De conformidade co establecido no Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e na Orde da Consellería de Sanidade, do 24 de maio de 2006, pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, convocouse por Resolución do 17 de novembro de 2021 (DOG núm. 228, do 26 de novembro), a provisión, polo sistema de concurso de méritos, do posto xefatura de grupo de persoal de xestión e servizos do centro de saúde de Coia.
Con base no Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, na Orde do 22 de abril de 2020 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, e no Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia, esta xerencia
DISPÓN:
Primeiro. Resolver a convocatoria pública para a provisión do posto xefatura de grupo de persoal de xestión e servizos do centro de saúde de Coia, convocada mediante a Resolución do 17 de novembro de 2021.
Segundo. Nomear, para o posto que se indica, a persoa citada no anexo desta resolución.
Terceiro. A persoa aspirante nomeada deberá cesar na praza que desempeñe dentro dos 3 días hábiles seguintes a aquel en que se publique esta resolución no Diario Oficial de Galicia.
A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberase efectuar dentro dos 2 días hábiles seguintes ao do cesamento se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de 7 días hábiles, se son de distinta área de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos.
Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada do interesado, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.
O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a consideración de servizo activo, e percibiranse os correspondentes haberes de conformidade co que estableza a orde sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.
Entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular, e será declarado nesa situación polo órgano competente, quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.
Cuarto. Contra esta resolución poderá interpoñer recurso de alzada, perante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, nos termos previstos nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Vigo, 16 de febreiro de 2022
Francisco Javier Puente Prieto
Xerente da Área Sanitaria de Vigo
ANEXO
Denominación do posto: xefa de grupo de persoal de xestión e servizos do centro de saúde de Coia.
Nome e apelidos: Isabel Martín Sánchez.
DNI: ***6364**.