Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 18 de febreiro de 2022 Páx. 12091

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Económicos, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 29 de decembro de 2021, polo que se declara o interese autonómico do proxecto denominado Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), situado no concello da Coruña.

En cumprimento do disposto no artigo 42.4 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 29 de xullo de 2021, polo que se declara de interese autonómico o proxecto denominado Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), situado no concello da Coruña.

Exposición de motivos:

O plan funcional da Área Sanitaria da Coruña-Cee determinou a necesidade de ampliar e reformar o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). A magnitude da ampliación e da reforma é tal que se configurará, tras o remate das actuacións, un novo hospital, cun entramado urbano renovado e modernizado na súa contorna. Así renovarase e ampliarase a infraestrutura hospitalaria e coidarase especialmente a súa accesibilidade, coa creación dun anel viario perimetral, prazas de aparcamento e a mellora da mobilidade tanto en transporte público como para peóns e ciclistas. Trátase, por tanto, dunha actuación que ordena o territorio e que afecta un pilar da política autonómica como é a sanidade.

Dada a singularidade e relevancia da actuación, é necesario acudir a unha das ferramentas de que dispón a Comunidade Autónoma a través da Lei 1/2021, de ordenación do territorio de Galicia, como é a do proxecto de interese autonómico, para poder acometer a actuación.

Por todo iso, o Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 29 de decembro de 2021 adoptou, entre outros, o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Declarar o interese autonómico para os efectos previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, do proxecto denominado Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), situado no concello da Coruña.

Segundo. Determinar como órgano competente por razón da materia a Consellería de Sanidade.

Terceiro. Informar que, de acordo coa encomenda do conselleiro de Sanidade do 17 de marzo de 2021, o organismo tramitador do expediente será a Axencia Galega de Infraestruturas.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2022

Mª Jesús Bello Piñeiro
Directora xeral de Recursos Económicos