Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 18 de febreiro de 2022 Páx. 11827

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 7 de febreiro de 2022 pola que se adopta unha decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

O pleno do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia –corporación de dereito público que xestiona a IXP Ternera Gallega– aprobou solicitar unha modificación do prego de condicións da dita indicación xeográfica, de conformidade co establecido no artigo 53 do Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.

A correspondente solicitude, xunto co texto do novo prego de condicións, presentouna posteriormente o Consello Regulador ante a Consellería do Medio Rural, de acordo co establecido tanto no Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, norma autonómica reguladora da materia.

O procedemento para a modificación dos pregos de condicións recóllese, ademais de no citado artigo 53 do Regulamento (UE) nº 1151/2012, no artigo 6 do Regulamento delegado (UE) nº 664/2014 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao establecemento dos símbolos da Unión para as denominacións de orixe protexidas, as indicacións xeográficas protexidas e as especialidades tradicionais garantidas e no que atinxe a determinadas normas sobre a procedencia, certas normas de procedemento e determinadas disposicións transitorias adicionais.

As modificacións que se propoñen afectan o prego de condicións nas súas partes B (descrición) e E (método de obtención), cambios que teñen o seu reflexo tamén no documento único, nos números 3.2 e 3.4 respectivamente. Así mesmo, aproveitando este trámite faise unha actualización dos datos de contacto do Consello Regulador que figuran na parte G do prego de condicións e, ademais, suprímese a parte I (requisitos lexislativos) do dito prego de condicións dado que esta información xa non forma parte dos contidos dos pregos de condicións das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas de acordo co recollido no artigo 7 do citado Regulamento (UE) nº 1151/2012.

As principais modificacións que se propoñen son dúas: unha relativa ao grao de engraxamento admisible nos canais e outra relacionada cos requisitos exixibles ás instalacións en que se poden facer as operacións de filetaxe.

A primeira destas modificacións consiste en admitir para os canais de mellor conformación (categorías S, E e U) o grao de engraxamento 1.

Esta modificación xustifícase en que os canais de Ternera Gallega corresponden na súa maioría –aproximadamente o 99 %– con animais sacrificados con menos de 12 meses e con pesos por baixo do 300 kg/canal, que dan como resultado canais con conformacións menos desenvoltas e con escasa graxa de cobertura, pero que destacan polo seu sabor, tenreza e suculencia. A aplicación cada vez máis estrita dos criterios de clasificación provoca que animais da IXP Ternera Gallega, que teñen unha boa conformación do canal (S, E, U), son descualificados porque a súa cobertura graxa cos criterios actuais non alcanza o grao 2. Porén, desde o punto de vista produtivo, de calidade da carne e organolepticamente, os canais resultantes cumpren perfectamente todos os requisitos para ser certificados baixo o amparo da indicación xeográfica protexida.

A outra modificación de certa relevancia refírese á ampliación dos operadores a que se vai permitir facer as operacións de filetaxe. No prego de condicións actual, estas operacións só se poden realizar nas industrias inscritas no rexistro correspondente do Consello Regulador (e, por tanto, situadas no ámbito xeográfico da IXP) ou en establecementos específicos dos puntos de venda finais con que o Consello Regulador teña asinado acordos de colaboración que faciliten o control da etiquetaxe e da comercialización da carne. Co cambio proposto, estas operacións de filetaxe tamén as poderán realizar as industrias cárnicas que operan no mercado, asinando, iso si, acordos de colaboración que permitan ao Consello Regulador facer un adecuado control destas operacións e da rastrexabilidade do produto.

Esta modificación ten a súa xustificación nos importantes cambios que se teñen producido no mercado. Nas últimas décadas houbo un importante desenvolvemento dos procesos industriais que se aplican sobre a carne de vacún para mellorar a vida útil do produto en todas as fases da cadea comercial e para ofrecer ao consumidor novos formatos de presentación e conservación. Igualmente, a aplicación da mellora da rastrexabilidade de forma sistemática e máis precisa en toda a cadea produtiva permite ofrecer aos consumidores unhas garantías moi elevadas respecto á carne que consome. Operacións como a filetaxe en porción cliente, envasados ao baleiro de longa duración, formatos de presentación con atmosfera modificada ou skin pack, etc., son habituais na carne de vacún e son cada vez máis os operadores con capacidade para efectualos correctamente, así como para cumprir as exixencias en canto á súa rastrexabilidade.

As modificacións que se formulan son de menor importancia de acordo co establecido no artigo 53.2 do Regulamento (UE) nº 1151/2012. Segundo o indicado no citado artigo 6, número 2, do Regulamento (UE) nº 664/2014 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, ao ser unha modificación de menor importancia presentada pola mesma agrupación que solicitara anteriormente o rexistro da indicación xeográfica protexida, non é preceptivo levar a cabo un procedemento de oposición.

Por todo o anterior, considerando que a solicitude presentada cumpre as condicións establecidas no Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, e de acordo coas competencias da Consellería do Medio Rural nesta materia,

RESOLVO:

Primeiro. Adoptar e facer pública a decisión favorable para que as modificacións do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega sexan inscritas no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas, unha vez comprobado que se cumpren os requisitos do Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro.

Segundo. Publicar a nova versión do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, sobre a que se basea esta decisión favorable. O dito prego de condicións e máis o documento único figuran na páxina web da Consellería do Medio Rural, nos seguintes enderezos electrónicos:

https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/produtos/en-tramitacion/Pliego-de-condiciones-TG-decembro_2021.pdf

https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/produtos/en-tramitacion/DOCUMENTO-UNICO-TG-decembro-2021.pdf

Terceiro. Remitir esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para os efectos da transmisión da solicitude de modificación do prego de condicións á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.

Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela os interesados poden interpor con carácter potestativo recurso de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, segundo dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, computados ambos os prazos desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural