría accedendo ao Portal de axudas PAC na web do Fogga (https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/portal_de_axudas_pac), así como a través da aplicación móbil Sga@pp. Tamén estarán dispoñibles, de ser o caso, as resolucións de compensación.

Artigo 25. Resolución das solicitudes de pagamentos a zonas con limitacións naturais, de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica

1. No caso dos pagamentos a zonas con limitacións naturais:

a) O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

b) Se os importes das axudas que se van pagar superan o orzamento dispoñible para cada unha das áreas indicadas no capítulo III do título III desta orde, a Subdirección Xeral de Xestión da PAC, na súa condición de órgano instrutor do procedemento, establecerá un rateo dos importes das axudas para adaptalos ao orzamento dispoñible.

c) A persoa titular da Dirección do Fogga será a competente para resolver estas solicitudes.

2. No caso da concesión das axudas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica:

a) O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva de acordo cos criterios de priorización establecidos nesta orde para cada unha delas.

b) A Subdirección Xeral de Xestión da PAC, na súa condición de órgano instrutor do procedemento, establecerá a priorización para cada unha das solicitudes presentadas, así como as unidades con dereito a axuda e o importe que lles corresponde.

c) A persoa titular da Dirección do Fogga será a competente para resolver estas solicitudes.

3. As persoas interesadas poderán consultar as resolucións das súas solicitudes accedendo ao Portal de axudas PAC na web do Fogga (https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/portal_de_axudas_pac), así como a través da aplicación móbil Sga@pp. Tamén estarán dispoñibles, de ser o caso, as resolucións de compensación.

Artigo 26. Prazo para resolver

O prazo máximo para ditar as resolucións previstas nos artigos 24 e 25 será de nove meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite e notifique a correspondente resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

De conformidade co disposto no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a persoa solicitante ou outras posibles interesadas poderán interpor recurso de alzada en calquera momento a partir do día en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 27. Notificacións de resolucións e doutros actos administrativos

1. Coa excepción do procedemento MR239O, que remata coa sinatura do convenio indicado no artigo 17, as notificacións das resolucións dos restantes procedementos contidos nesta orde faranse de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro. De conformidade co establecido no artigo 45 da indicada lei, a notificación poderá realizarse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, cunha ligazón á páxina web do Fogga. Nesta notificación especificaranse a convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como, se for o caso, as causas da desestimación, e expresará, ademais, os recursos que procedan contra a resolución, o órgano administrativo e xudicial ante o cal se deben presentar e o prazo para interpoñelos. As persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a aceptación da resolución. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada e non será admisible a renuncia posterior.

2. Ademais, nas resolucións das solicitudes de pagamentos a zonas con limitacións naturais, de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica as persoas beneficiarias serán informadas de que a medida correspondente se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e/ou financiado polo fondo EURI, e da medida e da prioridade do PDR de que se trate.

3. As notificacións doutros actos administrativos distintos das resolucións practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario de inicio. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

7. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 28. Pagamento ás persoas beneficiarias

1. No que se refire aos períodos de pagamento e anticipos, e ao número de prazos en que se poderán facer os pagamentos, observarase o indicado no artigo 75.1 do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e no artigo 105 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro.

2. Os pagamentos indicados no punto 1 só se poderán efectuar unha vez finalizados os controis administrativos e sobre o terreo necesarios para verificar que se cumpren as condicións de admisibilidade. Non obstante, os anticipos por axudas concedidas no marco do desenvolvemento rural poderán aboarse unha vez realizados os controis administrativos.

3. Poderase realizar unha devolución voluntaria das axudas pagadas antes do 30 de xuño de 2023, utilizando o modelo da web do Fogga

(https://fogga.xunta.gal/gl/politica_agraria_comun/pac_2015_2020/pac_2022).

Artigo 29. Cesión das axudas con cesión da explotación (procedemento MR239G)

1. De acordo co establecido no artigo 8 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao Sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade, cando, despois de presentarse unha solicitude de axuda ou de pagamento e antes de que se cumpran todas as condicións para a súa concesión, unha explotación sexa cedida por unha persoa beneficiaria a outra na súa totalidade, non se concederá axuda ningunha á persoa cedente en relación coa explotación cedida.

2. As axudas solicitadas pola persoa cedente concederanse á persoa cesionaria sempre que:

a) A persoa cedente presente, antes do 30 de setembro de 2022, unha comunicación, segundo o modelo do anexo V, dirixida á persoa titular da Dirección do Fogga.

Esta comunicación presentarase, conforme o indicado no número 3 do artigo 5, obrigatoriamente a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (procedemento MR239G).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Neste procedemento, os trámites administrativos posteriores ao de presentación desta comunicación deberán ser realizados a través da carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Xunto con esta comunicación, a persoa cedente deberá presentar:

– Documento de cambio de titularidade da ou das explotacións cedidas á persoa cesionaria conforme o regulado polo procedemento MR408C.

– Acordo de cesión asinado entre as persoas cedente e cesionaria segundo o modelo do anexo V-A.

– De ser o caso, documento de autorización de sinatura.

A documentación complementaria deberá presentarse conforme o indicado nos puntos 3 e 4 do artigo 11.

b) Se cumpran todas as condicións para a concesión da axuda respecto da explotación cedida.

3. Unha vez que a persoa cedente faga a comunicación indicada ao Fogga e a persoa cesionaria solicite o pagamento das axudas e acredite o cumprimento dos requisitos para ser beneficiaria produciranse os seguintes efectos:

a) Todos os dereitos e obrigas da persoa cedente que deriven da relación xurídica xerada pola solicitude de axuda ou a solicitude de pagamento entre a dita persoa cedente e a autoridade competente se transferirán á persoa cesionaria.

b) Todas as actuacións necesarias para a concesión da axuda e todas as declaracións realizadas pola persoa cedente antes da cesión se asignarán á persoa cesionaria para os efectos da aplicación da normativa pertinente da Unión Europea.

c) A explotación cedida considerarase, cando proceda, unha explotación independente en relación co ano de solicitude considerado.

4. Sen prexuízo do cumprimento da obriga de comunicación na forma e no prazo indicados no punto 2 deste mesmo artigo, para os pagamentos a zonas con limitacións naturais, as axudas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica, a concesión da axuda á persoa cesionaria estará supeditada á comprobación de que esta cumpre os requisitos, unha vez que achegue a documentación pertinente.

5. En ningún caso serán de aplicación as disposicións sinaladas neste artigo cando a transferencia só afecte unha parte da explotación.

TÍTULO II

Dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría

Artigo 30. Obxecto

O obxecto deste título é regular os aspectos específicos para a aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría indicados no artigo 2.1 desta orde.

Artigo 31. Solicitude de dereitos de pagamento básico da reserva nacional (procedemento MR241C)

1. As solicitudes de dereitos de pagamento básico da reserva nacional na Comunidade Autónoma de Galicia presentaranse ante a persoa titular da Dirección do Fogga.

2. O prazo de presentación será o mesmo que o da solicitude única.

3. A presentación destas solicitudes realizarase conforme o indicado no número 1 do artigo 5.

4. Estas solicitudes irán acompañadas da documentación complementaria que se indica na letra D do anexo I.

5. A documentación complementaria deberá presentarse segundo o indicado nos puntos 3 e 4 do artigo 11.

Artigo 32. Cesións de dereitos de pagamento básico (procedemento MR241D)

1. A comunicación das cesións dos dereitos de pagamento básico realizarase de acordo co establecido no artigo 30 do Real decreto 1076/2014, do 19 de decembro.

2. O período de comunicación iniciarase na data de inicio do prazo para a presentación da solicitude única do ano 2022 e finalizará na data de remate do prazo para a modificación desta.

3. O cedente comunicará á persoa titular da Dirección do Fogga a cesión dos dereitos de pagamento básico sempre e cando a súa última solicitude única a presentase na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Na Comunidade Autónoma de Galicia, as comunicacións destas cesións de dereitos presentaranse conforme o indicado no número 2 do artigo 5.

5. Xunto coas comunicacións presentaranse os documentos necesarios en función do tipo de cesión elixida, tal e como se indica na letra E do anexo I.

6. A documentación complementaria deberá presentarse segundo o indicado nos puntos 3 e 4 do artigo 11.

Artigo 33. Período principal de cultivo

De acordo co artigo 20.5 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, o período no cal se levarán a cabo a verificación do número de cultivos e o cálculo das súas correspondentes porcentaxes, en función das características agroclimáticas e das prácticas tradicionais na rexión e segundo o establecido no punto 1 do mesmo artigo, abranguerá do 15 de xaneiro ao 30 de abril, de xeito que os cultivos declarados se encontren no terreo durante a maioría dese período.

Artigo 34. Realización de fotografías xeorreferenciadas

1. As persoas solicitantes que presenten solicitudes de modificación do Sixpac en recintos que impliquen, conforme o indicado no artigo 19.5, un incremento do valor do CAP, cambios de usos iniciais: forestal (FO), pasto con arboredo (PA) ou pasto arbustivo (PR) ou alegacións ao Sixpac tipo 12, deberán achegar, para acreditar os cambios solicitados, un mínimo de dúas fotografías datadas e xeorreferenciadas por cada un dos ditos recintos, indicando sobre a saída gráfica do visor o punto e a dirección coa que foron tomadas.

Non obstante, no caso de recintos contiguos co mesmo uso e produto que superen en conxunto as 5 hectáreas, só será necesario achegar unha fotografía por hectárea.

2. As persoas solicitantes que presenten solicitudes da PAC deberán achegar un mínimo de dúas fotografías datadas e xeorreferenciadas por recinto, indicando sobre a saída gráfica do visor o punto e a dirección coa que foron tomadas, nos seguintes casos:

– Recintos con superficie solicitada na liña de cultivos proteicos no período principal de cultivo (do 15 de xaneiro ao 30 de abril).

– Recintos con declaración de superficies de interese ecolóxico (SIE) do pagamento verde no período principal de cultivo (do 15 de xaneiro ao 30 de abril).

3. As fotografías deberán cumprir coas especificacións técnicas e a calidade indicada no anexo XVI do Real decreto 1075/2014 e deberán realizarse preferentemente coa aplicación para o móbil SGA Foto. Na web do Fogga está dispoñible unha guía coas directrices para a realización de fotografías xeorreferenciadas:

https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/portal_de_axudas_pac

4. A presentación das fotografías constitúe un requisito mínimo imprescindible para a admisión dos recintos das solicitudes indicadas nos puntos 1 e 2.

Non será susceptible de emenda a presentación das fotografías fóra do prazo de presentación desas solicitudes, polo que non se admitirán os recintos en que se aprecie a ausencia desa información e, polo tanto, serán denegados.

Artigo 35. Axudas asociadas para as explotacións de ovino e de cabrún

De acordo co establecido respectivamente nos artigos 71.3 e 74.3 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, na Comunidade Autónoma de Galicia establécese que poderán ser persoas beneficiarias das axudas asociadas para as explotacións de ovino e/ou para as explotacións de cabrún, as persoas titulares de explotacións que conten cun censo de femias elixibles igual ou superior a 10.

TÍTULO III

Solicitudes de pagamento das medidas de desenvolvemento rural no ámbito do SIXC

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 36. Obxecto e ámbito

Neste título regúlanse as solicitudes de pagamento das medidas de desenvolvemento rural no ámbito do Sistema integrado de xestión e control que se convocan na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

Con respecto ás penalizacións nas medidas 10.1, 11 e 13, terase en conta o establecido na Resolución do 23 de novembro de 2016 pola que se establecen as reducións por incumprimento dos criterios/requisitos de admisibilidade, compromisos e outras obrigas de determinadas medidas do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (DOG do 13 de decembro).

CAPÍTULO II

Sección 1ª. Prima anual de mantemento asociada ás axudas para a reforestación e para a creación de superficies forestais (submedida 8.1 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020)

Artigo 37. Ámbito de aplicación

As persoas beneficiarias que se indican no artigo seguinte poderán solicitar o pagamento dunha prima destinada ao coidado, mantemento e demais traballos posteriores á plantación que son necesarios para o logro da plantación realizada en terreos non agrícolas.

Artigo 38. Persoas beneficiarias

No ano 2022 poderán solicitar o pagamento da prima de mantemento as persoas que cumpran a seguinte condición:

Ter concedida a prima anual de mantemento asociada ás axudas para a reforestación e para a creación de superficies ao abeiro da Orde do 20 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2020 para a concesión das primas de mantemento das forestacións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, ou da Orde do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021 para a concesión das primas de mantemento das forestacións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, ou da Orde do 1 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022 para a concesión das primas de mantemento das forestacións cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MR670C).

Sección 2ª. Prima anual de mantemento asociada ás axudas para o establecemento de sistemas agroforestais (submedida 8.2 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020)

Artigo 39. Ámbito de aplicación

As persoas beneficiarias que se indican no artigo seguinte poderán solicitar o pagamento dunha prima destinada ao coidado, mantemento e demais traballos posteriores á plantación do castiñeiro para froito que son necesarios para o logro da plantación realizada.

Artigo 40. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias da prima as que cumpran a seguinte condición:

Ter concedida a prima de mantemento ao abeiro da Orde do 10 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2020 para a concesión das primas de mantemento, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, relacionadas cos expedientes tramitados ao abeiro da Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o establecemento de sistemas agroforestais, ou da Orde do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021 para a concesión das primas de mantemento, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, relacionadas cos expedientes tramitados ao abeiro da Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o establecemento de sistemas agroforestais, ou da Orde do 13 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022 para a concesión das primas de mantemento, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014 2020, relacionadas cos expedientes tramitados ao abeiro da Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o establecemento de sistemas agroforestais (código de procedemento MR674B).

CAPÍTULO III

Pagamentos a zonas con limitacións naturais (medida 13)

Artigo 41. Ámbito de aplicación

Estas axudas concederanse ás persoas agricultoras que cumpran os requisitos para seren beneficiarias e as condicións de elixibilidade, co obxectivo de compensar as perdas de ingresos e os custos adicionais derivados das desvantaxes provocadas polas limitacións de distinta natureza que afrontan as explotacións agrarias nas zonas de montaña e noutras zonas con limitacións naturais distintas das de montaña.

Sección 1ª. Pagamentos compensatorios en áreas de montaña (submedida 13.1)

Artigo 42. Persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas deberán cumprir os requisitos de agricultor activo a que se refire o capítulo II do título preliminar desta orde. Ademais, estas axudas só se concederán ás persoas agricultoras non pluriactivas, que se identificarán da seguinte maneira:

a) No caso das persoas físicas, serán aquelas que cumpran a condición de agricultor a título principal (ATP) ou explotación prioritaria.

b) No caso de persoas xurídicas ou de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as que cumpran a condición de explotación prioritaria.

Artigo 43. Condicións de elixibilidade

1. Será elixible a superficie agraria útil (SAU) situada en concellos de Galicia clasificados, en virtude do establecido no artigo 32, punto 3, do Regulamento (UE) nº 1305/2013, do 17 de decembro, como zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas, e que están clasificadas como zonas de montaña no documento dispoñible na web do Fogga:

(https://fogga.xunta.gal/gl/politica_agraria_comun/pac_2015_2020/pac_2022).

2. Poderán acceder a estas axudas as explotacións cun mínimo de 2 ha de superficie indemnizable (SI) nos concellos a que se refire o punto anterior, considerando que a superficie forraxeira só será elixible nas explotacións cunha carga gandeira maior ou igual a 0,7 UGM/ha.

Artigo 44. Importe da axuda

1. O importe da axuda será de ata 280 €/ha de SI. Este importe será decrecente en función da superficie indemnizable, segundo se indica a seguir:

a) Ás primeiras 5 ha de SI correspóndelles o 100 % do importe.

b) Entre 5 e 25 ha de SI, o 75 %.

c) Entre 25 e 100 ha de SI, o 50 %.

d) A partir de 100 ha de SI non se concede axuda.

2. A SI determinarase a partir da SAU situada no concello da explotación ou nos concellos adxacentes que estean clasificados como zona de montaña. Para o seu cálculo terase en conta o seguinte:

a) As superficies forraxeiras só se computarán nas explotacións que cumpran a condición de elixibilidade da carga gandeira.

b) Ás superficies de pastos arbustivos (PR) ou pastos arborizados (PA) aplicaráselles un coeficiente redutor de 0,30.

c) Establécese un máximo de SI de 100 ha.

3. O importe da axuda nunca excederá os 450 €/ha de SI nin se pagará cando o importe sexa inferior a 25 €/ha de SI.

4. No caso de que o orzamento dispoñible sexa insuficiente para cubrir os pagamentos a todas as persoas beneficiarias co importe máximo indicado no punto 1 deste artigo, realizarase un rateo proporcional para axustar os pagamentos ao dito orzamento.

Sección 2ª. Pagamentos compensatorios en áreas con limitacións naturais (distintas de montaña) (submedida 13.2)

Artigo 45. Persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas deberán cumprir os requisitos de agricultor activo a que se refire o capítulo II do título preliminar desta orde. Ademais, estas axudas só se concederán ás persoas agricultoras non pluriactivas, que se identificarán da seguinte maneira:

a) No caso das persoas físicas, serán aquelas que cumpran a condición de agricultor a título principal (ATP) ou explotación prioritaria.

b) No caso de persoas xurídicas ou de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as que cumpran a condición de explotación prioritaria.

Artigo 46. Condicións de elixibilidade

1. Será elixible a superficie agraria útil (SAU) situada en concellos de Galicia clasificados, en virtude do establecido no artigo 32, punto 3, do Regulamento (UE) nº 1305/2013, do 17 de decembro, como zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas, e que están clasificadas como zonas distintas de montaña no documento dispoñible na web do Fogga

(https://fogga.xunta.gal/gl/politica_agraria_comun/pac_2015_2020/pac_2022).

2. Poderán acceder a estas axudas as explotacións cun mínimo de 2 ha de superficie indemnizable (SI) nos concellos a que se refire o punto anterior, considerando que a superficie forraxeira só será elixible nas explotacións cunha carga gandeira maior ou igual a 0,9 UGM/ha.

Artigo 47. Importe da axuda

1. O importe da axuda será de ata 210 €/ha de SI. Este importe será decrecente en función da superficie indemnizable, segundo se indica a seguir:

a) Ás primeiras 5 ha de SI correspóndelles o 100 % do importe.

b) Entre 5 e 25 ha de SI, o 75 %.

c) Entre 25 e 100 ha de SI, o 50 %.

d) A partir de 100 ha de SI non se concede axuda.

2. A SI determinarase a partir da SAU situada no concello da explotación ou nos concellos adxacentes que estean clasificados como zona desfavorecida distinta de montaña. Para o seu cálculo terase en conta o seguinte:

a) As superficies forraxeiras só se computarán nas explotacións que cumpran a condición de elixibilidade da carga gandeira.

b) Ás superficies de pastos arbustivos (PR) ou pastos arborizados (PA) aplicaráselles un coeficiente redutor de 0,30.

c) Establécese un máximo de SI de 100 ha.

3. O importe da axuda nunca excederá os 250 €/ha de SI nin se pagará cando o importe sexa inferior a 25 €/ha de SI.

4. No caso de que o orzamento dispoñible sexa insuficiente para cubrir os pagamentos a todas as persoas beneficiarias co importe máximo indicado no punto 1 deste artigo, realizarase un rateo proporcional para axustar os pagamentos ao dito orzamento.

CAPÍTULO IV

Axudas de agroambiente e clima (submedida 10.1) e de agricultura ecolóxica (submedidas 11.1 e 11.2)

Sección 1ª. Elementos comúns para as axudas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica

Artigo 48. Elementos comúns

En prol dunha maior claridade, nesta sección recóllense os elementos comúns que son de aplicación tanto ás axudas de agroambiente e clima como ás de agricultura ecolóxica.

Artigo 49. Liña de base

1. De acordo co indicado nos artigos 28 e 29 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, as axudas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica unicamente cubrirán os compromisos que impoñan maiores exixencias que os requisitos obrigatorios correspondentes establecidos de conformidade co título VI, capítulo I, do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, os criterios e actividades mínimas pertinentes establecidos de conformidade co artigo 4, punto 1, letra c), incisos ii) e iii), do Regulamento (UE) nº 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e os requisitos mínimos relativos á utilización de fertilizantes e produtos fitosanitarios, así como outros requisitos obrigatorios pertinentes establecidos no dereito nacional.

2. En cada axuda, a liña de base estará composta polos requisitos obrigatorios indicados no punto anterior que sexan pertinentes para os seus compromisos. Os requisitos que constitúen a liña de base de cada axuda identifícanse no documento dispoñible na web do Fogga (https://fogga.xunta.gal/gl/politica_agraria_comun/pac_2015_2020/pac_2022).

Artigo 50. Asesoramento específico

1. As explotacións beneficiarias das axudas a que se refire este capítulo deberán recibir o servizo de asesoramento específico dunha entidade inscrita antes do 1 de xaneiro de 2022 no Rexistro de entidades con servizos de asesoramento ou xestión de Galicia (Resaxega) ou coa solicitude de inscrición presentada antes desa data, sempre e cando queden finalmente inscritas con data límite do 31 de marzo de 2022.

2. Para verificar que as explotacións reciben o asesoramento exixido, as entidades de asesoramento indicadas polas persoas interesadas na solicitude única comunicarán ao Fogga, con data límite do 31 de xullo do ano de solicitude, a información establecida no anexo III.

Sección 2ª. Agroambiente e clima (submedida 10.1)

Artigo 51. Ámbito de aplicación

1. Estas axudas concederanse ás persoas agricultoras que se comprometan voluntariamente a realizar operacións consistentes nun ou en varios compromisos agroambientais e climáticos na superficie agrícola da súa explotación, e compensarán os custos adicionais e as perdas de ingresos como consecuencia dos compromisos subscritos.

2. Os compromisos agroambientais e climáticos a que se poderán acoller as persoas agricultoras polas unidades de produción (superficies, colmeas ou animais) da súa explotación situadas na Comunidade Autónoma de Galicia son:

a) Apicultura para a conservación da biodiversidade en zonas con limitacións naturais.

b) Razas autóctonas en perigo de extinción.

c) Xestión sustentable de pastos.

d) Extensificación do vacún de leite.

Artigo 52. Incompatibilidades

Os compromisos de xestión sustentable de pastos e de extensificación do vacún de leite son incompatibles entre si.

Doutra banda, unicamente o compromiso de razas autóctonas en perigo de extinción é compatible coas axudas á agricultura ecolóxica reguladas na sección 3ª deste capítulo.

Subsección 1ª. Apicultura para a conservación da biodiversidade en zonas con limitacións naturais

Artigo 53. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias desta axuda as apicultoras (persoas físicas ou xurídicas ou grupos de persoas físicas ou xurídicas) titulares dunha explotación inscrita no Rexistro de Explotacións Gandeiras (Rega) que cumpran as condicións de elixibilidade e se comprometan voluntariamente a respectar os compromisos indicados nos artigos seguintes.

Artigo 54. Condicións de elixibilidade

As explotacións beneficiarias deberán recibir o servizo de asesoramento específico dunha entidade que cumpra o indicado no artigo 50.

Artigo 55. Compromisos

As explotacións beneficiarias asumirán os seguintes compromisos:

1. Manter un mínimo de 100 colmeas en concellos de Galicia designados como zonas de montaña e distribuídas, polo menos, en dúas (2) alvarizas.

2. Para efectos da distribución considérase un máximo de 80 colmeas por alvariza.

3. A distancia entre as alvarizas da mesma persoa beneficiaria será, polo menos, de 1 km. Ademais, para seren primables, as coordenadas de localización de cada alvariza figurarán obrigatoriamente na solicitude de pagamento e deberán constar na base de datos oficial do Rega.

Artigo 56. Duración dos compromisos

Os compromisos contraeranse por un período dun ano.

Artigo 57. Importe da axuda

Establécese unha axuda de 12 euros por colmea situada en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia designados como zonas de montaña, cun máximo de 80 colmeas por alvariza que cumpra os compromisos.

Subsección 2ª. Razas autóctonas en perigo de extinción

Artigo 58. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias desta axuda as agricultoras (persoas físicas ou xurídicas ou grupos de persoas físicas ou xurídicas) titulares dunha explotación inscrita no Rexistro de Explotacións Gandeiras (Rega) que cumpran as condicións de elixibilidade e se comprometan voluntariamente a respectar os compromisos indicados nos artigos seguintes.

Artigo 59. Condicións de elixibilidade

As explotacións beneficiarias deberán recibir o servizo de asesoramento específico dunha entidade que cumpra o indicado no artigo 50 e non aplicar lodos de depuradora na integridade da superficie da explotación.

Artigo 60. Compromisos

As explotacións beneficiarias asumirán os seguintes compromisos:

1. Dispoñer de máis de 5 UGM primables dunha ou varias das razas autóctonas en perigo de extinción das especies bovino (cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa), ovino (galega), cabrún (galega), equino (cabalo de pura raza galega), porcino (celta) e aves (galiña de Mos).

2. Cando se trate de especies de ovino, cabrún, equino e/ou bovino, manter na explotación unha carga gandeira mínima de 0,7 UGM/ha e máxima de 2 UGM/ha.

3. Participar no programa de mellora xenética da raza.

Artigo 61. Duración dos compromisos

Os compromisos contraeranse por un período dun ano.

Artigo 62. Importe da axuda

Establécese unha axuda de 175 €/UGM primable. Serán primables as UGM calculadas a partir de animais inscritos nos correspondentes libros xenealóxicos das razas.

Subsección 3ª. Xestión sustentable de pastos

Artigo 63. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias desta axuda as agricultoras (persoas físicas ou xurídicas ou grupos de persoas físicas ou xurídicas) titulares dunha explotación de bovino, ovino, cabrún e/ou equino inscrita no Rexistro de Explotacións Gandeiras (Rega) que cumpran as condicións de elixibilidade e se comprometan voluntariamente a respectar os compromisos indicados nos artigos seguintes.

Artigo 64. Condicións de elixibilidade

As explotacións beneficiarias deberán recibir o servizo de asesoramento específico dunha entidade que cumpra o indicado no artigo 50 e non aplicar lodos de depuradora na integridade da superficie da explotación.

Artigo 65. Compromisos

1. As explotacións beneficiarias asumirán os seguintes compromisos:

a) Dispoñer dun mínimo de 10 ha de superficie forraxeira indemnizable.

b) Manter unha carga gandeira mínima de 0,7 UGM/ha e non superior a 2 UGM/ha.

c) Non implantar cultivos nas superficies con pendentes maiores do 10 %, excepto para establecer pasteiros ou rexenerar o pasto.

d) A superficie de millo e outros cultivos forraxeiros (distintos de prados de menos de cinco (5) anos) será menor ou igual ao 20 % da superficie forraxeira da explotación.

e) O pastoreo ocupará, polo menos, o 70 % da superficie de prados e pastos permanentes da explotación.

f) Manter actualizado un caderno de explotación co rexistro das actuacións de pastoreo. Este caderno terá o contido indicado na web do Fogga

(https://fogga.xunta.gal/gl/politica_agraria_comun/pac_2015_2020/pac_2022).

2. Para o cálculo da superficie indemnizable (SI) só se considerará a superficie forraxeira situada no concello da explotación ou limítrofes e que sexa obxecto destes compromisos. Para este cálculo non se computarán:

a) As superficies de uso en común.

b) As superficies de interese ecolóxico indicadas no artigo 24.2 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro.

3. Na superficie de pastos arbustivos e pastos arborizados aplicarase un coeficiente redutor de 0,30 ao importe unitario da axuda.

4. Os compromisos non se aplicarán a parcelas fixas senón conforme a superficie.

Artigo 66. Duración dos compromisos e solicitude de pagamento

Os compromisos contraeranse por un período dun ano.

Artigo 67. Importe da axuda

Establécese unha axuda de 120 €/ha de SI agás para os pastos arbustivos e pastos con arboredo, que será de 36 €/ha.

Subsección 4ª. Extensificación do vacún de leite

Artigo 68. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias desta axuda as agricultoras (persoas físicas ou xurídicas ou grupos de persoas físicas ou xurídicas) titulares dunha explotación inscrita no Rexistro de Explotacións Gandeiras (Rega) que cumpran as condicións de elixibilidade e se comprometan voluntariamente a respectar os compromisos indicados nos artigos seguintes.

Artigo 69. Condicións de elixibilidade

As explotacións beneficiarias deberán recibir o servizo de asesoramento específico dunha entidade que cumpra o indicado no artigo 50 e non aplicar lodos de depuradora na integridade da superficie da explotación.

Artigo 70. Compromisos

1. As explotacións beneficiarias asumirán os seguintes compromisos:

a) Dispoñer dun mínimo de 10 ha de superficie forraxeira indemnizable.

b) Manter unha carga gandeira mínima de 0,7 UGM/ha e non superior a 2 UGM/ha.

c) Non implantar cultivos nas superficies con pendentes maiores do 10 %, excepto para establecer pasteiros ou rexenerar o pasto.

d) As UGM correspondentes aos animais de máis de 12 meses de razas bovinas de aptitude eminentemente leiteira deberán ser, polo menos, o 70 % do total de UGM da explotación.

e) A superficie de millo e outros cultivos forraxeiros (distintos de prados de menos de cinco (5) anos) será menor ou igual ao 25 % da superficie forraxeira da explotación (excluíndo o pasto arbustivo e o pasto con arboredo).

f) O pastoreo ocupará polo menos o 50 % da superficie de prados (temporais e permanentes) da explotación.

Manter actualizado un caderno de explotación co rexistro das actuacións de pastoreo. Este caderno terá o contido indicado na web do Fogga (https://fogga.xunta.gal/gl/politica_agraria_comun/pac_2015_2020/pac_2022).

2. Para o cálculo da SI só se considerará a superficie forraxeira situada no concello da explotación ou limítrofes e que sexa obxecto destes compromisos. Para este cálculo non se computarán:

a) As superficies de pastos arbustivos e pastos con arboredo.

b) As superficies de uso en común.

c) As superficies de interese ecolóxico indicadas no artigo 24.2 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro.

3. Os compromisos non se aplicarán a parcelas fixas senón conforme a superficie.

Artigo 71. Duración dos compromisos

Os compromisos contraeranse por un período dun ano.

Artigo 72. Importe da axuda

Establécese unha axuda de 170 €/ha de SI.

Subsección 5ª. Criterios de prioridade

Artigo 73. Criterios de priorización

1. Os criterios de prioridade que se aplicarán son os seguintes:

a) Persoas solicitantes cuxas explotacións teñan polo menos o 30 % da superficie ou dos animais, no caso de non dispoñer de superficie, en concellos de montaña: 2 puntos. Este criterio non se aplica no caso da apicultura para a conservación da biodiversidade en zonas con limitacións naturais.

b) Persoas solicitantes cuxas explotacións teñan polo menos o 30 % da superficie ou dos animais ou colmeas, no caso de non dispoñer de superficie, en Rede Natura 2000: 1 punto.

