Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 14 de febreiro de 2022 Páx. 10983

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 14/2022, do 3 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Lugo da estrada provincial LU-P-2911 denominada rúa Fermín Rivera.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo levada a cabo 29.9.2021, acordou solicitar á Deputación Provincial de Lugo a cesión da estrada provincial LU-P-2911 de 703 metros, con inicio no cruzamento coa estrada vella de Santiago, na intersección da Ponte Vella, e finalización nas proximidades da Igrexa de San Lázaro, denominada rúa Fermín Rivera.

O 26.10.2021, a Deputación Provincial de Lugo aceptou o cambio de titularidade da estrada provincial LU-P-2911 Ponte de Lugo (N-540) San Lázaro, entre as coordenadas UTM 29 ETRS89 X=617.087 Y=4.761.973 (p.q. 0+000) e X=616.406 Y=4.761.837 (p.q. 0+703). A Deputación indica que a estrada se atopa en bo estado, presenta un firme asfaltado na súa totalidade e conta con beirarrúas na súa marxe dereita e nun treito da marxe esquerda.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, indica que a estrada LU-P-2911 cumpre co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a prol de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da administración cedente ou das redes de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial, polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de febreiro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Lugo da estrada LU-P-2911:

Clave

Denominación

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89) huso29

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89) huso29

Lonx (km)

LU-P-2911

Ponte de Lugo (N-540)-San Lázaro

0+000

X= 617.087

Y=4.761.973

0+703

X= 616.406

Y= 4.761.837

0,703

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre Concello e Deputación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Lugo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de febreiro de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade