Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 31 de xaneiro de 2022 Páx. 5997

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

EXTRACTO da Orde do 31 de decembro de 2021, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (códigos de procedemento ED481B e IN606B).

BDNS (Identif.): 607415.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index):

Primeiro. Beneficiarios

As universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) radicados en Galicia, sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.

Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que cumpran na data límite de presentación de solicitudes as condicións que se indican no artigo 2 da convocatoria.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta convocatoria é outorgar axudas ás universidades do SUG, aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores que obtiveron recentemente o título de doutor ou doutora para a súa formación nos seus centros, unidades ou departamentos, permitindo a mellora das súas capacidades mediante estadías de investigación posdoutoral no estranxeiro ou, en casos excepcionais, en centros de I+D+i de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

As solicitudes que propoñan persoas candidatas de nacionalidade española que presenten un plan de estadías de polo menos 12 meses en EUA optarán a contar co apoio da Comisión Fulbright e ter a condición de bolseiras Fulbright.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 7.420.500 euros, para os anos 2022, 2023, 2024 e 2025.

Convócanse 49 axudas (40 para as universidades do SUG e 9 para o resto de entidades beneficiarias), dun máximo de tres anos de duración. O importe de cada axuda inclúe os seguintes conceptos:

1. Un total de 32.000 euros brutos anuais en concepto de salario e custos sociais.

2. Un complemento por cada mes de estadía de:

a) 1.000 euros se o destino da estadía está en Portugal ou Andorra (zona 1).

b) 1.500 euros se o destino da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América, agás EUA e Canadá (zona 2).

c) 2.000 euros se o destino da estadía está en EUA, Canadá, Asia ou Oceanía (zona 3).

3. Un total de 500 euros brutos mensuais durante cada período de estadía en EUA para as solicitudes de aquelas persoas investigadoras que acaden a condición de bolseiras Fulbright.

4. Un complemento anual por axuda de 1.500 €, destinado ás entidades beneficiarias para cubriren os gastos asociados á contratación.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación
e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería
de Cultura, Educación e Universidade

Francisco Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro
de Economía, Empresa e Innovación
e presidente da Axencia Galega
de Innovación