Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 11 de febreiro de 2022 Páx. 10574

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 25 de xaneiro de 2022 pola que se actualiza a normativa de avaliación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato no sistema educativo de Galicia.

A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece na súa disposición derradeira quinta o seu calendario de implantación, que recolle que ao inicio do curso seguinte á entrada en vigor da lei se implantarán as modificacións introducidas na avaliación e nas condicións de promoción das diferentes etapas educativas e as modificacións introducidas nas condicións de titulación da educación secundaria obrigatoria, dos ciclos formativos de grao básico e do bacharelato.

O Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, regularon aspectos referidos á avaliación, á promoción e, de ser o caso, á titulación para as etapas educativas de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

A Orde do 9 de xuño de 2016 pola que se regula a avaliación e a promoción do alumnado que cursa educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia regulou aspectos referidos á avaliación e á promoción do alumnado de educación primaria, segundo os principios establecidos no Decreto 105/2014, do 4 de setembro.

A Orde do 21 de decembro de 2007 pola que se regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia regulou os elementos precisos para levar a cabo a avaliación do proceso de aprendizaxe, a promoción e a titulación do alumnado da educación secundaria obrigatoria.

A Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia regulou aspectos sobre a avaliación, a promoción e a titulación do alumnado no bacharelato.

A Orde do 5 de maio de 2011 pola que se regulan determinados aspectos relativos ao desenvolvemento do bacharelato e se complementa a normativa sobre esta etapa complementou, entre outros, certos aspectos normativos da avaliación no bacharelato.

En desenvolvemento das referidas modificacións introducidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o Real decreto 984/2021, do 16 de novembro, estableceu, entre outras, a avaliación e a promoción na educación primaria, así como a avaliación, a promoción e a titulación en educación secundaria obrigatoria e en bacharelato.

En consecuencia, procede actualizar a normativa relativa á avaliación, á promoción e, de ser o caso, á titulación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato que resulten de aplicación ata a implantación das modificacións introducidas pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no currículo, na organización e nos obxectivos e nos programas de cada unha desas etapas, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade con todo o exposto e no exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e de acordo co establecido no Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, por proposta da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto actualizar a normativa sobre a avaliación e a promoción na educación primaria, así como sobre a avaliación, a promoción e a titulación na educación secundaria obrigatoria e no bacharelato.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta orde será de aplicación nos centros docentes correspondentes ao ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia en que se impartan as ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato.

Artigo 3. Carácter da avaliación

1. A avaliación ten como finalidade a valoración dos procesos e dos resultados de aprendizaxe do alumnado, e do exercicio da práctica docente.

2. O profesorado avaliará tanto as aprendizaxes do alumnado como os procesos de ensino e a súa propia práctica docente, para o cal establecerá indicadores de logro nas programacións docentes.

3. Co fin de garantir o dereito do alumnado a unha avaliación obxectiva e a que a súa dedicación, o seu esforzo e o seu rendemento sexan valorados e recoñecidos con obxectividade, estarase ao disposto na Orde do 2 de marzo de 2021 pola que se regula o dereito do alumnado á obxectividade na avaliación e se establece o procedemento de reclamación das cualificacións obtidas e das decisións de promoción e obtención do título académico que corresponda, en educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

Artigo 4. Atención ás diferenzas individuais na avaliación

1. Os centros aplicarán as medidas máis adecuadas para que as condicións de realización dos procesos asociados á avaliación se adapten ás circunstancias do alumnado con necesidade específica de apoio educativo, de acordo coa Orde do 8 de setembro de 2021 pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. Estas adaptacións en ningún caso se terán en conta para minorar as cualificacións obtidas polo alumnado.

2. Para permitir a valoración obxectiva de todo o alumnado promoverase o uso xeneralizado de instrumentos de avaliación variados, diversos e adaptados ás distintas situacións de aprendizaxe.

3. Cando as circunstancias persoais da alumna ou do alumno con necesidades educativas especiais o aconsellen, para a consecución dos obxectivos do ensino básico, este alumnado poderá prolongar un curso adicional a súa escolarización. Estas circunstancias poderán ser permanentes ou transitorias e deberán estar suficientemente acreditadas polos servizos de orientación.

CAPÍTULO II

Educación primaria

Artigo 5. Avaliación

1. A avaliación da aprendizaxe do alumnado levarase a cabo tomando como referentes para a valoración do grao de adquisición das competencias e do logro dos obxectivos da etapa os criterios de avaliación e, de ser o caso, os estándares de aprendizaxe que se recollen no Decreto105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os referentes da avaliación no caso do alumnado con adaptación curricular serán os incluídos na devandita adaptación, sen que isto poida impedirlle a promoción ao curso ou á etapa seguinte.

3. A avaliación do alumnado será continua e global, e terá en conta o seu progreso no conxunto dos procesos de aprendizaxe.

4. No contexto deste proceso de avaliación continua, cando o progreso dunha alumna ou dun alumno non sexa o axeitado estableceranse medidas de reforzo educativo. Estas medidas adoptaranse en calquera momento do curso, tan pronto como se detecten as dificultades, con especial seguimento da situación do alumnado con necesidades educativas especiais, e estarán dirixidas a garantir a adquisición das aprendizaxes imprescindibles para continuar o proceso educativo.

5. A avaliación das competencias clave está integrada na avaliación dos procesos de aprendizaxe do alumnado, na medida en que ser competente supón mobilizar os coñecementos, as destrezas, as actitudes e os valores para dar resposta ás situacións expostas, dotar de funcionalidade as aprendizaxes e aplicar o que se aprende desde unha formulación integradora.

6. Na valoración do desenvolvemento das competencias do alumnado teranse en consideración, de ser o caso, os estándares de aprendizaxe das diferentes áreas que se relacionan cunha mesma competencia, os cales conforman o perfil desa competencia.

Artigo 6. Promoción

1. Ao finalizar os cursos segundo, cuarto e sexto da etapa, e como consecuencia do proceso de avaliación, o equipo docente do grupo, na sesión de avaliación final, decidirá sobre a promoción do alumnado. A decisión será adoptada de xeito colexiado, tendo en conta os criterios de promoción e tomando especialmente en consideración a información e o criterio do profesorado titor. A promoción no resto de cursos da etapa será automática.

2. O alumnado que acade a promoción de curso con algunha área con cualificación negativa recibirá os apoios necesarios para recuperar as aprendizaxes que non alcanzara o curso anterior.

3. O alumnado que non acade a promoción permanecerá un ano máis no mesmo curso. A permanencia no mesmo curso considerarase unha medida de carácter excepcional e tomarase se, tras aplicar as medidas ordinarias suficientes, adecuadas e personalizadas para atender o desfasamento curricular ou as dificultades de aprendizaxe da alumna ou do alumno, o equipo docente considera que a permanencia un ano máis no mesmo curso é a medida máis adecuada para favorecer o seu desenvolvemento. Nese caso, o equipo docente organizará un plan específico de reforzo para que, durante ese curso, a alumna ou o alumno poida alcanzar o grao de adquisición das competencias correspondentes. Esta decisión só poderá adoptarse unha vez durante a etapa, oídas as nais, os pais ou as persoas que exerzan a titoría legal, e terá, en todo caso, carácter excepcional.

4. Para a elaboración e o seguimento do plan específico de reforzo, a que se refire o punto anterior, seguirase o establecido no artigo 50 da Orde do 8 de setembro de 2021, pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

5. Ao finalizar os cursos segundo e cuarto da etapa o profesorado titor emitirá un informe sobre o grao de adquisición das competencias de cada alumna ou alumno, indicando, de ser o caso, as medidas de reforzo que se deben prever no ciclo seguinte.

6. Co fin de garantir a continuidade do proceso de formación do alumnado, cada alumna ou alumno disporá ao finalizar a etapa dun informe elaborado pola súa titora ou polo seu titor sobre a súa evolución e o grao de adquisición das competencias desenvolvidas. No caso de alumnado con necesidades educativas especiais, o informe deberá reflectir as adaptacións e medidas adoptadas, e a súa necesidade de continuidade na seguinte etapa escolar.

CAPÍTULO III

Educación secundaria obrigatoria

Artigo 7. Avaliación

1. A avaliación da aprendizaxe do alumnado levarase a cabo tomando como referentes para a comprobación do grao de adquisición das competencias e do logro dos obxectivos da etapa os criterios de avaliación e, de ser o caso, os estándares de aprendizaxe que se recollen no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os referentes da avaliación no caso do alumnado con adaptación curricular serán os incluídos na devandita adaptación, sen que isto poida impedirlle a promoción ao seguinte curso ou a obtención do título de graduado ou graduada en educación secundaria obrigatoria.

3. A avaliación do proceso de aprendizaxe do alumnado de educación secundaria obrigatoria será continua, formativa e integradora.

4. No contexto do proceso de avaliación continua, cando o progreso dunha alumna ou dun alumno non sexa o adecuado, estableceranse medidas de reforzo educativo. Estas medidas adoptaranse en calquera momento do curso, tan pronto como se detecten as dificultades, con especial seguimento da situación do alumnado con necesidades educativas especiais, e estarán dirixidas a garantir a adquisición das aprendizaxes imprescindibles para continuar o proceso educativo.

5. A avaliación das aprendizaxes das alumnas e dos alumnos terá un carácter formativo e será un instrumento para a mellora tanto dos procesos de ensino como dos procesos de aprendizaxe.

6. A avaliación do proceso de aprendizaxe do alumnado deberá ser integradora e deberán terse en conta como referentes últimos, desde todas e cada unha das materias ou ámbitos, a consecución dos obxectivos establecidos para a etapa e o desenvolvemento das competencias correspondentes. O carácter integrador da avaliación non impedirá que o profesorado realice de xeito diferenciado a avaliación de cada materia ou ámbito tendo en conta os seus criterios de avaliación e, de ser o caso, os estándares de aprendizaxe de cada unha delas.

7. Ao longo de cada curso realizaranse para cada grupo tres sesións de avaliación parciais. Así mesmo, farase o seguimento da recuperación das materias ou dos ámbitos pendentes, se for o caso. A derradeira destas tres avaliacións realizarase nas datas que se determinen na norma que estableza o calendario escolar para cada curso.

8. O período abranguido entre a terceira avaliación parcial e a avaliación final dedicarase a actividades de apoio, reforzo, recuperación, ampliación e titoría. Nese sentido, para o alumnado que teña materias ou ámbitos con partes sen superar logo de realizada a terceira avaliación parcial, o equipo docente realizará un breve informe de avaliación individualizado que debe servir de base para o deseño das correspondentes actividades de recuperación. A cualificación definitiva das materias ou dos ámbitos farase efectiva na avaliación final de curso.

9. Na avaliación final de cada curso realizarase unha valoración das competencias clave. Os resultados expresaranse nos termos de insuficiente (IN), para as cualificacións negativas, e suficiente (SU), ben (BE), notable (NT) ou sobresaliente (SB), para as cualificacións positivas.

10. A persoa titora recollerá en acta, para cada sesión de avaliación, as decisións e os acordos acadados referidos a cada alumna e alumno, e ao grupo no seu conxunto.

11. As decisións adoptadas polo equipo docente irán referidas á promoción e á titulación do alumnado, ás medidas de atención á diversidade e a todas as que incidan no proceso educativo do alumnado. De non existir unanimidade no equipo docente, a toma de decisións requirirá o acordo favorable da maioría simple dos seus membros.

Artigo 8. Promoción

1. Ao finalizar cada un dos cursos da etapa e como consecuencia do proceso de avaliación, o equipo docente da alumna ou do alumno, na sesión de avaliación final, decidirá sobre a súa promoción. A decisión será adoptada de xeito colexiado, atendendo á consecución dos obxectivos, ao grao de adquisición das competencias establecidas e á valoración das medidas que favorezan o progreso da alumna ou do alumno, e tendo en conta os criterios de promoción.

2. Para os efectos do disposto no punto anterior, acadará a promoción dun curso a outro o alumnado que superase as materias ou os ámbitos cursados ou teña avaliación negativa nunha ou dúas materias, considerándose para o cómputo as materias non superadas do propio curso e as de cursos anteriores. Ademais de nos casos anteriores, o equipo docente poderá decidir a promoción dunha alumna ou dun alumno, sempre que se cumpran tamén todas as condicións seguintes:

a) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias en que estea matriculada ou matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.

b) Que o equipo docente considere que a natureza das materias non superadas lle permite seguir con éxito o curso seguinte.

c) Que o equipo docente considere que ten expectativas favorables de recuperación.

d) Que o equipo docente considere que a devandita promoción beneficiará a súa evolución académica.

3. O alumnado que acade a promoción de curso con materias sen superar deberá seguir un plan de reforzo en cada unha desas materias, destinado á súa recuperación e á súa superación.

4. Para a elaboración e o seguimento do plan de reforzo a que se refire o punto anterior, seguirase o establecido no artigo 51 da Orde do 8 de setembro de 2021, pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

5. O alumnado que non acade a promoción permanecerá un ano máis no mesmo curso. A permanencia no mesmo curso considerarase unha medida de carácter excepcional e tomarase logo de esgotar as medidas ordinarias de reforzo e apoio para superar as dificultades de aprendizaxe da alumna ou do alumno. En todo caso, a permanencia no mesmo curso planificarase de maneira que as condicións curriculares se adapten ás necesidades do alumnado e estean orientadas á superación das dificultades detectadas, así como ao avance e ao afondamento nas aprendizaxes xa adquiridas. Estas condicións recolleranse nun plan específico personalizado con cantas medidas se consideren adecuadas para este alumnado.

6. Para a elaboración e o seguimento do plan específico personalizado a que se refire o punto anterior, seguirase o establecido no artigo 52 da Orde do 8 de setembro de 2021, pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

7. En todo caso, a alumna ou o alumno poderá permanecer no mesmo curso unha soa vez, e dúas veces como máximo ao longo do ensino obrigatorio. De xeito excepcional poderase permanecer un ano máis no cuarto curso, aínda que se esgotase o máximo de permanencia, sempre que o equipo docente considere que esta medida favorece a adquisición das competencias establecidas para a etapa. Neste caso poderase prolongar un ano o límite de idade a que se refire o artigo 4.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 9. Consello orientador

1. Ao finalizar o segundo curso entregaráselles aos pais, ás nais ou ás persoas que teñan a titoría legal de cada alumna ou alumno un consello orientador. Este consello incluirá un informe sobre o grao de logro dos obxectivos e de adquisición das competencias correspondentes, así como unha proposta a pais, nais ou titores ou titoras legais, ou, de ser o caso, á alumna ou ao alumno, da opción que se considere máis adecuada para continuar a súa formación, que poderá incluír a incorporación a un programa de diversificación curricular ou a un ciclo formativo de grao básico.

2. Igualmente, ao finalizar a etapa ou, de ser o caso, ao concluír a súa escolarización, todo o alumnado recibirá un consello orientador individualizado que incluirá unha proposta sobre a opción ou as opcións académicas, formativas ou profesionais que se consideran máis convenientes. Este consello orientador terá por obxecto que todo o alumnado atope unha opción adecuada para o seu futuro formativo.

3. Ademais de nos casos anteriores, cando o equipo docente considere conveniente propor a pais, nais, titores ou titoras legais, ou á alumna ou ao alumno a súa incorporación a un ciclo formativo de grao básico ou a un programa de diversificación curricular, ou ao primeiro curso dun programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento, nalgún outro curso en que resulte de aplicación, a devandita proposta formularase a través dun consello orientador que se emitirá con esa única finalidade.

4. Este consello orientador elaborarao o profesorado titor, logo da información recollida na sesión de avaliación final e co asesoramento do departamento de orientación. Levará a sinatura do profesorado titor e da persoa que exerza a xefatura do departamento de orientación, e o visto e prace da dirección do centro docente. O consello orientador incluirase no expediente da alumna ou do alumno.

Artigo 10. Título de graduado en educación secundaria obrigatoria

1. Ao finalizar o cuarto curso da etapa e como consecuencia do proceso de avaliación, o equipo docente da alumna ou do alumno, na sesión de avaliación final, decidirá sobre a súa titulación. A decisión será adoptada de xeito colexiado, atendendo á adquisición das competencias establecidas e á consecución dos obxectivos da etapa, sen prexuízo do establecido no artigo 7.2 desta orde, e tendo en conta os criterios de titulación.

2. Para os efectos do disposto no punto anterior, obterá o título de graduado en educación secundaria obrigatoria o alumnado que supere todas as materias ou ámbitos cursados. Ademais de no caso anterior, o equipo docente poderá decidir a obtención do título por parte dunha alumna ou dun alumno, sempre que se cumpran tamén todas as condicións seguintes:

a) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias en que estea matriculada ou matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.

b) Que a xuízo do equipo docente a alumna ou o alumno adquirise as competencias establecidas.

c) Que a xuízo do equipo docente a alumna ou o alumno alcanzase os obxectivos da etapa.

3. O título de graduado en educación secundaria obrigatoria será único e expedirase sen cualificación.

4. As alumnas e os alumnos recibirán, ao concluíren a súa escolarización na educación secundaria obrigatoria, unha certificación oficial en que constará o número de anos cursados e o nivel de adquisición das competencias da etapa.

5. O alumnado que, logo de finalizado o proceso de avaliación do cuarto curso de educación secundaria obrigatoria, non obteña o título e supere os límites de idade establecidos no artigo 4.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, tendo en conta así mesmo a prolongación excepcional da permanencia na etapa que prevé a propia lei no artigo 28.5, poderao facer nos dous cursos seguintes a través da realización de probas ou actividades personalizadas extraordinarias das materias que non superase, de acordo co currículo establecido e coa organización e instrucións que dispoña a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

Artigo 11. Obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria desde a formación profesional básica

A superación da totalidade dos módulos incluídos nun ciclo de formación profesional básica conducirá á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

Artigo 12. Matrícula de honra

1. As alumnas e os alumnos que, logo da avaliación final do cuarto curso, obtivesen unha nota media do cuarto curso igual ou superior a nove puntos poderán recibir a mención de matrícula de honra. A devandita mención poderá concederse, como máximo, a un número de alumnas ou alumnos igual ao enteiro máis próximo ao 5 % do total de alumnado matriculado no centro docente no cuarto curso.

En todo caso, cando no centro docente o total de alumnado matriculado no cuarto curso de educación secundaria obrigatoria sexa inferior a vinte, poderá concederse unha mención de matrícula de honra.

2. A obtención da mención de matrícula de honra será consignada nos documentos de avaliación da alumna ou do alumno.

3. Os criterios para a concesión das mencións de matrícula de honra ao alumnado serán previamente acordados e establecidos na concreción curricular do centro, e deben ser obxectivos e públicos.

CAPÍTULO IV

Bacharelato

Artigo 13. Avaliación

1. A avaliación da aprendizaxe do alumnado levarase a cabo tomando como referentes para a comprobación do grao de adquisición das competencias e do logro dos obxectivos da etapa os criterios de avaliación e, de ser o caso, os estándares de aprendizaxe que se recollen no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A avaliación da aprendizaxe do alumnado será continua e diferenciada segundo as distintas materias, terá un carácter formativo e será un instrumento para a mellora tanto dos procesos de ensino como dos procesos de aprendizaxe.

3. O profesorado de cada materia decidirá, ao termo do curso, se a alumna ou o alumno logrou os obxectivos e alcanzou o adecuado grao de adquisición das competencias correspondentes.

4. O alumnado que non supere algunha materia, logo da avaliación final do período ordinario, coa finalidade de lle facilitar a súa recuperación, terá dereito a realizar unha proba extraordinaria nas datas que se determinen na norma que estableza o calendario escolar para cada curso.

5. Ao longo de cada curso realizaranse para cada grupo tres sesións de avaliación parciais. Así mesmo, farase o seguimento da recuperación das materias pendentes, se for o caso. A derradeira destas tres sesións poderá coincidir coa avaliación final do período ordinario. Haberá, así mesmo, unha sesión de avaliación logo da realización das probas extraordinarias. As avaliacións finais ordinaria e extraordinaria realizaranse nas datas que se determinen na norma que estableza o calendario escolar para cada curso.

6. No segundo curso de bacharelato, no período abranguido desde a realización da avaliación final ordinaria ata as datas de celebración das probas extraordinarias, o centro educativo organizará a impartición das clases co fin de preparar o alumnado para a realización da avaliación de acceso á universidade e das probas extraordinarias.

No primeiro curso de bacharelato, o período abranguido desde a realización da avaliación final ordinaria ata o remate do período lectivo dedicarase á preparación e á realización das probas extraordinarias, e a actividades de apoio, reforzo, recuperación, ampliación e titoría.

7. Os resultados da avaliación das materias expresaranse mediante cualificacións numéricas de cero a dez sen decimais e consideraranse negativas as cualificacións inferiores a cinco. Cando o alumnado non se presente ás probas extraordinarias consignarase non presentado/a (NP).

8. A persoa titora recollerá en acta, para cada sesión de avaliación, as decisións e os acordos acadados referidos a cada alumna e alumno, e ao grupo no seu conxunto.

9. As decisións adoptadas polo equipo docente irán referidas á promoción e á titulación do alumnado, ás medidas de atención á diversidade e a todas as que incidan no proceso educativo do alumnado. De non existir unanimidade no equipo docente, a toma de decisións requirirá o acordo favorable da maioría simple dos seus membros.

Artigo 14. Promoción

1. Ao finalizar o primeiro curso da etapa e como consecuencia do proceso de avaliación, o equipo docente de cada alumna ou alumno adoptará a decisión sobre a súa promoción ao segundo curso.

2. As alumnas e os alumnos acadarán a promoción de primeiro a segundo de bacharelato cando superen as materias cursadas ou teñan avaliación negativa en dúas materias como máximo.

Para os efectos deste punto, só se computarán as materias que como mínimo a alumna ou o alumno deben cursar en cada un dos bloques. No bloque de materias de libre configuración autonómica só se computará Lingua Galega e Literatura, con independencia de que as alumnas e os alumnos poidan cursar máis materias do devandito bloque.

3. O alumnado que acade a promoción ao segundo curso con materias pendentes deberá matricularse delas e cursalas ao longo do curso. Os centros educativos organizarán as consecuentes actividades de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes tendo en conta que a avaliación destas materias terá que ser anterior á das materias de segundo curso.

4. As alumnas e os alumnos do primeiro curso de bacharelato que non cumpran as condicións de promoción establecidas deberán matricularse de todas as materias e repetir o curso na súa totalidade.

5. A superación das materias de segundo curso que se indican no anexo VI do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, estará condicionada á superación das correspondentes materias de primeiro curso indicadas no devandito anexo, por implicar continuidade.

Non obstante, o alumnado poderá matricularse de materias troncais de opción ou específicas de segundo curso sen cursar a correspondente materia de primeiro curso, sempre que o profesorado que a imparta considere que a alumna ou o alumno reúne as condicións necesarias para poder seguir con aproveitamento a materia de segundo. En caso contrario, deberá cursar a materia de primeiro curso, que terá a consideración de materia pendente, aínda que non será computable para os efectos de modificar as condicións en que acadou a promoción a segundo.

6. As alumnas e os alumnos que ao termo do segundo curso tivesen avaliación negativa nalgunhas materias poderán matricularse delas sen necesidade de cursar de novo as materias superadas ou poderán optar, así mesmo, por repetir o curso completo. Neste último caso, non se manterán as cualificacións das materias do devandito curso que a alumna ou o alumno tivera superado previamente.

Artigo 15. Título de bacharel

1. O título de bacharel acredita o logro dos obxectivos establecidos para a etapa e a adquisición das competencias correspondentes.

2. Para obter o título de bacharel cumprirá a avaliación positiva en todas as materias dos dous cursos de bacharelato.

3. Excepcionalmente, o equipo docente poderá decidir a obtención do título de bacharel por unha alumna ou un alumno que superase todas as materias agás unha, sempre que se cumpran ademais todas as condicións seguintes:

a) Que o equipo docente considere que a alumna ou o alumno alcanzou as competencias e os obxectivos vinculados a ese título.

b) Que non se produciu unha inasistencia continuada e non xustificada por parte da alumna ou do alumno na materia.

c) Que a alumna ou o alumno se presentou ás probas e realizou as actividades necesarias para a súa avaliación, incluídas as da convocatoria extraordinaria.

d) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias da etapa cursadas que como mínimo se requiran para a obtención do título pola modalidade pola que se remata sexa igual ou superior a cinco. Neste caso, para os efectos do cálculo considerarase a nota numérica obtida na materia non superada.

4. O título de bacharel será único e expedirase con expresión da modalidade cursada e da nota media obtida, que se obterá calculando a media aritmética das cualificacións de todas as materias cursadas, expresada nunha escala de 0 a 10 con dous decimais, redondeada á centésima.

5. Para os efectos do cálculo da nota media para o alumnado que cambia de modalidade ou de materia en segundo curso, só se terán en conta as cualificacións das materias cursadas que como mínimo se requiran para a obtención do título pola modalidade pola que se remata.

Artigo 16. Obtención do título de bacharel desde outras ensinanzas

1. O alumnado que teña o título de técnica ou técnico en formación profesional poderá obter o título de bacharel pola superación das seguintes materias:

a) Filosofía.

b) Historia de España.

c) Lingua Castelá e Literatura I e II.

d) Lingua Galega e Literatura I e II.

e) Primeira Lingua Estranxeira I e II.

2. Ademais das citadas no punto anterior, cumprirá que este alumnado teña superadas as seguintes materias, en función da modalidade do título que desexe obter:

− Modalidade de Ciencias: Matemáticas I e II.

− Modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais:

• Para o itinerario de Humanidades, Latín I e II.

• Para o itinerario de Ciencias Sociais, Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais I e II.

− Modalidade de Artes: Fundamentos da Arte I e II.

3. Tamén poderá obter o título de bacharel na modalidade de Artes o alumnado que teña o título de técnica ou técnico en Artes Plásticas e Deseño, e o alumnado que superara as ensinanzas profesionais de Música ou de Danza, e supere as materias establecidas no punto 1 deste artigo, e as correspondentes á citada modalidade conforme o punto 2.

4. A nota que figurará no título de bacharel deste alumnado deducirase da seguinte ponderación:

a) O 60 % da media das cualificacións obtidas nas materias cursadas en bacharelato. Para estes efectos, só se terán en conta as cualificacións das materias cursadas a que se refiren os puntos 1 e 2 deste artigo, que como mínimo se requiran para a obtención do título pola modalidade pola que se remata.

b) O 40 % da nota media obtida nas ensinanzas mediante as que se accede á obtención do título, calculada conforme o establecido nos seus respectivos reais decretos de ordenación.

Artigo 17. Obtención do título de bacharel polo réxime de persoas adultas

1. As alumnas e os alumnos que cursen o bacharelato polo réxime para persoas adultas obterán o título sempre que obtivesen avaliación positiva en todas as materias dos dous cursos de bacharelato, ou en todas as materias agás unha. Neste último caso, deberanse reunir as condicións seguintes:

a) Que o equipo docente considere que a alumna ou o alumno alcanzou as competencias e os obxectivos vinculados a ese título.

b) Que non se produciu un abandono da materia por parte da alumna ou do alumno, conforme os criterios establecidos por parte dos centros no marco do disposto pola consellería con competencias en materia de educación.

c) Que a alumna ou o alumno se presentou a todas as probas e realizou todas as actividades necesarias para a súa avaliación, incluídas as da convocatoria extraordinaria.

d) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias da etapa sexa igual ou superior a cinco.

2. Así mesmo, o alumnado que curse estas ensinanzas e se atope en posesión dalgún dos títulos a que se refire o artigo 16 desta orde poderá obter o título de bacharel mediante o procedemento previsto no citado artigo.

Artigo 18. Matrícula de honra

1. O alumnado que, logo da avaliación final ordinaria do segundo curso, obtivese unha nota media do segundo curso igual ou superior a nove puntos poderá recibir a mención de matrícula de honra. A devandita mención poderá concederse, como máximo, a un número de alumnas ou alumnos igual ao enteiro máis próximo ao 5 % do total de alumnado matriculado no centro docente no segundo curso.

En todo caso, cando no centro docente o total de alumnado matriculado no segundo curso de bacharelato sexa inferior a vinte, poderá concederse unha distinción de matrícula de honra.

2. A obtención da mención de matrícula de honra será consignada nos documentos de avaliación da alumna ou do alumno.

3. Os criterios para a concesión das mencións de matrícula de honra ao alumnado serán previamente acordados e establecidos na concreción curricular do centro, e deben ser obxectivos e públicos.

Disposición adicional primeira. Programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento

1. A avaliación do alumnado nos ámbitos que conforman o programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento terá como referente fundamental as competencias e os obxectivos da educación secundaria obrigatoria, así como os criterios de avaliación e, de ser o caso, os estándares de aprendizaxe avaliables das materias que conforman os ámbitos. Esta avaliación será continua e diferenciada, segundo os ámbitos do programa e as materias.

2. O alumnado que curse no 2021-2022 o terceiro curso de educación secundaria obrigatoria nun programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento acadará a promoción ao cuarto curso se cumpre as condicións de promoción que se establecen no artigo 8 desta orde para a educación secundaria obrigatoria.

3. O alumnado que no 2021-2022 cursase o segundo curso de educación secundaria obrigatoria nun programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento poderá incorporarse de xeito automático ao primeiro curso dun programa de diversificación curricular no curso 2022-2023. Así mesmo, poderao facer quen finalizase o terceiro curso de educación secundaria obrigatoria nun programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento e non estea en condicións de acadar a promoción a cuarto curso, sempre que a incorporación ao programa lle permita obter o título dentro dos límites de idade establecidos no artigo 4.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, tendo en conta así mesmo a prolongación excepcional da permanencia na etapa que prevé a propia lei no artigo 28.5.

4. O equipo docente poderá propor que, para o curso 2022-2023, se incorporen ao primeiro curso dun programa de mellora de aprendizaxe e do rendemento as alumnas e os alumnos que finalicen o primeiro curso de educación secundaria obrigatoria no curso 2021-2022 e que, repetindo algunha vez con anterioridade, non estean en condicións de acadar a promoción a segundo, se se estima que esta medida pode resultar conveniente para o seu progreso educativo. No curso 2023-2024 este alumnado poderá incorporarse de xeito automático ao primeiro curso dun programa de diversificación curricular.

Disposición adicional segunda. Programas de diversificación curricular

1. A incorporación aos programas de diversificación curricular rexerase polo establecido no artigo 61 da Orde do 8 de setembro de 2021, pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. Ademais do anterior, tamén se poderá incorporar aos programas de diversificación curricular o alumnado que curse a educación secundaria obrigatoria nun programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento durante os cursos 2021-2022 e 2022-2023, nos termos que se recollen nos puntos 3 e 4 da disposición adicional primeira desta orde.

Disposición adicional terceira. Supervisión do proceso de avaliación

Correspóndelle ao Servizo Territorial de Inspección Educativa asesorar e supervisar os procesos de avaliación que desenvolvan os centros docentes.

Disposición transitoria primeira. Obtención do título de bacharel nas modalidades de Ciencias ou de Humanidades e Ciencias Sociais desde as ensinanzas profesionais de Música ou de Danza

Ata a implantación das modificacións introducidas pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, no currículo, na organización e nos obxectivos das ensinanzas de bacharelato, o alumnado en posesión dun título profesional de Música ou de Danza que no curso 2020-2021 cursase primeiro curso de bacharelato por unha modalidade diferente a Artes e superase polo menos a materia de primeiro curso correspondente á devandita modalidade, conforme o establecido no artigo 16 desta orde, poderá obter o título de bacharel mediante a superación das restantes materias que, segundo o citado artigo, correspondan á modalidade elixida.

Disposición transitoria segunda. Obtención do título de bacharel co título de técnico superior de formación profesional

Ata a implantación das modificacións introducidas pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, no currículo, na organización e nos obxectivos das ensinanzas de bacharelato, o alumnado en posesión dun título de técnica ou técnico superior de formación profesional que no curso 2020-2021 cursase e superase polo menos dúas das materias de primeiro curso de bacharelato que figuran no artigo 16 desta orde, poderá obter o título de bacharel na modalidade elixida mediante a superación das restantes materias que, segundo o citado artigo, correspondan á modalidade de que se trate.

Disposición transitoria terceira. Documentos de avaliación

Ata a implantación das modificacións introducidas pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, no currículo, na organización e nos obxectivos das ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato, os documentos oficiais de avaliación, así como o procedemento de expresión dos resultados de avaliación axustaranse ao previsto, para a educación primaria, no artigo 14 do Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, e para a educación secundaria obrigatoria e o bacharelato, na disposición adicional quinta do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, aínda que se terán en conta as condicións que se establecen a seguir:

a) As actas de avaliación dos diferentes cursos de educación primaria e secundaria obrigatoria pecharanse ao termo do período lectivo ordinario. As actas de bacharelato pecharanse ao final do período lectivo despois da convocatoria ordinaria, e logo da convocatoria extraordinaria.

b) Igualmente, no historial académico de educación primaria e educación secundaria obrigatoria consignaranse os resultados da avaliación que terá lugar ao finalizar o curso, sen distinción de convocatorias.

c) As seguintes medidas curriculares e organizativas aplicadas reflectiranse nos documentos oficiais de avaliación do alumnado, respectivamente, coas seguintes iniciais:

– RE: reforzo educativo.

– ACS: adaptación curricular.

– EC: enriquecemento curricular.

– AF: agrupamento flexible.

Disposición transitoria cuarta. Adaptación da concreción curricular do centro

1. Os centros docentes disporán dun prazo de 2 meses para adaptar a súa concreción curricular para adecuala aos cambios normativos na avaliación, na promoción e na titulación.

2. Co fin de garantir o dereito do alumnado a que o seu rendemento se valore consonte criterios de plena obxectividade, os centros docentes adoptarán as medidas precisas para facer públicos e comunicar ás familias os criterios de promoción e, de ser o caso, os criterios de titulación que resultarán de aplicación no curso 2021-2022.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Derróganse os artigos 2, 3 e 6 da Orde do 9 de xuño de 2016 pola que se regula a avaliación e a promoción do alumnado que cursa educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Derróganse os artigos 2, 5, 6 e 7, e os puntos 4, 5, 6, 7, 8 e 10 do artigo 4 da Orde do 21 de decembro de 2007 pola que se regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Derróganse os artigos 7, 9, 10 e 12 da Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Derrógase o artigo 10 da Orde do 5 de maio de 2011 pola que se regulan determinados aspectos relativos ao desenvolvemento do bacharelato e se complementa a normativa sobre esta etapa.

5. Derróganse todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Orde do 19 de maio de 2021 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2021/22 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícanse os seguintes artigos da Orde do 19 de maio de 2021 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2021/22 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, que quedan redactados como segue:

Un. Os puntos 2 e 3 do artigo 10 quedan redactados como segue:

«2. A sesión de avaliación final ordinaria do alumnado do primeiro curso do bacharelato, a sesión da avaliación final de módulos do alumnado do primeiro curso dos ciclos da formación profesional básica, así como a sesión da terceira avaliación parcial do alumnado da educación secundaria obrigatoria deberán realizarse a partir do día 6 de xuño de 2022.

3. Deberán realizarse a partir do día 23 de xuño de 2022 as sesións de avaliación final extraordinaria do alumnado do bacharelato e do primeiro curso dos ciclos da formación profesional básica, a sesión de avaliación final do alumnado da educación secundaria obrigatoria, as sesións da avaliación final de ciclo do segundo curso dos ciclos da formación profesional básica, e as sesións da avaliación final de módulos do alumnado dos ciclos formativos de formación profesional».

Dous. O punto 2 do artigo 11 queda redactado como segue:

«2. As probas finais da convocatoria extraordinaria para o bacharelato e o primeiro curso da formación profesional básica realizaranse entre o 20 e o 22 de xuño de 2022».

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Autorízase a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. O seu contido será de aplicación a partir do curso escolar 2021-22.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade