Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 16 de marzo de 2022 Páx. 17776

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 10 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de promoción e dinamización do Xacobeo 21-22 dentro do programa O teu Xacobeo, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento TU300A).

BDNS (Identif.): 614710.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As subvencións obxecto destas bases divídense en dúas categorías ou liñas, en atención ás entidades solicitantes:

Liña 1: persoas físicas (traballadores autónomos) e persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que están comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Así mesmo, poderán presentar solicitudes agrupacións de persoas físicas e/ou xurídicas, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Liña 2: entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.

Así mesmo, poderán presentar solicitudes agrupacións de entidades sen ánimo de lucro, de conformidade co disposto no citado artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Obxecto e réxime

Esta resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria anual, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a proxectos de promoción e dinamización con motivo da conmemoración do Ano Santo Xacobeo 21-22 que se celebren entre o 1 de maio e o 31 de outubro de 2022, co obxectivo principal de colaborar na programación sociocultural do Xacobeo 21-22 para a promoción e potenciación de Galicia, así como para o reforzo á dimensión internacional do Camiño de Santiago e da propia Comunidade Autónoma.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 10 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de promoción e dinamización do Xacobeo 21-22 dentro do programa O teu Xacobeo, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento TU300A).

Cuarto. Importe

As subvencións previstas nesta resolución financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias previstas nos orzamentos da Axencia Turismo de Galicia para o ano 2022, co seguinte detalle:

Liñas

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2022

Liña 1

05.A2 761A 770.2 /

2018 00002

500.000

Liña 2

05.A2 761A 781.2 /

2018 00002

1.000.000

1.500.000

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

O prazo de xustificación das axudas concedidas rematará o 31 de outubro de 2022.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia