Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 16 de marzo de 2022 Páx. 17733

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a proxectos de promoción e dinamización do Xacobeo 21-22 dentro do programa O teu Xacobeo, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento TU300A).

O ano 2021 supoñía o número 120 dos Anos Santos Composteláns despois de 11 anos sen un Xacobeo. O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde declarou pandemia internacional a situación de emerxencia ocasionada polo gromo epidémico da COVID-19, cuxos efectos continúan na actualidade. As medidas adoptadas tanto a nivel nacional como autonómico co obxectivo de loitar contra a expansión da COVID-19 levaron a serias restricións da mobilidade e do exercicio de actividades, así como limitacións de ocupación en eventos.

Por este motivo, a Santa Sé, mediante o Decreto da penitenciaría apostólica do 1 de decembro de 2020, establece unha prórroga do ano santo ordinario de 2021 ata o 31 de decembro de 2022, por mor da pandemia da COVID-19, «tratando de evitar aglomeracións, prohibidas ou non aconselladas, buscando a gloria de Deus e do apóstolo Santiago, patrón celestial do Reino de España, e procurando o consolo espiritual dos fieis».

En consecuencia, a celebración do Ano Santo Xacobeo no ano 2021 e prorrogado ao ano 2022 constitúe para a Comunidade Autónoma de Galicia unha oportunidade de potenciación de Galicia, así como de promoción e de reforzo da dimensión internacional dos Camiños de Santiago e da propia Comunidade, e implica un amplo despregamento de actuacións en distintos ámbitos.

A disposición adicional octoxésimo sétima da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para 2018, modificada polo Real decreto lei 17/2020, do 5 de maio, polo que se aproban medidas de apoio ao sector cultural e de carácter tributario para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19, recoñece ao programa «Ano Santo Xacobeo 2021» a consideración de acontecemento de excepcional interese público para os efectos do disposto no artigo 27 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado. A duración do programa de apoio a este acontecemento abrangue desde o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2022.

O artigo 9 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, establece, entre as súas funcións e competencias, a dirección e coordinación das actuacións relacionadas coa posta en valor cultural e turístico do Camiño de Santiago, a súa promoción, a xestión da imaxe corporativa do Xacobeo e da rede de albergues, e o mantemento e conservación dos camiños e a súa sinalización, así como calquera outra acción que redunde en beneficio do Camiño de Santiago. Así mesmo, e conforme o establecido no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 15 de novembro de 2018, a Axencia Turismo de Galicia é a entidade encargada do exercicio das facultades para a execución material dos plans e programas relacionados co Xacobeo 2021.

Conforme o acordo do Pleno do Consello Xacobeo, con data do 9 de abril de 2018, corresponde á Comisión Executiva deste órgano a aprobación dos plans e programas da conmemoración do Ano Santo Xacobeo 2021. Por conseguinte, en cumprimento das funcións que lle foron encomendadas, a Comisión Executiva aprobou, na súa reunión do 18 de xullo de 2018, os obxectivos e plans que se expoñen a continuación: destacar a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago; convidar ao diálogo ao redor deste grande itinerario cultural europeo; promover o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea; impulsar o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño de Santiago; fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño de Santiago entre os máis novos.

Esta convocatoria enmarcarase nun dos 4 eixes de actuación aprobados polo Consello Xacobeo e o Plan de dinamización cultural, cuxo contido comprende todas aquelas actividades dirixidas á difusión, divulgación e promoción do Camiño de Santiago e do patrimonio material e inmaterial vinculado a el, prestando especial atención ás actividades culturais que promovan a participación, a reflexión e o debate cidadán.

Será unha convocatoria aberta a entidades públicas, privadas e sen ánimo de lucro, coa intención de fomentar a participación de todos os axentes da sociedade; impulsar o desenvolvemento sustentable do territorio a través da cultura, o turismo, o patrimonio, a investigación e o respecto ao ambiente; construír un legado que repercuta no afianzamento dos seus valores dentro e fóra de Galicia e transcenda a celebración do Ano Santo; potenciar o intercambio cultural e a reflexión en relación ao Camiño de Santiago mediante accións responsables co emprego dos recursos públicos e o retorno económico sobre o territorio, respondendo ás demandas da sociedade actual.

O obxectivo principal vai ser lograr unha programación sociocultural durante o ano 2022 que poña en relevancia o papel da cultura e a creatividade como impulsores do desenvolvemento social e indicadores da calidade de vida e tamén como dinamizadores de emprego e crecemento sustentable do territorio e a súa sociedade.

Así mesmo, lograr a implicación de todos os axentes sociais, económicos e institucionais de Galicia abrindo a programación de Xacobeo 21-22 á participación, a través da posta en marcha de propostas que permitan definir o contido cultural do Xacobeo 21-22 desde unha perspectiva ampla, multidisciplinar, plural e diversa e, ao mesmo tempo, impulsar o desenvolvemento sustentable do territorio.

Para lograr estes obxectivos establécese unha convocatoria aberta con 2 liñas diferenciadas para entidades públicas, privadas e sen ánimo de lucro que poden presentar novos proxectos no ámbito artístico, gastronómico, de patrimonio, de pensamento e espiritualidade e deportivo.

A finalidade das axudas é a promoción cultural e turística de Galicia arredor do Ano Santo Xacobeo 21-22, de xeito que contribúan á atracción de Santiago como punto de chegada dos camiños, así como de Galicia no seu conxunto.

En consecuencia e con cargo aos créditos da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei, e de conformidade coa competencia conferida polo artigo 19 dos Estatutos da Axencia Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e réxime

1. Esta resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria anual, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a proxectos de promoción e dinamización con motivo da conmemoración do Ano Santo Xacobeo 21-22 que se celebren entre o 1 de maio e o 31 de outubro de 2022, co obxectivo principal de colaborar na programación sociocultural do Xacobeo 21-22 para a promoción e potenciación de Galicia, así como para o reforzo á dimensión internacional do Camiño de Santiago e da propia Comunidade Autónoma, tales como: exposicións, mostras, intervencións, exhibicións, concertos, feiras e festivais, publicacións, creacións audiovisuais, talleres, xornadas de formación, conferencias, charlas, encontros, foros, actividades deportivas dirixidas, torneos, mostras gastronómicas, catas e degustacións, actividades de formación e intercambio, e outras (código de procedemento TU300A).

2. As actividades que terán que ser de nova creación ou, de ser o caso, unha reedición dun proxecto presentado ou executado ao abeiro das anteriores edicións do programa O teu Xacobeo, e desenvolveranse dentro dos seguintes ámbitos e disciplinas:

Ámbito artístico:

– Artes visuais.

– Deseño e moda.

– Cinema e documental.

– Música: clásica, popular, tradicional, músicas do mundo e outras.

– Artes escénicas: teatro, danza, novo circo e outras.

Ámbito de patrimonio e pensamento:

– Patrimonio material: arquitectura, arqueoloxía, etnografía, xeografía, topografía e outras, sempre e cando se trate de proxectos de divulgación académica, quedando excluídos aqueles que consistan na realización de obras propiamente ditas ou traballos de campo.

– Patrimonio inmaterial: antropoloxía, tradicións, oficios, artesanía, gastronomía, enoloxía e outros.

– Cultura científica e editorial: publicacións, conferencias, estudos, foros, seminarios, intercambios con expertos, xornadas formativas, libros.

Ámbito deportivo:

– Torneos.

– Eventos deportivos especiais.

– Actividades dirixidas ao aire libre, e relacionadas co benestar e coa vida activa, respectuosa coa contorna e coa natureza.

Ámbito social:

– Programas de voluntariado en todas as súas dimensións

– Programas sociais e educativos no campo da igualdade, da inclusión social e da participación cidadá.

3. Os proxectos presentados deberán desenvolverse no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e adherirse, polo menos, a algún dos seguintes obxectivos do Xacobeo 21-22:

a) Obxectivos estratéxicos fixados polo Consello Xacobeo para o Xacobeo 21-22:

• Camiño. Destacar a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago.

• Europa. Convidar ao diálogo ao redor deste grande itinerario cultural europeo.

• Patrimonio. Promover o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea.

• Territorio e desenvolvemento sustentable. Impulsar o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño de Santiago.

• Audiencia e legado. Fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño de Santiago, particularmente entre os máis novos.

b) Obxectivos estratéxicos da Comisión Organizadora do Xacobeo 21-22 en Galicia:

• Promoción. Promocionar Galicia como destino cultural e turístico.

• Alcance. Implicar toda a poboación galega na celebración e xerar un sentimento de orgullo e pertenza cara aos valores da nosa comunidade.

• Innovación. Apostar por novas fórmulas de difusión e contidos innovadores que poñan en valor a esencia do Camiño de Santiago.

• Narrativa. Dar voz e recompilar as historias e experiencias que se xeren ao longo do Camiño.

• Diálogo. Fomentar o intercambio cultural entre a sociedade local e os peregrinos e visitantes.

4. As subvencións obxecto destas bases divídense en dúas categorías ou liñas, en atención ás entidades solicitantes:

Liña 1. Persoas físicas (traballadores autónomos) e persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que están comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme).

Liña 2. Entidades sen ánimo de lucro: entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.

5. O procedemento para a concesión destas subvencións será tramitado no réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación.

6. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado no parágrafo anterior, as solicitudes serán examinadas por unha comisión avaliadora, que se axustará aos principios contidos na sección 3ª, capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 2. Réxime xurídico

É de aplicación o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 3. Financiamento, contía das subvencións e compatibilidade

1. As subvencións previstas nesta resolución financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias previstas nos orzamentos da Axencia Turismo de Galicia para o ano 2022, co seguinte detalle:

Liñas

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2022

Liña 1

05.A2 761A 770.2 /

2018 00002

500.000

Liña 2

05.A2 761A 781.2 /

2018 00002

1.000.000

1.500.000

A modificación da distribución establecida no punto anterior requirirá a tramitación do correspondente reaxuste de anualidades no expediente de gasto, segundo se establece nos artigos 26 e 27 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De conformidade co disposto no artigo 30 do citado Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cabe a posibilidade de ampliar o crédito cando o aumento veña derivado das causas establecidas no seu punto 2. O citado incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Así mesmo, poderá alterarse a distribución entre os créditos establecidos no punto 1 deste artigo para cada unha das liñas sen que tal alteración precise dunha nova convocatoria. Para estes efectos, deberán realizarse as modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que na convocatoria, segundo se dispón no artigo 31 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. A determinación da contía das subvencións farase en atención ás liñas establecidas no artigo 1 e segundo os seguintes criterios:

a) Establécense unhas porcentaxes máximas de financiamento dos proxectos e unha achega máxima por proxecto segundo se establece no seguinte cadro:

Entidades privadas

Máximo 60 % do orzamento subvencionable

Ata 18.000 euros

Entidades sen ánimo de lucro

Máximo 90 % do orzamento subvencionable

Ata 15.000 euros

Para a determinación do orzamento subvencionable detraeranse do orzamento presentado, IVE incluído, os gastos non subvencionables.

b) As contías da subvención estableceranse con base nun tanto por cento (%) do orzamento subvencionable en función da puntuación obtida por cada solicitante en aplicación dos criterios de valoración establecidos no artigo 12 destas bases, segundo se detalla a seguir:

Entidades privadas

Entre 50 e 75 puntos: 50 %

Máis de 75 puntos: 60 %

Entidades sen ánimo de lucro

Entre 50 e 75 puntos: 70 %

Máis de 75 puntos: 90 %

En ningún caso, o importe da axuda concedida máis o importe doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos poderá ser superior o custe das actuacións obxecto do proxecto subvencionado.

4. As subvencións reguladas nesta resolución serán compatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso que, para o mesmo proxecto ou finalidade leve financiamento con cargo os créditos da Axencia Turismo de Galicia e da Consellería de Cultura, Educación e Universidades ou as entidades adscritas á citada consellería, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros...).

En ningún caso, o importe da axuda concedida máis o importe doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, poderá ser superior ao custo das actuacións obxecto do proxecto subvencionado.

5. As subvencións están suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 relativo ás axudas de minimis, polo que se deberá garantir que, no caso de recibir as persoas beneficiarias outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán participar nesta convocatoria segundo as categorías ou liñas que se establecen no artigo anterior:

Liña 1: persoas físicas (traballadores autónomos) e persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que están comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme).

Así mesmo, poderán presentarse solicitudes por agrupacións de persoas físicas e/ou xurídicas, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Liña 2: entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.

Así mesmo, poderán presentarse solicitudes por agrupacións de entidades sen ánimo de lucro, de conformidade co disposto no citado artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Non se permitirá a presentación de máis dun proxecto por solicitante. As datas dos proxectos que se van desenvolver non poderán coincidir coas festas oficiais ou tradicionais do lugar de celebración.

3. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación das solicitudes.

Artigo 5. Gastos subvencionables e subcontratación

1. Teñen a consideración de gastos subvencionables, que terán que xustificarse polas persoas ou entidades beneficiarias de conformidade co disposto nestas bases reguladoras, aqueles gastos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen desde o 1 de maio ata o 31 de outubro de 2022. O custo da adquisición dos gastos subvencionables non poderá ser superior ao valor de mercado.

2. En ningún caso serán subvencionables:

– Os gastos ordinarios de funcionamento e mantemento da entidade.

– Gastos relativos aos salarios de persoal propio nunha contía superior so 10 % do orzamento subvencionable.

– Gastos protocolarios, incluíndo obsequios.

– Dotación de premios, tanto en metálico coma en especie, ou trofeos.

– Imprevistos (todas as partidas deben ser concretas e estar claramente identificadas co obxecto da subvención na epígrafe doutros gastos do anexo III).

– Investimentos e adquisicións de material inventariable, equipamentos ou calquera outro gasto que supoña un incremento para o patrimonio do beneficiario.

– Os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As persoas beneficiarias poderán subcontratar o 50 % da actividade subvencionada nos termos establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

4. No caso de que a solicitude sexa presentada por unha agrupación, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá facerse constar naquela os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se aplicará por cada un deles. Deberá nomearse, ademais, un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación.

A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As persoas ou entidades solicitantes deberán declarar responsablemente, tal e como consta no anexo I:

a) Se, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para o mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita a subvención.

b) Se se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha axuda de minimis.

c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Que se compromete a cumprir a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

e) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 18 das bases reguladoras.

f) Que a empresa solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L124, do 20.5.2003).

No caso das agrupacións, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada unha das entidades que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder da entidade representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Coas solicitudes deberá achegarse a seguinte documentación, segundo o modelo do anexo I:

1.1. Documentación administrativa:

a) Escritura de constitución.

b) Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

c) Se a persoa solicitante é unha persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude de axuda ou da autorización da persoa que asine en nome da entidade.

d) Acreditación de que o proxecto non está iniciado en 1 de maio de 2022.

e) Acreditación da persoa solicitante de se pode recuperar ou compensar o IVE consonte a normativa tributaria en vigor. Para estes efectos, abondará coa presentación dunha declaración responsable da persoa solicitante en que conste a dita circunstancia.

f) No caso de agrupacións, instrumento xurídico que regule a agrupación.

1.2. Documentación do proxecto:

a) Ficha xeral identificativa do proxecto ou actuación.

– Promotor.

– Nome do proxecto.

– Descrición do proxecto (máximo 10 liñas).

– Lugar de celebración.

– Datas de celebración.

b) Memoria detallada xustificativa, cunha extensión recomendada de 10 folios, poderanse achegar fotografías ou gráficos á parte pero que permita en todo caso unha definición exacta do proxecto ou actuación que se vai realizar.

Obrigatoriamente, deberá conter a explicación clara e concisa de como o proxecto cumpre cos criterios que se van valorar, seguindo para esta redacción a mesma orde que se establece no punto 3 do artigo 12 (criterios de valoración) desta convocatoria. A dita memoria deberá conter, ademais, a xustificación dos aspectos puntuables que se sinalan no anexo II.

c) Anexo II que recolle aspectos, criterios e subcriterios de valoración puntuables de xeito obxectivo. A puntuación máxima destes criterios obxectivos son:

• A1, A2 e A3 Subcriterios obxectivos do criterio Coherencia cos obxectivos do Xacobeo 21-22: ata 14 puntos.

• B. Dinamización do Camiño: 5 puntos.

• C. Calidade do contido e as actividades: 20 puntos.

• D2 e D3 Subcriterios obxectivos do criterios de Comunicación e difusión: ata 8 puntos.

Non serán obxecto valoración os aspectos puntuables non xustificados suficientemente.

c) O orzamento desagregado, con e sen IVE, en que consten as partidas concretas e clasificadas, segundo o modelo do anexo III.

d) As tres ofertas de diferentes provedores consonte ao artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días e indicaralle que, se non o fai, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria achegaranse á Comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido nestas bases.

Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo a Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados por outras administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social, así como de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 11. Órganos competentes

1. A Xerencia da Axencia Turismo de Galicia é o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión destas axudas.

A devandita instrución rematará coa proposta de resolución que se elevará á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, e na cal se recollerá o informe emitido pola Comisión de Valoración prevista no artigo seguinte.

2. Corresponderalle á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditar a resolución de concesión das subvencións con indicación do nome da persoa beneficiaria e a contía que lles corresponde.

Artigo 12. Comisión de Valoración e criterios de valoración

1. As solicitudes serán valoradas en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e baremación previstos nestas bases por unha Comisión de Valoración que emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

Presidencia: a Comisaria do Xacobeo 21-22.

Vogalías:

• A directora da Axencia Turismo de Galicia ou persoa en que delegue.

• O xerente de Turismo de Galicia ou persoa en que delegue.

• O director de Admón. e RR. Amigos do Camiño ou persoa en que delegue.

• Dous expertos nomeados pola Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

Secretaría: unha persoa funcionaria da Axencia Turismo de Galicia.

3. Os criterios que se empregarán para a valoración das solicitudes terán aspectos puntuables tanto automáticos ou obxectivos coma subxectivos, cun máximo de 85 puntos totais. Divídense nos 5 grupos seguintes:

Criterios

Definición

Máximo de puntos

A. Coherencia cos obxectivos do Xacobeo 21-22

Axústase aos obxectivos e prioridades da estratexia Xacobeo 21-22 especificada nas directrices

20

B. Dinamización do Camiño

Alcance da actividade

5

C. Calidade do contido e das

actividades

Como se implementa o contido na práctica

20

D. Comunicación e difusión

Cal é o enfoque de comunicación das actividades e en que medida contribúe á difusión dos valores e obxectivos asociados a Xacobeo 21-22

20

E. Viabilidade e sustentabilidade do proxecto

Implementación efectiva e sustentabilidade

20

Total

85

Aqueles proxectos en que na suma da valoración dos criterios establecidos nas epígrafes A+B+C obteñan menos de 25 puntos sobre o máximo de 45 serán descartados e non se seguirá avaliando os restantes criterios.

Do mesmo xeito, aqueles proxectos que na valoración dos criterios establecidos nas epígrafes D+E obteñan menos de 20 puntos sobre o máximo de 40, tamén serán descartados.

A. Coherencia cos obxectivos de Xacobeo 21-22 (ata 20 puntos).

Esta epígrafe avalía ata que punto o proxecto se axusta ás prioridades da estratexia Xacobeo 21-22 e contribúe a alcanzar os obxectivos a que se refire o artigo 1.3 destas bases, entre outros.

• A1. Que destaquen o patrimonio natural, cultural, o patrimonio humano ou o intercambio de experiencias no Camiño de Santiago (criterio obxectivo: máximo de 5 puntos):

– Patrimonio natural: 2 puntos.

– Patrimonio cultural: 2 puntos.

– Patrimonio humano ou o intercambio de experiencias no Camiño de Santiago: 1 punto.

• A2.Que contribúan ao desenvolvemento das áreas rurais, especialmente os municipios de menos de 5.000 habitantes, que contribúan a aumentar a sensibilidade cidadá en relación coa relevancia dos valores do Camiño de Santiago e o intercambio cultural entre a poboación local e os peregrinos e/ou visitantes (criterio obxectivo: máximo de 6 puntos).

– Desenvolvemento rural: 1 punto.

– Localización en municipios de menos de 5.000 habitantes: 4 puntos.

– Valores do camiño e intercambio cultural coa poboacion local: 1 punto.

• A3. Que as accións dirixidas a públicos diversos impulsen a inclusión, a accesibilidade e o achegamento do feito xacobeo ao público novo, aos maiores e a colectivos desfavorecidos (desempregados, inmigrantes, persoas con discapacidade, en risco de exclusión…). (criterio obxectivo: máximo de 3 puntos):

– Público novo: 1 punto.

– Maiores: 1 punto.

– Colectivos desfavorecidos: 1 punto.

• A4. Valorarase tamén a intensidade coa que o proxecto pode contribuír á promoción de Galicia como destino cultural e a posta en valor dos recursos turísticos estratéxicos do Camiño de Santiago en Galicia: bens declarados patrimonio mundial, bens declarados de interese cultural, espazos naturais declarados protexidos (criterio subxectivo: máximo de 6 puntos).

B. Dinamización do Camiño de Santiago (criterio obxectivo ata 5 puntos non acumulables).

A convocatoria pretende dinamizar os concellos que forman parte do Camiño de Santiago, polo que se valorará a itinerancia da actividade e/ou o impulso de múltiples actividades ao longo dun ou máis municipios dos diferentes Camiños e as súas variantes en Galicia:

• B1. Desenvólvese en, polo menos, un municipio do Camiño de Santiago (máximo de 1 punto).

• B2. Desenvólvese entre 2 e 4 municipios do Camiño de Santiago (máximo de 4 puntos).

• B3. Desenvólvese en 5 ou máis municipios do Camiño de Santiago (máximo de 5 puntos).

C. Calidade da proposta executiva (máximo de 20 puntos).

Esta epígrafe avalía de que maneira se implementa o proxecto na práctica, incidindo no nivel de definición das actuacións previstas no marco da convocatoria e nos valores transversais que son prioritarios na estratexia do Xacobeo 21-22.

Os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na puntuación desta epígrafe, segundo o ámbito de actuación en que se enmarquen, serán os seguintes criterios obxectivos:

• C1. Que se axuste á audiencia proposta: 1 punto.

• C2. Que impulse o talento emerxente: 1 punto.

• C3. Que incorpore artistas e/ou creadores galegos na súa programación: 1 punto.

• C4. Que as actividades programadas inclúan a figuras de repercusión e traxectoria recoñecidas, valorando aquelas que sexan notorias a nivel internacional (2 puntos) ou nacional (4 puntos).

• C5. Que sexa multidisciplinar, é dicir, combina máis dunha das disciplinas admisibles na convocatoria: 2 puntos.

• C6. Que a proposta dispoña de solucións de accesibilidade para persoas con discapacidade: 1 punto.

• C7. Que se recollan protocolos de respecto ao ambiente, a través de accións de medición e compensación do impacto do evento ou con campañas de sensibilización sobre o respecto ao ambiente. Máximo 2 puntos:

– Accións de medición e compensación: 1 punto.

– Activación de campañas de sensibilización: 1 punto.

• C8. Que recolla accións de participación cidadá: voluntariado, implicación activa da cidadanía no deseño ou execución da actividade. Máximo 2 puntos:

– Voluntariado: 1 punto.

–Implicación da cidadanía: 1 punto.

• C9. Que se desenvolva en espazos públicos: 2 puntos.

• C10. Que as accións fomenten o equilibrio de xénero e a igualdade ou que presente unha programación en que, polo menos, o 50 % dos creadores, artistas ou participantes sexan mulleres: 1 punto.

• C11. Que o desenvolvemento da actividade estea calendarizado de xeito claro e o máis preciso posible: 2 puntos.

• C12. Emprego da lingua galega no desenvolvemento e execución do proxecto:1 punto.

D. Comunicación e difusión (máximo de 20 puntos).

As propostas deberán incluír información detallada das accións que se pretende poñer en marcha para asegurar a promoción efectiva das actividades. Deben mencionar que canles de comunicación utilizarán, xustificando de que xeito se adecúan á audiencia proposta. Ademais, as propostas deben explicar a súa perdurabilidade máis aló da execución das actividades.

• D1. Valorarase a adecuación do plan de comunicación ás actividades propostas e á audiencia, xustificando a elección das canles en relación coa audiencia obxectiva e coas actividades que se van desenvolver (criterio subxectivo: máximo de 5 puntos).

• D2. Valorarase o emprego da lingua galega tamén no plan de comunicación (criterio obxectivo: 3 puntos).

• D3. Que o plan de comunicación recolla difusión en canles dixitais (criterio obxectivo: 5 puntos).

• D4. Valorarase o seu alcance temporal, se recolle accións adecuadas e perdurables despois de finalizar a execución das actividades propostas (criterio subxectivo: máximo de 7 puntos).

E. Viabilidade e sustentabilidade do proxecto ( criterios subxectivos: máximo de 20 puntos).

Esta epígrafe valora a viabilidade e sustentabilidade do proxecto e a capacidade do solicitante para executar as actividades propostas.

Valorarase:

• E1. A adecuación do orzamento presentado aos obxectivos da actividade, ao contido proposto e aos prezos reais de mercado ( máximo de 6 puntos).

• E2. A adecuación do equipo traballo respecto ás actividades que se van desenvolver en canto a (máximo de 14 puntos):

• Tamaño e composición.

• Experiencia de traballo conxunto.

• Experiencia na liña de traballo similar ao proxecto que se vai realizar.

• Resultados e cumprimento de obxectivos doutras actividades anteriores.

4. Se os fondos dispoñibles nesta convocatoria non fosen suficientes para conceder axudas a todas as solicitudes que acaden a puntuación mínima, concederanse por orde decrecente de puntuación ata o límite do crédito dispoñible.

Se por aplicación dos criterios de valoración dúas ou mais solicitudes acadasen igual puntuación e non existise crédito suficiente para atendelas a todas, atenderanse aquelas solicitudes cuxo importe solicitado fose menor.

O resultado da análise plasmarase nun informe da Comisión de Valoración, en que figurará a relación de proxectos para os que se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación a cada proxecto, do beneficiario e importe e porcentaxe da subvención proposta. De ser o caso, contará cunha lista dos proxectos admitidos que non acadasen subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible. Así mesmo, expresará, de xeito motivado, a relación de proxectos para os que non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación o por non reunir os requisitos.

5. No suposto de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida, decaia no dereito á súa percepción ou proceda o reintegro de acordo co previsto nestas bases e na normativa que resulte de aplicación, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto. Actuarase de igual xeito cando, por razóns de dispoñibilidade orzamentaria, se acorde incrementar o crédito máximo inicialmente previsto nesta convocatoria.

Artigo 13. Audiencia

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da Comisión de Valoración, formulará proposta de resolución provisional, debidamente motivada, que será notificada a cada un dos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 14. Resolución

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva que elevará á persoa titular da Axencia Turismo de Galicia para a súa resolución. A dita proposta conterá a relación de expedientes instruídos, establecida por rigorosa orde de incoación, e nela indicarase o número de expediente, denominación e NIF do representante das entidades agrupadas, data de presentación da solicitude, a actuación subvencionable e a contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.

2. A persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o solicitante a que se lle concede a subvención, a actuación subvencionada, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución á persoa interesada será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto fose expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, persoa beneficiaria poderá solicitar, segundo se establece no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización das actuacións.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto do proxecto subvencionado e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas, nin cambiar aspectos de valoración fundamentais no desenvolvemento da actividade. Tampouco pode supoñer modificación da contía da subvención concedida.

3. Xunto coa solicitude, a entidade deberá achegar unha memoria xustificativa, o orzamento modificado e a relación e identificación concreta dos cambios introducidos, e presentar de novo o anexo II.

4. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia á persoa interesada nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Cando a modificación implique un reaxuste de anualidades, observarase o disposto nos artigos 26 e 27 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 18. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo e realizar o proxecto subvencionado, de conformidade coa solicitude presentada e, se é o caso, ao modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia. Deberán executar polo menos o 40 % do proxecto.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Acreditación con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, de estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En concreto, deberá facerse constar na súa publicidade, incluída a realizada a través de páxinas web, ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia dentro do programa do Xacobeo 21-22. Para estes efectos, deberán incluír o logo da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22 de conformidade co Manual de identidade corporativa da Xunta de Galicia e manual de uso da marca Xacobeo 21-22 (https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/introducion).

Así mesmo, as persoas beneficiarias deberán incluír nas súas accións promocionais o logo da Xunta de Galicia e da marca do Xacobeo 21-22. De ser o caso, na páxina web deberán inserir un banner cunha ligazón á páxina da Axencia Turismo de Galicia relativa ao Xacobeo 21-22.

Nos folletos e outras publicacións tamén deberán incluír na contraportada o logo da Xunta de Galicia e da marca do Xacobeo 21-22, seguindo as indicacións do manual de uso.

As persoas beneficias obrigaríase tamén a incorporar na súa publicidade o distintivo corporativo das empresas ou entidades que realicen doazóns para a execución deste programa, xunto coa imaxe do Xacobeo 21-22, conforme as indicacións da Axencia Turismo de Galicia e o manual de uso da marca.

En todo caso, a publicidade do proxecto debe respectar a guía de publicidade non sexista elaborada pola Comisión Asesora de publicidade non sexista, órgano dependente do Observatorio Galego de Violencia de Xénero. A citada publicidade non poderá atentar a dignidade da persoa ou vulnerar os valores e dereitos recollidos na Constitución, especialmente aqueles a que se refiren os artigos 18 e 20.4.

Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da persoa beneficiaria.

g) As persoas beneficiarias quedan obrigadas a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 20. Xustificación das actuacións e pagamento

1. As persoas beneficiarias terán que presentar a solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo V, xunto coa documentación que a seguir se indica:

a) Memoria económica do custo das actividades realizadas, que conterá:

a.1) Relación clasificada e ordenada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación do acredor, número de factura, concepto do gasto, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, consonte o modelo do anexo VI. Se é o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento.

a.2) Facturas, que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, na súa falta, as copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento. De conformidade co artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibín do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros.

En ningún caso se admitirán xustificantes ou facturas de pagamento con data anterior a data de inicio das actuacións subvencionables. As facturas ou xustificantes non poderán ser anteriores ao período subvencionable (1 de maio de 2022) nin posteriores á data límite establecida nestas bases para presentar á xustificación (31 de outubro de 2022).

Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets cando sexa obrigatoria a expedición de factura, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

b) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actuacións realizadas. Deberá incluír fotos ilustrativas da execución da actividade ou proxecto efectuado, da inclusión da marca Xacobeo 21-22 nos soportes publicitarios da actividade ou proxecto (folletos, páxina web, etc.).

c) Unha relación detallada doutras ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

d) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) A conta xustificativa, segundo o modelo do anexo VI.

f) Anexo VII: modelo de declaracións actualizado. No caso das agrupacións do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá achegarse unha declaración por cada unha das entidades agrupadas.

2. As entidades da liña 2, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo dun 50 % da subvención concedida, ao abeiro do disposto no artigo 63 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Os pagamentos anticipados conta están exentos da obriga de constituír garantía, segundo se establece no artigo 65.4.i) do citado regulamento, cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros.

3. O prazo de xustificación das axudas concedidas rematará o 31 de outubro de 2022. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas.

Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado na normativa reguladora da subvención.

Se o beneficiario xustifica conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 40 % do importe da actuación subvencionable entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención. Se a xustificación é superior ao 40 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, o beneficiario percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. Cando a persoa beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a súa concesión, que non alteren esencialmente a natureza ou os seus obxectivos, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

6. Unha vez presentada a documentación prevista neste artigo, realizarase o pagamento da subvención.

Artigo 21. Incumprimento, reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes de conformidade co establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. No caso de agrupacións, o incumprimento dalgunha das obrigas asumidas por un membro da agrupación, o reintegro afectará a toda a agrupación.

4. Procederá o reintegro total ou parcial das subvencións percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. No caso de que as persoas beneficiarias incumpran algunha das obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Axencia Turismo de Galicia poderá iniciar, se é o caso, un procedemento sancionador, de conformidade co previsto no título IV da dita lei.

Artigo 22. Control

As beneficiarias quedan obrigadas a declarar a contía da subvención en calquera outro procedemento de subvencións do cal poida derivar financiamento para a dita actuación.

Igualmente, quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, e a aquelas que deban realizar o Consello de Contas ou o Tribunal de Contas de conformidade co previsto na súa normativa específica.

Ademais, deberán facilitar á Axencia Turismo de Galicia toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe da subvención.

Artigo 23. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, será aplicable o réxime de publicidade establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

2. En cumprimento do disposto no artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

3. A solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administracións Públicas, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007 de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial de Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal

b) Os teléfonos 981 54 63 60 e 981 54 63 63 da Axencia Turismo de Galicia e o enderezo electrónico oteuxacobeo@xunta.gal, para dúbidas técnicas.

c) Presencialmente.

d) Na sede electrónica no enderezo: https://sede.xunta.gal

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file