Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 14 de febreiro de 2022 Páx. 10985

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 26 de xaneiro de 2022, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncia, con carácter voluntario e gratuíto, a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, de acordo co que establecen a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, dispón que o galego é lingua oficial en Galicia. En consonancia con isto, recoñécelle á cidadanía o dereito de coñecelo e de usalo, pero non estaría garantido ese dereito se a cidadanía non tivese a posibilidade de aumentar (ou iniciar, se é o caso) o coñecemento e o dominio da lingua propia de Galicia.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o día 21 de setembro de 2004, contén, entre outras, varias medidas dirixidas ás persoas adultas e ao resto da sociedade encamiñadas a renovar a política lingüística con respecto ao uso do galego, adecuándoa aos tempos actuais, co fin de equilibrar unha situación social de desigualdade entre o castelán e o galego, o que exixe medidas favorables a este último para alcanzar ese equilibrio.

O Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, atribúelle a esta as competencias e funcións en materia de promoción e ensino da lingua galega, así como a dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia. Dentro da estrutura da consellería, consonte o disposto no devandito decreto, é a Secretaría Xeral de Política Lingüística o órgano encargado de executar aquelas accións necesarias para desenvolver as competencias sobre política lingüística atribuídas á consellería. En particular, de acordo co artigo 27.1.i) do citado decreto, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten atribuída a competencia para convocar e administrar as probas e expedir os certificados de coñecemento do galego.

Por todo iso,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Convocar, con carácter gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega (Celga), niveis 1, 2, 3 e 4, que se indican nos anexos I (cursos presenciais) e II (cursos en liña).

Segundo. Persoas destinatarias

1. Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca periodicamente para certificar a competencia nesta lingua.

2. Para conseguir o rendemento axeitado e o aproveitamento dos cursos hai que procurar a homoxeneidade dos coñecementos do alumnado. Polo tanto, ao solicitar o curso dun determinado nivel Celga, a persoa interesada deberá ter en conta a definición de contidos correspondente a ese nivel prevista na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo (corrección de erros no DOG núm. 178, do 13 de setembro).

Terceiro. Solicitudes e prazo de inscrición

1. As persoas que desexen participar nestes cursos deberán acceder ao enderezo electrónico https://formacion-lingua.xunta.gal, seleccionar o curso que desexen e cubrir a solicitude de inscrición. Non serán admisibles outras formas de presentación das solicitudes. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na Secretaría Xeral de Política Lingüística unha vez que se complete correctamente o proceso de inscrición.

2. Cada persoa só poderá inscribirse nun único curso. Do contrario, quedará automaticamente excluída do proceso de selección. A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes tamén dará lugar á exclusión automática, así como a presentación de solicitudes fóra de prazo.

3. As persoas solicitantes dun curso en liña deberán dispoñer dun equipamento informático que cumpra, como mínimo, os seguintes requisitos técnicos:

– Un ordenador con conexión á internet (de banda larga).

– Un navegador web (recoméndase ter instalada a última versión de Firefox).

– Acceso á conta de correo electrónico especificada na solicitude de inscrición.

– Un micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz en formato electrónico (mp3 ou equivalente).

4. No caso daquelas persoas con necesidades educativas especiais que precisen apoio para realizar un curso presencial, indicarán na súa solicitude de inscrición o apoio concreto que necesitan, cuxa concesión será valorada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

5. O prazo de presentación das solicitudes de inscrición será de 15 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Asignación das prazas

1. Todos os cursos terán un número mínimo de 15 participantes e un número máximo de 30, agás os cursos do Celga 1, que terán un número máximo de 50 participantes.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá autorizar expresamente a realización de cursos que non acaden o número mínimo de participantes. Así mesmo, poderá aumentar o número de edicións dun curso ou cursos cando teñan unha demanda moi superior ao número máximo de participantes.

Se as circunstancias excepcionais relacionadas coa pandemia provocada pola COVID-19 impedisen a impartición dos cursos presenciais, a Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá substituílos por cursos en liña.

2. Se un curso ten máis solicitantes que prazas dispoñibles, a asignación farase a través dun sorteo aleatorio puro. A partir da relación de persoas solicitantes do curso, e mediante a obtención sucesiva de números ao azar coa execución dunha rutina informática aleatoria, obterase a listaxe das persoas seleccionadas e mais a listaxe de agarda. Polo tanto, a orde de entrada das solicitudes de inscrición será indiferente.

O sorteo realizarase en acto público, o día 14 de marzo, ás 12.00 horas, no salón de actos da sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística (rúa de San Roque, 2, Santiago de Compostela). Posteriormente, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará na súa páxina web (https://www.lingua.gal) a listaxe do alumnado seleccionado para participar en cada curso, así como a listaxe de agarda correspondente. Así mesmo, as persoas solicitantes recibirán na súa conta de correo electrónico un aviso que lles comunicará se foron ou non seleccionadas ou se figuran na listaxe de agarda.

Quinto. Documentación no caso do alumnado con necesidades educativas especiais

Unha vez rematado o proceso de asignación de prazas, o alumnado seleccionado que presente necesidades educativas especiais e que solicitase apoio para realizar un curso presencial, deberá presentar, antes do inicio deste, a seguinte documentación:

– Certificado de discapacidade se este foi expedido por unha Administración distinta da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se é o caso.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Se se trata dunha copia electrónica, a Secretaría Xeral de Política Lingüística poderalles solicitar a presentación dos documentos orixinais para o seu cotexo.

Sexto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– Certificado de discapacidade expedido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de solicitar apoio para realizar un curso presencial.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente na solicitude de inscrición e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétimo. Asistencia

1. Nos cursos presenciais, o profesorado levará un control da asistencia do alumnado. Se durante os dous primeiros días do curso as persoas inscritas se dan de baixa ou non asisten, esas prazas deberán ofrecérselles, por orde, ás persoas que figuren na listaxe de agarda ata completar, se é posible, o número máximo de prazas ofertadas. Para estes efectos, o terceiro día do curso, o profesorado deberalle remitir ao gabinete provincial de normalización lingüística a listaxe definitiva de asistentes.

No caso de que algunha das persoas asistentes altere o normal desenvolvemento do curso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, tras recibir o informe correspondente do profesorado e darlle audiencia á persoa interesada, poderá proceder á súa expulsión.

2. Nos cursos en liña, as persoas inscritas serán dadas de baixa se durante os tres primeiros días do curso non acceden á plataforma e se durante a primeira semana non realizan as tarefas da primeira unidade didáctica.

Oitavo. Duración

Con carácter xeral, cada curso terá unha duración de 70 horas lectivas. Nos cursos presenciais, estas distribuiranse en sesións de dúas horas e media, de luns a xoves. No caso de suspenderse algunha sesión por coincidir cunha festividade local ou por outra circunstancia, esta recuperarase ao longo do curso.

Noveno. Contido

Os cursos axustaranse aos obxectivos, ao programa e ao contido curricular establecidos para cada un dos niveis Celga sinalados na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

Todas as actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse, no referente á normativa e ao uso correcto do idioma, ao establecido pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo de 2003, de conformidade coa disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Do mesmo xeito, coidarase especialmente o respecto rigoroso da toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 da citada lei.

A realización dos cursos non dará dereito a ningún tipo de certificación, pois trátase de cursos de carácter preparatorio das probas conducentes á obtención dos certificados de lingua galega (Celga).

Décimo. Recurso contra a resolución de convocatoria dos cursos

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, todas as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2022

Valentín García Gómez
Secretario xeral de Política Lingüística

ANEXO I

Programación de cursos Celga presenciais

Provincia da Coruña.

Localidade

Celga 2

Celga 3

Celga 4

Coruña, A

Lugar: IES Fernando Wirtz Suárez

Rúa Cabaleiros, 1

Datas: do 21.3.2022 ao 12.5.2022

Horario: de luns a xoves, das 18.30 ás 21.00 h

Núm. de prazas: 30

Ferrol

Lugar: IES Concepción Arenal

Rúa Cuntis, s/n

Datas: do 21.3.2022 ao 12.5.2022

Horario: de luns a xoves, das 18.30 ás 21.00 h

Núm. de prazas: 30

Santiago de Compostela

Lugar: IES Arcebispo Xelmírez I

Rúa Poza de Bar, s/n

Datas: do 21.3.2022 ao 12.5.2022

Horario: de luns a xoves, das 18.30 ás 21.00 h

Núm. de prazas: 30

Provincia de Lugo.

Localidade

Celga 2

Celga 3

Celga 4

Lugo

Lugar: Edificio Administrativo Multiúsos

Rolda da Muralla, 70

Datas: do 21.3.2022 ao 12.5.2022

Horario: de luns a xoves, das 18.00 ás 20.30 h

Núm. de prazas: 30

Provincia de Ourense.

Localidade

Celga 2

Celga 3

Celga 4

Ourense

Lugar: IES Eduardo Blanco Amor

Rúa Vicente Risco, 13

Datas: do 21.3.2022 ao 12.5.2022

Horario: de luns a xoves, das 18.00 ás 20.30 h

Núm. de prazas: 30

Lugar: IES Eduardo Blanco Amor

Rúa Vicente Risco, 13

Datas: do 21.3.2022 ao 12.5.2022

Horario: de luns a xoves, das 18.00 ás 20.30 h

Núm. de prazas: 30

Provincia de Pontevedra.

Localidade

Celga 2

Celga 3

Celga 4

Pontevedra

Lugar: IES Frei Martín Sarmiento

Avenida de Vigo, 23

Datas: do 21.3.2022 ao 12.5.2022

Horario: de luns a xoves, das 19.00 ás 21.30 h

Núm. de prazas: 30

Vigo

Lugar: IES Ricardo Mella

Estrada vella de Madrid, 177

Datas: do 21.3.2022 ao 12.5.2022

Horario: de luns a xoves, das 19.00 ás 21.30 h

Núm. de prazas: 30

ANEXO II

Programación de cursos Celga en liña

Curso

Núm. de prazas

Datas

Celga 1: 3 edicións

150

Do 21.3.2022 ao 12.5.2022

Celga 2: 5 edicións

150

Do 21.3.2022 ao 12.5.2022

Celga 3: 6 edicións

180

Do 21.3.2022 ao 12.5.2022

Celga 4: 13 edicións

390

Do 21.3.2022 ao 12.5.2022