Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 14 de febreiro de 2022 Páx. 10978

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 27 de xaneiro de 2022 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Castrelo de Miño.

O Concello de Castrelo de Miño eleva para a súa aprobación definitiva o expediente do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación coa disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

O PXOM foi aprobado inicialmente antes da entrada en vigor da LSG, pero non provisionalmente, polo que continuou a súa tramitación a teor do disposto na LOUG, mais adaptándose integramente á LSG.

Analizada a documentación achegada, redactada por Senén Prieto Ingeniería, S.L., e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. Planeamento municipal preexistente e instrumentos de ordenación do territorio.

As normas subsidiarias de planeamento de Castrelo de Miño foron aprobadas o 30 de xullo de 1985 e modificadas puntualmente en 1991 e 2001.

Consta afectación polo programa coordinado de actuación da primeira revisión do Plan forestal de Galicia cara á neutralidade carbónica 2021-2040 e polo Plan sectorial eólico de Galicia, primeira modificación.

As directrices de ordenación do territorio de Galicia cualifican os asentamentos de Castrelo de Miño como núcleos da estrutura básica da xerarquía de asentamentos do territorio.

2. Tramitación.

1. O 21 de febreiro de 2007 o Concello de Castrelo de Miño comunicoulle á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o inicio da tramitación do PXOM, coa achega do documento de inicio.

2. O 15 de maio de 2007 o órgano ambiental formulou o documento de referencia, tras sometelo a consulta pública desde o 8 de marzo de 2007 ata o 9 de abril de 2007.

3. Ao abeiro do artigo 85.1 da LOUG, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu o informe previo á aprobación inicial do documento, o 17 de marzo de 2009.

4. Na sesión do 30 de marzo de 2010, ao abeiro do artigo 85.2 da LOUG, o Concello Pleno acordou aprobar inicialmente o PXOM e someteuse a información pública durante dous meses mediante anuncio no DOG do 19 de abril de 2010 e nos principais diarios da provincia de Ourense.

Así mesmo, durante este período, solicitáronse os informes sectoriais correspondentes e deuse audiencia aos municipios limítrofes.

5. O 13 de maio de 2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático publicou a Memoria ambiental do PXOM de Castrelo de Miño.

6. O PXOM foi aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello o 10 de setembro de 2021.

II. Análise e consideracións.

1. Modelo territorial e estrutura xeral e orgánica.

Castrelo de Miño contaba con 2.153 habitantes en 2000; 1.870 en 2010 e con 1.340 habitantes en 2020. Conta con 1.867 vivendas, segundo a Memoria xustificativa do PXOM (1.488 en 2011 segundo datos estatísticos), incluíndo as localizadas en solo rústico. En 2011 existían 357 vivendas baleiras.

A capacidade residencial máxima estimada do PXOM é de 2.262 vivendas (+395 vivendas respecto ao parque actual), segundo a Memoria xustificativa do PXOM.

Os solos urbanizables residenciais R1 e R2 non resultan xustificados debido á tendencia regresiva da poboación, tal e como sinala a memoria ambiental; existe capacidade suficiente no solo urbano consolidado e no solo de núcleo rural para garantir a acollida de posibles novas demandas residenciais.

Tampouco resulta xustificado o solo urbanizable dotacional SUZ-D, xa que que o uso de residencia de maiores pode implantarse mediante un Plan especial de dotacións e infraestruturas en solo rústico.

Daquela, aos tres ámbitos proxectados como sectores de solo urbanizable SUZ-R1, SUZ-R2 e SUZ-D correspóndelles a clasificación de solo rústico, na categoría de protección ordinaria ou de especial protección que corresponda en función das afeccións sectoriais sinaladas nos planos de ordenación (augas, patrimonio ou infraestruturas).

2. Clasificación e determinacións nas distintas clases de solo.

2.1. Solo urbano.

A ordenanza U3 (uso terciario) gráfase só sobre campos deportivos. Considerando a compatibilidade das ordenanzas residenciais con usos terciarios, debe eliminarse esa ordenanza, que ademais presenta unha altura máxima de edificación de 9 m incongruente coas tipoloxías existentes.

A ordenanza U2 debe asimilarse á U1, permitindo acaroar edificacións só cando exista medianeira na parcela lindeira; evítase así a aparición de novas medianeiras.

2.2. Solo urbanizable.

Na ficha do SUZ-I debe incluírse a cautela indicada polo informe do IET canto a que no plan parcial se deberá ter en conta o impacto visual do polígono desde a outra beira do río (volumetrías e alturas) e deberán integrarse os camiños rurais ao L. Incluiranse, ademais, as determinacións expresadas polo artigo 56 da LSG, así como un 25 % de prazas públicas.

2.3. Solo de núcleo rural.

2.3.1. Con respecto á delimitación dos núcleos rurais, observouse a súa conformidade coa normativa vixente, agás nalgunhas zonas que presentan perímetros forzados ou que unen artificialmente subnúcleos ao longo das vías de comunicación, sobre parcelas vacantes de edificación, ás veces afectadas por zonas de policía de canles ou outras afeccións. Trátase concretamente de:

Barral: dous recintos de núcleo rural común ao S/SL.

Noallo de Arriba: zona de núcleo rural común ao S.

Rial, O: parcelas vacantes de núcleo rural tradicional sobre policía de canles.

Toledo, O: parcelas de núcleo rural tradicional ao SO.

Bouza, A: parcelas vacantes de núcleo rural tradicional e común en continuidade forzada ao NL ao longo de vías.

Fondo de Vila: parcelas vacantes de núcleo rural común, cara ao O.

Prado, zona común sobre parcelas vacantes ao longo da vía de comunicación, no acceso ao SUZ-I, e delimitación forzada ao S SL sobre camiños, fusionando subnúcleos.

Todas esas zonas deben ser clasificadas como solo rústico, coa categoría correspondente.

2.3.2. Nas ordenanzas do solo de núcleo deberá establecerse unha parcela mínima para edificar igual á establecida para parcelar, como se indica na páxina 11 da Análise do modelo de asentamento poboacional. En todo caso, admitiranse parcelas de superficie inferior se se atopan localizadas entre outras xa edificadas que imposibilite alcanzar a parcela mínima.

2.3.3. Na epígrafe da normativa referente ás obras de urbanización, espazo viario, suprimirase a indicación relativa á prevalencia das aliñacións existentes sobre as grafadas nos planos de ordenación.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

III. Resolución.

En consecuencia e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva do PXOM do Concello de Castrelo de Miño, condicionado á emenda das observacións formuladas no punto II anterior.

O Concello deberá achegar un documento refundido que dea cumprimento ás ditas condicións.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Segundo o disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíqueselle esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Castrelo de Miño, 27 de xaneiro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda