Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 16 de marzo de 2022 Páx. 17729

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 15 de marzo de 2022 pola que se determinan os servizos mínimos, no ámbito dos servizos da asistencia social, durante a folga indefinida convocada a partir do día 17 de marzo de 2022.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (Diario Oficial de Galicia número 116, do 20 de xuño).

O artigo 3 deste decreto faculta as persoas titulares das consellerías competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e perante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o comité de folga.

A Federación de CIG-Servizos da Confederación Intersindical Galega (CIG), a Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios Comisión Obreiras (CC.OO.) e a Federación de Sanidade FESP Unión Xeral de Traballadores (UXT) comunicou a convocatoria de folga nas residencias da terceira idade de titularidade privada ou de xestión privada (asistidas, non asistidas e mixtas), tanto para estadías permanentes como para temporais, así como nas residencias de día de titularidade privada ou de xestión privada, calquera que sexa a súa denominación, excluíndo expresamente as empresas que realicen coidados sanitarios específicos como actividade fundamental, sen prexuízo da asistencia sanitaria aos residentes como consecuencia dos problemas propios da súa idade. A folga indefinida dará comezo o 17 de marzo de 2022 desde as 22.00 horas.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dun servizo esencial como é a asistencia social, obriga a esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan nesta orde.

Preténdense dar a coñecer máis xustificadamente, se cabe, os criterios en virtude dos cales se procedeu a identificar os servizos mínimos como esenciais e a determinar os efectivos necesarios para aseguralos á luz da presente convocatoria de folga. Todo isto observando a necesaria proporción entre o sacrificio para o dereito dos traballadores e os bens e intereses que se teñen que salvagardar.

Os criterios determinantes para a fixación dos servizos mínimos establecidos na presente orde tiveron en conta os distintos pronunciamentos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación cos servizos esenciais fixados nas xornadas das anteriores folgas.

Tendo en conta o anterior, establécense como servizos mínimos:

– Nas residencias da terceira idade o persoal mínimo de atención directa necesario para a súa apertura e prestación mínima de servizo que garanta unha atención adecuada ás persoas usuarias destes centros. En consecuencia, mantense a ratio mínima disposta na Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores en vigor, en virtude da disposición transitoria terceira do Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, que establece unha ratio mínima de persoal de atención directa en réxime de xornada completa en 0,20 persoas traballadoras por usuarios en módulos destinados á atención de persoas con autonomía e 0,35 persoas traballadoras en módulos destinados a persoas dependentes. Así mesmo, respecto do persoal non asistencial, establécese como servizos mínimos o número de efectivos presentes nun día festivo, por seren estes os días en que a prestación de servizos e a realización de actividades acada os seus niveis mínimos, limitándose ao mantemento básico e esencial dos centros, o cal non pode ser desatendido.

– Nas residencias de día, calquera que sexa a súa denominación, o persoal mínimo de atención directa necesario para cumprir coa ratio mínima disposta na referida Orde do 18 de abril de 1996, que establece unha ratio mínima de persoal de atención directa en réxime de xornada completa en 0,10 profesionais por usuario, cun mínimo de 2. Así mesmo, respecto do persoal non asistencial establécese como servizo mínimo 1 efectivo co fin de garantir a apertura e peche do centro.

En consecuencia, oído o comité de folga e en virtude das facultades que me confire o artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

A convocatoria de folga realizada pola Federación de CIG-Servizos da Confederación Intersindical Galega (CIG), a Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios Comisión Obreiras (CC.OO.) e a Federación de Sanidade FESP Unión Xeral de Traballadores (UXT) nas residencias de terceira idade de titularidade privada ou de xestión privada e residencias de día de titularidade privada ou de xestión privada entenderase condicionada ó mantemento dos servizos mínimos que se establecen no anexo.

Artigo 2. Designación dos efectivos

A determinación do persoal necesario con base ao establecido no anexo corresponderalle á dirección da entidade titular do servizo asistencial, e a súa fixación deberá estar adecuadamente motivada.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola dirección respectiva e notificada aos profesionais designados.

Artigo 3. Salvagarda dos dereitos

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira única. Efectos da orde

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

ANEXO

Para as xornadas de folga á que fai referencia esta orde, terán a consideración de servizos mínimos:

a) Nas residencias da terceira idade:

1º. Respecto do persoal de atención directa necesario para cumprir coa ratio mínima deste persoal en réxime de xornada completa será do 0,20 persoas traballadoras por usuarios en módulos destinados á atención de persoas con autonomía e do 0,35 persoas traballadoras en módulos destinados a persoas dependentes.

2º. Respecto do persoal non asistencial establécese como servizos mínimos o número de efectivos presentes nun día festivo.

b) Nas residencias de día, calquera que sexa a súa denominación:

1º. Respecto do persoal de atención directa necesario para cumprir coa ratio mínima deste persoal, en réxime de xornada completa, establécese o 0,10 profesionais por usuario, cun mínimo de 2, garantíndose ademais, sempre que sexa necesario, a asistencia de persoal médico, axudante técnico sanitario, ou diplomado universitario en enfermaría, fisioterapeuta e psicólogo.

2º. Respecto do persoal non asistencial, establécese como servizo mínimo 1 efectivo co fin de garantir a apertura e peche do centro.