2. No caso de igualdade de puntos, terán preferencia as persoas solicitantes con menor proporción de superficie declarada de pastos arbustivos e pastos con arboredo sobre a superficie total da explotación. Se se produce un empate na dita proporción, terán preferencia as persoas solicitantes con maior número de unidades comprometidas.

Sección 3ª. Agricultura ecolóxica (medida 11)

Artigo 74. Ámbito de aplicación

1. Estas axudas concederanse ás persoas agricultoras que se comprometan voluntariamente a realizar operacións consistentes en compromisos relacionados coa agricultura ecolóxica. As axudas compensarán os custos adicionais e as perdas de ingresos como consecuencia dos compromisos subscritos.

2. Os compromisos de agricultura ecolóxica a que se poderán acoller as persoas agricultoras polas unidades de produción (superficies ou colmeas) da súa explotación localizadas na Comunidade Autónoma de Galicia son:

a) Conversión á agricultura ecolóxica (submedida 11.1).

a) Mantemento de agricultura ecolóxica (submedida 11.2).

Artigo 75. Incompatibilidades

Os compromisos indicados no artigo anterior son incompatibles entre si. Por outra banda, estes compromisos, respecto ás axudas de agroambiente e clima reguladas na sección 2ª deste capítulo, unicamente serán compatibles co compromiso de razas autóctonas en perigo de extinción.

Subsección 1ª. Conversión á agricultura ecolóxica (submedida 11.1)

Artigo 76. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias desta axuda as agricultoras (persoas físicas ou xurídicas ou grupos de persoas físicas ou xurídicas) titulares dunha explotación inscrita no correspondente rexistro de explotacións, que reúnan a condición de agricultor activo segundo o establecido no capítulo I do título II do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, que cumpran as condicións de elixibilidade e se comprometan voluntariamente a respectar os compromisos indicados nos artigos seguintes.

2. En todo caso, só se poderán beneficiar desta axuda as persoas agricultoras das cales todas as unidades de produción (superficies e colmeas) da súa explotación inscritas nos rexistros de operadores de agricultura ecolóxica se encontren en período de conversión e este finalice a partir do 1 de xullo, incluído, do ano da solicitude de pagamento.

Artigo 77. Condicións de elixibilidade

As explotacións beneficiarias deberán recibir o servizo de asesoramento específico dunha entidade que cumpra o indicado no artigo 50.

Artigo 78. Compromisos

1. As explotacións beneficiarias asumirán os seguintes compromisos:

a) Empregar as técnicas de produción ecolóxica establecidas no Regulamento (UE) nº 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, sobre produción ecolóxica e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e polo que se deroga o Regulamento (CE) nº 834/2007 do Consello, e demais normativa de aplicación durante todo o ano natural.

b) Estar inscrito no correspondente rexistro de operadores de agricultura ecolóxica.

c) Obter a certificación da produción agraria como ecolóxica, de acordo co Regulamento (UE) nº 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018.

d) Manter a superficie comprometida durante os anos que dure o compromiso. Non obstante, o número de hectáreas ás cales se aplicará un compromiso poderá reducirse, sempre e cando non se comprometa o logro do compromiso; en calquera caso, a redución da superficie cuberta por unha submedida nunca poderá exceder o 10 % da superficie suxeita a esta ao inicio do compromiso.

e) No caso de apicultura ecolóxica, manteranse durante os anos que dura o compromiso as colmeas comprometidas que, como mínimo, serán 80. Se se dispón de varias alvarizas, a distancia entre as alvarizas da mesma persoa beneficiaria será, polo menos, de 1 km.

f) Manter actualizado o caderno de explotación exixido en agricultura ecolóxica para efectos dun control das producións. Este caderno terá o contido indicado na web do Fogga (https://fogga.xunta.gal/gl/politica_agraria_comun/pac_2015_2020/pac_2022).

2. Os compromisos aplicaranse a parcelas fixas.

Artigo 79. Duración dos compromisos

Os compromisos terán unha duración de dous anos en cultivos anuais e pastos e de tres anos en cultivos permanentes.

Artigo 80. Importe da axuda

1. Establécense distintos importes de axuda por superficie indemnizable (SI), que será aquela en que se respectan os compromisos desta axuda. Non serán indemnizables as seguintes superficies:

a) As superficies de uso en común.

b) As superficies de interese ecolóxico indicadas no artigo 24.2 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro.

2. Os importes unitarios de axuda son os que se indican a seguir:

a) Agricultura ecolóxica:

1º. Cultivos herbáceos: 245 euros por hectárea de SI.

2º. Froiteiras (pebida e óso): 385 euros por hectárea de SI.

3º. Outras froiteiras (castiñeiro, etc.): 165 euros por hectárea de SI.

4º. Hortícolas aire libre: 469 euros por hectárea de SI.

5º. Hortícolas baixo plástico: 600 euros por hectárea de SI.

6º. Viñedo para vinificación: 897 euros por hectárea de SI.

b) Gandaría ecolóxica: considéranse indemnizables as superficies situadas no concello da explotación ou limítrofes, cos seguintes importes por grupo de cultivo:

1º. Prados e cultivos forraxeiros: 331 euros por hectárea de SI.

2º. Pastos arbustivos e arboredos: 99 euros por hectárea de SI.

c) Apicultura ecolóxica.

Establécese unha axuda de 35 euros por colmea en conversión, cun máximo de 80 colmeas por alvariza. Só se computarán as colmeas localizadas en alvarizas que estean a unha distancia de, polo menos, 1 km respecto do resto de alvarizas do mesmo apicultor. Ademais, para seren primables, as coordenadas de localización de cada alvariza figurarán obrigatoriamente na solicitude de pagamento e deberán constar na base de datos oficial do Rega.

Subsección 2ª. Mantemento de agricultura ecolóxica (submedida 11.2)

Artigo 81. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias desta axuda as persoas agricultoras (persoas físicas ou xurídicas ou grupos de persoas físicas ou xurídicas) titulares dunha explotación inscrita no correspondente rexistro de explotacións, que reúnan a condición de agricultor activo segundo o establecido no capítulo I do título II do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, que cumpran as condicións de elixibilidade e se comprometan voluntariamente a respectar os compromisos indicados nos artigos seguintes.

Artigo 82. Condicións de elixibilidade

As explotacións beneficiarias deberán recibir o servizo de asesoramento específico dunha entidade que cumpra o indicado no artigo 50.

Artigo 83. Compromisos

1. As explotacións beneficiarias asumirán os seguintes compromisos:

a) Empregar as técnicas de produción ecolóxica establecidas no Regulamento (UE) nº 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, e demais normativa de aplicación durante todo o ano natural.

b) Estar inscritas no correspondente rexistro de operadores de agricultura ecolóxica.

c) Obter a certificación da produción agraria como ecolóxica, de acordo co Regulamento (UE) nº 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018.

d) Manter actualizado o caderno de explotación exixido en agricultura ecolóxica para os efectos dun control das producións. Este caderno terá o contido indicado na web do Fogga (https://fogga.xunta.gal/gl/politica_agraria_comun/pac_2015_2020/pac_2022).

2. Os compromisos aplicaranse a parcelas fixas.

Artigo 84. Duración dos compromisos

Os compromisos contraeranse por un período dun ano.

Artigo 85. Importe da axuda

1. Establécense distintos importes de axuda por hectárea de superficie indemnizable (SI), que será aquela en que se respectan os compromisos desta axuda. Non serán indemnizables as seguintes superficies:

a) As superficies de uso en común.

b) As superficies de interese ecolóxico indicadas no artigo 24.2 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro.

2. Os importes unitarios de axuda son os que se indican a seguir:

a) Agricultura ecolóxica.

1º. Cultivos herbáceos: 213 euros por hectárea de SI.

2º. Froiteiras (pebida e óso): 335 euros por hectárea de SI.

3º. Outras froiteiras (castiñeiro, etc.): 143 euros por hectárea de SI.

4º. Hortícolas aire libre: 408 euros por hectárea de SI.

5º. Hortícolas baixo plástico: 560 euros por hectárea de SI.

6º. Viñedo para vinificación: 780 euros por hectárea de SI.

b) Gandaría ecolóxica: considéranse indemnizables as superficies situadas no concello da explotación ou limítrofes cos seguintes importes por grupo de cultivo:

1º. Prados e cultivos forraxeiros: 288 euros por hectárea de SI.

2º. Pastos arbustivos e arboredos: 86 euros por hectárea de SI.

c) Apicultura ecolóxica.

Establécese unha axuda de 30 euros por colmea, cun máximo de 80 colmeas por alvariza. Só se computarán as colmeas localizadas en alvarizas que estean a unha distancia de, polo menos, 1 km respecto do resto de alvarizas do mesmo apicultor. Ademais, para seren primables, as coordenadas de localización de cada alvariza figurarán obrigatoriamente na solicitude de pagamento e deberán constar na base de datos oficial do Rega.

Subsección 3ª. Criterios de prioridade

Artigo 86. Criterios de priorización

1. Os criterios de prioridade que se aplicarán son os seguintes:

a) Persoas solicitantes cuxas explotacións teñan polo menos o 30 % da superficie ou dos animais ou colmeas, no caso de non dispoñer de superficie, en concellos de montaña: 2 puntos.

b) Persoas solicitantes cuxas explotacións teñan polo menos o 30 % da superficie ou dos animais ou colmeas, no caso de non dispoñer de superficie, en Rede Natura 2000: 1 punto.

2. No caso de igualdade de puntos, terán preferencia las persoas solicitantes con menor proporción de superficie declarada de pastos arbustivos e pastos con arboredo sobre a superficie total da explotación. Se se produce un empate na dita proporción, terán preferencia as persoas solicitantes con maior número de unidades comprometidas.

Disposición adicional primeira. Dotación orzamentaria

1. No que respecta aos réximes de pagamentos directos á agricultura e á gandaría recollidos no punto 1 do artigo 2 desta orde, en concreto os réximes de axuda comunitarios establecidos no Regulamento (UE) nº 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e no Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e o control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural, todas estas axudas son financiadas integramente polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) exercerá como intermediario na súa xestión, polo que, en aplicación da disposición adicional décimo oitava da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, en relación coa disposición derradeira segunda desa lei, na cal se establece o carácter permanente da disposición décimo oitava da dita lei, os expedientes correspondentes aos réximes indicados serán xestionados como operacións extraorzamentarias, conforme o sinalado no artigo 46.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime orzamentario e financeiro de Galicia.

Non obstante o anterior, todos os actos e documentos de xestión deses expedientes serán obxecto de fiscalización previa nos termos establecidos no artigo 95.1.a) do citado Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

2. No que respecta aos réximes de axuda recollidos no título III desta orde, a concesión das axudas realizarase con cargo aos orzamentos de gastos do Fogga, da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, conforme os orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para 2022, nas seguintes aplicacións orzamentarias:

a) Aplicación 14.03.713B.770.0, C.P. 2016 00207, compromisos da anualidade 2022 das primas anuais de mantemento xa concedidas e asociadas ás axudas á creación de superficies forestais (submedida 08.10), por un importe de dous millóns cincocentos sesenta e oito mil trescentos sesenta e un con trinta e seis céntimos (2.568.361,36) de euro, co código de proxecto 2016 00207.

Estas axudas están cofinanciadas ao 75 % polo Feader.

b) Aplicación 14.03.713B.770.0, C.P. 2016 00208, compromisos da anualidade 2022 das primas anuais de mantemento xa concedidas e asociadas ás axudas para o establecemento de sistemas agroforestais (submedida 08.20), por un importe de vinte e nove mil catrocentos sesenta e oito (29.468,00) euros, co código de proxecto 2016 00208.

Estas axudas están cofinanciadas ao 75 % polo Feader.

c) Aplicación 14.80.712B.772.1:

1º. Solicitudes de axudas a zonas con limitacións naturais con carácter anual, por importe de 20.188.000 euros, que se distribúen da seguinte maneira:

– 12.788.000 euros para as axudas a zonas con limitacións naturais en áreas de montaña (submedida 13.10), co código de proxecto 2022.00001.

Estas axudas están financiadas ao 100 % polo fondo EURI.

– 7.400.000 euros para as axudas a zonas con limitacións naturais en áreas distintas de montaña (submedida 13.20), co código de proxecto 2016.00002.

Estas axudas están financiadas ao 75 % polo Feader.

2º. Compromisos para o ano 2022 procedentes de campañas anteriores nas axudas relativas á medida de agroambiente e clima (submedida 10.10), por importe de 12.744.863,13 euros, cos códigos de proxectos 2016.00003, 2016.00004, 2016.00005 e 2016.00006.

Estas axudas están cofinanciadas ao 75 % polo Feader.

3º. Compromisos para o ano 2022 procedentes de campañas anteriores nas axudas relativas á medida de agricultura ecolóxica (submedida 11.20), por importe de 2.190.331,91 euros, cos códigos de proxecto 2016.00007 e 2016.00008.

Estas axudas están cofinanciadas ao 75 % polo Feader.

4º. Axudas da medida de agroambiente e clima (submedida 10.10), por importe de 16.400.000 euros (nova convocatoria), cos códigos de proxectos 2022.00002, 2022.00003, 2022.00004 e 2022.00005.

Estas axudas están financiadas ao 100 % polo fondo EURI.

5º. Axudas da medida de agricultura ecolóxica (submedidas 11.10 e 11.20), por importe de 3.180.000 euros (nova convocatoria), cos códigos de proxectos 2022.00006 e 2022.00007.

Estas axudas están financiadas ao 100 % polo fondo EURI.

Disposición adicional segunda. Incremento das dotacións previstas

De acordo co previsto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as dotacións orzamentarias indicadas na disposición anterior poderán incrementarse, sen necesidade dunha nova convocatoria, cando se produza un incremento dos créditos derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación do crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Disposición adicional terceira. Participación das oficinas agrarias comarcais

As oficinas agrarias comarcais colaborarán na tramitación das axudas referidas ás explotacións agrarias sitas no seu ámbito de actuación.

Disposición adicional cuarta. Admisibilidade nas superficies forestais de pasto afectadas por incendios forestais

Ás superficies forestais de pasto afectadas por incendios forestais resúltalles de aplicación o establecido no número 1 do artigo 43 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e no número 10 do artigo 86 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, segundo os cales, con carácter xeral, queda prohibido o pastoreo nesas superficies desde a data en que se producise o incendio forestal ata o 31 de decembro posterior á data en que se cumpran dous anos deste.

A prohibición anterior leva implícita a non admisibilidade desas superficies para os efectos das axudas da PAC.

Disposición adicional quinta. Normativa de aplicación

En todo o non previsto nesta orde deberá respectarse a normativa comunitaria de aplicación e a normativa estatal de transposición; entre outras, as seguintes disposicións:

a) Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello.

b) Regulamento (UE) nº 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen normas aplicables aos pagamentos directos aos agricultores en virtude dos réximes de axuda incluídos no marco da política agrícola común e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 637/2008 e (CE) nº 73/2009 do Consello.

c) Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 352/1978, (CE) nº 165/1994, (CE) nº 2799/1998, (CE) nº 814/2000, (CE) nº 1290/2005 e (CE) nº 485/2008 do Consello.

d) Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013.

e) Regulamento delegado (UE) nº 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta ao Sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade.

f) Regulamento delegado (UE) nº 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e introduce disposicións transitorias.

g) Regulamento de execución (UE) nº 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

h) Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece o Instrumento para a recuperación da Unión Europea (EURI) para apoiar a recuperación tras a crise da COVID19.

i) Regulamento (UE) nº 2020/2220 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se establecen determinadas disposicións transitorias para a axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (FEAGA) nos anos 2021 e 2022, e polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1305/2013, (UE) nº 1306/2013 e (UE) nº 1307/2013 no que respecta aos seus recursos e á súa aplicación nos anos 2021 e 2022, e o Regulamento (UE) nº  308/2013 no que respecta aos recursos e á distribución da dita axuda nos anos 2021 e 2022.

j) Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro de 2014, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural.

k) Real decreto 1076/2014, do 19 de decembro de 2014, sobre asignación de dereitos de réxime de pagamento básico da política agrícola común.

l) Real decreto 1077/2014, do 19 de decembro de 2014, polo que se regula o Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas.

m) Real decreto 1078/2014, do 19 de decembro de 2014, polo que se establecen as normas da condicionalidade que deben cumprir as persoas beneficiarias que reciban pagamentos directos, determinadas primas anuais de desenvolvemento rural ou pagamentos en virtude de determinados programas de apoio ao sector vitivinícola.

Disposición adicional sexta. Normativa de aplicación na tramitación das primas anuais e de mantemento asociada ás axudas recollidas no capítulo II do título III

Para os efectos da tramitación das primas anuais indicadas no número 2 do artigo 2, será de aplicación o establecido:

a) Na Orde do 20 de novembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras. e a convocatoria para o ano 2020 para a concesión das primas de mantemento das forestacións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (DOG núm. 229, do 2 de decembro de 2019).

b) Na Orde do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021 para a concesión das primas de mantemento das forestacións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro de 2021).

c) Na Orde do 1 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022 para a concesión das primas de mantemento das forestacións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (DOG núm. 242, do 20 de decembro de 2021).

d) Na Orde do 10 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2020 para a concesión das primas de mantemento, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, relacionadas cos expedientes tramitados ao abeiro da Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o establecemento de sistemas agroforestais (DOG núm. 241, do 19 de decembro de 2019).

e) Na Orde do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021 para a concesión das primas de mantemento, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, relacionadas cos expedientes tramitados ao abeiro da Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o establecemento de sistemas agroforestais (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro de 2021).

f) Na Orde do 13 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022 para a concesión das primas de mantemento, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, relacionadas cos expedientes tramitados ao abeiro da Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o establecemento de sistemas agroforestais (código de procedemento MR674B) (DOG núm. 2, do 4 de xaneiro de 2022).

Disposición adicional sétima. Intencionalidade

A reiteración en dúas campañas consecutivas, por unha mesma persoa interesada, dunha solicitude de modificación do Sixpac resultante dunha modificación realizada na declaración de superficies para un ou máis réximes de axudas que figuran no artigo 2 desta orde, ou dunha duplicidade na superficie declarada detectada no control administrativo e que resulte desestimada nas dúas campañas, poderá ser considerada como declaración indebida de carácter intencional e, se é o caso, a superficie con dereito á axuda para cada réxime poderá ser obxecto das sancións administrativas por sobredeclaración que se indican no artigo 19 do Regulamento delegado (UE) nº 640/2014, agravadas nun grao.

Disposición adicional oitava. Obriga de información

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan exixir os órganos competentes para a xestión de cada axuda ou prima, as persoas solicitantes das axudas previstas nesta orde teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polo Servizo de Auditoría Interna dos fondos agrarios europeos do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Así mesmo, para as medidas cofinanciadas polo Feader, as persoas solicitantes das axudas previstas nesta orde teñen a obriga de facilitar á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegue a realización deste tipo de tarefas, toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1305/2013.

Disposición adicional novena. Reintegro de axudas e pagamentos indebidos

Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde seranlles de aplicación o réxime de reintegro, así como o réxime de infraccións e sancións previsto no Regulamento (UE) nº 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, e o Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao Sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

Disposición adicional décima. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional décimo primeira. Transmisión de información á Base de datos nacional de subvencións (BDNS)

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual rango ou inferior a esta orde en todo aquilo no que non estean de acordo co establecido nela.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

1. Facúltase a persoa titular da Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria, no ámbito das súas competencias, para ditar as instrucións precisas para a execución desta orde.

2. Facúltase a persoa titular da Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria para modificar os anexos contidos nesta orde. Tal modificación deberá ser obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Fogga.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

Documentación complementaria

As persoas interesadas nos procedementos indicados no número 3 do artigo 1 deberán presentar a seguinte documentación complementaria:

A. Para todos os procedementos:

– Documento de autorización de sinatura no caso de que a persoa solicitante, cedente e/ou cesionaria non sexa a que asina a solicitude ou a comunicación.

B. Solicitude única (procedemento MR250A).

1. Pagamento suplementario para os agricultores mozos que comecen a súa actividade agrícola.

– Cando a persoa solicitante non sexa persoa física, documentación que permita verificar que os agricultores mozos exercen o control efectivo da persoa xurídica, é dicir, que a súa participación no capital social é máis da metade do capital social desta e que posúen máis da metade dos dereitos de voto dentro desta.

– Cando a persoa solicitante non sexa responsable dunha explotación recoñecida como explotación agraria prioritaria ou non sexa beneficiaria dun plan de incorporación de mozos, documentación que acredite posuír un nivel de capacitación agraria suficiente.

2. Para as axudas ao desenvolvemento rural da submedida 10.1 de Agroambiente e Clima, na liña de Razas autóctonas en perigo de extinción, e das submedidas 11.1 e 11.2 da agricultura ecolóxica:

– Certificado asinado pola persoa técnica responsable do Programa de mellora xenética de participación da persoa solicitante no citado programa.

C. Alegacións e solicitudes de modificación do Sixpac (procedemento MR239K).

Deberase presentar a seguinte documentación en función do tipo de alegación solicitada.

1. Tipos de alegacións.

Tipo

Definición

1

Cambio de uso nun recinto completo

2

Cambio de sistema de explotación (secaño/regadío) para todos os usos Sixpac, agás os usos non agrarios nun recinto completo

3

Partición dun recinto para cambiar o uso dunha parte deste

4

Partición dun recinto para cambiar o sistema de explotación (secaño/regadío) dunha parte deste

5

Existencia de parcela localizada en zona urbana que ten uso agrícola

9

Cambio do CAP nun recinto completo de pastos

11

Elementos da paisaxe: inclusión, eliminación, cambio de tipoloxía e/ou modificación de xeometría

12

Reinicio da actividade agraria nun recinto por algunha destas circunstancias:

– Recinto con cultivo abandonado. Incidencia 117

– Barbeito de máis de 5 anos. Incidencia 158

– Superficie queimada. Incidencia 159

– Cultivo permanente con actividade de mantemento 5 anos consecutivos. Incidencia 177

– Pasto permanente con actividade de mantemento 5 anos consecutivos. Incidencia 186

13

Outras non previstas anteriormente

14

Partición dun recinto de pastos para cambiar o CAP nunha parte deste

2. Documentación para cada tipo de alegación.

Tipo de documentación

Obriga de presentala segundo o tipo de alegación

Delimitación gráfica da liña de declaración das superficies da solicitude única ou a saída gráfica obtida a través do visor Sixpac. Deberase delimitar por medio de bosquexo acoutado ou en formato electrónico WKT ou shape o cambio proposto sobre o recinto afectado

Sempre

Acreditación de que os cambios alegados figuran actualmente na Oficina virtual do Catastro

Para os tipos 2 e 4, se o cambio é de secaño a regadío.

Certificado de dereitos de rega ou rexistro de auga expedido pola Administración hidráulica competente

Para os tipos 2 e 4, sempre

Saída gráfica do Catastro de urbana coa parcela catastral obxecto da alegación

Para o tipo 5, sempre

Memoria descritiva que xustifique a necesidade da eliminación ou modificación do elemento estrutural

Para o tipo 11, cando se trate dunha alteración dun elemento da paisaxe existente

Autorización do organismo competente no ámbito forestal, ambiental, hidráulico, etc., en caso de que sexa necesaria

Para o tipo 11, cando se trate dunha alteración dun elemento da paisaxe existente

Un mínimo de dúas fotografías datadas e xeorreferenciadas, indicando sobre a saída gráfica do visor o punto onde se tomaron e a orientación

Obrigatorio para os tipos 9 e 14, así como para os cambios do uso FO aos usos PS, PA ou PR, e os cambios dos usos PA e PR ao uso PS. Voluntario en calquera outra alegación como xustificación do cambio proposto.

Outra documentación xustificativa das alegacións ao Sixpac presentadas que se considere conveniente (por exemplo: fotografías datadas, indicando sobre a saída gráfica o punto onde se tomaron e a orientación)

D. Solicitude de asignación de dereitos de pagamento básico da reserva nacional (procedemento MR241C).

– Deberase presentar a documentación que se indica no anexo V do Real decreto 1076/2014, do 19 de decembro.

E. Comunicación de cesións de dereitos do réxime de pagamento básico (procedemento MR241D).

– Deberase presentar a documentación necesaria para xustificar o tipo de cesión solicitado de acordo co indicado no anexo VI do Real decreto 1076/2014, do 19 de decembro.

– Nos contratos de arrendamento de dereitos cuxa vixencia prevexa a posibilidade de prorroga, a persoa arrendadora e a persoa arrendataria deberán presentar, antes do fin do prazo de comunicación de cesión de dereitos, unha declaración responsable conxunta na cal se indique que, de ser o caso, está prorrogado e o tempo de duración desa prorroga.

F. Primas anuais de mantemento das seccións 1ª e 2ª do capítulo II do título II.

Coa solicitude de pagamento das primas indicadas deberá presentarse a seguinte documentación:

a) No caso de cesión do dereito de cobramento da prima cun terceiro, deberase presentar a seguinte documentación:

– Comunicación do dereito de cobramento, conforme o modelo que figura como anexo VI nos procedementos MR670C e/ou MR674B, que está accesible na sede electrónica (https://sede.xunta.gal).

– Copia do documento público ou privado no cal se formalizou a cesión. No caso de documento privado, este deberá estar asinado electronicamente. No caso de documento público, deberá achegarase a xustificación da liquidación do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (ITPAXD).

b) Xustificantes de gasto. As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

– Número e, se é o caso, serie.

– Data da súa expedición.

– Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

– Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Unión Europea, co cal realizase a operación o obrigado a expedir a factura.

– Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

– Descrición das operacións. Consignaranse todos os datos necesarios para determinar a base impoñible do imposto correspondente a aquelas e o seu importe, incluído o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no dito prezo unitario.

– O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

– A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta deberá consignarse por separado.

– A data en que se efectuasen as operacións que se documentan, sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

– No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que así o recoñece.

– Só se considerará elixible a base impoñible que figure na factura.

– Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets, xustificantes de recepción nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

– A factura da planta utilizada ten que estar expedida por un viveiro autorizado e tamén se admitirán as facturas emitidas por comercializadores que veñan acompañadas da copia cotexada da factura do viveiro autorizado ao comercializador. No caso de enxertado, na factura figurará a procedencia da variedade empregada para o enxertado.

c) Xustificantes do pagamento efectivo. A xustificación do pagamento realizarase con copia dalgún documento dos que se relacionan a seguir:

– Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa beneficiaria que paga e da persoa destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria, estará selado pola entidade bancaria.

– Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota provisoria, letra de cambio, etc.), achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil e coa documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente pagado dentro do prazo de xustificación.

– No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto deste.

– No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento, e irá xunto cunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

– No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

– No caso de facturas en moeda estranxeira, deben achegarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

d) Declaración doutras axudas segundo o modelo da web do Fogga (https://fogga.xunta.gal/gl/politica_agraria_comun/pac_2015_2020/pac_2022).

ANEXO II

Requisitos legais de xestión

Ámbito

Aspecto principal

Requisitos

Normas nacionais de referencia

Ambiente, cambio climático, boas condicións agrícolas da terra

Auga

RLX 1

Directiva 91/676/CEE do Consello, do 12 de

decembro de 1991, relativa á protección das augas contra a contaminación producida por nitratos procedentes de fontes agrarias (DO L 375, do 31

de decembro de 1991, p. 1)

Artigos 4 e 5: cumprimento das medidas establecidas nos programas de actuación, nas explotacións agrícolas e gandeiras situadas en zonas declaradas pola comunidade autónoma como zonas vulnerables

Real decreto 47/2022, do 18 de xaneiro, sobre

protección das augas contra a contaminación difusa producida polos nitratos procedentes de fontes agrarias

Biodiversidade

RLX 2

Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de

novembro de 2009, relativa á conservación das aves silvestres (DO L 20, do 26

de xaneiro de 2010, p. 7)

Artigo 3, número 1, artigo 3, número 2, letra b), e artigo 4, números 1, 2 e 4.

Preservar os espazos que constitúen os hábitats naturais das especies de aves migratorias, ameazadas e en perigo de extinción

Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade. Real decreto 1997/1995, do 7 de decembro, polo que se establecen medidas para contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres

RLX 3

Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de

maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres (DO L 206, do 22

de xullo de 1992, p. 7)

Artigo 6, números 1 e 2: conservación de hábitats e especies da Rede Natura 2000

Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade. Real decreto 1997/1995, do 7 de decembro, polo que se establecen medidas para contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres

Saúde pública, sanidade animal e fitosanidade

Seguridade alimentaria

RLX 4

Regulamento (CE)

nº 178/2002 do Parlamento Europeo e do Consello,

do 28 de xaneiro de 2002, polo que se establecen os principios e os requisitos xerais da lexislación alimentaria, se crea a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria e se fixan procedementos relativos á seguridade alimentaria (DO L 31, do 1

de febreiro de 2002, p. 1)

Artigos 14 e 15, artigo 17,

número 1*, e artigos 18, 19

e 20.

Artigo 14: os produtos da explotación destinados a ser comercializados como

alimentos deben ser seguros. Artigo 15: deberase comprobar que nas explotacións gandeiras destinadas á produción de alimentos non existen nin se lles dan aos animais pensos que non sexan seguros.

Artigo 17(1) (*): sobre hixiene dos produtos alimentarios e dos pensos (desenvolvido polos regulamentos (CE)

nº 852/2004 e 183/2005, e

sobre hixiene dos produtos de orixe animal (desenvolvido polo Regulamento (CE)

nº 853/2004).

Artigo 18: rastrexabilidade. Identificación dos operadores que subministraron a

unha explotación pensos, alimentos, animais para produción de alimentos, ou substancias destinadas a seren incorporadas a un penso ou a un alimento e identificación dos operadores a que a explotación subministrase os seus produtos.

Artigos 19 e 20: responsabilidades dos explotadores de empresas de pensos/alimentos

Real decreto 821/2008, do 16 de maio, polo que se regulan as condicións de aplicación da normativa comunitaria en materia de hixiene de pensos e se establece o rexistro xeral de establecementos no sector de alimentación animal: no referente ás obrigas que

deriven da normativa comunitaria específica. Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, polo que se establece o marco de actuación para acadar un uso sustentable dos produtos fitosanitarios.

Orde APA/326/2007, do 9 de febreiro, pola que se establecen as obrigas dos titulares de explotacións agrícolas e forestais en materia de rexistro da información sobre o uso de produtos fitosanitarios

Saúde pública, sanidade animal e fitosanidade

Seguridade alimentaria

RLX 5

Directiva 96/22/CE do Consello, do 29 de abril de 1996, pola que se prohibe utilizar determinadas substancias de efecto hormonal e tiroestático e substancias β-agonistas na cría de gando (DO L 125, do 23 de maio de 1996, p.3)

Artigo 3, letras a), b), d) e e), e artigos 4, 5 e 7: deberase comprobar que non hai na explotación, agás que exista unha información, substancias non autorizadas, non administrar as ditas substancias aos animais (agás as excepcións para os tratamentos zootécnicos ou terapéuticos) e non comercializar

animais aos cales se lles subministrasen substancias ou produtos non autorizados e, no caso de administración de produtos autorizados, que se respectase o prazo de espera prescrito para os ditos produtos

Real decreto 2178/2004, do 12 de novembro, polo que prohibe utilizar

determinadas substancias de efecto hormonal e tirostático e substancias beta-agonistas de uso na cría de gando

Identificación e rexistro

de animais

RLX 6

Directiva 2008/71/CE do Consello, do 15 de xullo de 2008, relativa á

identificación e ao rexistro de porcos (DO L 213, do 8 de agosto de 2005, p. 31)

Artigos 3, 4 e 5. Artigo 3: rexistro de

explotacións porcinas por parte dos Estados membros. Artigo 4: condicións dos rexistros das explotacións de animais da especie porcina.

Artigo 5: requisitos

de identificación e do movemento de animais da especie porcina

Real decreto 205/1996, do 9 de febreiro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais das especies bovina, porcina, ovina e cabrúa.

Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula

Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras. Real decreto 728/2007, do 13 de xuño, polo que se establecen e regulan

Rexistro Xeral de Movementos de Gando e o Rexistro Xeral de

Identificación Individual de

Animais

Saúde pública, sanidade animal e fitosanidade

Identificación e rexistro

de animais

RLX 7

Regulamento (CE) nº 1760/2000 do

Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de xullo de 2000, que establece un sistema de identificación

e rexistro dos animais da especie bovina e relativo á etiquetaxe da carne de vacún e dos produtos a base de carne de vacún

(DO L 204, do 11 de agosto de 2000, p. 1)

Artigos 4 e 7.

Artigo 4: requisitos e condicións da marcación auricular da especie bovina. Artigo 7: requisitos e condicións do pasaporte e do rexistro de animais da especie bovina

Real decreto 1980/1998, do 18 de setembro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie bovina. Real decreto 479/2004,

do 26 de marzo, polo que se establece e regula

Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras. Real decreto 728/2007, do 13 de xuño, polo que se establecen e regulan

Rexistro Xeral de Movementos de Gando e o Rexistro Xeral de

Identificación Individual de

Animais.

Orde ARM/687/2009, do 11 de marzo, pola que se

modifica o anexo XI do Real

decreto 728/2007

RLX 8

Regulamento (CE)

nº 21/2004 do Consello, do 17 de decembro de 2003, polo que se establece un sistema de identificación

e rexistro dos animais das especies ovina e cabrúa (DO L 5, do 9 de xaneiro de 2004, p. 8)

Artigos 3, 4 e 5: deberase comprobar a correcta identificación e rexistro do gando ovino cabrún

Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula

o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras. Real decreto 685/2013, do 16 de setembro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais das especies ovina e cabrúa.

Real decreto 728/2007, do 13 de xuño, polo que se establecen e regulan o Rexistro Xeral de Movementos de Gando

e o Rexistro Xeral de Identificación Individual de Animais

Saúde pública, sanidade animal e fitosanidade

Enfermidades animais

RLX 9

Regulamento (CE) nº 999/2001 do

Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de maio de 2001, polo que se establecen disposicións para a prevención, o control e a erradicación de determinadas encefalopatías esponxiformes transmisibles (DO L 147,

do 31 de maio de 2001, p. 1)

Artigos 7, 11, 12, 13 e 15. Artigo 7: respectar as prohibicións en materia de alimentación dos animais. Artigo 11: cumprimento na notificación de encefalopatías esponxiformes transmisibles. Artigo 12: adopción das medidas relativas aos animais sospeitosos.

Artigo 13: adopción das medidas conseguintes á confirmación da presenza de encefalopatías esponxiformes transmisibles.

Artigo 15: posta no mercado de animais vivos, esperma, os seus óvulos e embrións

Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal: no referente ás obrigas que deriven das disposicións da normativa comunitaria específica

Produtos fitosanitarios

RLX 10

Regulamento (CE) nº 1107/2009 do

Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, relativo á comercialización de produtos fitosanitarios e polo que se derrogan as directivas 79/117/CEE e 91/414/CEE do Consello (DO L 309, do 24 de

novembro de 2009, p. 1)

Os produtos fitosanitarios empregaranse axeitadamente.

A utilización axeitada incluirá a aplicación dos principios de boas prácticas fitosanitarias e o cumprimento das condicións establecidas

na autorización de comercialización do produto fitosanitario e especificadas na etiqueta

Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, no referente ás obrigas que deriven das disposicións da normativa comunitaria específica

Benestar animal

Benestar animal

RLX 11

Directiva 2008/119/CE do Consello, do 18 de

decembro de 2008, relativa ás normas mínimas para

a protección de xatos

(DO L 10, do 15 de xaneiro de 2009, p. 7)

Artigos 3 e 4: condicións das explotacións de xatos e relativas á cría

Lei 32/2007, do 7 de novembro, para o coidado dos animais, na súa explotación, transporte, experimentación e sacrificio: no referente ás obrigas que deriven das disposicións

da normativa comunitaria

específica.

Real decreto 1047/1994, do 20 de maio, relativa ás normas mínimas para a protección de xatos

Benestar animal

Benestar animal

RLX 12

Directiva 2008/120/CE do Consello, do 18 de

decembro de 2008, relativa ás normas mínimas para

a protección de porcos (DO L 47, do 18 de febreiro de 2009, p. 5)

Artigos 3 e 4: condicións das explotacións de porcos e relativas á cría

Lei 32/2007, do 7 de novembro, para o coidado dos animais, na súa explotación, transporte, experimentación e sacrificio: no referente ás obrigas que deriven das disposicións

da normativa comunitaria

específica.

Real decreto 1135/2002, do 31 de outubro, relativa ás normas mínimas para a protección de porcos

RLX 13

Directiva 98/58/CE do Consello, do 20 de xullo de 1998, relativa á

protección dos animais nas explotacións gandeiras (DO L 221, do 8 de agosto de 1998, p. 23)

Artigo 4: condicións de cría e mantemento de animais

Lei 32/2007, do 7 de novembro, para o coidado dos animais, na súa explotación, transporte, experimentación e sacrificio: no referente ás obrigas que deriven das disposicións

da normativa comunitaria

específica.

Real decreto 348/2000, do 10 de marzo, polo que se incorpora ao ordenamento xurídico a Directiva 98/58/CE, relativa á protección dos animais nas explotacións gandeiras

* Na súa aplicación, en particular, en virtude de:

– Artigo 14 do R. 470/2009 e anexo do R. 37/2010.

– Regulamento (CE) nº 852/2004: artigo 4, número 1, e anexo I, parte A [II.4 letras g), h), j); 5, letras f) e h); 6; III.8, letras a), b), d) e e); 9, letras a) e c)].

– Regulamento (CE) nº 853/2004: artigo 3, número 1, e anexo III, sección IX, capítulo 1 [I.1, letras b), c), d) e e); I.2, letra a), incisos i), ii), iii), letra b), incisos i) e ii), e letra c); I.3; I.4; I.5; II.A, números 1, 2, 3, 4; II.B, 1, letras a) e d); 2, 4, letras a) e b)], anexo III, sección X, capítulo 1.1.

– Regulamento (CE) nº 183/2005: artigo 5, número 1, e anexo I, parte A [I.4, letras e) e g); II.2, letras a), b) e e)]; artigo 5, apartado 5, y anexo III, números 1 e 2; artigo 5, número 6.

– Regulamento (CE) nº 396/2005: artigo 18.

Boas condicións agrarias e ambientais da terra

Ámbito de ambiente, cambio climático e boa condición agrícola da terra.

1. Aspecto principal: auga.

– BCAM 1. Creación de franxas de protección nas marxes dos ríos.

Nas marxes dos ríos, lagos e lagoas, consideradas a partir da ribeira, non se poderán aplicar fertilizantes nunha franxa cuxo largo será de 5 metros. Ademais, nas ditas franxas respectarase, se é o caso, o resto de requisitos relativos ás condicións de aplicación de fertilizantes a terras próximas a cursos de auga a que se refire o punto A4 do anexo II da Directiva 91/676/CEE do Consello, do 12 de decembro de 1991, relativa á protección das augas contra a contaminación producida por nitratos utilizados na agricultura.

Para os efectos do parágrafo anterior, considerarase a definición de fertilizantes da letra e) do artigo 2 da Directiva 91/676/CEE do Consello, do 12 de decembro de 1991.

De igual modo, nas marxes referidas non poderán aplicarse produtos fitosanitarios nunha franxa de 5 metros de largo sen prexuízo dunha limitación maior recollida na etiqueta dos ditos produtos.

Estas franxas de protección estarán situadas na parcela agrícola ou serán contiguas a ela, de forma que os seus bordos largos sexan paralelos ao bordo da canle ou masa de auga, e poderán estar constituídas por vexetación de ribeira.

Na franxa de protección en que non se aplicasen fertilizantes non haberá produción agrícola, excepto no caso dos cultivos leñosos que xa estean implantados, xa que a arrinca podería diminuír a protección das marxes. Poderá permitirse a sementeira de mesturas de flora silvestre, o pastoreo ou a sega, sempre que a franxa de protección siga sendo distinguible da terra agrícola contigua.

Nas ditas franxas poderanse realizar labores superficiais de mantemento, para evitar a proliferación de pragas e enfermidades que constitúan un risco sanitario para os cultivos adxacentes.

missing image file

– BCAM 2. Cumprimento dos procesos de autorización do uso de auga para a rega.

Para as superficies de regadío, a persoa agricultora deberá acreditar o seu dereito de uso de auga de rega concedido pola Administración hidráulica competente.

– BCAM 3. Protección das augas subterráneas contra a contaminación: prohibición de verteduras directas nas augas subterráneas e medidas para previr a contaminación indirecta das augas subterráneas mediante a vertedura sobre o terreo e a filtración a través do solo de substancias perigosas, tal como se enumeran no anexo da Directiva 80/68/CEE do Consello, do 17 de decembro de 1979, relativa á protección das augas subterráneas contra a contaminación causada por determinadas substancias perigosas, na súa versión en vigor no seu derradeiro día de vixencia, na medida en que teña relación coa actividade agrícola.

As persoas agricultoras non verterán de forma directa ou indirecta as substancias da lista I da Directiva 80/68/CEE do Consello, do 17 de decembro de 1979 (compostos organohaloxenados e substancias que poidan orixinar compostos semellantes no medio acuático, compostos organofosforados, compostos orgánicos de estaño, substancias que posúan un poder canceríxeno, mutáxeno ou teratóxeno no medio acuático ou a través del, mercurio e compostos de mercurio, cadmio e compostos de cadmio, aceites minerais e hidrocarburos e cianuros).

As persoas agricultoras non verterán, a non ser que se obteña autorización, de forma directa ou indirecta, as substancias da lista II da Directiva 80/68/CEE do Consello, do 17 de decembro de 1979 (metaloides, determinados metais e os seus compostos, biocidas e os seus derivados que non figuren na lista I, substancias que teñan un efecto prexudicial no sabor e/ou cheiro das augas subterráneas, así como os compostos que poidan orixinar as ditas substancias nas augas, volvéndoas non aptas para o consumo humano, compostos orgánicos de silicio tóxicos ou persistentes e substancias que poidan orixinar os ditos compostos nas augas, agás aqueles que sexan biolóxicamente inocuos ou que se transformen rapidamente na auga en substancias inocuas, compostos inorgánicos de fósforo elemental, fluoruros, amoníaco e nitritos).

2. Aspecto principal: solo e reserva de carbono.

– BCAM 4. Cobertura mínima do solo.

• Cultivos herbáceos. Nas parcelas agrícolas de secaño que se sementen con cultivos herbáceos de inverno non se deberá labrar con volteo o solo, entre a data de recollida da colleita anterior e o 1 de setembro que se establece como referencia do inicio da presementeira, agás que se implante un cultivo de primavera que asegure unha cobertura vexetal que protexa o solo.

• Cultivos leñosos. No caso de cultivos leñosos en pendente igual ou superior ao 15 %, agás que a pendente real do recinto estea compensada mediante socalcos, será necesario manter unha cuberta vexetal de largo mínimo de 1 metro nas rúas transversais á liña de máxima pendente ou nas rúas paralelas á dita liña, cando o deseño da parcela ou o sistema de rega impidan o seu establecemento noutra dirección.

Non obstante, no momento en que poida competir co cultivo ou imposibilite a súa recollida, a dita cuberta poderá eliminarse mediante métodos químicos ou mecánicos, e poderá ser incorporada mediante un labor superficial, respectando, en todo caso, o establecido na epígrafe relativa a cultivos leñosos da BCAM 5.

O disposto nos respectivos primeiros parágrafos dedicados a cultivos herbáceos e cultivos leñosos (parágrafos primeiro e terceiro desta BCAM 4, cobertura mínima do solo), non será de aplicación cando, por razóns de mantemento da actividade produtiva tradicional, a Administración competente determine e autorice aquelas técnicas de agricultura de conservación que se consideren adecuadas.

Dentro da excepción da actividade produtiva tradicional inclúese a usual rotación que se emprega en Galicia, cun cultivo principal de pradaría anual seguido dun cultivo secundario de millo.

Non se poderá arrincar ningún pé de cultivos leñosos situados en recintos de pendente igual ou superior ao 15 %, agás nas zonas en que así se estableza e sexa obxecto de reposición autorizada pola autoridade competente.

Nestes casos hai que respectar as normas destinadas á súa reconversión cultural e varietal e aos cambios de cultivo ou aproveitamento.

O disposto nos parágrafos anteriores non será de aplicación cando a pendente real do recinto estea compensada mediante socalcos.

• Terras de barbeito e terras sen cultivo. Realizaranse prácticas tradicionais de cultivo, prácticas de labra mínima ou manterase unha cuberta vexetal axeitada, ben sexa espontánea ben mediante a sementeira de especies de mellora.

As parcelas en que non se realice actividade agraria manteranse de acordo coas normas locais que regulen a dita situación.

– BCAM 5. Xestión mínima das terras que reflicta as condicións específicas locais para limitar a erosión.

• Cultivos herbáceos. Nas superficies que se destinen a cultivos herbáceos non deberá labrarse con volteo a terra na dirección da máxima pendente cando, nos recintos cultivados, a pendente media exceda o 15 %, agás que a pendente real do recinto estea compensada mediante socalcos.

• Cultivos leñosos. En cultivos leñosos non deberá labrarse con volteo a favor da pendente a terra en recintos con pendentes superiores ao 15 %, agás que a pendente real do recinto estea compensada mediante socalcos, se adopten formas especiais de cultivo como o cultivo en faixas, se practique labra mínima ou de conservación, ou se manteña unha cobertura de vexetación total do solo. No caso de existencia de socalcos, será obrigatorio evitar calquera tipo de labor que afecte a estrutura dos noiros existentes.

O disposto nos parágrafos anteriores non será de aplicación cando, por razóns de mantemento da actividade produtiva tradicional, a Administración competente determine e autorice aquelas técnicas de agricultura de conservación que se consideren adecuadas. En todos os supostos, a implantación do cultivo farase o máis rapidamente posible, para evitar que o solo poida verse afectado pola erosión.

– BCAM 6. Mantemento do nivel de materia orgánica no solo mediante prácticas axeitadas, incluída a prohibición de queimar os restrollos, excepto por razóns fitosanitarias.

Non se poderán queimar restrollos en todo o ámbito nacional, agás que, por razóns fitosanitarias, a queima estea autorizada pola autoridade competente, caso en que estará condicionada ao cumprimento das normas establecidas en materia de prevención de incendios e, en particular, as relativas ao largo mínimo dunha franxa perimetral cando os terreos linden con terreos forestais.

Cando se eliminen restos de colleita de cultivos herbáceos e de poda de cultivos leñosos deberá realizarse, se é o caso, consonte a normativa establecida.

Os estercos sólidos deberán enterrarse despois da súa aplicación no menor prazo de tempo posible. Non obstante, exceptúanse desta obriga os tipos de cultivo mediante sementeira directa ou labra mínima, os pastos e cultivos permanentes, cando a achega do esterco sólido se realice en cobertura co cultivo xa instalado e cando o uso do esterco se corresponda coas prácticas tradicionais.

A aplicación de xurros ou fraccións líquidas de dexeccións non se poderá efectuar con sistemas de aspersión con canón. Así mesmo, en virtude do exposto na Orde da Consellería do Medio Rural do 26 de febreiro de 2018, en que a través da facultade que outorga o artigo cuarto do Real decreto 980/2017 polo que se modifica o Real decreto 1078/2014 e en virtude da facultade que outorga o artigo 3 do Real decreto 1378/2018, polo que se modifica o Real decreto 1078/2014, dadas as características orográficas específicas da Comunidade Autónoma de Galicia, as aplicacións de xurro ou fraccións líquidas de dexeccións con sistemas de prato ou abano poderase realizar excepcionalmente, mentres non se resolvan os condicionantes que deron lugar á súa excepción.

3. Aspecto principal: paisaxe, nivel mínimo de mantemento.

BCAM 7. Mantemento das particularidades topográficas e prohibición de cortar sebes e árbores durante a temporada de cría e reprodución das aves.

Non se poderá efectuar unha alteración das particularidades topográficas ou elementos da paisaxe definidos no artigo 2 do Real decreto 1078/2014, do 19 de decembro.

Non obstante, tendo en conta que os elementos da paisaxe protexidos formarán parte da superficie admisible da parcela agrícola en que estean situados, considérase necesario definir o marco de aplicación e control desta norma, que se aplicará ás terras de cultivo, aos cultivos permanentes e, en determinados casos, aos prados permanentes (por exemplo, naqueles procedentes de terras de cultivo), establecéndose os seguintes límites máximos:

• Sebes de largo de ata 10 m.

• Árbores en grupos que ocupen unha superficie máxima de 0,3 ha.

• Lindes de largo de ata 10 metros.

• Charcas, lagoas, estanques e bebedeiros naturais de ata un máximo de 0,1 ha.

Non se considerarán os depósitos de cemento ou de plástico.

• Illas e enclaves de vexetación natural ou rocha: ata un máximo de 0,1 ha.

• Socalcos de largo, en proxección horizontal, de ata 10 metros.

missing image file

Exceptúanse desta obriga as alteracións producidas de acordo co indicado no artigo 23.3 desta orde, referidas exclusivamente aos seguintes elementos:

• Sebes.

• Árbores.

• Lindes.

• Illas e enclaves de vexetación natural ou rocha.

• Socalcos: só no caso dos ribazos provistos de vexetación herbácea, arbustiva ou arbórea, as terrazas e gabias de contorno no caso de labra a nivel e as barreiras vivas vexetais. Non está permitido alterar os socalcos de pedra seca.

Non obstante o anterior, queda prohibido cortar tanto sebes como árbores durante a temporada de cría e reprodución das aves, agás autorización expresa da autoridade ambiental. Tomarase como referencia o período comprendido entre os meses de marzo a xullo.

ANEXO III

Informe e ficheiro informático que deben remitir as entidades de asesoramento

Informe

……………………………………….......………………………, con NIF ………………………, actuando en representación da entidade ……..............……………………………………., con NIF………………, e enderezo en …………………………………………………, inscrita no Rexistro de Entidades con Servizos de Asesoramento e Xestión de Galicia (Resaxega), co número de rexistro...................

Informa:

Que no ficheiro denominado ... se inclúe unha relación de ... persoas solicitantes das axudas de agroambiente e clima e/ou agricultura ecolóxica que actualmente reciben un asesoramento especializado por persoal técnico desta entidade.

Que, para cubrir a solicitude única deste ano, se lles prestou asesoramento sobre os requisitos e condicións de elixibilidade, compromisos, liñas de base e condicionalidade aplicables ás axudas solicitadas.

Que durante o ano en curso se visitaron as explotacións destes asesorados e, se existían deficiencias nos elementos destas (superficies, animais, instalacións, etc.), para os efectos das axudas solicitadas, fixéronse as oportunas recomendacións para a súa mellora ou emenda entregando os correspondentes informes aos asesorados.

..., ... de ... de 202X

Sinatura

Ficheiro

O ficheiro informático remitirase ao correo electrónico sac.fogga@xunta.gal, terá formato Excel ou Access, en calquera das súas versións, e incluirá os seguintes campos:

– Razón social ou nome e apelidos da entidade de aconsellamento.

– NIF da entidade de aconsellamento.

– Razón social ou nome e apelidos do solicitante.

– NIF do solicitante.

– Nº da solicitude da PAC do solicitante.

– Nome e apelidos da persoa técnica que realiza o asesoramento.

– NIF da persoa técnica que realiza o asesoramento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file