Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 2 de marzo de 2022 Páx. 14902

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 18 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, para a ocupación temporal, para usos sociais e sanitarios, dos locais destinados para tal fin no edificio da rúa Gregorio Hernández esquina avenida Peruleiro do concello da Coruña, denominado espazo Amizar (código de procedemento FA700A).

A Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, regula no artigo 31 as medidas de fomento das asociacións, e determina, especificamente, que as administracións públicas, no ámbito das súas competencias, promoverán e facilitarán o desenvolvemento das asociacións e entidades que persigan finalidades de interese xeral, ofrecendo a colaboración necesaria a aquelas persoas que pretendan emprender calquera proxecto asociativo. A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude das competencias atribuídas a esta pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, e no ámbito das súas atribucións, fomentará o establecemento de mecanismos de asistencia, servizos de información e campañas de divulgación e recoñecemento das actividades das asociacións que persigan obxectivos de interese xeral, e poderá establecer con elas a colaboración necesaria en programas de interese social, cultural e sanitario.

No mesmo sentido, a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, regula nos artigos 255 e 256 as asociacións de veciños, e determina, especificamente, que os concellos galegos favorecerán o desenvolvemento daquelas que se constitúan para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños; que as constituídas con esta finalidade terán a consideración de entidades de participación cidadá; que poderán federarse dentro de cada municipio; que a Xunta de Galicia levará un rexistro xeral en que se inscribirán as existentes na Comunidade Autónoma, e que a ela lle corresponde, a través da consellería competente en materia de réxime local, prestarlles a debida asistencia e axuda.

No ano 2019 a Administración xeral da Comunidade Autónoma deu comezo ás actuacións necesarias para a posta á disposición do edificio situado na rúa Gregorio Hernández, antiga delegación de sanidade no concello da Coruña, para albergar diversas dependencias administrativas.

O artigo 36 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio de Galicia, establece que a ocupación por terceiros de espazos en edificios administrativos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia pode admitirse, con carácter excepcional, para a explotación marxinal de espazos non necesarios para os servizos administrativos. O punto segundo deste precepto establece que esta ocupación non pode entorpecer ou menoscabar a utilización do inmoble polos órganos ou unidades aloxados nel e debe estar amparada nun título.

En consecuencia, e dado que a terceira planta do edificio non resulta necesaria para os servizos administrativos, a Consellería de Facenda e Administración Pública regula, mediante a presente orde, dentro do ámbito das súas competencias, as bases reguladoras e a convocatoria pública, en réxime de concorrencia, para a ocupación temporal, para usos sociais e sanitarios, dos locais situados na terceira planta do Edificio Administrativo da rúa Gregorio Hernández da Coruña.

En virtude do exposto, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e artigo 41 da Lei 5/2011, do 30 de setembro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria pública, en réxime de concorrencia, para a ocupación temporal, para usos sociais e sanitarios, dos locais que se van destinar para tal fin no Edificio Administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma na rúa Gregorio Hernández da Coruña, tamén denominado espazo Amizar (código de procedemento FA700A).

A finalidade da orde é poder autorizar a ocupación temporal dos ditos locais, por entidades sen ánimo de lucro, para usos sociais e sanitarios. Esta autorización terá carácter gratuíto, consonte o disposto no artigo 39.5 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, cos dereitos e obrigas regulados ao longo da presente orde.

Artigo 2. Bens obxecto da convocatoria, características e localización

1. Os bens obxecto desta convocatoria atópanse na terceira planta do Edificio Administrativo de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, na rúa Gregorio Hernández, 2, da cidade da Coruña, tamén denominado espazo Amizar. Referencia catastral 7018016NJ4071N0001IM.

A terceira planta está dividida en locais de tres tipos:

8 locais tipo A (duns 31 m2 aproximadamente).

3 locais tipo B (duns 41 m2 aproximadamente).

1 local tipo C (duns 20 m2 aproximadamente).

Todos os locais se atopan diáfanos e independentes e entregaranse coas instalacións de climatización, iluminación e tomas de corrente.

