Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 31 de xaneiro de 2022 Páx. 5953

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 31 de decembro de 2021, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (códigos de procedemento ED481B e IN606B).

A Xunta de Galicia asume, dentro do seus plans de acción, a importancia da formación de persoal investigador en momentos temperáns logo de rematada a tese de doutoramento. Como consecuencia diso as axudas de formación nas etapas iniciais da etapa posdoutoral na Comunidade Autónoma de Galicia contan cunha longa tradición mediante convocatorias públicas que teñen adoptado, ao longo dos anos, diversas formalizacións para a mellor consecución dos obxectivos e fins propostos. Cabe citar como exemplos máis destacables as axudas Ánxeles Alvariño, convocadas entre os anos 2007 e 2009 do Plan INCITE ou as axudas á etapa de formación inicial posdoutoral do programa I2C no período 2012-2019.

A finalidade do programa de axudas á etapa de formación posdoutoral é incrementar a incorporación de persoal investigador ao Sistema de I+D+i galego fomentando, na súa etapa inicial, a adquisición e perfeccionamento das habilidades propias do persoal investigador doutor, mediante contratos nos axentes que conforman o sistema e permitindo a súa mobilidade internacional para mellorar a súa formación e capacitación.

Co fin de harmonizar o exercicio das competencias que en materia de I+D+i teñen atribuídas a Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Axencia Galega de Innovación (en diante, Gain) da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e na procura de sinerxías, considérase de interese a realización de convocatorias conxuntas que axuden a consolidar un sistema de I+D+i suficientemente sólido como para garantir o desenvolvemento social e a competitividade económica.

Adicionalmente, e ao abeiro do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Gain, e a Comisión de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e os Estados Unidos de América (en diante, EUA) para o programa de bolsas da Xunta de Galicia-Fulbright, nesta convocatoria ata dez persoas investigadoras contratadas polas universidades do SUG e ata dúas persoas contratadas polos organismos públicos de investigación de Galicia ou por outras entidades do sistema público de I+D+i galego que desenvolvan un mínimo de 12 meses de estadía en EUA terán a condición de bolseiras Fulbright, e contarán co apoio da Comisión Fulbright.

O programa Fulbright é o programa de intercambio educacional insignia do Goberno dos Estados Unidos e dálles aos seus participantes, escollidos polos seus méritos académicos e potencial de liderado, a oportunidade de estudar, investigar e intercambiar ideas.

De acordo coa Lei 13/2021, do 20 de xullo, pola que se modifica o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, para garantir a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito universitario e da investigación, nesta convocatoria introdúcense mecanismos correctores e obxectivos para evitar a discriminación e/ou penalización das mulleres, e tamén dos homes, en casos de maternidade, paternidade, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación e incapacidade temporal asociada ao embarazo ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación convocan as axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral para o ano 2022.

En consecuencia, e no uso das atribucións que temos conferidas,

ACORDAMOS:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

1. Esta orde establece as bases polas que se rexerá a concesión das axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Gain, de apoio á etapa de formación posdoutoral e procede á súa convocatoria (códigos de procedemento ED481B e IN606B).

2. O obxecto do Programa de apoio á etapa posdoutoral é outorgar axudas ás universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores que obtiveron recentemente o título de doutor ou doutora para a súa formación nos seus centros, unidades ou departamentos, permitindo a mellora das súas capacidades mediante estadías de investigación posdoutoral no estranxeiro ou, en casos excepcionais, en centros de I+D+i de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As solicitudes que propoñan persoas candidatas de nacionalidade española que presenten un plan de estadías de polo menos 12 meses en EUA optarán a contar co apoio da Comisión Fulbright e ter a condición de bolseiras Fulbright.

A Comisión Fulbright prestaralles ás persoas investigadoras que obteñan a condición de bolseiras Fulbright os seguintes servizos: xestión de visados; apoio, xestión e asesoría durante a estadía en EUA; participación das persoas investigadoras en seminarios, actividades científicas e culturais que se organicen no nome e polo Programa Fulbright; seguro médico con cobertura de enfermidade e accidentes; e formar parte da rede de antigas/os alumnas/os Fulbright do U.S. Department of State.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as universidades do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e os centros do CSIC radicados en Galicia sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.

2. Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinaladas no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que cumpran na data límite de presentación de solicitudes as condicións que se indican a seguir:

a) Que a data de finalización dos estudos conducentes á obtención do título de licenciatura, grao ou equivalente que lle deu acceso ao doutoramento sexa igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2011.

b) Estar en posesión do grao de doutor e que este fose obtido en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2017. Entenderase como data de obtención do título de doutor a data de lectura e aprobación da tese de doutoramento.

No caso das persoas candidatas que estean en posesión de máis dun doutoramento, os requisitos expresados referiranse ao primeiro dos doutoramentos obtidos.

A data de obtención do título de doutor poderá ser anterior ao 1 de xaneiro de 2017, pero igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2015, no caso das persoas tituladas que acrediten fidedignamente algún dos seguintes supostos:

1. Que se atopaban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de tres anos entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de decembro de 2016.

2. Que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.

3. Que interromperan a súa formación por causa dunha enfermidade grave ou que se dedicaran á atención de persoas maiores da familia en primeira liña parental.

No caso das persoas candidatas que estean en posesión de máis dun doutoramento, os requisitos expresados referiranse ao primeiro dos doutoramentos obtidos.

c) Non ter sida seleccionada para algún dos seguintes programas:

– Programas posdoutorais da Xunta de Galicia.

– Axudas nunha convocatoria estatal das actuacións Juan de la Cierva-formación ou Juan de la Cierva-incorporación.

– Axudas e/ou contratos posdoutorais que recollan estadías en centros de investigación no estranxeiro de dous ou máis anos de duración.

– Axudas ou contratos posdoutorais no estranxeiro que prevexan unha duración igual ou superior a dous anos.

d) Ademais, as solicitudes que presenten persoas candidatas que opten á condición de bolseiras Fulbright, deben cumprir os seguintes requisitos:

– A duración da estadía nos EUA será dun mínimo de 12 meses e un máximo de 24 meses, que se poderá desenvolver nun período de 12 meses ou máis de maneira continuada, ou en dous períodos continuados de 12 meses cada un.

– Ter nacionalidade española.

– Nivel de idioma inglés -falado e escrito- adecuado para completar o proxecto de investigación en EUA.

– Non ter participado e completado unha estadía de investigación posdoutoral en EUA cun visado J-1 durante os 24 meses previos á data de incorporación ao seu centro de destino. As persoas candidatas que estean en posesión dun certificado que demostre o seu nivel de inglés deberán achegalo e a Comisión Fulbright comprobará esta circunstancia na entrevista que se indica no artigo 12.6. No caso de que unha persoa candidata non demostre un nivel de inglés suficiente na entrevista, non poderá obter a condición de bolseira Fulbright, aínda que seguirá desfrutando da axuda de formación posdoutoral.

– Non ter participado e completado unha estadía de investigación posdoutoral en EUA cun visado J-1 na categoría de Research Scholar/Professor durante os 24 meses previos á data de incorporación ao seu centro de destino.

– Non estar gozando na actualidade dun programa de investigación posdoutoral en EUA cun visado J-1 por un período superior a seis meses.

– Non ser residente, cidadán ou ter dereito á cidadanía de Estados Unidos.

Para viaxar a Estados Unidos, as persoas beneficiarias Fulbright deberán estar en posesión dun visado J-1 de acordo coa normativa estadounidense e os familiares acompañantes dun visado (J-2) ligado ao visado da persoa beneficiaria. A persoa beneficiaria e/ou os familiares acompañantes, unha vez completado o período da estadía financiada, comprometeranse a non fixar a súa residencia permanente en Estados Unidos ata que transcorran dous anos. En caso contrario, deberase contar coa oportuna autorización dos dous países.

Artigo 3. Número, duración e importe das axudas

1. Poderanse conceder ata 49 axudas (a previsión inicial é de 40 en universidades do SUG e 9 no resto de entidades beneficiarias), dun máximo de tres anos, que comezarán a partir do 1 de setembro de 2022, sen que en ningún caso poidan superar a duración máxima de tres anos e que non poderán ser obxecto de prórroga.

2. Para as universidades do SUG, o número de axudas concedidas para cada rama de coñecemento das cinco recollidas no Real decreto 1393/2007 (Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas, e Enxeñaría e Arquitectura) non será inferior ao 15 %, sempre que o número de solicitudes avaliadas favorablemente o permita.

3. Do número total de axudas que se convocan, resérvanse 3 no ámbito das universidades do SUG e 1 no ámbito das demais entidades para a contratación de persoas investigadoras cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %. De existir axudas non cubertas no grupo de reserva, acumularanse ao grupo xeral.

4. Das axudas convocadas proporanse ata un máximo de 10 para as universidades do SUG e de 2 para as demais entidades para obter a condición de bolseiras Fulbright, sempre e cando acaden a puntuación necesaria e cumpran as condicións que se indican no artigo 2.

5. O importe das axudas é o seguinte:

– Un total de 32.000 euros brutos anuais en concepto de salario e custos sociais.

– Un complemento por cada mes de estadía de:

a) 1.000 euros se o destino da estadía está en Portugal ou Andorra (zona 1).

b) 1.500 euros se o destino da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América, agás EUA e Canadá (zona 2).

c) 2.000 euros se o destino da estadía está en EUA, Canadá, Asia ou Oceanía (zona 3).

– Un total de 500 euros brutos mensuais durante cada período de estadía en EUA para as solicitudes de aquelas persoas investigadoras que acaden a condición de bolseiras Fulbright.

– Un complemento a cada unha das entidades, que se establece en 1.500 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas. Este complemento ten por obxecto cubrir, ademais dos gastos asociados á contratación, os custos para cada persoa contratada da subscrición dun seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto fosen insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir os períodos efectivos de estadía.

Se a entidade beneficiaria formaliza un contrato que implique unha contía superior á estipulada deberá achegar a diferenza.

6. En ningún caso lle serán exixibles á Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou á Gain máis obrigas que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.

7. Para que estes contratos sexan financiables será preciso que as persoas contratadas permanezan un mínimo de tres meses no programa.

Artigo 4. Conceptos subvencionables

1. Os importes das axudas só poderán ir destinados ao financiamento das actividades necesarias para o desenvolvemento desta convocatoria que son:

Pagamento dos contratos, custos sociais, complementos de estadías e complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada. Ademais, unha dotación complementaria durante os períodos de estadía en EUA para aquelas solicitudes correspondentes a persoas investigadoras que consigan a condición de bolseiras Fulbright.

2. Soamente serán financiables os contratos das persoas investigadoras que permanezan un mínimo de tres meses no programa, polo que non hai ningún tipo de compromiso retributivo para aquelas persoas contratadas menos de tres meses.

Artigo 5. Características dos períodos de mobilidade e de permanencia no Sistema galego de i+D+i

1. Os períodos de estadía no estranxeiro deberá aterse ás seguintes normas:

a) Deberá presentarse un plan completo para o período cunha relación detallada das datas e centros de destino. Ademais das sinaturas da persoa que vai realizar a estadía e da persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación ou equivalente, deberanse xuntar as cartas de aceptación, asinadas por persoas con capacidade para iso, de cada un dos centros de destino.

A duración da estadía será dun mínimo de 12 meses e un máximo de 24 meses, que se poderá desenvolver nun período de 12 meses ou máis de maneira continuada, ou en dous períodos de 12 meses cada un. O cómputo será por meses completos, que necesariamente terán que empezar o primeiro día do mes e finalizar o último día do mes correspondente.

b) A persoa contratada non poderá realizar as estadías no país de nacemento, no de nacionalidade, naquel en que obtivo o título de licenciatura, grao ou equivalente ou o de doutora ou doutor que lle deu acceso ao programa, ou nun país en que desenvolvese actividade investigadora posdoutoral durante máis de tres meses.

c) As estadías poderán ser flexibles ao longo do contrato, aínda que deberán suxeitarse á normativa interna das entidades beneficiarias. O período de estadía mínimo establécese en 12 meses. As solicitudes das persoas candidatas a obteren a condición de bolseiras Fulbright terán que desenvolver un período mínimo de 12 meses de estadía en EUA.

d) O plan de estadías inicial poderá modificarse, cantas veces sexa necesario, sempre que se respecte a zona xeográfica en que se realiza e que a entidade beneficiaria o autorice. En todas as modificacións deberá constar no expediente traza documental dos cambios mediante sucinta motivación, nova periodización, cartas de aceptación dos novos centros de destino e autorización da entidade beneficiaria.

e) Naqueles casos en que sexa preciso modificar o plan de estadías no estranxeiro de tal xeito que se afecte a zona xeográfica, rexerá todo o sinalado no parágrafo anterior pero a axuda concedida non poderá incrementarse por traslado a unha zona de maior importe e minorarase naqueles casos de traslado a zonas de menor importe.

2. No que respecta aos períodos de permanencia nas entidades beneficiarias, o contrato deberá aterse ás seguintes normas:

a) A persoa contratada desenvolverá o seu traballo na entidade, grupo e departamento (ou equivalentes) polos que realizou a solicitude de axuda.

b) Unicamente por circunstancias excepcionais poderá autorizarse un cambio de destino ou área na entidade beneficiaria con respecto ao solicitado. Para estes efectos, a entidade beneficiaria deberá solicitar o cambio mediante escrito motivado, xunto coa petición da persoa contratada e o visto e prace das persoas responsables ou coordinadoras do grupo a que inicialmente foi asignada e do novo grupo de acollida (ou equivalentes), dirixido á Secretaría Xeral de Universidades ou á Gain (segundo corresponda), que resolverá ao respecto.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As entidades solicitantes presentarán as solicitudes de maneira individualizada para cada unha das persoas candidatas propostas. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados ED481B para as universidades do SUG (anexo II) e IN606B para as demais entidades (anexo II bis), dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes que contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

5. Cada persoa soamente poderá ser presentada como candidata por unha única entidade beneficiaria e sempre e cando cumpra os requisitos exixidos.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Con cada solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Declaración responsable da persoa candidata a ser destinataria da axuda segundo o anexo III, en que se fagan constar os seguintes aspectos:

– Que acepta ser presentada como candidata ás axudas, indicando que se presenta por unha única entidade solicitante no ámbito desta convocatoria, e no cal se faga constar a rama de coñecemento e a área temática ás cales se adscribe, así como a declaración opcional do compromiso de utilizar a lingua galega na memoria final da actividade.

– Que non foi seleccionada nos programas posdoutorais da Xunta de Galicia, nunha convocatoria estatal das actuacións Juan de la Cierva-Formación ou Juan de la Cierva-Incorporación.

– Que non desfrutou con anterioridade de ningunha axuda e/ou contrato posdoutoral que recolla estadías en centros de investigación no estranxeiro de dous ou máis anos de duración.

– Que non desfrutou con anterioridade de ningunha axuda e/ou contrato posdoutoral no estranxeiro que prevexa unha duración igual ou superior a dous anos.

– Que o plan de estadías que se propón non se desenvolve no país de nacemento, no de nacionalidade, naquel en que obtivo o título de licenciatura, grao ou equivalente ou o de doutora ou doutor que lle deu acceso ao programa, ou nun país en que desenvolvera actividade investigadora posdoutoral durante máis de tres meses.

b) Documento asinado pola persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación ou equivalente aceptando a persoa candidata a ser destinataria da axuda no seo do equipo de traballo (anexo IV).

c) Documento asinado pola persoa directora do departamento, unidade de traballo ou equivalente, manifestando a súa conformidade para a integración no seu departamento, unidade de traballo ou equivalente da persoa candidata a ser destinataria da axuda (anexo V).

d) Declaración da entidade solicitante na cal se faga constar en que universidade e con que data obtivo a persoa candidata o grao de doutor, así como a titulación que lle deu acceso ao dito grao e a data de finalización destes estudos.

No caso de que o título de doutora ou doutor fose obtido no estranxeiro deberá estar homologado ou ser equivalente segundo o establecido na disposición adicional quinta do Real decreto 967/2014, do 21 de novembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para a homologación e declaración de equivalencia a titulación e a nivel académico universitario oficial e para a validación de estudos estranxeiros de educación superior, e o procedemento para determinar a correspondencia aos niveis do Marco español de cualificacións para a educación superior dos títulos oficiais de arquitecto, enxeñeiro, licenciado, arquitecto técnico, enxeñeiro técnico e diplomado. Para os efectos sinalados neste punto terase en conta a data de defensa da tese, non a data da homologación ou equivalencia.

Nestes casos, debe achegarse copia da homologación ou equivalencia.

e) Currículo (CV) da persoa candidata a ser destinataria da axuda nun modelo normalizado, preferentemente no modelo da páxina web https://cvn.fecyt.es/

Para os efectos do proceso de avaliación, só se terá en conta a información contida no CV na data de peche do prazo de presentación de solicitudes. Non será posible a actualización posterior da información contida nel. No caso de que se solicite aclaración ou emenda, a información que se achegue deberá referirse, como máximo, á data de peche do prazo de presentación de solicitudes.

f) Un arquivo pdf precedido dun índice en que, en relación co CV citado no punto anterior, se acheguen os documentos dos méritos que se desexen alegar, así como as ligazóns ás publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos ou calquera outra cuestión que se considere oportuna. Para os efectos do proceso de avaliación, soamente se valorará aquela información indicada no CV que teña correspondencia cos documentos ou enlaces achegados neste arquivo.

g) Plan de traballo das actividades que se propoñen realizar durante a vixencia do programa. O plan de traballo terá unha extensión de 1.200-2.000 palabras e estará asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda e pola persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación.

h) Plan de estadía detallado, do cal haberá un modelo dispoñible na internet nos enderezos http://www.edu.xunta.gal e http://gain.xunta.gal, en que se indiquen os períodos de estadía previstos, a súa duración e os centros de destino escollidos, así como unha xustificación da importancia e relevancia internacional dos centros e grupos de destino para o traballo que se vai desenvolver. Este plan terá que estar asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda e pola persoa directora do grupo que figura na solicitude. Para cada un dos centros de destino engadirase unha carta de aceptación da estadía asinada polo director ou directora do centro ou figura equivalente con atribucións na área directiva de recursos humanos.

i) Documentación que acredite os supostos de excepcionalidade previstos no artigo 2.2.b) desta orde sobre a data de obtención do título de doutora ou doutor, se é o caso, incluído o certificado de discapacidade da persoa candidata se non está expedido pola Xunta de Galicia.

j) Documentación que acredite os permisos de maternidade, paternidade, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación e incapacidade temporal asociada ao embarazo ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso no período comprendido entre os 5 anos anteriores á data de lectura da tese e a data de peche de presentación de solicitudes, se é o caso, para a aplicación do factor de corrección que se indica no artigo 11.3.

k) No caso de que a persoa candidata pertenza ou se vaia integrar nalgún grupo, agrupación, equipo ou centro dos indicados no artigo 12.2 desta convocatoria, certificado da entidade solicitante coa conformidade da investigadora ou investigador principal ou da directora ou director do centro ou agrupación en que se faga constar esta circunstancia e a convocatoria na cal obtivo o financiamento.

l) Ademais, para as persoas candidatas que opten á condición de bolseiras Fulbright, declaración responsable segundo o modelo que figura como anexo VI a esta orde.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

3. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes dous procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa candidata á axuda.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da entidade solicitante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia.

f) Informe de vida laboral da persoa candidata.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

– Certificado acreditativo do grao de discapacidade da persoa candidata emitido pola Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio, ou no cadro correspondente do anexo III, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude, deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades para as solicitudes presentadas por unha universidade do SUG e á Gain para as restantes. Para este fin comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporán as listas de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas da exclusión, na internet no enderezo www.edu.xunta.gal (na epígrafe da Secretaría Xeral de Universidades) e http://gain.xunta.gal

2. Estas listas estarán expostas por un período de 10 días naturais e durante este prazo as entidades solicitantes poderán formular reclamacións para emendar erros ou falta de documentos das persoas interesadas ante a Secretaría Xeral de Universidades, no caso das universidades do SUG, ou ante a dirección da Gain, nos demais casos, para o cal presentarán a documentación oportuna. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas da exclusión, considerarase que a entidade solicitante desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse a entidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución dos procedementos.

4. Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, as persoas titulares da Secretaría Xeral de Universidades e da dirección da Gain ditarán unha resolución pola que se aproban as listas definitivas das solicitudes admitidas e excluídas, que se publicarán na internet no enderezo http://www.edu.xunta.gal e http://gain.xunta.gal. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no caso de solicitudes do SUG, ou ante a Presidencia da Gain, nos demais casos, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Non axustarse aos termos desta convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada, será causa de inadmisión da solicitude presentada, con independencia de que se poidan acordar outro tipo de actuacións.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 11. Avaliación

1. A avaliación realizarase para cada rama de coñecemento e área temática sinaladas nas solicitudes, segundo as valoracións feitas por un equipo avaliador que estará formado por persoas expertas de fóra do Sistema de I+D+i galego, que poderá contar coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), a partir da documentación indicada no artigo 7 deste orde.

2. O equipo avaliador outorgará a puntuación correspondente a cada persoa candidata a ser destinataria da axuda segundo o baremo indicado no anexo I, e será preciso obter unha puntuación igual ou superior a 60 puntos nesta fase.

3. Co fin de dar cumprimento á Lei 13/2021, do 20 de xullo, pola que se modifica o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposición legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade e para garantir a igualdade real entre mulleres e homes, e en aplicación do artigo 2.c) (20 bis) desa disposición, no caso das persoas candidatas que acrediten que desfrutaron de permisos de maternidade, paternidade, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación e incapacidade temporal asociada ao embarazo ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso no período comprendido entre os cinco anos anteriores á data de lectura da tese fixada no artigo 2.2.b) e a data de peche de presentación de solicitudes, a puntuación obtida na avaliación incrementarase co resultado de aplicar o seguinte factor de corrección ás puntuacións obtidas nas epígrafes 1, 2 e 3 do anexo I, que son as que recollen os méritos de investigación das persoas candidatas, tomando como ano de inicio de cómputo para os efectos desta orde cinco anos antes da data de defensa da tese de doutoramento:

(b/a)*suma das puntuacións obtidas nas epígrafes 1, 2 e 3 do anexo I.

Onde:

a) Período de actividade investigadora: medirase tendo en conta o período comprendido entre os cinco anos anteriores á data de lectura da tese de doutoramento fixada no artigo 2.2.b) e o momento de peche da convocatoria, expresado en meses e redondeando á alza as fraccións do último mes incompleto.

b) Período de inactividade investigadora: será a suma dos períodos dos permisos e/ou da incapacidade temporal que se acrediten polos motivos descritos neste artigo. O número de meses de inactividade será o resultado de dividir o número de días destes períodos entre 30, redondeando á alza a última fracción de mes incompleto.

4. No ámbito das universidades do SUG, as solicitudes recibidas agruparanse na correspondente rama de coñecemento, das cinco recollidas no Real decreto 1393/2007, isto é: Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura.

As persoas candidatas ordenaranse por orde decrecente de puntuación final respectando a porcentaxe de prazas establecida para cada rama de coñecemento no artigo 3 desta convocatoria. De entre as solicitudes presentadas por unha universidade do SUG así ordenadas, ata un máximo de 10 contarán co apoio da Comisión Fulbright, sempre e cando cumpran as condicións indicadas no artigo 2 desta orde.

5. No ámbito das demais entidades do artigo 2.1, as solicitudes ordenaranse por orde decrecente de puntuación final e ata un máximo de 2 contarán co apoio da Comisión Fulbright, sempre e cando cumpran as condicións indicadas no artigo 2 desta orde.

6. Os resultados desta avaliación faranse chegar á Comisión de Selección, que elaborará un informe para os órganos instrutores en función dos criterios establecidos nesta convocatoria e da dispoñibilidade de recursos.

Artigo 12. Comisión de Selección

1. A Comisión de Selección estará constituída por nove membros:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en quen delegue, ou a persoa titular da Dirección da Área de Xestión da Gain ou persoa en quen delegue, que actuará como presidenta ou presidente da Comisión.

Serán vogais da Comisión:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en quen delegue.

– Unha directora ou un director de área da Gain ou persoa en quen delegue.

– Unha xefa ou un xefe de servizo da Secretaría Xeral de Universidades.

– Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais áreas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, nomeadas pola presidenta ou presidente da Comisión de Selección.

– Unha persoa representante da Comisión Fulbright.

– Unha xefa ou un xefe de servizo da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretaria ou secretario da Comisión.

2. A selección das persoas destinatarias das axudas realizarase a partir da suma das valoracións feitas por un panel avaliador e pola Comisión de Selección. A Comisión de Selección poderá asignar ata un máximo de 5 puntos a aquelas solicitudes que superen a puntuación mínima indicada no artigo 11.2, de acordo coa seguinte desagregación:

2.1. Para as solicitudes das universidades do SUG:

– Pertenza da persoa candidata a un grupo con potencial de crecemento que contase con financiamento nalgunha das convocatorias de 2019 a 2021: 1 punto.

– Pertenza a un grupo de referencia competitiva que contase con financiamento nalgunha das convocatorias de 2018 a 2021: 2,5 puntos.

– Pertenza a un equipo de investigación dirixido por persoal investigador baixo a modalidade de investigador distinguido contratado pola Gain (programa Oportunius), ao abeiro do Decreto 64/2016 (DOG número 112, do 14 de xuño), polo que se regula o réxime de contratación pola Gain de persoal investigador baixo a modalidade de persoal investigador distinguido: 2,5 puntos.

– Pertenza a unha unidade de excelencia María de Maeztu acreditada pola Axencia Estatal de Investigación ou a un centro de excelencia Severo Ochoa, radicados en Galicia e con axuda vixente: 5 puntos.

– Pertenza a un centro de investigación recoñecido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no ano 2019: 5 puntos.

2.2. No caso de solicitudes presentadas polas demais entidades indicadas no artigo 2.1, o grupo de investigación ou equivalente en que se vai integrar a persoa candidata deberá cumprir algunha das seguintes condicións:

– Ter participado no desenvolvemento de proxectos concedidos pola Gain para a realización de actividades de I+D+i entre os anos 2018 e 2021: 1,5 puntos.

– Ter sido beneficiario de actividades financiadas pola Gain entre os anos 2018 e 2021: 3,5 puntos.

– Que forme parte do grupo de investigación unha persoa investigadora beneficiaria dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC): 3,5 puntos.

– Que algún membro do grupo teña sido a persoa investigadora principal dalgún proxecto concedido polo Plan nacional de I+D+i entre os anos 2018 e 2021. A entidade beneficiaria deste proxecto, ou proxectos, deberá ser a mesma que a entidade solicitante destas axudas: 4 puntos.

– Ter participado no desenvolvemento dalgún proxecto concedido polo Programa marco de I+D da Unión Europea, entre os anos 2018 e 2021, en que a entidade solicitante participara en calidade de socio: 4 puntos.

– Ter participado no desenvolvemento dalgún proxecto concedido polo Programa marco de I+D da Unión Europea, entre os anos 2018 e 2021, en que a entidade solicitante participara en calidade de líder: 5 puntos.

3. Estas puntuacións non son acumulativas, de maneira que no caso de que se cumpran condicións de máis dunha epígrafe soamente se puntuará pola de maior puntuación.

4. No informe da Comisión de Selección figurarán de xeito individualizado as entidades beneficiarias, xunto coa prelación das persoas candidatas a seren destinatarias das axudas, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios establecidos no anexo I e respectando en todo caso o establecido nos artigos 3.2 e 3.3.

5. Unha vez ordenadas tendo en conta o sinalado no parágrafo anterior, indicaranse as solicitudes das persoas candidatas que obterían a condición de bolseiras Fulbright por orde de puntuación final.

6. As persoas candidatas a obter a condición de bolseiras Fulbright serán convocadas a unha entrevista con representantes da Comisión Fulbright para aclarar os aspectos que a citada comisión considere oportunos co fin de ratificalas como bolseiras Fulbright.

7. Complementariamente, a Comisión de Selección incluirá no informe un total de 2 listas de agarda (unha por cada órgano instrutor), nas cales figurarán, por orde decrecente de puntuación, as solicitudes que non acaden a puntuación suficiente para seren adxudicatarias da axuda pero que teñan unha puntuación igual ou superior á mínima establecida pola Comisión de Selección. Cada unha das listas estará formada por un número equivalente ao 50 % das axudas concedidas por cada órgano instrutor, sempre que o número de solicitudes presentadas e que superen a avaliación o permita. Para a elaboración destas listas non se terán en conta as limitacións recollidas no artigo 3.2 desta convocatoria relativas á distribución por ramas de coñecemento.

8. En caso de igualdade de puntuación, aplicaranse os seguintes criterios de desempate:

1º. Prevalecerán as mulleres sobre os homes.

2º. A solicitude da persoa candidata que obteña maior puntuación na valoración do plan de traballo.

3º. A solicitude da persoa candidata que se comprometese a utilizar a lingua galega na memoria final da actividade.

4º. A solicitude da persoa candidata que obtivese con anterioridade o título de doutora ou doutor polo que foi avaliada.

9. A proposta de concesión elaborada polos órganos instrutores a partir do informe da Comisión de Selección así como, de ser o caso, as listas de agarda para posibles substitucións, poderanse publicar no enderezo da internet http://www.edu.xunta.gal (na epígrafe da Secretaría Xeral de Universidades) e http://gain.xunta.gal da Gain. Esta publicación terá só efectos informativos.

Artigo 13. Resolución de concesión das axudas

1. A competencia para resolver estas axudas correspóndelles conxuntamente á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e á persoa titular da Presidencia da Gain. Os órganos instrutores elevarán a proposta de resolución que incluirá, para cada entidade beneficiaria, a relación de persoas seleccionadas co importe da axuda concedida, as listas de agarda, de ser o caso, e a desestimación expresa do resto das solicitudes. Con cargo aos créditos da Secretaría Xeral de Universidades financiaranse as axudas correspondentes ás universidades do SUG e a Gain asumirá o financiamento das restantes entidades.

2. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (http://edu.xunta.gal) e da Gain (http://gain.xunta.gal), pola cal se entenderá notificada para todos os efectos ás persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no caso de solicitudes pertencentes ao SUG, e ante a persoa titular da Presidencia da Gain nos restantes casos, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

4. A resolución publicarase no prazo máximo de cinco meses desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes. A non resolución en prazo faculta as persoas interesadas para entenderen desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Aceptación da axuda

1. Unha vez asinada a resolución, as universidades beneficiarias deberán remitir á Secretaría Xeral de Universidades e as restantes entidades á Gain un escrito de aceptación da axuda no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG e vincularán as persoas seleccionadas aos seus organismos mediante a formalización do correspondente contrato.

2. Nos contratos deberá facerse referencia expresa:

a) Ao seu financiamento con cargo ao Programa de apoio á etapa de formación posdoutoral da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou da Gain, segundo o caso.

b) Á data de incorporación efectiva da persoa contratada ao seu posto de traballo.

c) Á retribución bruta anual, ao lugar de prestación de servizo e á duración do contrato, que deberá ser con dedicación a tempo completo.

3. A data de comezo dos contratos, que se establecerá na resolución de adxudicación das axudas, será en todo caso antes do 1 de outubro de 2022, agás para as persoas non comunitarias que poderá ser ata o 30 de decembro de 2022.

4. A non formalización do contrato dentro do prazo previsto considerarase unha renuncia tácita á axuda.

Artigo 16. Dereitos e obrigas

1. Son obrigas xerais da entidade beneficiaria, sen prexuízo das derivadas da relación laboral que se estableza:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Formalizar un contrato de traballo de duración determinada con dedicación a tempo completo coa persoa candidata seleccionada.

c) Proporcionarlles o apoio necesario e facilitarlles a utilización dos medios, instrumentos ou equipamentos que resultan precisos, para o normal desenvolvemento da súa actividade.

d) Garantirlles os dereitos e prestacións dos cales desfruta o persoal da entidade de similar categoría.

2. As persoas contratadas mediante estas axudas teñen as seguintes obrigas e dereitos:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Aterse ao réxime interno ou de funcionamento da institución en que desenvolvan as súas actividades, especialmente no relativo ás condicións de traballo e normas de prevención de riscos laborais.

c) Poderán recibir bolsas que se convoquen para cubrir algunha das accións formativas que van realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización). Nos períodos de estadía as persoas contratadas poderán recibir bolsas de axuda aos gastos de desprazamento e instalación sempre que sexan concordantes e coherentes co plan de estadías aprobado. Nestes casos, será preciso que a entidade beneficiaria presente na Secretaría Xeral de Universidades ou na Gain (segundo sexa o caso), para a súa autorización se procede, unha breve memoria descritiva da bolsa a que se opta asinada pola persoa contratada, xunto cun informe da persoa responsable ou coordinadora do grupo e outro da propia entidade en que estea contratada, con indicación expresa de que as ditas bolsas son compatibles co seu traballo e co contrato asinado.

d) Presentar a memoria final da actividade a que se fai referencia no artigo 23.3 da convocatoria.

3. O persoal investigador contratado ao abeiro destas axudas poderá prestar colaboracións complementarias en tarefas docentes, nos centros de destino durante os períodos de estadía ou na súa universidade, por un máximo de 30 horas anuais, por pedimento propio e coa aprobación dos respectivos centros, respectando en todo caso a normativa vixente de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

Esta colaboración realizarase en docencia de máster (preferiblemente) ou grao e non poderá supor a substitución da docencia do profesorado responsable da materia, e deberá facerse en coordinación e en paralelo co responsable docente. En ningún caso a persoa contratada con cargo a estas axudas poderá ser responsable ou coordinadora da materia.

4. As entidades beneficiarias e as persoas contratadas teñen como obriga específica de publicidade adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007. En concreto, as entidades beneficiarias das axudas, así como as persoas contratadas con cargo a elas, deberán facer constar o cofinanciamento das actuacións con fondos da Xunta de Galicia. Para isto, nas accións de difusión, así como nos resultados da produción científica e calquera outra acción que se realice ao abeiro destas axudas, deberá figurar expresamente o cofinanciamento das actuacións con fondos do Programa de axudas á etapa posdoutoral da Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou da Gain, segundo sexa o caso), que irá acompañado, sempre que sexa posible, do escudo normalizado da Xunta de Galicia. Ademais, as persoas investigadoras que obteñan a condición de bolseiras Fulbright e as entidades beneficiarias deberán facer mención a esta condición.

Artigo 17. Renuncia ás axudas, novas incorporacións e interrupcións

1. No caso de que se produza algunha renuncia ou outra causa de extinción da relación laboral, a entidade beneficiaria deberá comunicar a renuncia, mediante escrito motivado da persoa seleccionada, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades ou á Gain (segundo sexa o caso), nun prazo máximo de 15 días naturais desde que se produza. Deberase acompañar dun informe da entidade beneficiaria indicando se a persoa contratada desenvolveu unha actividade satisfactoria que permitise o seu perfeccionamento e especialización profesional durante a permanencia no programa.

2. Poderase adxudicar unha nova axuda de acordo coa prelación sinalada na lista de agarda, sempre e cando a renuncia se produza dentro do prazo de tres meses a partir da data de publicación da resolución de concesión. Para cubrir as renuncias seguirase a prelación das listas de agarda definidas no artigo 12, tendo en conta que soamente poderán ser cubertas coas solicitudes da lista de agarda do órgano instrutor en que se produzan. A persoa substituta quedará suxeita ás mesmas condicións durante o tempo de aproveitamento da axuda.

3. No caso de que se produza unha renuncia dunha persoa seleccionada que acadara a condición de bolseira Fulbright, terán preferencia sobre as que se incorporen da lista de agarda para obteren esta condición, por orde de puntuación, as persoas seleccionadas que cumpren as condicións para ser bolseiras Fulbright pero que non a acadaron por superar o número máximo establecido no artigo 3.

4. As persoas candidatas que accedan pola lista de agarda que cumpran as condicións para seren bolseiras Fulbright, terán esa condición sempre que non se supere o máximo de 10 para as universidades do SUG e de 2 para as demais entidades, establecido no artigo 3.

5. A competencia para adxudicar unha nova axuda correspóndelle á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou á persoa titular da Presidencia da Gain, segundo que as novas incorporacións procedan da lista de agarda da Secretaría Xeral de Universidades ou da Gain, respectivamente.

6. As entidades beneficiarias poderán solicitar a interrupción e a prórroga do prazo de execución da axuda correspondente ao tempo da suspensión dos contratos financiados cando estas suspensións se produzan polas seguintes causas:

a) Nacemento.

b) Adopción.

c) Garda con fins de adopción ou acollemento.

d) Risco durante o embarazo.

e) Risco durante a lactación natural de menores de nove meses.

f) Incapacidade temporal durante o embarazo por causas vinculadas con el.

g) Incapacidade temporal por causas distintas ás do punto anterior por un período mínimo dun mes.

h) As situacións previstas no artigo 45.1.n) do texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, como medida de protección das mulleres vítimas de violencia de xénero.

Cando se produza a suspensión do contrato pola concorrencia dalgunha destas situacións, as entidades beneficiarias poderán solicitar a interrupción e a prórroga do prazo de execución da axuda correspondente ao tempo de suspensión, no prazo de quince días hábiles desde que esa baixa se produza.

A interrupción e a prórroga ás cales se fai referencia no parágrafo anterior deberán ser autorizadas polo órgano instrutor correspondente, que poderá solicitar os informes que considere oportunos. A entidade correspondente deberá achegar o contrato ou o documento xustificativo da prórroga que cubra o dito período, no prazo dun mes desde a súa sinatura.

Cando se autorice a interrupción e a prórroga, non se considerarán subvencionables os gastos derivados da contratación en que poida incorrer a entidade beneficiaria (retribución salarial e cota patronal da Seguridade Social) durante o tempo de interrupción, polo que non se deben incluír nas certificacións de xustificación económica. A duración do contrato verase ampliada por un período idéntico ao da interrupción para os efectos previstos nesta convocatoria.

A autorización da interrupción e da prórroga da axuda en ningún caso supón un aumento da contía da axuda concedida inicialmente. Calquera incremento no pagamento da cota patronal da seguridade social como consecuencia do período prolongado será por conta da entidade contratante.

Artigo 18. Dotación orzamentaria

1. Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2022, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e en trámite parlamentario actualmente.

2. As axudas imputaranse ás aplicacións orzamentarias 10.20.561B.444.0, 06.A2.561A.403.0 e 06.A2.561A.481.0 correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, coa seguinte distribución por anos:

Entidade beneficiaria

Nº axudas

Aplicación orzamentaria

Crédito (en euros)

2022

2023

2024

2025

Total

Universidades do SUG

40

10.20.561B.444.0

826.666,80

2.360.000,00

2.020.000,00

853.333,20

6.060.000,00

Demais entidades indicadas no artigo 2.1

5

06.A2.561A.403.0

102.833,40

293.500,00

251.500,00

106.666,60

754.500,00

4

06.A2.561A.481.0

82.666,72

236.000,00

202.000,00

85.333,28

606.000,00

Total outras entidades

185.500,12

529.500,00

453.500,00

191.999,88

1.360.500,00

Total convocatoria

1.012.166,92

2.889.500,00

2.473.500,00

1.045.333,08

7.420.500,00

3. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade só financiará as axudas que correspondan ás universidades do SUG, as cales se imputarán ao plan galego de financiamento universitario para o período 2022-2026.

4. En cada organismo financiador a distribución de fondos e as aplicacións orzamentarias sinaladas son unha previsión que, de acordo co artigo 31 do Regulamento de subvencións de Galicia, se deberá axustar tras a valoración das solicitudes para adecuarse á proposta elaborada pola Comisión de Selección. Será posible incluso a incorporación de novas aplicacións sen incrementar o crédito total, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias.

5. Estas axudas, dado que están dirixidas a organismos de investigación de natureza pública ou privada sen ánimo de lucro e destinadas exclusivamente ao financiamento de actividades de I+D+i de carácter non económico, non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do número 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea e do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación, desenvolvemento e innovación (2014/C 198/01). En todo caso, as entidades beneficiarias quedan obrigadas a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativos a actuacións de I+D+i conforme o establecido no artigo 2 do devandito marco.

Artigo 19. Libramento da subvención

1. As entidades beneficiarias e contratantes das persoas seleccionadas serán as encargadas de presentar as xustificacións correspondentes adecuadas á normativa de aplicación e serán as perceptoras dos fondos para o pagamento dos contratos.

Soamente serán financiables os contratos das persoas investigadoras que permanezan un mínimo de tres meses no programa, polo que non hai ningún tipo de compromiso retributivo para aquelas persoas contratadas menos de tres meses.

2. Ao longo do período de execución da axuda concederanse adiantos que poderán alcanzar ata o 80 % da axuda concedida.

3. No primeiro ano de concesión, coa presentación por parte das entidades beneficiarias da aceptación da axuda e da solicitude de libramento xunto cos contratos de traballo das persoas seleccionadas, aboarase o importe correspondente á axuda concedida para ese exercicio segundo a resolución de concesión. Ademais, deberán achegar a seguinte documentación:

a) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social e no cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado e coa Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que a entidade solicitante se opoña á súa consulta ou, de ser o caso, non preste o consentimento expreso para a súa consulta.

b) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. Con data límite do 28 de febreiro de 2023, 2024 e 2025 deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa do adianto de fondos do ano anterior:

a) Unha certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento durante todo o período da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 30 de decembro, de medidas fiscais e administrativas

b) Certificados, de ser o caso, de ter realizado a estadía emitidos polos centros receptores. Debe indicarse expresamente os centros en que a persoa investigadora desenvolveu a súa estadía, as datas de inicio e fin e achegar unha memoria de actividade.

c) Certificado asinado polo órgano responsable de control da entidade onde conste a permanencia efectiva e a dedicación exclusiva da persoa investigadora ao programa.

d) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social e no cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado e coa Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que a entidade solicitante se opoña a que o órgano xestor solicite as certificacións que deban emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Axencia Tributaria de Galicia.

e) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

f) No caso de que se opoña á súa consulta, unha copia da vida laboral de cada persoa contratada durante o período de permanencia no programa. No caso de que a persoa contratada renunciase antes do remate do seu contrato, esta documentación presentarase transcorrido un mes desde a súa renuncia.

5. No primeiro semestre do segundo ano de execución da axuda aboarase a axuda concedida para ese ano segundo a resolución de concesión, tras a presentación por parte das entidades beneficiarias da solicitude de libramento e da documentación que se indica no punto 3 deste artigo.

6. No mes de xuño de 2024, as entidades beneficiarias deberán xustificar a aplicación dos fondos percibidos con motivo do desenvolvemento das axudas reguladas nesta orde cunha relación de todas as persoas contratadas con cargo a estas axudas, indicando expresamente os períodos de estadía desfrutados, a zona, o país ou países e os centros de destino onde se realizou. No caso de non ter finalizada a estadía, débese indicar se vai realizala e o marco temporal ou, de ser o caso, se renuncia a realizala.

7. Para o pagamento da última anualidade, con data límite do 15 de decembro de 2025 as entidades beneficiarias deberán achegar a solicitude de libramento e a documentación que se indica no punto 4 deste artigo.

8. Con independencia do anterior, as entidades beneficiarias comunicarán, nun período máximo de 15 días, as persoas que causen baixa no programa.

9. Para os casos de meses incompletos, o cálculo do importe do contrato e os seus custos sociais correspondente a esa fracción de mes realizarase dividindo o importe máximo anual entre 360 días e multiplicando o resultado polo número de días traballados nese mes.

O indicado no parágrafo anterior non se aplicará aos complementos por estadía, que só se aboarán se realiza o mes completo.

10. Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Réxime de compatibilidade

As entidades beneficiarias poderán compatibilizar as axudas reguladas nesta orde con outras axudas ou subvencións financiadas con fondos públicos ou privados que teñan unha finalidade análoga. De acordo coa normativa aplicable o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, ingresos e recursos, non poderá superar o custo da actividade subvencionada.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando a entidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá poñelo en coñecemento da Secretaría Xeral de Universidades ou da Gain (segundo sexa o caso).

Artigo 22. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga da entidade beneficiaria de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Control

1. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Gain poderán realizar as actividades de inspección que consideren oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. Así mesmo, poderán solicitar un informe ás entidades beneficiarias sobre a execución das axudas e o seu impacto, en particular, sobre as persoas contratadas mediante un seguimento destas durante os seis meses posteriores á finalización do contrato, que permita constatar cal é a súa situación laboral.

2. No mes de xuño de 2024 as entidades beneficiarias deberán presentar unha memoria da actividade desenvolvida ata o 15 de maio de 2024, na cal se describa o traballo realizado durante a vixencia do contrato e unha certificación por cada persoa investigadora contratada en que se indiquen os centros e períodos temporais onde efectivamente estiveron traballando ata esa data, asinada pola persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación ou equivalente.

3. Ao remate do contrato a entidade beneficiaria presentará unha memoria final da actividade de cada persoa contratada, de aproximadamente 2.000 palabras, na cal se describa o traballo realizado durante a duración do programa. O prazo para a súa presentación será dun mes desde a extinción do contrato de traballo.

No caso de persoas que abandonen o programa antes da finalización do contrato, deberán presentar unha memoria da actividade desenvolvida durante o tempo que permaneceron nel, xunto coa xustificación das estadías realizadas, no prazo dun mes desde que se produza a extinción da relación contractual.

Estas memorias deberán contar coa sinatura da persoa contratada e da persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación ou equivalente.

4. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos que teñan atribuídas facultades de control sobre estes fondos.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

A presente orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Disposición derradeira segunda. Recursos

Contra esta orde poderase recorrer mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou a persoa titular da Presidencia da Gain no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación
e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería
de Cultura, Educación e Universidade

Francisco Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro
de Economía, Empresa e Innovación
e presidente da Axencia Galega
de Innovación

ANEXO I

Criterios de avaliación

Criterios

Puntuación máxima

1 Publicacións de carácter científico: máximo 40 puntos.

1.1. Libros (con ISBN). A avaliación dos libros farase tendo en conta a calidade da editorial segundo o seu prestixio nacional ou internacional e o grao de exixencia e rigor científico nos procesos de selección dos traballos publicados.

40

1.2. Capítulos de libro (con ISBN). A avaliación de capítulos de libros farase tendo en conta a calidade da editorial segundo o seu prestixio nacional ou internacional e o grao de exixencia e rigor científico nos procesos de selección dos traballos publicados.

10

1.3. Publicacións en revistas científicas:

40

– Tipo A (revistas que aparecen no Science Citation Index, no Social Sciences Citation Index (SSCI), no Arts & Humanities Citation Index (AHCI) ou index equivalente no ámbito científico correspondente.

40

– Tipo B (revistas de prestixio non catalogadas como tipo A, que empregan un proceso de revisión de artigos, a través de censores externos).

10

– Tipo C (revistas de investigación non incluídas nas epígrafes anteriores).

1

2. Participación en proxectos, contratos de investigación e patentes: máximo 20 puntos.

2.1. Participación en proxectos de investigación autonómicos, nacionais e europeos e internacionais. A avaliación desta epígrafe prestará especial atención ás melloras do CV das persoas candidatas como consecuencia da súa participación nos diferentes proxectos.

20

– Proxectos europeos ou internacionais.

20

– Proxectos nacionais.

10

– Proxectos autonómicos.

5

2.2. Participación en contratos de investigación. A avaliación desta epígrafe prestará especial atención ás melloras do CV das persoas candidatas como consecuencia da súa participación nos diferentes contratos.

10

– Contratos con empresas.

10

– Contratos coa Administración.

5

– Informes técnicos e outros.

2,5

2.3. Patentes rexistradas ou en explotación.

10

– En explotación.

10

– Rexistradas.

2

3. Outros méritos académico-científicos das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas: máximo 10 puntos.

3.1. Estadías en universidades ou centros de investigación distintos daquela universidade ou institución en que se expediu o seu título de doutor/a.

Os comités de persoas expertas só deberán ter en consideración a relevancia científica do centro e da actividade ou actividades investigadoras, relacionadas coa rama de coñecemento e a área temática, levadas a cabo durante os períodos de estadía.

5

– Estadías posdoutorais.

4

– Estadías predoutorais.

2

3.2. Relatorios e comunicacións en congresos ou reunións científicas.

5

– Relatorios en congresos internacionais.

5

– Relatorios en congresos nacionais.

3

– Comunicacións en congresos internacionais.

2

– Comunicacións en congresos nacionais: máximo 1 punto.

1

3.3. Outros méritos académico-científicos das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas. Valoraranse aqueloutros méritos académico-científicos (dirección de teses, docencia, premios...), relacionados coa rama de coñecemento e a área temática, que non se atopen recollidos nas epígrafes anteriores.

5

4. Plan de estadía e de traballo propostos: máximo 30 puntos.

4.1. Relevancia científica dos centros de estadías propostos. Valorarase a relevancia científica de cada un dos centros propostos, e a complementariedade entre eles, para o desenvolvemento do plan de traballo da persoa candidata a ser destinataria da axuda.

Terase en consideración a relevancia internacional do centro ou centros propostos establecendo unha gradación segundo a súa adecuación.

Aínda que non é obrigatorio acudir a máis dun centro, o equipo avaliador poderá valorar positivamente que a persoa candidata considere esta posibilidade, sempre que a complementariedade de centros supoña un elemento de mellora do plan de estadías, e nese sentido poderano reflectir na avaliación.

16

– Pouco adecuado.

4

– Adecuado.

De 4,1 a 8

– Moi adecuado.

De 8,1 a 12

– Excelente.

De 12,1 a 16

4.2. Plan de traballo que se vai desenvolver durante a totalidade do programa. Valorarase a calidade, coherencia e viabilidade do plan de traballo en relación coa súa temática e cos obxectivos que se pretenden alcanzar.

14

Puntuación total máxima

100

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file