Porcentaxe de cada local con respecto da totalidade do edificio:

Locais asociacións 3º andar

% Sobre o total do edificio

Local tipo A

0,78 %

Local tipo B

1,04 %

Local tipo C

0,51 %

Porcentaxe de ocupación de cada local con respecto á totalidade dos locais situados na terceira planta destinados a asociacións (excluído sala de reunións e baños):

Locais asociacións 3º andar

% Sobre locais asociacións

Local tipo A

7,91 %

Local tipo B

10,53 %

Local tipo C

5,13 %

2. Estes locais serán asignados aos beneficiarios que resulten das autorizacións de ocupación, consonte o establecido no artigo 11 desta orde, en función da súa puntuación e ata que se esgoten na súa totalidade. A distribución de locais comezará cos de maior superficie en orde descendente ata cubrir a totalidade de locais dispoñibles. De atribuírse un local que non cumpra coas expectativas do beneficiario, poderase renunciar á autorización de conformidade co artigo 15.3.

Se, finalmente, resultan menos solicitantes que locais dispoñibles, os locais non adxudicados quedarán á disposición da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Procedemento de adxudicación de locais e modalidade da autorización do uso

O procedemento para a adxudicación dos locais tramitarase mediante o réxime de concorrencia, de acordo co establecido na Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio de Galicia, aplicándose de forma supletoria a Lei 9/2007, do 13 de xuño, xa que é necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento da superficie dispoñible.

O prazo inicial de duración das autorizacións de uso será de dous anos, prorrogables anualmente ata un máximo, incluídas as prórrogas, de catro anos. Transcorrido o prazo inicial sen que se producise a súa prórroga, ou transcorrido o prazo anual da primeira prórroga sen unha nova prórroga ou, en todo caso, transcorrido o prazo máximo, as autorizacións quedarán extinguidas e iniciarase, se é o caso, un novo procedemento de adxudicación dos locais que se recollen nesta orde.

Artigo 4. Beneficiarios e requisitos

As asociacións e entidades sen ánimo de lucro poderán presentar solicitudes de xeito individual ou de maneira conxunta mediante a súa agrupación. Tanto nun caso como noutro requirirase que todas as entidades que se presentan cumpran cos requisitos que se citan no parágrafo seguinte.

Poderán ser beneficiarios aquelas asociacións e entidades sen ánimo de lucro que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que, consonte os seus estatutos, na data da publicación desta orde, o seu domicilio se atope no concello da Coruña, nos seus concellos limítrofes ou na súa bisbarra; tamén se admitirán aquelas que, fóra destes casos, acrediten realizar a meirande parte da súa actividade no municipio da Coruña, nos seus concellos limítrofes ou na súa bisbarra.

b) Que non teñan ánimo de lucro e que os seus fins sexan de interese social ou sanitario.

c) Que se atopen legalmente constituídas e inscritas no rexistro público correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que se atopen ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

e) No caso de estar obrigadas, ter depositadas as contas no rexistro público correspondente. Este requisito deberá ser cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

1. As asociacións e entidades que cumpran co recollido no artigo 4, que desexen dispoñer dun local, presentarán solicitude dirixida á Secretaría Territorial da Delegación da Xunta de Galicia na Coruña, segundo o modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras. A solicitude deberá ir acompañada da documentación que se establece no artigo 6 desta orde.

No caso de solicitudes conxuntas, as asociacións e entidades sen ánimo de lucro integrantes nomearán un/unha representante dunha delas como representante único, que actuará como coordinador/a e interlocutor/a único/a perante a Secretaría Territorial da Delegación da Xunta de Galicia na Coruña. Non obstante, a autorización de uso será conxunta para todas as entidades solicitantes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

4. A entidade que presente unha solicitude conxuntamente con outra ou outras non poderá presentar unha nova solicitude nin conxunta nin individualmente. Cando o órgano tramitador observe que unha asociación ou entidade sen ánimo de lucro participa en máis dunha solicitude, porallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes que sexan necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo. De non se ter recibido comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, inadmitiranse todas as solicitudes en que participe.

Artigo 6. Documentación complementaria

Para solicitar a ocupación temporal dos locais que se van destinar para tal fin, a entidade peticionaria achegará coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Certificación emitida polo/a secretario/a da asociación ou entidade, na cal se faga constar o acordo do órgano competente da asociación ou entidade para tramitar, ante a Secretaría Territorial da Delegación da Xunta de Galicia na Coruña, a solicitude de autorización de uso de locais que se pretenden tramitar ao abeiro desta orde (anexo II). No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións establecidas na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O acordo estará referido a todas as actuacións que se recollen na memoria xustificativa que se menciona na alínea c). O incumprimento deste requisito constituirá causa de non admisión da solicitude.

b) Memoria xustificativa da necesidade do local que se solicita, asinada electronicamente polo/a representante da asociación ou entidade. Nesta memoria recolleranse os seguintes datos:

– Adecuación do uso ao que se vai destinar o local e previsión de actividades da asociación ou entidade, durante todo o tempo de duración da autorización. Deberá definirse claramente a necesidade do local que se solicita, os obxectivos durante todo o tempo de duración da autorización, a descrición das actividades que se van realizar e o orzamento desagregado para o devandito período e un cronograma.

– Relevancia social: deberá indicarse o carácter do/dos proxecto/s que se desenvolverá/n no local solicitado: de igualdade de mulleres e homes; risco de exclusión ou marxinación e a súa integración social; saúde; para proxectos dirixidos a persoas con discapacidade ou dependentes; iniciativas sociais; outros.

– Número de beneficiarios e incidencia na participación: indicarase o número previsto de persoas ao ano que serán beneficiarias da atención no local asignado. Deberase indicar o número aproximado de persoas que se prevé atender ao ano, non un dato xeneralista ou poboacional.

Para determinar o número de beneficiarios deberán achegar a memoria de actividades, ou plan de actuación ou unha declaración responsable do representante da asociación ou entidade solicitante.

– Atención da asociación ou entidade no desenvolvemento das actividades previstas. Indicarase o horario de atención ás persoas beneficiarias.

– Opcionalmente, compromiso expreso da entidade solicitante para a utilización da lingua galega na documentación presentada e na realización das actividades para as cales se solicita/n o/os local/ais.

– Opcionalmente, epígrafe na cal se recollan as actuacións previstas pola entidade solicitante, que incentiven a igualdade de mulleres e homes no desenvolvemento diario das súas actividades.

– A asociación ou entidade sen ánimo de lucro deberá xustificar que desenvolve, maioritariamente, a súa actividade no ámbito territorial do concello da Coruña. No caso daquelas que, tendo a súa sede social fóra do concello da Coruña, dispoñan dunha delegación ou establecemento neste, deberán desagregar, por anos, a atención prestada nesa delegación.

No caso de solicitudes conxuntas, presentarase esta documentación por cada unha das entidades participantes.

Todos os documentos anexados serán arquivos de formato PDF.

c) No caso de solicitudes conxuntas, achegarase o acordo asinado polos/as representantes das asociacións ou entidades sen ánimo de lucro solicitantes que recolla, de xeito expreso, a súa conformidade coa tramitación da solicitude conxunta, así como o nomeamento do/da representante único/a e a porcentaxe prevista de utilización, por parte de cada unha das asociacións ou entidades sen ánimo de lucro, do espazo solicitado e a aceptación das condicións establecidas nesta orde (anexo III).

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Defectos na solicitude

O defecto nas solicitudes será notificado ás persoas interesadas pola Secretaría Territorial da Xunta de Galicia na Coruña e daráselles un prazo máximo e improrrogable de dez días para emendar os erros ou omisións, con indicación de que, de non facelo así, se terán por desistidas da súa petición logo de resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Estas notificacións practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIF da persoa representante.

c) Certificacións de estar ao día no pagamento coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Seguridade Social e Facenda da Comunidade Autónoma.

d) Certificado de inscrición emitido polo rexistro correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificado do rexistro público correspondente de ter depositadas as últimas contas que teñan a obriga de presentar.

No caso de solicitudes conxuntas, a consulta realizarase por cada unha das entidades solicitantes.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade ou persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Instrución

1. A instrución do procedemento previsto nesta orde correspóndelle á Xefatura Territorial que designe a Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña.

2. Sendo unha convocatoria en réxime de concorrencia, as adxudicacións resolveranse como resultado da valoración feita pola comisión a que se refire o parágrafo seguinte a cada unha das solicitudes presentadas en forma e prazo.

3. Recibidas e tramitadas as solicitudes e a súa documentación, serán analizadas por unha Comisión de Valoración presidida pola persoa titular da xefatura territorial designada conforme o punto primeiro e da cal formarán parte tamén outros/as dous/dúas xefes/as territoriais designados/as pola Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña ou as persoas nas cales deleguen. Actuará como secretario/a un funcionario/a da Delegación da Xunta de Galicia na Coruña.

4. Unha vez realizada a valoración das solicitudes presentadas, de conformidade cos criterios de avaliación e repartición establecidos no artigo 11, a Comisión de Valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Territorial da Xunta de Galicia na Coruña para resolver a adxudicación ou denegación da autorización de uso dos locais solicitados.

5. Nas resolucións de autorización de uso dos locais identificaranse os espazos asignados a cada asociación ou entidade sen ánimo de lucro. A asignación destes realizarase, consonte a puntuación acadada tras a valoración feita pola Comisión, seguindo unha estrita orde numérica dos espazos.

Artigo 11. Criterios de avaliación e repartición

Na valoración das solicitudes presentadas ponderaranse os seguintes aspectos ata un máximo de 100 puntos, de acordo coas puntuacións parciais que para cada un se indica:

1. Adecuación do uso ao que se vai destinar o local e previsión de actividades da asociación ou entidade:

a) Definida e concreta: asígnanse 14 puntos.

b) Parcialmente definida e concreta: asígnanse 9 puntos.

c) Concreción insuficiente ou deficiente: asígnanse 4 puntos.

d) Inadecuada: asígnanse 0 puntos.

Para estes efectos, na memoria xustificativa deberá definirse claramente (a) a necesidade do local que se solicita, (b) os obxectivos para período de vixencia da autorización de ocupación e (c) a descrición das actividades que se van realizar. En función de todo isto, considerarase que existe unha adecuación definida e concreta cando (a), (b) e (c) (as tres) se relacionen clara e directamente co orzamento e o cronograma; que a adecuación é parcialmente definida e concreta cando só se relacionen (a), (b) ou (c) (só dúas delas) co orzamento e o cronograma; insuficiente ou deficiente, cando só se relacione unha delas; e inadecuada cando non exista relación entre (a), (b) e (c) co orzamento e cronograma.

2. Relevancia social do proxecto que se vai desenvolver no local solicitado (acumulativo, ata un máximo de 38 puntos):

a) Para proxectos de igualdade e non discriminación: poderá asignarse ata un máximo de 20 puntos.

b) Risco de exclusión ou marxinación e a súa integración social: poderá asignarse ata un máximo de 20 puntos.

c) Saúde: poderá asignarse ata un máximo de 20 puntos.

d) Para proxectos dirixidos a persoas con discapacidade ou dependentes: poderá asignarse ata un máximo de 20 puntos.

e) Outros de relevancia social ou sanitario distintos dos anteriores: poderá asignarse ata un máximo de 20 puntos.

f) Proxectos relacionados co fomento do emprego: poderá asignarse ata un máximo de 20 puntos.

3. Número previsto de beneficiarios ao ano:

a) 15-50 persoas: asígnanse 4 puntos.

b) 51-100 persoas: asígnanse 6 puntos.

c) Máis de 100 persoas: asígnanse 9 puntos.

4. Antigüidade na implantación da entidade no concello da Coruña, nos concellos limítrofes e na súa bisbarra:

a) De 3 a 5 anos: asígnanse 3 puntos.

b) De 1 a 3 anos: asígnanse 2 puntos.

5. Atención da asociación ou entidade no desenvolvemento das actividades previstas:

a) Horario de atención ás persoas beneficiarias: 8 ou máis horas, asígnanse 9 puntos.

b) Horario de atención ás persoas beneficiarias: máis de 4 horas e menos de 8, asígnanse 6 puntos.

c) Horario de atención ás persoas beneficiarias: igual ou menos de 4 horas, asígnanse 4 puntos.

6. Pola utilización da lingua galega na documentación presentada e na realización das actividades para as cales se solicita o local, acreditada mediante compromiso expreso da entidade, recollido na memoria que se xunta coa solicitude: asígnanse 5 puntos.

7. Para dar cumprimento ao Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes, a aquelas memorias, que conteñan un punto en que se recollan as actuacións previstas pola entidade solicitante no seu funcionamento interno, que incentiven a igualdade de mulleres e homes no desenvolvemento diario das súas actividades: asignaránselles 5 puntos.

8. Pola declaración de utilidade pública da entidade solicitante: asignaranse 5 puntos.

9. Pola consecución de premios dentro do eido local: asignaránselles 5 puntos.

10. Co fin de fomentar a realización de proxectos conxuntos, pola presentación dunha solicitude conxunta: asígnanse 7 puntos.

No caso de solicitudes conxuntas, valorarase de xeito individual cada unha das asociacións ou entidades sen ánimo de lucro e, á puntuación final obtida por cada unha, aplicaráselle a porcentaxe de utilización do espazo, facilitada na documentación achegada, que se recolle no artigo 6.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. A competencia para resolver o procedemento de adxudicación de locais establecido nesta orde corresponde á persoa titular da Secretaría Territorial da Xunta de Galicia na Coruña.

2. A persoa titular da Secretaría Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, á vista da proposta formulada polo órgano instrutor, resolverá a adxudicación ou denegación da autorización de uso dos locais solicitados.

3. As resolucións de autorización de uso dos locais ditaranse, de xeito individual, para cada unha das solicitudes que obteñan a valoración suficiente, ata o esgotamento da totalidade da superficie dispoñible, que se cita no artigo 2 desta orde.

4. O prazo para resolver e notificar os procedementos iniciados en virtude desta orde será dun (1) mes, contados a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Esgotado este prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente por silencio administrativo.

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

7. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionárense por medios electrónicos.

8. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

9. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

10. A resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda ou, potestativamente, recurso de reposición ante a persoa titular da Secretaría Territorial da Xunta de Galicia na Coruña no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 13. Entrega e utilización dos locais

1. As entidades beneficiarias das autorizacións para o uso de locais obxecto desta orde recibirán, xunto coa resolución de autorización de uso de local, unha copia do Regulamento de réxime interior do edificio, aprobado pola Secretaría Territorial da Xunta de Galicia na Coruña.

2. Cando sexa necesario, a Secretaría Territorial da Xunta de Galicia na Coruña poderá modificar os contidos do Regulamento de réxime interior do edificio, para o que oirá previamente as consideracións das entidades autorizadas para o uso dos locais.

3. As entidades beneficiarias poderán empregar os locais autorizados, para o desenvolvemento da súa actividade. De igual xeito, disporán de acceso ao edificio, así como ás instalacións comúns coas que conta, compartíndoas co resto de entidades beneficiarias, de conformidade co establecido no Regulamento de réxime interior do edificio.

4. As entidades beneficiarias teñen dereito a utilizar o enderezo do/dos local/ais autorizado/s como domicilio social e sede da entidade durante o período de tempo que dure a autorización.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

1. A actividade que se pretenda levar a cabo nos locais autorizados non terá carácter nin finalidade lucrativa directa ou indirecta. En todo caso, destinaranse os locais autorizados para desenvolver as actividades previstas no artigo 1.

2. Por motivos de seguridade, a entidade beneficiaria utilizará o local, unicamente, no horario establecido no Regulamento de réxime interior do edificio.

3. A entidade beneficiaria subscribirá unha póliza de seguro de responsabilidade civil por posibles danos a terceiros. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia será a beneficiaria e a asegurada, respectivamente, desta póliza, que se manterá durante todo o período da autorización de uso dos locais. Deberá achegarse unha copia da devandita póliza no momento de formalizar a acta de ocupación. A póliza comprenderá o período da autorización do uso.

4. A entidade beneficiaria non impedirá ou dificultará a utilización dos locais comúns por outros colectivos ou outras entidades beneficiarias.

5. Cando se extinga a autorización de uso dos locais pola entidade beneficiaria, deberá entregar o local expedito e nas mesmas condicións que cando se ocupou.

6. A entidade beneficiaria ten a obriga de cumprir cos contidos do Regulamento de réxime interior do edificio e coas demais condicións establecidas na presente orde.

7. A autorización de uso de locais comprende a posibilidade da realización de instalacións de carácter accesorio e non permanente que, de facerse, serán por conta do beneficiario e comunicadas previamente á persoa titular da Secretaría Territorial da Xunta na Coruña, que deberá outorgarlle a súa conformidade.

8. A entidade beneficiaria deberá facerse cargo das pequenas reparacións e mantementos que se puidesen ocasionar polo uso dos locais.

9. As superficies que se citan no artigo 2 desta orde contarán con licenza de apertura como oficinas polo que, se a entidade beneficiaria quixer desenvolver outro tipo de actividade, deberá solicitar as correspondentes licenzas e o pagamento de taxas correrá pola súa conta. En todo caso, as actividades desenvolvidas deberán ser compatibles co recollido nesta orde.

10. As asociacións e entidades sen ánimo de lucro autorizadas para o uso dos locais deberán aboar a parte correspondente de cada local da subministración eléctrica, calefacción e IBI.

Artigo 15. Condicións das autorizacións outorgadas

1. As autorizacións entenderanse outorgadas en precario, e poderán revogarse libremente en calquera momento, consonte o artigo 39.4 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, por razóns de interese público, sen xerar dereito a indemnización, cando resulten incompatibles con condicións xerais aprobadas con posterioridade, produzan danos no dominio público, impidan a utilización do ben para actividades de maior interese público ou menoscaben o uso xeral. De producirse a revogación, a Administración porase en contacto coa entidade beneficiaria para que, no prazo máximo dun mes, proceda ao desaloxo e á devolución do local, nas mesmas condicións en que se entregou.

2. A Secretaría Territorial da Xunta de Galicia na Coruña poderá comprobar, cando o considere conveniente, o correcto uso dos locais, así como o cumprimento do recollido nesta orde.

3. Serán causas de extinción da autorización outorgada, ademais da prevista no punto 1, as seguintes:

a) Extinción da personalidade xurídica do titular da autorización.

b) Falta de autorización previa nos supostos de transmisión ou modificación, por fusión, absorción ou escisión, da personalidade xurídica do usuario.

c) Caducidade por vencemento do prazo.

d) Renuncia do titular.

e) Falta de cumprimento das obrigas do titular, declarado polo órgano que outorgou a autorización.

f) Desaparición do ben ou esgotamento do aproveitamento.

g) Desafectación do ben, caso en que se procederá á liquidación da autorización consonte o previsto na Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio de Galicia.

h) Mutuo acordo.

i) Calquera outro incumprimento das condicións establecidas na presente orde ou no regulamento de réxime interior.

Artigo 16. Información relativa á orde de convocatoria

Sobre este procedemento administrativo poderase obter información adicional na Secretaría Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, a través dos seguintes medios:

a) Nos teléfonos 981 18 59 91 e 981 18 59 77.

b) No enderezo electrónico delegacion.territorial.coruna@xunta.gal

Disposición derradeira primeira

Delégase na persoa titular da Secretaría Territorial da Xunta de Galicia na Coruña a competencia para resolver os procedementos que se tramiten en virtude desta orde, incluídos os recursos que se presenten.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Secretaría Territorial da Xunta de Galicia na Coruña para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

En todo o non previsto nesta orde rexerá o disposto na Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2022

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file